Fotografía 3 Febreiro 2008
Igrexa de Santa Maria das Areas, unha foto para un domingo calqueira.

Pois si, hoxe é un domingo coma outro calqueira, e que mellor foto para un dia coma éste que a que vedes aqui. Rebuscando polo disco duro do meu ordenador apareceu esta foto, unha foto tirada na vila costeira de Fisterra hai xa uns seis ou sete anos, andabamos a miña muller (daquela moza) e máis eu de paseo pola costa da morte, unha das miñas zonas preferidas de Galiza e que sempre gosto de visitar, pois ben, coma sempre que saio a facer algunha viaxe levaba a miña cámara, como poderedes apreciar na calidade da foto daquela inda non tiña unha dixital, asi que está escaneada, desta volta levara un carrete en branco e negro pensando en sacar algunhas fotos diferentes, máis fermosas se cadra pola ausencia de cor e porque como a miña idea principal era a fotografa-la pedra, pois non precisaba delas. A foto que aqui vedes pertence á igrexa de Santa Maria das Areas, no concello coruñés de Fisterra, a igrexa é de estilo románico e data do século XII, tamén ten elementos de estilo gótico coma o fermoso cruceiro do século XV, no seu interior non debedes deixar de ve-la capela do Santo Cristo da barba dourada, de quén conta a lenda, que caeu dun barco inglés nun dia de treboada e foi recollido por un pesqueiro ferrolán, tamén se dí dela que lle medra a barba.
Eu non é que sexa moi devoto, pero sempre gostei da arquitectura medieval, ben sexan igrexas, castelos ou pontes, a igrexa está ao carón da estrada que nos leva ao faro de Fisterra, o "cabo do mundo", un lugar que non deberíades deixar de visitar.
chuzame -







o 2008-02-11 ás 12.33 pm 1.Ulmo de Arxila dixo …
Breo, a Costa da Morte tamén é a miña particular debilidade! Magnífica fotografia; ao ve-la pensei que se tratava dunha desas instantáneas de comezos de século.
A igrexa de Santa Maria das Areas é antiquísima, e o Santo Cristo ten o seu paralelo no de Ourense e noutros espallados pola Península, coma o de Burgos. A todos eles din que lles medra a barba, mais tamén se di que foron esculpidos ao natural por Xosé de Arimatea no mesmo momento en que asistia à crucifixión. En fin, Fisterra é un deses privilexiados crisóis en que se fonden dun xeito terribelmente natural e inxénuo mitos e lendas mui arcaicos. Grazas por traer-mos de novo à lembranza con esta suxerente fotografia. Un saúdo à “boa vila”!
o 2008-02-11 ás 2.54 pm 2.breogain dixo …
Graciñas a ti Ulmo, os teus comentários sempre son benvidos neste humilde recuncho de Pontevedra que din por charmarlle “A ponte vella”, a foto tireina penso que hai uns sete anos, senón máis, como dixen e ti tamén comentas, a costa da morte sempre foi unha das miñas debilidades, hai tempo que non vou, dende aquel nefasto dia do afundimento do maldito “Prestige” que non voltei por aquelas terras (máis ben costas), sentín unha mistura de xenreira e decepción por todo aquilo, e que conseguiu que polo de agora non quixera voltar a ver aquel lugar, pero prometo que neste 2008 mudarán as tornas e pasareime outra vez por ali, a mira-lo cabo vilano, a mira-lo cabo de fisterra, a ver a pedra d’abalar de Muxia e a voltar unha vez máis a Santo Andrés de Teixido, a miña muller inda non foi, asi que non hai excusa.
Celebro que che gustara a foto, algunha máis teño que porei noutra ocasión.
Un sáudo Ulmo, slàinte !!
o 2008-02-13 ás 2.16 am 3.Loli66 dixo …
vaia!, pois nom perdas de ir, que ya nom se ven rastros da marea negra, eu si estiven a ver as costas cando foi…nom tirei ninguha foto,nom quería gardar eses recordos, pero é igual están na miña mente e ahí nom sei onde está o sitio para tiralo lixo.

nom deixes de ir a carnota. ai un mirador para ver toda a pria dende o alto… fascinante.
tes Ezaro o lado, digno de visitar.
nom deixes de perderte por camariñas que ten un par de miradores (dende un deles ves muxía nteiro) que é un pecado nom ollar.
e en Fisterra vaite o tira do cordel…. o menú do día está en 22€ (un día é un día) peropodes tomalo pescado brasa e un bó albariño coma en poucos sitios.
e paro, porque se nom acaboche co post….
o 2008-02-13 ás 11.11 am 4.Ulmo de Arxila dixo …
Se ainda se admiten suxeréncias para planificar-lle a viaxe ao amigo Breo, aí vai unha que me toca bastante de perto por questóns familiares: o castro de Borneiro, o dolme de Dombate e o castelo de Vimianzo. E, para rematar o dia cun baño case místico nunha praia remota e isolada, o areal de Trava, a médio camiño entre Laxe e Vimianzo.
Sláinte, amigo Breo, e sempre adiante!
o 2008-02-13 ás 3.09 pm 5.breogain dixo …
Graciñas aos dous polas recomendacións..este verán ou se cadra esta Semana Santa teño que voltar por aquelas terras noutrora tan visitadas por min.
Loli, das túas recomendacións a maioria xa as teño visitadas e ben visitadas, xa teño estado na magnífica praia de carnota, é unha das miñas preferidas e por suposto teño subido ao monte Ézaro, a vista dende aló enriba é algo digno de contemplar, a mágoa é a desfeita que fixeron coa magnífica fervenza que somentes unha vez puiden ver en toda a súa maxestuosidade, o que si non visitei é o sitio ese do que me falas en Fisterra, cando vou por ali adoito xantar nunha churrasqueria de Muros, non sei se a coñeceredes, teño algunha foto por algures, pero non ten perda, a fachada leva as cores do R.C. Deportivo da Coruña
Ulmo, o castro de Dombate tamén o teño visitado, o de Borneiro non, asi que noutra que volte por ali pasareime a botarlle unha ollada, o castelo de Vimianzo non o visitei nunca, ficará tamén para a vindeira. O que si teño gañas de visitar é o castelo de Moeche, nunca estiven no festival irmandiño, teño que ir un ano.
Se me deixades que vos recomende unha zona de Galiza, diríavos que visitedes a zona de Friol (Lugo), ten un castelo moi chulo e todos os arredores son fantásticos, se mal non me lembro, por ali está o monte Meda, do que falan pode ser o mítico monte Medulio, supoño Ulmo que coñecera-la historia del, tamén están as termas romanas de Santa Eulalia de Bóveda e algo máis lonxe, en Hospital do Incio hai unha fermosa capela que ten unha talla de Cristo feita nunha soa peza de madeira e pendurada do teito cunhas cadeas, algo digno de ver.
un saúdo a todos !!
o 2008-02-13 ás 5.02 pm 6.Ulmo de Arxila dixo …
O castelo ao que te refires en Friol é o de San Paio de Narla, que foi reconvertido en museu etnográfico e depende do Museu Provincial de Lugo. Calquer das duas visitas vale muito a pena, Breo; no Museu de Lugo tes xóias como as cadeas que, segundo a lenda, mantiveron presos os pés e as mans de Pardo de Cela. Case nada! Estremece-se un cando se achega a elas con esa história no pensamento. Mais, xa que falas de Santa Eulália de Bóveda, eu tiven ocasión de visitá-la este pasado Natal e, meu Deus Breo! É unha verdadeira marabilla, xa non só polas termas en si, que están no soto da igrexa parroquial coma unha espécie de”templo paralelo”, sénón tamén polo conxunto da aldea, que foi restaurada conforme às estruturas típicas das vellas aldeas do Lugo rural.É, talmente, como atravesar un túnel temporal e aparecer,por arte de máxia, en tempos mui afastados e frios… e quizá mellores?
Un saúdo e que teñas todo o tempo do mundo para poderes gozar de tan selectas viaxes, meu!
o 2008-02-13 ás 8.36 pm 7.breogain dixo …
Ulmo,
ben che sei o da aldea de Santa Eulalia de Bóveda, inda me lembro cruzando a aldea a pé có meu curmán hai uns nove ou dez anos, a bosta das vacas polo chán, as mesmas vacas “rubias” atravesando as rúas tranquilamente, a xente da aldea saúdando amablemente, e as termas, algo inesquecible, foi unha grata experiencia, lémbrome agora que o dis do nome do castelo de Friol, si señor, San Paio de Narla, veume máis tarde á cabeza… das cadeas que comentas no Museu de Lugo, mirei unha foto túa levantándoas orgulloso nas mans, ten que ser algo moi emocionante.
un saúdo para ti tamén
saúde e terra !!