Actualidade 15 xullo 2009
O País do millón de vacas (foron tempos)
Fumos algún dia o País do millón de vacas, ese animal que era símbolo de paz para Castelao, agora o noso sector lácteo agoniza e semella que a poucos lles importa, alomenos aos nosos governantes, aos de agora e tamén aos de antes, o Grupo Lácteo Galego non sei se seria a solución, non será unha panacea, pero aos nosos veciños asturianos non lles vai de todo mal coa Corporación Alimentaria Peñasanta (CLAS). Pero claro, aqui namentres dámoslles axudas aos bancos, axudas para mercar coches, para mercar motos ou reduccións fiscais aos iates de luxo, pero dos nosos sectores primarios, básicos no desenvolvemento desta terra ninguén se lembra, na miña familia e despois do pasamento dos meus avós xa non haberá labregos, como tantos marchámonos ás cidades, á comodidade da vida urbanita, atrás quedan uns valentes que tentan manter en pe todo isto, se os galegos e galegas estamos hoxendia onde nos atopamos foi polo traballo incansábel de toda esta xente, os labregos e gandeiros foron a base do noso desenrolo económico, aqui non tivemos industrias e practicamente seguimos sen telas, ¿se rematamos có noso sector primario dun plumazo que nos quedará?

Asi quixeron que fose a nosa terra (Castelao)
Nunca na miña vida merquei un leite que non fora galego, unha botella de auga que non fora galega ou unha lata de conservas que non fora do País, nun futuro todo isto estará no aire, quén sabe se remataremos por importar todo de fóra, quén sabe se remataremos por traballar unicamente para a xente de fóra, empresarios como Xesús Lence, que ás agochadas traen o leite de Bretaña e logo ameazan con deslocaliza-las súas fábricas como fixo Pascual, fanlle un fraco favor á economia galega, o dito, ou a Xunta de Galiza e mailo governo do Estado e cecais a Unión Europea buscan medidas para atallar todo isto canto antes, ou en menos tempo do que pensamos verémonos como dicia Castelao, coas nosas vacas có pesebre aqui e os tetos en Madrid, en Francia, ou en Holanda, vai ti a saber.






