Cargando...

Galiza &Política 13 agosto 2008

17 de Agosto, dia da Galiza mártir

O vindeiro 17 de Agosto celebrarase un ano máis na nosa cidade o aniversario do pasamento de Alexandre Bóveda, o que fóra máximo responsable e tamén ideólogo do Partido Galeguista, home de fondas conviccións patrióticas que foi asasiñado polas tropas franquistas o 17 de agosto do ano 1936 na Caeira (Poio), ás aforas da nosa cidade de Pontevedra. Foi anos despois, concretamento no ano 1942, cando o galeguismo no exterior instauraba o 17 de agosto coma unha data para a lembranza dos nosos mártires, homes e mulleres que deron a súa vida na loita contra a ditadura franquista, que defenderon Galiza coa súas vidas e que merecían ser lembrados, declarouse por tanto o 17 de agosto coma o dia dos mártires galegos ou dia da Galiza Mártir, asi o declaraba a Irmandade Galega:

 A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto (un erro evidente de imprenta). Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista.Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos”.

Alexandre Bóveda foi o responsable da política económica e de facenda do Estatuto de Galiza aprovado polo povo galego no ano 1936, tamén foi un dos fundadores de CaixaPontevedra, actualmente Caixanova, Alexandre Bóveda, natural de Ourense pero veciño da nosa cidade foi condenado a morrer fusilado nun xuizo sumarísimo, decapitaban con éste acto unha das cabezas pensantes do nacionalismo galego, unha persoa chamada a acadar grandes logros para o seu País.

Na nosa cidade organizaranse diversos actos na súa lembranza e na de tódolos mártires galegos, como tódolos anos haberá unha oferenda floral no monumento da Caeira (A Barca), un acto relixioso no seu nicho do cemiterio de San Mauro e logo o acto político na Praza de Curros Enriquez, no centro de Pontevedra.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

23 comentarios a “17 de Agosto, dia da Galiza mártir”

  1. o 2008-08-13 ás 2.51 pm 1.Jorge C. dixo …

    Vexo que ti tamén te decataches do día que é hoxe…

    Eu teño a acta do xuízo no Blog.

    Un saúdo.

  2. o 2008-08-13 ás 4.15 pm 2.pontevedra antitaurina dixo …

    http://pontevedraantitaurina.wordpress.com/2008/08/13/pontevedra-antitaurina-atinge-um-notavel-exito-na-mobilizacom-do-9-a-mentres-a-subdelegacom-aposta-pola-repressom/

  3. o 2008-08-14 ás 3.19 pm 3.breogain dixo …

    interesante post Jorge, xa deixei un comentario, concordo contigo en que o consello de guerra ao que foi sometido Bóveda deberia ser revisado e anulado, pola súa memória e pola de moitos galegos e galegas que deron a súa vida por defende-los ideais da república e por denfender a esta terra que tanto amaban.

    un saúdo

  4. o 2008-08-14 ás 3.20 pm 4.breogain dixo …

    pontevedra antitaurina

    botareille unha ollada ao video, graciñas.

  5. o 2008-08-14 ás 3.52 pm 5.antitouradas dixo …

    ahms, desculpa breoghain, semelha que a mensagem anterior devería ter ocupado a entrada anterior… Saúde e gracinhas por ter apoiado e acudido à manifestaçom!

  6. o 2008-08-14 ás 5.19 pm 6.Andrés Milleiro dixo …

    Manda carallo que os fillos políticos dos que pasaron pola pedra ao Bóveda (e a un irmá do meu avó xunto a Bóveda na Caeira) veñan agora colgando a acta do xuízo a Bóveda no seu blogue para defendelo…

  7. o 2008-08-15 ás 12.24 am 7.Jorge C. dixo …

    Manda carayo Andrés que veñas a min con esas…

    Eu non son fillo político de ninguén, quizais sí, do meu pai, que foi concelleiro do seu pobo en Cotobade e na vida sacou un carto ás arcas, e os que están agora teñen 4 concelleiros xupando 1500 euros ao mes mais 3000 para o alcalde…

    Se non che gusta que haxa xente que pense coma min nunca se honrará definitivamente a memoria de xente coma Bóveda.
    Meu avó era amigo de el, e a súa dona, Amalia, clienta de toda a vida na carnicería do meu avó. Quizais por iso teño unha sensibilidade especial no seu caso.

    Non me esperaba esas palabras pola túa parte.

    Sempre mostrei respeto hacia ti, sinto que non sexa ao revés tamén.

    Non teño nada máis que engadir, xa demostraches bastante.

  8. o 2008-08-15 ás 4.34 pm 8.Andrés Milleiro dixo …

    Óla Jorge,

    Para honrar a memoria de xente como Bóveda o primeiro que tes que facer é ser consecuente co que supostamente pensas e deixar de apoiar ao partido que apoias, compartindo mesa e mantel, non xa cos fillos políticos que fusilaron a Bóveda, se xa algúns tamén netos dos propios que ordenaron o seu fusilamento (e podo darte nomes).

    Namentras, as túas verbas seguirán sendo o que son, verbas e non feitos. Cando as verbas sexan feitos comezarei a respeitarte.

    Unha aperta

  9. o 2008-08-15 ás 5.33 pm 9.Jorge C. dixo …

    Eu respeto a todo o mundo e non o fago para que despois me respeten a min, iso vai na ética de cada persoa.

    Se queres agregasme jorgito_cubela@hotmaul.com e me dis eses nomes… xq me da q te estas confundindo de discurso…

    Os netos non teñen culpa do que fagan os seus antepasados. Acusacións graves e sen fundamento.

  10. o 2008-08-15 ás 7.48 pm 10.Andrés Milleiro dixo …

    Óla Jorge,
    Non, non penso engadirte (de feito xa lin a túa mensaxe privada) porque non teño que comentar nada contigo.

    Non podes defender a figura de Bóveda estando no partido que estás.

    Non podes facelo porque o teu partido, o que ti defendes, non condea o franquismo, non condea a morte de Bóveda e de outros tantos que defenderon o que era noso, a nosa Terra.

    Non podes facelo porque Bóveda era precisamente Galeguista, e xunto con Castelao rechazou estar nas primeiras listas do PSOE por Pontevedra na República. Estivo con Cabanillas na lista do propio Partido Galeguista, renegando de calqueira partido nacional -nacional español-.

    Porén, non se pode defender a Bóveda dende un partido que obecede a ordes de fóra da nosa terra.

  11. o 2008-08-15 ás 7.58 pm 11.Andrés Milleiro dixo …

    Volto ollar o teu comentario Jorge e síntoo mais non podo dicir outra cousa.

    Acepto perfectamente que ti te sintas admirador da figura como político e como contable de Alexandre, mais non se pode facelo e estar defendendo o partido que defendes, síntoo.

    Se queredes ter un partido galego, eu estou cen por cen dacordo, adiante…mais o que non se pode é tentar coller da España Cainita que vos manda dende a Rúa Génova (que é a mesma que manda dende a Rúa Ferraz aos outros) e namentras defender ao Bóveda, é que non lle cabe na cabeza a ninguén.

    E repito, eu cavilaría no do partido galego.

  12. o 2008-08-16 ás 3.39 pm 12.Jorge C. dixo …

    Acepto as túas palabras, pero non as comparto.
    Non é o meu problema. O meu Blog o dirixo eu e dignificarei a figura política e humana de Bóveda tantas veces como crea convinte, máis que nada para que as cousas que me contou o meu avó sobre el as conte para todos.
    A Bóveda como se lle defende é dende a integración, o respeto e o cariño; non sei que opinaría el, lendo a súa intervención no seu “xuízo” que se lle faga “agarimo” dende o rencor hacia xente que nada tivo que ver co seu pasamento.

  13. o 2008-08-16 ás 9.52 pm 13.breogain dixo …

    Jorge

    Entendo e comparto a postura de Andrés Milleiro, tamén poderia entender persoalmente o teu posicionamento á hora de defende-la figura de Alexandre Bóveda, pero nunca a do teu partido, o partido ao que denfedes ou representas, o Partido Popular é o heredeiro daqueles que governaron e axustizaron a Bóveda no seu dia, poderia te-los seus matices o Partido Popular galego, pero sinceiramente dubido moito que teña si tan sequera un certo grao de autonomia para desmarcarse do discurso político que lle designan dende Madrid, por máis que queiran disfrazalo ou suavizalo o Partido Popular é un partido que inda a dia de hoxe non rexeitou nin condenou os crimes do franquismo, ti persoalmente pode que si sexas galeguista no fondo do teu corazón pero de Feijoo xa non o teño tan claro e moito menos de Mariano Rajoy, ti podes lembra-la figura de Bóveda e tentar dignificala, coido que no seu dia tamén falaches de Salvador Puig Antich e dalgún máis, tamén eu respecto a figura de Xosé Cuiña polo galeguista que foi, posiblemente o máis (e único) que houbo no partido Popular (galego), pero o dito, representando ao partido que representas esas verbas poden ser sentidas e sinceiras, pero non te representan máis que a ti, no plano individual, xa que no colectivo seguro que non son respaldadas polo teu partido.

    Namentres o Partido Popular siga acusando ao galeguismo e ao nacionalismo galego de apropiarse de figuras como Castelao ou Bóveda non haberá trégola, eu tamén son neto de republicanos que loitaron na maldita guerra civil e teño como sino o de dignifica-la súa memoria e con cousas coma éstas non podo máis que continuar con máis e máis forza se cadra, repito, ti persoalmente pode que teña a Bóveda no teu corazón, pero o pais políticos do partido ao que representas lixaron o seu nome e o de demasiados galeguistas que loitaron por este povo, e o seguen a facer chamándolle rexionalista ou galeguista a Castelao, señores, Castelao era un nacionalista e un arredista, non fagamos demagoxia nin terxiverxemo-la historia.

    Un saúdo aos dous

  14. o 2008-08-16 ás 9.54 pm 14.Estevo das Estrivadas dixo …

    Ola Jorge,

    Penso que tes unha empenada mental de 3 pares de coll…, mais non te enoxes por isto, se cadra, pode ser bó para que vexas o enganado que estás.

    Bóveda era NACIONALISTA galego, foi o principal promotor e organizador do Partido Galeguista (partido nacionalista…olla ben os seus estatutos). Bóveda defendeu o dereito de autodeterminación de Galiza, Bóveda tiña claro que había que apoiar á Fronte Popular porque dos outros partidos estatais non se podía agardar nada, desconfiaba mesmo do PSOE (moitos dos seus lideres opuxéronse ao estatuto de autonomía aprobado polo pobo galego en xuño de 1936).

    O teu problema (cando menos o vexo así) é que es incapaz de quitarte do medio a educación e cultura colonizadora que che (nos) deron na escola e nos medios de comunicación.

    Se de verdade crés no que decía Bóveda, é hora de que empeces a ler mais sobre a súa vida, enteirarte sobre o que é o nacionalismo (deixate de paiasadas de galeguismo integrador <>, porque o único que desintegra a Galiza é o “nacionalismo” español). Lé o Sempre en Galiza de Castelao.

    Como segan así, non me estranaría nada que dentro de 20 anos o PP e o PSOE reclamen a figura de Beiras o de Paco Rodríguez.

    Un saúdo

    Estevo

  15. o 2008-08-16 ás 11.55 pm 15.Jorge C. dixo …

    Non sabía que porque eu teña, é miña condición e como tal así o defendeirei, condición de galeguista.

    Hai que ir empezando a discernir entre galeguismo e nacionalismo.

    O que lle custa asumir a moita xente e que non queren que se dé é que tanto o PP como o PSOE poidan acollerse a termos galeguistas porque iso claramente, no aspectro electoral podería rasgar moitos votos de xente que se sinte galega, é galeguista, pero non é nacionalista e, moito menos, independentista.

    Eu admiro, admirei e admirarei as posicións galeguistas de Cuíña, as cales me adscribo, pero non vos debedes olvidar de Albor, por exemplo.

    Eu no artigo que fixen,loubo a figura de Bóveda pola inxustiza que se cometeu contra el, por aplicárenlle un xuízo sumarísimo ilegal e inxusto.
    DAme igual que fora de esquerdas, nacionalista, comunista ou capitalista, o caso é que o seu foi unha das maiores inxustizas que se cometeron nunca.

    Para algúns, esa inxustiza podería ser xusta, se como no caso do meu tíoavó o arrestan en Almansa (Albacete) por seren o xefe do partido monárquico (nunca matou unha mosca) e logo o fusilan.

    Para min é a mesma inxustiza que se cometeu contra o pobo.

    Evidentememte, o que nunca terán no PP son as ansias de mudar a realidade política.
    Rajoy condenou o franquismo en moitos mítines e apoiou a restitución social da figura do maquis nunha votación no ano 2000 ou 2001, non recordo ben -pido desculpas-.

    Outros, noutros partidos apoian outras dictaduras explicitamente como a de Cuba, véxase Galiza NOva en boca da súa secretaria, Iria Aboi.

    Hipocresía ou… que?

  16. o 2008-08-17 ás 12.04 am 16.Jorge C. dixo …

    Por certo, penso que dicir no bando no que loitasen os nosos avós que non fai a nós mellor persoas?

    O pai de Bono foi alcalde falanxista; moitos cargos do BNG son fillos ou netos de concelleiros de xente da falanxe;O avó de Feijoo foi un soldado da República na GC…

    e que? imos seguir dicindo a mesma teima 70 anos despois?

    A historia estase a escribir tódolos días…

    Que culpa tería Breogain,se por exemplo, un antepasado seu fose membro dos reténs de fusilamento do alzamento franquista?

  17. o 2008-08-17 ás 1.26 pm 17.breogain dixo …

    Pois efectivamente ningunha culpa Jorge, xa dixen que ti ou xente do teu partido cecais non teñades culpa do que fixeran os vosos antepasados (persoais) pero si dos vosos antepasados (políticos) o Partido Popular galego deberia desfacerse dunha vez deses complexos e dar un golpe na mesa, non pode ser unha mera sucursal do que vos dicten dende a capital do Reino, se queredes demostrar un certo grao de autonomismo ou cecais de galeguismo agora é o intre de demostralo, sen ir máis lonxe o bo de Mariano acaba de dicir que estaria dacordo CON FALAR CÓ BLOQUE, de verdade que non o creo, dame que é un xesto para a galeria e xa pensando nas vindeiras autonómicas.

    Repito, ti non tes culpa (nunca cha botei nin o insinuei) do que fixeran os teus antepasados, pero na túa man e de moitos coma ti que vides detrás dos Zaplana, Aceves e compañia, está mudar todo isto, e se falo en clave galega, prefiro un Partido Popular cuiñista que fraguista, un partido popular galeguista inda que sexa un pouco caciquista que unha mala copia do partido popular español que está detrás de “manifestos” e “plataformas” falsamente bilingües que non respectan os nosos dereitos.

  18. o 2008-08-18 ás 12.05 pm 18.Estevo das Estrivadas dixo …

    Jorge,

    Pra os do P.G. Galeguismo era sinónimo de NACIONALISMO.

    Non hai que ser GALEGUISTA, senon que hai que execer como tal. Como ben ti dis para os partidos españolistas (PSOE e PP) só buscan votos cando se chaman como tal.

    Saúdos…viva Galiza Ceive!!!

    Estevo

  19. o 2008-08-23 ás 12.14 pm 19.Jorge C. dixo …

    Para algúns do PG sí, para mín NON, nin para a inmensa maioría deste pobo.

    En datos obxectivos, en Galicia a xente é rexionalista e galeguista, o nacionalismo só ten vestixios minoritarios no Parlamento.
    Pola contra, dos outros é ao revés.

    Saúdos.

  20. o 2008-08-24 ás 7.35 pm 20.breogain dixo …

    Home Jorge, ten un pase que afirmes que o Partido Galeguista para ti era iso, galeguista e non nacionalista, eu penso ao revés, o Partigo Galeguista dos Castelao e Bóveda era galeguista porque se cadra daquela o termo “nacionalista” non se empregaba a cotío coma hoxe e non chegaria tanto á xente, pero o que si non comparto é que digas que o nacionalismo actual “so ten vestixios no Parlamento”, iso si que non alcanzo a comprendelo, ¿estás a afirmar que o nacionalismo galego somentes é cousa duns cantos iluminados e que máis de 400.000 persoas que votan esta opción política non son quén de seren tidos en conta? os votantes do bng son na súa maior parte nacionalistas, os galeguistas están no partido popular e no partido socialista, os rexionalistas xa non teño nin idea, porque ése era un termo acuñado hai décadas, intres aqueles nos que Galiza non tiña nin tan sequera rango de Comunidade autónoma e menos de nacionalidade história, tempos das “vascongadas” e demais termos acuñados pola dereita española para referirse con retranca.

    Vestixios son os partidos de ultradereita (e agardo que por moito tempo) e algunha formación minoritaria, pero un partido que ten tras de si a 400.000 votantes nas últimas autonómicas non é un vestixio, é unha realidade

    un saúdo :)

  21. o 2008-08-26 ás 11.20 am 21.Estevo das Estrivadas dixo …

    O P.G. defendía o dereito de autodeterminación de Galiza. Castelao, Bóveda…abofé que si.

    Eu por defender ese dereito para o meu país, Galiza, defínome como NACIONALISTA.

    Por favor Jorge, non prostituiades ao P.G. nen a Castelao nen a Bóveda.

    Xa cho dixen nun comentario anterior, dentro de 20 anos afirmaredes que Beiras, Méndez Ferrín ou Paco Rodríguez eran dos vosos. Iso si, de Fraga (como doutros “lideres” españolistas e conservadores) nenguen se lembrará.

    Saúdos

  22. o 2008-08-27 ás 6.42 pm 22.Ulmo de Arxila dixo …

    Pois eu estou dacordo co Estevo das Estivadas. Esta xente é-vos mui dada a canonizar a aqueles persoeiros que no seu dia machacaron ideolóxica e/ou fisicamente. Tocou-lle a Castelao, agora toca-lle a Bóveda, mais a lista é longa e non parará de medrar. Dentro duns anos será Beiras (cando morra, claro, que este vivo non se há deixar), e, se lles deixan, até Ferrin (ainda que con este levan-no cru, que os seus escritos non há por onde manipulá-los, e ao pan pan e ao viño viño).
    Claro que unha cousa é mostrar respeito e admirazón por unha figura de alto nível político, moral e intelectual (neste caso, Bóveda),algo plenamente admisível e mesmo eloxiável, e outra ben distinta é ligar ese recoñecimento a uns postulados ideolóxicos que entran en colisión cos do homenaxeado. Que o miren por onde quixeren, mais Bóveda e o PP (deGá ou senGá, tanto ten) non pegan nen con cola.
    E anda que dizer que o PG non era nacionalista… Iso é unha parvada à altura de asar a manteiga, vamos. Ou máis, se me apurades. Porque calquer persoa deste país que saiba algo de história de Galiza e que lese un par de livros (xa non falo do “Sempre en Galiza”, eh? non, non, cun par de livriños deses pequenos que dan nos concellos polo Dia das Letras é suficiente) sabe perfeitamente que as Irmandades da Fala se declararon EXPLICITAMENTE nacionalistas (a famosa frase de “reunindo Galiza todos os trazos dunha nacionalidade”, etc. etc.). Como calquer sabe que o PG non foi máis que un órgao partidário derivado das Irmandades da Fala. Sabido isto, duas e duas son catro. E calquer que lea os textos de Castelao verá que, con efeito, non era en absoluto independentista (ainda que no tramo derradeiro da sua vida si mostrou certas afinidades coa tendéncia “arredista”, fose por frustrazón ou polo que for), mais tamén verá que a nacionalista non lle gañava ninguén.
    O demais son-vos contos chineses. E a culpa non é de quen os inventa, que eles pasan-no pipa fazendo-o e é do pouco que saben fazer; a culpa de verdade é-che-vos de quen lles fai caso.
    Saúde e Pátria!

  23. o 2008-08-27 ás 11.15 pm 23.breogain dixo …

    Ulmo

    subscribo as túas verbas completamente, os postulados de Bóveda ou Castelao confrontan de plano coa política actual do Partido Popular de Feijoo e Louzán, volto a repetir que Cuiña foi o que máis se puido asemellar nese partido ao que é un verdadeiro sentimento de pertencia a Galiza, chamémoslle galeguismo ou se cadra máis ben rexionalismo, inda que tiña tamén tódalas trazas dun cacique rural, o finado Cuiña ten tódolos meus respectos, cousas que por exemplo non podo dicir de Fraga, mellor está en Madrid.
    Danme mágoa os intentos de apropiación e manipulación de figuras tan insignes na traxectoria nacionalista deste PAÍS coma as que fai o Partido Popular (galego), falar dun Bóveda e dun Castelao galeguista é o mesmo que dicer que na historia desta terra non existiron os suevos ou os castrexos e non son parte da nosa historia, non veñan agora a facernos comulgar con rodas de muiño e convencernos de que a Gallaecia foi feita por obra e graza unicamente dos romanos, pero para rebatir todos estos intentos de manipular e esta demagoxia están os libros, está a pegada que ámbolos dous galegos deixaron tras de si, so iso abonda.

    Un saúdo a todos :)

Subscribete aos comentarios via RSS Feed

Escrebe o teu comentario no recadro de abaixo.