Cargando...

Música 2 agosto 2008

Wolfstone, na carballeira de Zas (A Coruña)

Son sen dúbida o mellor grupo de folc-rock da historia, esta noite tocarán unha vez máis na nosa terra e faranno desta volta na Festa da Carballeira de Zas (A Coruña). Wolfstone son para os que non os coñezades, na miña opinión particular e coido que na de moitos afeccionados á fusión de folc e rock, o mellor grupo que deu este xénero musical, levan perto de vinte anos tocando nos mellores e máis importantes festivais do mundo e xa pasaron por Galiza unhas cantas veces.

Teño unha chea de discos deles, pero tiven a ocasión de ollalos por primeira vez no Intercéltico do Morrazo (Moaña) a principios dos anos noventa, cando tamén estaba en todo o seu apoxeo o festival Herba e Son de Cangas do Morrazo, os que sexades bos afeccionados ao folc lembrarédelo de seguro, como dicia, a primeira vez que escoitei a súa música foi na edición na que a organización trasladou o concerto do campo de fútbol de Moaña a unha canteira que se atopaba na estrada de Moaña a Domaio -coido que se chamaba a canteira do Cocho-, pasaron xa unha chea de anos, foi un festival no que tamén estiveran os asturianos Felpeyu. Anos despois olleinos por segunda vez no Intercéltico de A Coruña, un festival que tivo un primeiro cartel impresionante pero que debeu morrer de éxito, ou cecais porque ao alcalde Sir Vázquez tampouco lle tiraría demasiado, porque coido que non houbo segunda edición, tamén estiveron en Ortigueira e eu por suposto estaba presente. O grupo fundado no ano 1989 e liderazo por Duncan Chisholm tocará esta noite na Festa da Carballeira de Zas, se tede-la oportunidade coma Ulmo de achegarvos alí, de seguro que pasaredes unha marabillosa velada, foron e seguen a ser un grupo impresionante.

Déixovos cun video gravado precisamente naqueles anos nos que tiven a oportunidade de ollalos, aló por principios dos noventa, o seus directos son algo impresionante, cargados de forza e enerxía.

Chuzame! chúzame -

10 comentarios a “Wolfstone, na carballeira de Zas (A Coruña)”

  1. o 2008-08-02 ás 6.27 pm 1.Nel dixo …

    Moito escoitaba hai uns anos Wolfstone. Gustábame aquela mestura do rock (pola forza da batería e as quitarras) coa música tradicional. Teño un par de discos mais agora pasoume un pouco a época folkie e ando por outros camiños musicais. Outros que me gustaron moito son os Shooglenifty, que tocarán mañá no Intercéltico de Moaña e introduciron en discos anteriores a electrónica con moito acerto.

    Polo visto a festa de Zas é tremenda e, adiferenza doutros festivais folk, é moi popular, moi enxebre, no sentido en que vai moita xente da redonda (familias, paisanos…) e hai un ambiente moi de romaría. Lástima non ir aló.

  2. o 2008-08-03 ás 9.35 pm 2.Ulmo de Arxila dixo …

    Olá xente! Foi unha marabilla, algo impresionante, unha auténtica pasada! Os Wolfstone salvaron a Carvalleira deste ano. Que diferenza con Luar Na Lubre, que non acabaron de dar coa sua sonoridade e que, por riba, non estiveron alá mui acertados na escolla do repertório. Mais chegou Wolfstone e mandou parar. Desde que Duncan Chisholm colleu o micro para dizer aquilo de “Estamos encantados de estarrr aqui en Galisia con nosos currrmans”, un ritmo poderoso e contundente apoderou-se do público. Unha gozada, vamos.
    O certo é que si, a Carvalleira segue a ser unha mestura ben medida entre festival folque e romaria popular. Paga muito a pena, desde logo. A ver se para o vindeiro ano podemos ver-nos por alá!

  3. o 2008-08-04 ás 3.51 pm 3.breogain dixo …

    Ulmo

    agardo que desfrutaras, eu olleinos dúas ou tres veces e de verdade que na vida choutara tanto como neses concertos de Wolfstone, son tremendos en directo, maxia e forza pura, con esas guitarras e baterias contundente e a gaita que retumba nos nosos oidos atronando como se fora a carga das tropas de William Wallace cargando contra os ingleses na batalla de Stirling…

    un saúdo compañeiro !! :)

  4. o 2008-08-18 ás 3.58 pm 4.Xesús dixo …

    Pois Ulmo de Arxila, non sei en que Carballeira estiveches ti porque na que eu estiven foron os Luar na Lubre os que mellor sonaron e con diferencia, cos que a xente estivo mellor e no momento de máis público. Wolfstone son unha sombra do que foron, un grupo vido a menos cunha carga de bateria e baixo brutal e cunha gaita que daba os seus máis e os seus menos, eu de feito tiven que retirarme porque me estaban poñendo a cabeza como un bombo, como o bombo ao que tanto cargaban, pero xa se sabe… Donde esté lo de fuera, que se quite lo de casa, que coño!!!

  5. o 2008-08-19 ás 12.39 pm 5.Ulmo de Arxila dixo …

    A ver, Xesus, que para gostos pintan cores. E non creo que me poidan acusar precisamente a min de preferir o de fóra ao da casa, asi que non sei a que vén o teu comentário final…
    En fin, simplesmente digo que os Luar Na Lubre non estiveron acertados, PARA O MEU GUSTO / NA MIÑA OPINIÓN, nos temas que escolleron. E non o digo eu só, dixo-o bastante máis xente que foi à Carvalleira. Teñen pezas muito máis axeitadas para ese ambiente,muito máis bailáveis e festeiras, càs que interpretaron. E vale, quizá a sonoridade de Wolfstone tampouco foi unha marabilla (non a foi, en xeral, a de nengun dos grupos), mais eu estava ben perto deles e a xente brincava coma tola. Que diso se trata na Carvalleira, de brincar e pasá-lo ben, non adormecer contra un carvallo.
    Pois iso, un saúdo e a ver se para o ano que vén coincidimos en Zás para intercambiar opinións ;-)

  6. o 2008-08-19 ás 1.09 pm 6.Ulmo de Arxila dixo …

    Boas, Breo
    Xa che digo que non pasa de ser a miña opinión. Cos Luar Na Lubre teño desfrutado muitísimo e sempre foron unha das miñas bandas galegas de referéncia, máis ca nada, como ti ben dizias nun dos teus posts, pola contundéncia do seu directo. Lembro un concerto que deran no San Froilán, en Lugo, vai xa para cinco anos, e outro un pouco despois en Maria Pita, na Cruña, e das duas vezes quedei (falando mal e acabando axiña) “flipado” co seu son. Mais non sempre as cousas saen igual.
    A sonoridade xa che digo, foi bastante discreta en todos os grupos. Mais iso non é culpa deles, mádia leva!
    Un saúdo e agardo xa o teu artigo sobre ese grupo do que falas. Por certo, que foi dos Corvus Corax? Houvo unha época que escuitei bastantes pezas deles, mais perdin-lles o rasto por completo.

  7. o 2008-08-19 ás 3.00 pm 7.breogain dixo …

    Eu concordo coa opinión de Ulmo, por suposto que Luar na lubre terá un repertorio máis festeiro e cecais non escollera ben as pezas para esa noite, na carballeira (falo eu que nunca estiven, para a miña desgraza) a xente quere festa e iso é o que os grupos deben de darlle, nada de repertorios acougados e tranquilos, festa, festa e festa, e para iso os Wolfstone son do mellor, agora, que o son non acompañase, iso xa o descoñezo, tamén se abusaron do baixo e da bateria pode ser, pero o dito, no folk-rock non hai quén lles faga fronte.

    Por certo, en breve publicarei un artigo no que falo dunha banda tamén de folk-rock europea, ogallá tocaran algunha vez por aqui, é do estilo dos corvus-corax, uns rammstein pero máis folkies…

    agardo a vosa opinión por suposto :)

  8. o 2008-08-19 ás 3.12 pm 8.breogain dixo …

    pois coido que parte dos corvux corax pasaron a ser integrantes dunha nova formación semellante, deses grupos hai toda unha lexión en Centroeuropa.

    un saúdo :)

  9. o 2008-08-19 ás 6.07 pm 9.Xesús dixo …

    Amigos, non só de marcha vive o home, os temas lentos forman parte de nós tamén ou, Ulmo de Arxila, non viches como a xente cantaba “Tu Gitana”, “Camariñas” ou tarareaba “O son do ar”? Ti dirás o que queiras, cada un nos movemos en núcleos diferentes de xente, pero depois de Luar Na Lubre moita xente foise porque o que ian ver era a eles. Que queres que che diga da marcha? Ta ben, pero cando hai cousas que emocionan da o mesmo e iso o ten Luar na lubre por encima do nivel etílico da tropa.
    E digo o mesmo ca ti, a ver se para o ano nos vemos alí, eu son incondicional porque vivo a moi poucos kilómetros de Zas e porque considero que é un bon sitio para reencontrarme cos amigos cada ano.

    Por certo, na carballera se hai unha cousa mal é o son, pero non o dos grupos senón o do equipo que ano tras ano é o mesmo e non son capaces de facer que toda a carballeira soe como ten que soar, eis que só os de adiante perceben o ón como ten que ser.

  10. o 2008-08-20 ás 11.07 am 10.Ulmo de Arxila dixo …

    E logo de onde és, Xesus?

Subscribete aos comentarios via RSS Feed

Escrebe o teu comentario no recadro de abaixo.