Cargando...

Cinema e televisión 26 novembro 2007

“Historias de Galicia”, serie documental na T.V.G.

As claves do pasado, para entende-lo presente. 

Dende sempre fun un apaixonado da historia, xa na antiga E.X.B. era a miña asignatura preferida e á que máis tempo lle adicaba, pouco a pouco fun tendo máis e máis curiosidade polo  noso pasado  en concreto, por saber quén foran os Suevos ou os Irmandiños, quén era aquel Castelao do que falaba o meu pai ou aquela escritora chamada Rosalia de Castro, da que tiñamos un libro na casa. O sentimento galeguista despertouse en min hai tantos anos que xa non acordo, do que si me lembro é de viaxar a Compostela cada 25 de Xullo a celebra-lo dia da Pátria Galega e de pendura-la bandeira no balcón da casa dos meus pais, da portada dos xornais en galego o dia 17 de Maio, dos veráns en Ortigueira escoitando aos grupos galegos namentres facia ondea-la miña bandeira, de mercar "A nosa terra" tódolos venres no quiosco do meu barrio ou da primeira vez que lin o "Sempre en Galiza" do irmán Daniel. Do que non me lembro é de que na nosa televisión, -antigamente a T.V.G. e agora Galicia Televisión-, houbera un programa sobre a nosa historia, e iso descubrinno hai cousa dun par de meses por casualidade, un domingo destes parvos que estaba facendo zapping có mando e de súpeto apareceron unhas imaxes duns castros, carallo !! os castros de Santa Tegra, lembro que exclamei.

"Historias de Galicia" é unha serie documental, -divulgativa que lle chaman tamén- que ten un obxectivo moi claro, que os galegos e galegas coñezamo-la nosa historia, dende as antigas tribos galaicas ate a actualidade, pasando pola ocupación romana, os suevos, as revoltas irmandiñas, o Estatuto de Autonomia ou o primeiro governo autonómico. A serie da que aqui podedes ver un trailer, foi asesorada historicamente por xente como Anselmo López Carreira, Francisco Calo Lourido, Henrique Monteagudo ou Xusto Beramendi, emítese os domingos a iso das 21:30 horas ao longo de media hora, é presentada por Xosé Barato e de forma moi amena poderemos coñece-la  nosa historia, ten videos e documentos gráficos moi destacados, como o que botaron hai un par de capítulos, no que por primeira vez na miña vida, puiden escoita-la voz de Daniel Castelao, recoméndovola encarecidamente.

Chuzame! chuzame -

2 comentarios a ““Historias de Galicia”, serie documental na T.V.G.”

  1. o 2007-11-27 ás 9.44 pm 1.carmiña dixo …

    Eu a sigo desde hai tres ou catro semanas, penso que está moi axeitada a forma de narrar as historias, por exemplo a domingo pasado, contaron a evolución da industria pesqueira desde os gremios de mareantes (por certo que Pontevedra foi protagonista con o barrio da Moureira) hasta Pescanova. Tamén sutilmente se fala dos documentos nos que se basa a historia e ponen nomes e apelidos as seus protagonistas con o cal se fai mais próxima os acontecimentos a nos.

    Eu tamén recomendovola.

  2. o 2007-11-30 ás 9.54 pm 2.breogain dixo …

    a min encántame esa serie-documental, o malo é que levo dous capítulos sen vela por motivos familiares (hospitais e todo iso) e estou xa un pouco desconectado, pero estiven pescudando e dende a web da CRTVG pódense mirar algún capítulo antigo. Considero moi importante coñece-la nosa historia porque temos un pasado moi importante e que foi forxando o que hoxe somos, un povo cunha cultura e unha historia diferenciadas e da que temos que estar orgullosos, o periodo que abrangue a Idade Media é o meu preferido, o Reino Suevo da Gallaecia e o “foedus” cós romanos é foi unha etapa moi importante.

    un saúdo Carmiña.

Subscribete aos comentarios via RSS Feed

Escrebe o teu comentario no recadro de abaixo.