Cargando...

Galiza & Historia 23 Xuño 2008

A noite de San Xoán en Pontevedra

Xa se chamen lumes, fogueiras ou cacharelas, son as verdadeiras protagonistas desta noite máxica, a véspera do dia máis longo do ano, que coincide có solsticio do verán, un rito céltico que perviveu ao longo dos séculos, un dos máis arraigados na nosa terra e que comeza despois da cea, cando a xente xúntase ao seu redor a falar, cantar ou choutar por riba do lume purificador.

Dende pequeno sempre acollin gratamente a idea de ir olla-las cacharelas da nosa cidade, ou máis ben dos arredores, adoitaba ir cós meus pais e  gostaba do feito de choutar por riba delas, lémbrome da inmensa fogueira que se facia, e coido que inda se segue a facer na Barca (Poio) ou a que se facia tamén en beiramar antes de que se urbanizase a avenida do Uruguai, algunha tamén tiñan no barrio de Campolongo, hoxe adoito ir a olla-la fogueira de A Seca, en Poio, cacharela que reune a moitísima xente ao seu redor e na que, ademais de desfrutar da sardiñada, puiden desfrutar nestes últimos anos dalgunha que outra representación teatral nun marco incomparable, diante do mar. Tamén nos arredores de Pontevedra, en lugares coma Mourente ou Lérez séguense a face-las trasnadas cotiáns nesta noite, como roubar carros ou levar cancelas das casas, que logo aparecen nos rincóns máis insospeitados, sen ir máis lonxe, hai dous anos apareceu un carro do País na rotonda da ponte dos "tirantes". Este ano, esta máxica noite celebrareina na parroquia de Lérez, na casa duns familiares, sempre que o tempo acompañe claro.
     Por último, non debemos esquece-lo ritual das "herbas de san Xoán", herbas que hai que deixar en auga para lava-la cara á mañá seguinte e asi escorrenta-los malos espíritos, tradicións estas que cómpre conservar polo seu simbolismo, inda que non sexamos moi creentes, senón lembrade que estes ritos foron cristianizados pero na súa orixe foron célticos e polo tanto paganos.

     Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.

Chuzame! chuzame -

Subscribete aos comentarios via RSS Feed

Escrebe o teu comentario no recadro de abaixo.