Cargando...

Deportes 27 decembro 2007

Hai doce anos, cando inda non tiñamos selección de fútbol…

Neste terceiro partido da nosa selección de fútbol, quixera compartir con todos vós unha carta que lle mandei alá polo ano 1995 ao xornal "A nosa terra" e que foi publicada no verán dese mesmo ano, nesa carta o que vos escribe reclamaba a título persoal a creación dunha selección galega de fútbol, aqueles tamén eran os comezos do movimento social a prol deste obxectivo, e o colectivo "Siareiros Galegos" encetaba o camiño para acadar o que hoxe xa é unha realidade, a Selección Galega de fútbol.

______________________________________________________________________________

Selección Galega; 

O fútbol é hoxe un elemento central da vida na nosa sociedade, un fenómeno social de masas que tamén ten a súa importante repercusión no noso País.

Na actualidade Galiza atópase representada por tres grandes clubes que militan na primeira división do fútbol español, e que levan o nome da nosa terra por tódolos recunchos da xeografia do Estado. Ben é sabido por todos que está de actualidade a reivindicación por parte das nacións de Catalunya e Euskadi das súas respeitivas seleccións nacionais de fútbol, ás cales sen dúbida deberíase sumar a selección galega, dando por suposto o seu caracter de nación, inda que non recoñecida, asi ben, debemos facer primeiro unha cura de humildade.

Catalunya e Euskadi teñen na actualidade equipas fortes, capaces de afrontaren calqueira partido e de formaren unha selección nacional competitiva. Teñen dúas equipas na máxima categoria do fútbol español, (nós temos tres), pero tamén teñen un par de cousas que nos diferencian de nós, unha é a súa defensa a ultranza (máis evidente no caso basco) dos xogadores nados no seu País, o Athletic é digno de admiración pola miña parte ao  manter xa dende moitos anos a súa tradición de non ter nas súas ringleiras xogadores de fóra de Euskal Herria, e o Fútbol Club Barcelona ten pola súa banda unha chea de xogadores cataláns, o que evidéncia unha vez máis as diferencias coas nosas equipas, que cada ano que pasa son menos galegas. Outra cousa, e que a algúns lles parecerá unha nimiedade é o tema do brazalete de capitán, no cal levan con gran orgullo a súa bandeira nacional, namentres que nas as nosas equipas levan brazaletes dispares e que nada teñen que ver coas cores da nosa benquerida bandeira azul e branca, no caso da S.D. Compostela un brazalete de cor verde, que xa me dirá o señor Caneda que significa. O Celta de Vigo e mailo Deportivo da Coruña evidencian na actualidade, o caso máis relevante da nula defensa do fútbol galego, xa que por exemplo no caso do "celtiña", tiveron no seu tempo xogadores galegos como Vicente ou Michel Salgado, dos cales se desfixeron rapidamente, o caso do "Depor" ten se cadra un pouco menos de gravidade, xa que conta nas súas ringleiras con Fran, o mellor xogador galego que temos na actualidade, e o que cicais seria o capitán dunha hipotética Selección Galega, ademais tamén teñen outros xogadores galegos na canteira como Deus, David ou Viqueira. O Compostela é a equipa que leva tódalas miñas loubanzas no tocante á defensa do noso fútbol, xa que teñen bastantes xogadores galegos no seu plantel, destacando a figura de Nacho, un bo xogador e unha persoa que defende abertamente o noso fútbol.

A mágoa é que non se estexa a defende-lo noso fútbol como se deberia facer, onde foron aqueles tempos nos que nos derbies galegos, as dúas equipas saian ao campo portando a bandeira galega, como mostra da nosa unidade, deixémonos de lerias e xuntémonos todos e todas nun esforzo común a prol de acadar un mellor futuro para o fútbol galego. Ben sabido é que os siareiros destas equipas xuntáronse có fin de conquerir unha selección nacional galega e traballan xuntos para iso, que aprendan tamén os clubes deles e aparquen eses conflictos inútiles que no levan a ningures, pois xuntándonos todos nun mesmo esforzo conqueriremos o mellor para o noso fútbol e para o noso País, Galiza.

carta-seleccion-galega.JPG

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

2 comentarios a “Hai doce anos, cando inda non tiñamos selección de fútbol…”

  1. o 2007-12-27 ás 10.37 am 1.Andrés Milleiro dixo …

    Tiñas que vir hoxe a Balaídos :(

    Unha mágoa meu, apertas

  2. o 2007-12-27 ás 3.40 pm 2.breogain dixo …

    O de este ano será o primeiro que me perda, claro que por causa de “fuerza mayor”, teño un gripazo tremendo, con febre e dolor muscular que case non me deixa nin andar, asi que esta noite tereino que ver pola T.V.G. como moita xente, desfruta ti e toda a panda do partido e dos “prolegómenos”, hoxe é un dia de festa, asi que alomenos lémbrate de min cando tomes a primeira birra, saca moitas fotos e sobre todo desfruta, que o de este ano contra Camerún promete ser un partidazo de moito nivel..

    un saúdo Andrés !!

Subscribete aos comentarios via RSS Feed

Escrebe o teu comentario no recadro de abaixo.