Cargando...

Política 18 febreiro 2009

Galicia Bilingüe tamén entra en campaña

Veño de ler en xornal.com unha nova que, inmersos como nos atopamos en plena campaña eleitoral xa tardaba que saira á luz. Como se dun partido político se tratara, Galicia Bilingüe, chamémoslle asociación, plataforma ou conglomerado de xente (de agora en diante G.B.) cun único obxectivo que é a persecución e criminilización do idioma galego polo mero feito de ser hoxendia defendido (xa era hora) pola actual Xunta de Galiza, saltaron hoxe á palestra informativa porque tamén queren ser actualidade, non ian ser menos.

extraido de La Voz de Barcelona

Como se o ridículo que fixeran hai quince dias en Compostela non fora dabondo, esa mani na que da man de partidos tan democráticos como Falange Española se manifestaron reclamando igualdade para o castelán, ese idioma tan perseguido e denostado no noso País ao longo de séculos escuros nos que foi prohibido o seu emprego baixo pena de cárcere, agora pretenden chamar a nosa atención unha vez máis acuasando ao bipartito de protexer aos radicais independentistas que tan violentamente lles recibiron tanto en Compostela coma no seu periplo por vilas e cidades galegas. Gloria Lago, a cabeza visibel de tan casta asociación, que fala o galego na intimidade, acusou a Touriño e Quintana de que có seu silenzo protexen a esta xente, que supoño se referirá a Nós-Up, Briga, AMI, Ceivar e demais grupos, que son os responsábeis de que non poidan exercer libremente o seu dereito á discrepancia na política lingüistica galega.

extraido de La voz de Barcelona

Dende este blogue un servidor non está para nada orgulloso das imaxes que o outro dia mostraron a radicais guindando botellas contra a policia ou enfrontándose á xente de G.B. que se manifestaba por Compostela, pouco ou nada se dixo tampouco das provocacións feitas por membros da plataforma á xente que pacificamente mostraba o seu rexeitamente cara a éstes, e que foron golpeados polos antidisturbios, incluindo unha charanga cómica e sarcástica. Pero tampouco estou para nada acordo cós escuros fins desta asociación, apoiada por xente como o clube financiero vigués (coa crise que vivimos non terán outra cousa na que pensar) ou por partidos como o Partido Popular, Falange Española ou Unión Progreso y Democracia, ten narices que xente coma Rosa Diez, veñan a dicirnos aos galegos que temos un conflicto lingüistico e que aqui se persigue aos que falan castelán, porque nesa manifestación case houbo máis xente de fóra que galegos e galegas, nótese polo tanto o escaso respaldo que tiveron, ¿tantos rios de tinta e titulares para 3.000 persoas?.

Extraido da web de

Non hai outra, esa secta paranoica e casposa que non é quén de denunciar ataques xenófobos e racistas a galescolas, que esixe a rotulación bilingüe dos indicativos xeográficos có cal se incumpriria a lei de normalización da toponimia aprobada hai anos, que aboga pola segregación nas aulas ou que minte descaradamente dicindo que aquí temos un conflicto lingüistico, cando o castelán é o que copa o 90% das televisións e xornais en Galiza, non poden desvia-la atención do que verdadeiramente nos importa a tódolos galegos e galegas, o noso dia a dia, non precisamos que inventen problemas onde non os hai, que se é imposible escolarizarse en castelán, que se o meu neno non sabe contar os números máis que en galego e dúcias de exemplos absurdos aos que eles aluden para presentar unha realidade apocalíptica e totalmente falseada,  abonda xa de manipulación e de condescendencia hacia esta xente, non son mártires, son verdugos do noso idioma, nin máis nin menos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

19 comentarios a “Galicia Bilingüe tamén entra en campaña”

  1. o 2009-02-18 ás 10.29 am 1.Ulmo de Arxila dixo …

    Dam nojo, e nojo dam também os seus “patrons” espanhóis que venhem à Galiza dar-lhes apoio e tentar aplicar o esquema basco ao que acontece no nosso País. E refiro-me basicamente à Rosa Diez essa, a quem lhe faltou tempo para equiparar os radicais com a ETA e ao BNG com a esquerda abertzale. Essa senhora demonstra que nom sabe nem onde fica a Galiza no mapa ou, como muito, que a Galiza só é para ela o que para a maioria destes senhoritos descastados: marisco, “hermosos paisajes y una lengua poética”.
    E ainda haverá retardados mentais que o 1 de Março votarám pola UPyD essa (Unión de Papanatas y Dementes, nom era?)

  2. o 2009-02-18 ás 11.18 am 2.Dubidas dixo …

    ¿Alguén agarda algo coherente da señora Díez?, non habería mais que ollar a súa traxectoria e ver o querida que é en Euskal Herria, a única pregunta que me fago e como estivo mais de 20 anos militando de socialismo, cando empézase a ver que simpatiza bastante mais co falangismo que co partido da rosa e o puño…;como ben apuntades, eu creo que dos 3000 que había na Quintana, como moito habería un 10-15% de galegos…

  3. o 2009-02-18 ás 1.34 pm 3.Luis dixo …

    Boas Breogain,

    Sabes que eu son tan defensor do galego coma ti. Xa escribín moitas veces no meu blog sobre o tema. Coma ti, penso que Galicia Bilingüe non persegue outra cousa que protexer en sobre maneira o español, degradando o galego a un segundo plano. Tan só hai que botar unha ollada a súa páxina web, onde os títulos dos enlaces están rotulados nas dúas linguas, pero se abres o enlace tan só escrito o texto en español.
    Coido que atendendo a estudos independentes, como o do Consello de Europa, o galego aínda segue sendo minoritario, e piden unha inmersión lingüística maior.
    Niso creo que ambolos dous estamos de acordo.
    Eu entendo que che poida anoxar ver parte da sociedade que non quere que o galego gañe terreo e quede nun segundo plano, como se fora algo folclórico, algo peculiar dunha sociedade, pero non algo único e debería ser coidado.
    Pero teño que recordarche que o outro día a única manifestación autorizada era a de Galicia Bilingüe, gústeche ou non. Que a contra-manisfestación dos independentes era ilegal, e que os que responderon foron eles e non os outros.
    Mira, eu vou as manifestacións, e nunca, nunca, a policía cargou contra os que estabamos alí. Se os antidisturbios cargaron foi porque houbo violencia constatada. O que non pode ser é que un grupo de violentos incontrolados tomen a cidade, porque a eles lles peta facelo. Se é necesario cargar contra eles, cárgase.
    Eu son anti-violencia SEMPRE, pero tamén considero que a sociedade debe defenderse dos ataques dos violentos, tanto dun bando coma doutro.
    E outra cousa, UPyD é un partido democrático, que curiosamente é de esquerdas (si, é socialista, podes ler o programa: a favor do matrimonio homosexual, do estado laico, das políticas sociais, etc), aínda que iso si, fortemente españolista, defende o Estado español a capa e espada, dicindo que é a única garantía de igualdade entre todolos españois en canto a educación, sanidade e igualdade de oportunidades. Dicir que son coma a Falanje Española está totalmente fóra de lugar.
    ¿Ou se están os ultrasur no Bernabeu, todolos damais siareiros que están vendo o partido son tamén ultrasur? ¿Ou os que se manifestan o Día de Galiza son todos independentistas? E hai un longo etcétera de exemplos, que podes entender. Hai que ter coidado con xeneralizar.
    Nada máis, perdoa o discurso. E un consello: tenta de ser máis obxectivo, ¿vale?
    Un saúdo

  4. o 2009-02-18 ás 3.26 pm 4.breogain dixo …

    Luis:

    Coido que deixei ben claro a miña postura encol do tema da carga policial neste parágrafo:

    [..Dende este blogue un servidor non está para nada orgulloso das imaxes que o outro dia mostraron a radicais guindando botellas contra a policia ou enfrontándose á xente de G.B. que se manifestaba por Compostela, pouco ou nada se dixo tampouco das provocacións feitas por membros da plataforma á xente que pacificamente mostraba o seu rexeitamente cara a éstes, e que foron golpeados polos antidisturbios, incluindo unha charanga cómica e sarcástica..]

    Por suposto que non estou dacordo no que fixeron os individuos que non tiñan permiso de manifestación, pero ti sabes, ou alomenos poderás informarte nos medios, que houbo xente que individualmente mostrou o seu rexeitamente á plataforma Bilingüe e ao seu modo de interpreta-la actual situación do galego, sen provoacións por medio foron insultados e tachados de paletos, “gallegos de mierda” e incluso tiveron que escoitar dun señor que “a estos los tiraba yo al mar como en Chile”, repito, non eran independentistas organizados, foi xente que a título persoal e individual sacaron algún cartaz ou faixa ao seu paso, outros polo mero feito de ter certas “pintas” e falar en galego foron requeridos pola policia para identificalos, iso non se pode permitir, ahí non houbo provoación de ningún tipo e estou sendo totalmente obxectivo Luis, tamén supoño que terás ollado o video da charanga que non fixo nada máis que tocar na alameda á saída da manifestación de G.B., chamando a atención da xente con letras sarcásticas e retranqueiras, a resposta das autoridades, rodealos de antidisturbios como se foran delincuentes. Repito, non estou para nada dacordo coas actitudes violentas de AMI, Nós-Up, Ceivar e demais grupos violentos, pero tenta non mesturar, ti sabes que non é o mesmo ésta xente que BNG ou Galiza Nova.

    No tema de UPyD, estou dacordo có que afirmas, é un partido democrático e todo o que queiras, pero a súa aparición aqui (refírome a Rosa Diez) ten máis de oportunista que doutra cousa, que unha señora a quén lle importamos un comino ate o de agora, veña a facer de correa de transmisión do discurso de G.B. e dicirnos que os galegos estamos a ser sometidos pola xunta en cuestións de idioma e que o castelán está en perigo, é cando menos risible senón preocupante, non xeralizo, pero se Bermejo estase a laiar de coincidir nunha caceria con Garzón, Rosa Diez tamén deberia ter aclarado o porqué de ir nunha manifestación coa Falanxe Española, partido fascista e xenófobo onde os haxa, da presencia de cargos do PP xa non digo nada, eles saberán tamén o que fan.

    Un saúdo Luis, ti sabes que tento ser obxectivo e en poucas ocasións deixeime levar polas miñas conviccións políticas, alomenos non tanto como outros blogueiros de Pontevedra, “a ponte vella” non tento que sexa un blogue político, pero se hai que falar se fala, e se un servidor é nacionalista pois ten tanto dereito a expresa-la súa opinión como Jorge Cubela ou César Abal.

    Unha aperta amigo :)

  5. o 2009-02-18 ás 4.17 pm 5.J.Andrés Milleiro dixo …

    Sobre o estilo de esta xente, eu recomendo ler este artigo: http://www.blogoteca.com/cartafoldomandeo/index.php?cod=55817

  6. o 2009-02-18 ás 5.55 pm 6.Luís dixo …

    Breogain, xa sabes que eu estou máis preto das túas conviccións políticas e as túas ideas que dos da dereita, ou do españolismo dalgúns sectores sociais. Eu son un firme defensor do galego e da cultura galega. Pero penso que estamos nunha democracia, e se uns pensan unha cousa e saen a rúa a amnifestarse… Paréceme ben. Creo que as contra-manifestacións son innecesarias, incluso se estas son pacíficas (como parte da manifestación, efectivamente, dos independentistas, ou nacionalistas).
    De todolos xeitos a língua galega está sendo manipulada por ambolas dúas faccións, a españolista e a nacionalista, está sendo intrumentalizada. A língua é cultura, propia ou allea, pero non unha arma arroxadiza para marxinar a unha parte da sociedade ou sometela. Cada un que fale o que lle pete, como foi até o de agora.
    En canto á educación estou de acordo co novo decreto, e espero que non sexa eliminado cun posible novo goberno.
    Eu non sei cal foi a opinión de Rosa Díez ou Feijoo sobre o informe publicado polo Consello de Europa hai cousa de un mes máis ou menos, que puña en evidencia que o galego necesita que lle imprima máis pulo, maior forza porque segue sendo unha lingua minoritaria nos engranaxes máis importantes da maquinaria da sociedade, como son a educación, a saúde, a xustiza, a administración, os medios de comunicación, o ocio, e un longo etcétera.
    Pero os que defendemos a lingua non podemos caer no erro de descalificar ou menospreciar aos que pensan diferente porque entón caeremos no mesmo erro que eles.
    En canto a que es completamente libre de opinar obviamente, e por suposto, non creo que chegues a subxectividade de César Ábal ou de Jorge Cubela, pero precisamente por iso, non podes nunca tomarlles a palabra, e dudar sempre de toda opinión que emitan.
    Sempre é un pracer charlar e discutir contigo Breogain!
    Un saúdo do teu amigo na blogosfera!

  7. o 2009-02-18 ás 7.18 pm 7.petergriffin dixo …

    Ola Breoghain, primeiramente non hai que deixarse levar por todo o que se comenta na prensa vendida e españolista, así como nas televisións propiedade de mercaderes.

    Estiven na mani, e ainda que penso que os métodos válidos son os de ridiculizar ao fascismo sociolóxico, non é menos certo que foi a policía a que primeiramente disolveu a xente que amosaba faixas e cartaces e matrataba salvaxemente un manifestante , previo a que se producisen os enfrontamentos, onde dispararon balas de goma, pegaron, identificaron xente só por falar galego na rúa e levaron detidas 12 persoas, as mais delas elixidas ao azar (e incluindo 3 simplemente por iren vestidos de vaca).

    Mentres somos tan escrupulosos, o fascismo sai á rúa para pedir que se derogue a Lei de Normalización e se separen os nenos por idioma. Reitero que os métodos que crin válidos son os de ridiculizar, porque escapan á criminalización, mais falando en serio: houbo razóns importantes para que dúcias de xóvenes contestaran á extrema violencia policial.

    Aqui tedes uns cantos videos para ver que recollín da rede, así que xa podedes contrastar:

    http://blip.tv/file/1753058/
    http://gzvideos.blip.tv/file/1751572/
    http://gzvideos.blip.tv/file/1773455/
    http://gzvideos.blip.tv/file/1773523
    http://gzvideos.blip.tv/file/1773619/
    http://gzvideos.blip.tv/file/1773721/
    http://gzvideos.blip.tv/file/1786892/ 

  8. o 2009-02-19 ás 12.47 am 8.O Traveseiro dixo …

    Eu recomendo encarecidamente ollar estes videos para ver de que vai esta xente. Por un lado te entra unha mala hostia tremenda ao escoitar as barrabasadas que din, e por outra te botas unhas risas do copón co movemento ridiculista. A parte dos falsos Gloria Lago e Gabi é para enmarcar, aínda non parei de rir.

    http://seioque.com/index.php/ecramcaro/sunday-pottery-sunday-the-movie

  9. o 2009-02-19 ás 3.00 pm 9.breogain dixo …

    A que non tivo desperdicio foi a conversa de Feijoo hoxe cun gandeiro, buscádeo en internet e inda botaredes unhas gargalladas có tema…jajaja.

    que fenómeno o tio, que non saiba diferenciar unha frisona dunha rubia galega ou cal é de carne e cal é de leite ten un pase, pero preguntar o que preguntou, é para rir e non parar.

    Un sáudo a todos :)

  10. o 2009-02-19 ás 5.37 pm 10.David dixo …

    Breogain,

    Estiven na procura dese impagabel documento, pero non logrei atopalo, si sabes o link e publícalo estareiche eternamente agradecido, :) ))

  11. o 2009-02-19 ás 6.14 pm 11.breogain dixo …

    pois eu escoiteino hoxe na SER e coido que tamén dixeron algo na TVG, en internet o único que atopei (polo de agora) é este artigo, cara ao final fai mención á pregunta que lle fixo Feijoo ao gandeiro.

    http://www.soitu.es/soitu/2009/02/19/info/1235049611_504603.html

    Un saúdo :)

  12. o 2009-02-21 ás 2.03 am 12.Fran o que antes estaba abaixo dixo …

    E… digo eu que falei galego dende neno, ainda que uso as dúas ,indistintamente, o galego e o castelán.

    (Se me falas en galego contestoche neste e se me falas en castelán contescho nestoutro).

    Como ia dicindo, non sería mellor ter máis ou menos contentos a todos, e dicir, tan ben está defender o galego e a cultura galega como calquera dos outros idiomas españois.

    ¿E como ter contentos a todos? pois a verdade que pensen os políticos que pa eso lles votamos. A mín dende a miña ignorancia pásanse me pola cabeza ideas como as seguintes:

    Se na maioría dos colexios existen duas ou tres clases, non sería máis lóxico que os nenos que se matriculasen escollesen a lingua maioritaria na que se quixeran educar, indo a unha clase de maioria galego cunha asignatura de castelán e a unha clase de castelán cunha asignatura de galego.

    Hai quen defende a teoría de que según os filólogos se non se coida o galego tende a desaparecer, pois a verdade, según a estadística está que atopei por aquí http://www.elmundo.es/especiales/2009/02/espana/elecciones_autonomicas/galicia/seccion04/index.html (sección “uso del idioma dentro de radiografía) non ten moitos riscos de extinguirse; xa sei que é “El mundo”, pero realmente pon que a fonte da estádistica e a xunta.

    Por outra banda como galego falante, molestame bastante a reinvención do idioma, sobre todo cando se di que estivo marxinado (que non nego que fose certo) e por iso evolucionou dunha forma e non de outra.. Eu creo que as línguas son entes vivos e o que non se debe facer e inventalas. É posible que esté falando dende o punto de vista do galego da miña zona, pero a calquera zona de galicia que vou enténdome ca xente; e a verdad e que hai demasiados termos que eu escoito por primeira vez nos últimos anos.

    Ti sabes que son igual de crítico co castelán cando a xente o usa mal, ou inventa palabras no mesmo, incluso estou cabreado ca RAE por ter luz como sinónimo de electricidade.

    En fin, Breogain, hoxe que tiven tempo de ver o teu “blog”, cousa que non e moi habitual, direiche que a min, que como ben sabes son do PP moderado, moléstame bastante que metan a falange e a outros partidos no mesmo saco. Creo que esto de que todo o mundo poida escribir en internet e unha das grandes maravillas deste século, pero por outra banda creo que o non estar cara a cara coas persoas moitas veces dinse cousas que non se dirían cas mesmas palabras. Xa sabes que desto dos “ordeñadores” cada día sei menos…

    Realmete descúlpome porque sei que o meu galego non e normativo, pero eu falo o da miña zona e creo que todos me entendedes…

  13. o 2009-02-21 ás 2.24 am 13.Fran o que antes estaba abaixo dixo …

    Por certo, non entendo que manía ten a xente de “nacionalizar” as palabras. E dicir, nin entendo porque se usa vatio nin entendo porque se usa blogue… ainda que podo entender máis o de wattio que o de blogue, pois no caso do primeiro non hábia un término no idioma que fose o equivalente e decir watt sonaba mal, pero e que o de blogue mátame, para min ou importamos o termo blog “de weblog” ou usámos os termos “diario na web” ou “caderno de bitácora” ou “bitácora en liña” ou o que queirades, pero o de blogue e “a lexe”. Pero bueno na prensa tamén nacionalizan os nomes das cidades, tanto na castelán como na galega… o que pasa e que no galega canta máis porque todos estamos acostumados a Londrés pero a Xirona a min faiseme duro. Eu sería partidario de a importar, importar ben os termos, incluídos os nomes dos sitios. Que si un se chama Bartholomew non creo que lle guste que lle chamen nin Bartolomé nin Barhélemy, nin Barthel nin que sei eu, outra cousa e que si vas a algún sitio donde a “dicción” (non sei se é a palabra exacta) sexa distinta, e por algún motivo non se pronuncie unha letra, ou coma min que o igual que ti Breogain non pronunciamos ben a letra R forte, como alguén pretenda que lle chamemos ben Ricardo ou Ramiro vai apañado… Estoume liando.. ala deica

  14. o 2009-02-21 ás 3.54 pm 14.Ulmo de Arxila dixo …

    Fran, hai un dito que di: “De fútbol e de medicina todo o mundo opina”. E habería que facer unha versión: “De filoloxía e de medicina tododiós opina”.
    Por certo, por que todo o mundo profano nestas lides se empeña en atacar o galego normativo “porque eu nunca falei ese galego” e “porque eu sempre falei o da miña zona”. En serio, no vos cansades de mesturar conceptos que nada teñen que ver? Por que non comparades co que acontece noutras linguas (o todopoderoso español, sen ir máis lonxe) antes de valorar o que acontece coa nosa? Ah! E deixémonos de hipocrisías:
    (a)ao mellor pensades que o galego non corre risco de desaparecer porque vedes tendas rotuladas en galego, moitos documentos oficiais en galego ou porque “o galego xa se ensina nas escolas” (tamén se ensinaba o latín, e tamén se ensina o irlandés en toda Irlanda, aínda que soamente se fala na costa occidental e grazas), mais é evidente que unha lingua que xa non é a maioritaria entre a poboación menor de 16 anos corre risco de desaparecer (non hai que ter unha neurona moi desenvolvida para darse conta), a non ser que se faga algo para remedialo; e é precisamente cando se fai algo para remedialo cando emerxen do subsolo xentes coma as de Galicia Bilingüe
    (b)non é precisamente “o galego normativo” o que fai que o galego perda falantes, outra falacia sen pés nin cabeza que non resiste nin o primeiro asalto.

  15. o 2009-02-21 ás 9.30 pm 15.Fran o que antes estaba abaixo dixo … dixo …

    Estimado “Ulmo de Arxila” son bastante aberto de cara as ideas e as descusións educadas sen mencionar o desenvolvemento das neuronas de ninguén. Omitindo pois este comentario e dada a miña ignorancia no tema e a tua grande sapiencia do mesmo, rogaríache me aportases as fontes dos estudos sociolóxicos ou de outra índole que demostran esto que me dis da poboación menor de 16 anos. Eu vexo que na miña aldea todos os rapaces falan galego coma antes, pero non se pode extrapolar, evidentemente a toda a poboación galega.

    De todas formas eu creo que a xente ten dereito a ter a opción de educar os fillos en calquera das linguas oficiales do estado español, evidentemente dentro dunha orde, non existen recursos para impartir clases en catalán a un alumno solo, pero si houbese, por exemplo, suficientes alumnos que pedisen educación en catalán nun centro de galicia pois tamén debería dárselle.

    b) Dixen en algún momento que “o galego normativo” facia perder falantes??…. o que dixen e que me molesta bastante que algunhas palabras que se escollan para este non sean maioritarias dentro da povoación e moitas veces, baixo o meu punto de vista, se busque o termo máis raro e que máis o distinta de outras linguas.

    Polo demáis

    Un saudo para todos

  16. o 2009-02-21 ás 9.31 pm 16.breogain dixo …

    Fran, tanto ten o galego que fales, o da túa casa, o que falabamos ti e máis eu tomando unhas cervexas ou o galego da zona do Milladoiro, o importante é a intención e mailo interese da xente en defender algo que é parte de nós e o maior activo que ten o noso País, ti sabes perfectamente que son bilingüe, e que gostaria de emprega-lo galego moito máis do que adoito facer, sobre todo no dia a dia, pero non aturo actitudes coma as desta plataforma de amigos contra o noso idioma, si, falan de bilingüismo pero abogan por separar aos rapaces nas escolas e de defender ao castelán fronte ao ataque furibundo do galego, ¿en que país vivimos? ¿non coñecen a realidade? aqui non hai máis que unha língua con problemas de supervivencia e de futuro que é o galego, señores, non me veñan con milongas, O GALEGO NON ESTÁ NORMALIZADO EN TÓDOLOS ÁMBITOS SOCIAIS, en moito menos no traballo, a non ser que sexas funcionario e teñas sempre as de gañar fronte ao teu patrón.

    No tema da inventiva de palabras douche a razón, pero tanto dunha parte coma doutra, non estou dacordo por exemplo có “grazas”, non sei de onde surxiu pero non remato de asimilalo, pero en troques houbo palabras que foron castelanizadas, coido que “primavera” foi unha delas, non sei se tamén “estrella”, o de servizo por exemplo e algunhas terminacións non lles vexo maior problema, o idioma non é unha língua morta, senón evoluciona e estáncase pode desaparecer có tempo, e a evolución natural do galego é cara ao portugués, PERO OLLO, non estou para nada dacordo con que o portugués remate por asimilarnos, o galego é unha cousa e o portugués outra, foron unha si, pero diso xa choveu dabondo, coido que esta postura será algo polémica, sobre todo para Ulmo, pero coido que Galiza é unha cousa e Portugal outra, somos semellantes pero cada un polo seu lado, boas relacións pero nada máis, cooperemos en proxectos pero sigamos a te-la nosa identidade.

    E no tema que me comentas da Falange Española, pois que queres que che diga, o Partido Popular foi nela xunto con esa chusma, supoño que estarian informados e poideron solicitar da organización que non os deixaran participar, joder, se fora ANV ou Batasuna nunha manifa pedindo solidariedade có povo X o partido popular de seguro que non iria, pois aqui é o mesmo, con esa xente a ningún lado, pero tanto ten culpa o PP coma Galicia Bilingüe por deixalos participar, pero claro, éstes últimos querian sumar apoios e xente e todo vale, pois non señores, non vale todo e iso que fixeron da boa conta do tipo de xente que son, iso e a conversa por exemplo que tivo Rosa Diez cuns rapaces nas rúas de Compostela e que está transcrito no blogue Cartafol do Mandeo, aqui tédela ligazón:

    http://www.blogoteca.com/cartafoldomandeo/index.php?cod=55817

    Veña, unha saúdo para todos, especialmente para Fran, un bo amigo.

  17. o 2009-02-21 ás 9.37 pm 17.Fran dixo …

    Estimado Breogaim, vexo que como sempre, entendémonos dentro da educación e a tolerancia das palabras.

    A pesar de que non teño moi claro que se lle poidese prohibir a alguen asistir a unha manifestación eu non creo que porque duas personas ou partidos protesten polo mesmo se lles poida meter no mismo saco.

    Ou se ti he máis eu protestamos nunha manifestación contra un árbitro que pitou un partido do Pontevedra, non creo non que eu sexa do BNG nin que ti seas do PP.

    Hoxala se resolvesen todos os problemas indo xuntos os uns e mailos outros nunha manifestación…

    Saudos

  18. o 2009-02-22 ás 10.29 am 18.sobradelo dixo …

    Fran, coido que Breogain refiríase a que o Partido Popular sabendo que a falanxe ia participar nesa manifestación, ben podia ter presentado unha queixa formal ao respecto, non fala de prohibirlle a un partido participar, pero alomenos mostrar a súa discrepancia pública encol do feito de que esa “chusma”, porque non teñen outro nome, participaran unha manifestación, a Falanxe todos coñecemos que tipo de partido é, fascista, racista, xenófobo e antidemocrático que non recoñece o governo establecido, ¿poden ser esta xente compañeiros de viaxe de alguén? se ben protestan por partidos da esquerda radical abertzale, ben podian tamén protestar por partidos da extrema dereita españolista, sonche cousas semellantes.

    Un saúdo e como ben apuntas, falando enténdese a xente.

  19. o 2009-02-25 ás 1.28 am 19.paidovento dixo …

    AMÉN! Moi bo e moi necesario este post. Subscribo todas e cada unha das palabras.
    Un saúdo.

Subscribete aos comentarios via RSS Feed

Escrebe o teu comentario no recadro de abaixo.