Galiza & Historia 26 Xuño 2008
Castelao estará máis presente en Pontevedra
Haberá alguén na nosa cidade que inda non teña visitado alomenos unha vez na súa vida o Museo Provincial de Pontevedra? De ser así, a partires de agora terá unha excusa máis para facerlle unha visita, porque dende a pasada semana, o Museo de Pontevedra ampliou a súa oferta expositiva coa adquisición de 120 debuxos orixinais de Alfonso Daniel Castelao, debuxos que empregou para ilustra-lo seu libro As cruces de pedra na Bretaña, e que foron feitos polo polifacético artista na súa visita á Bretaña (Breizh) aló polo ano 1929, nunha viaxe có obxecto de investiga-los cruceiros de pedra do "outro" finisterre atlántico. Con esta nova proposta amplíase a sala adicada ao insigne debuxante e político galego no museo da nosa cidade, sala ésta que foi remodelada non hai moito coa inclusión de novas pinturas e agora tamén estes novos debuxos feitos no ano 1929 na Bretaña, á volta desta viaxe Castelao publicou As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.
É de supor que nun curto periodo de tempo, estes debuxos estarán expostos para todo aquel que lles queira botar unha ollada. Noraboa tanto á Deputación de Pontevedra coma ao Museo de Pontevedra por tan importante adquisición, desta maneira a nosa cidade convértese na depositaria da maior parte do legado do insigne patriota galego.
chuzame -






