Cargando...

Deportes 25 Agosto 2008

Impresións persoais dos XX.OO de Beijing 2008

Non tiven oportunidade de olla-las cerimonias de apertura e clausura, pero si uns cantos partidos e probas deportivas ao longo destas semanas e a verdade é que pagou a pena. Se ao principio dos xogos comentaba que non estaba para nada dacordo coa forma de proceder do governo chino en cuestións como os dereitos humanos, o problema do Tibet ou a represión a xornalistas de diversos paises, tamén estaba case seguro que estes xogos serian os máis grandes e mellor organizados de toda a historia do olimpismo e vós diredes, pero na miña opinión así foi. Nestes quince dias non houbo practicamente marxe para erros de ningún tipo, a puntualidade nos horarios, a impecable posta en escea e a tremenda optimización dos recursos dos que dispoñen fixeron que foran os xogos case perfectos e iso é algo que debemos recoñecer inda que custe algo ou moito, para o governo chino ésta foi unha proba de fogo, unha forma de presentarse ante o resto do mundo coma a superpotencia que é na actualidade e a que será nos vindeiros anos, porque non debemos esquecer que no medalleiro rematou no primeiro posto, xusto por diante dos EE.UU. algo impensable hai anos.

Usain Bolt portando a bandeira de Xamaica

Deste xogos olímpicos lévome o bo sabor de boca das medallas da delegación española -namentres os galegos non compitamos baixo a nosa propia bandeira- e das probas espectaculares de natación e sobre todo do atletismo, o rei dos deportes olímpicos, coa apabullante demostración de poder físico dun xamaicano espectacular como Usaín Bolt, un lóstrego, unha bala que demostrou ir sobrado na maioria das probas nas que competiu, de seguro que este home que bateu varios W.R. nestas olimpiadas pasará a se-lo segundo home máis famoso da illa despois do mítico Bob Marley, de verdade que é para quitarse o sombreiro, algo alucinante e fermoso de contemplar unha e outra vez. Tamén quixera destaca-lo fantástico partido que fixo a selección española de basquet contra os EE.UU. un partido vibrante de principio a fin e nos que os de Aito a piques estiveron de da-la campanada proclamándose campións olímpicos.

Por último, quixera darlle-los parabéns aos galegos olímpicos que acadaron medalla e aos que non por suposto que tamén, e dende aqui animalos a traballar máis duro para que dentro de catro anos consigan os seus obxectivos e nos dean outra alegria.

Chuzame! chúzame -

7 comentarios a “Impresións persoais dos XX.OO de Beijing 2008”

  1. o 2008-08-26 ás 11.22 am 1.Estevo das Estrivadas dixo …

    Para cando Galiza poderá ser representada por se mesma?, non me gusta ver aos deportistas galegos baixo unha bandeira que non é a nosa.

    Por un Comité Olímpico Galego Xa!!!

  2. o 2008-08-26 ás 2.29 pm 2.marta dixo …

    …unha bandeira que non é “a nosa” dirás que non é a túa! pero non fales polo resto dos galegos/as, haberá moitos que sí se sintan identificados (coma min), eso seguro!!(senón o BNG tería moitos mais votantes, por exemplo!! esa é a mellor mostra¡ja,ja,ja!).

  3. o 2008-08-26 ás 11.01 pm 3.breogain dixo …

    Eu tamén desfrutaria ollando aos deportistas galegos competindo coa bandeira galega, tendo unha selección de fútbol propia que participe en competicións internacionais etc, pero namentres iso non aconteza teremos que participar coma os cataláns ou bascos dentro da delegación española, foi asi durante moitos anos e polo de agora non ten visos de mudar, onte mesmo lia esta nova sobre o actor Sean Connery e as súas memorias, onde unha vez máis reclama que por exemplo Escocia poida participar cunha delegación de seu e non dentro da Británica.

    http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=336224

    Marta, por suposto que as opinións verquidas aqui por cada usuario son persoais e non fala por boca de tódolos galegos, o bo da democracia é precisamente iso, que cada un pensa o que lle peta e tódalas opinións son respectadas, tamén a túa, e iso de que o B.N.G. teria máis votantes sendo menos nacionalista dilo ti tamén por motu propio, para esa xente menos nacionalista e máis galeguista ou rexionalista como apuntaba hai dias Jorge Cubela, están as outras opcións políticas que temos en Galiza.

    Veña, un saúdo :)

  4. o 2008-08-27 ás 6.48 pm 4.Ulmo de Arxila dixo …

    Non competimos sob bandeira própria, mais case case é coma se o fixésemos, porque se faltamos os galegos a ver quen lles dava medallas à España en certas categorias.
    O que realmente me amola é o tratamento que lles dan os médios estatais aos nosos deportista con medalla. É coma se non existisen, ou case. Ou coma se lles non gostase que sexan galegos. Cando un asturiano, por exemplo, saca unha medalla, xa temos montado o “numerito” nos informativos co indivíduo en questón escanciando sidra e unha gaita de fundo. E ben que nos lembran que é asturiano, e “guaje” por aqui e “guaje” polo outro lado. Cando un galego gaña unha medalla, nen metade de parafernália, vamos.

  5. o 2008-08-27 ás 11.47 pm 5.breogain dixo …

    Ulmo

    O tema dos “numeritos” é bastante habitual, sempre hai unha sensibilidade especial cara a algunha comunidade que conforma o Estado Español, ben sexan asturianos ou andaluces, con éstes sempre se fai algunha mención especial, cós bascos e cataláns sempre se anda con máis ollo e faise todo o posible por tratalos con respecto, pero cós galegos acontece a cotío que nin tan sequera se nos menciona ou resalta, e cando se fai ás veces é para referirse a tópicos ou para resaltar algunha eiva, poucas veces virtudes. Supoño que xa ollarias as declaracións de Steiner falando do galego por exemplo, comparándoo có catalán e dicindo que éste último si é unha verdadeira lingua e a nosa non… en fin, cousas veredes.

    Un sáudo

  6. o 2008-08-28 ás 3.04 pm 6.marta dixo …

    So digo que si os galegos pensaran como “Estevo” e non se sentiran identificados coa bandeira española, o BNG tería mais votantes, e non os ten, polo tanto, penso que pedir unha “bandeira” para os nosos deportistas baseándonos na MINORÍA (Como queda reflexado nas urnas)dos galegos, non estaría ben.

  7. o 2008-08-28 ás 3.23 pm 7.breogain dixo …

    xa Marta, pero que os galegos compitamos baixo a nosa bandeira polo de agora é unha utopia e todos sabémolo, pero có tempo e o traballo quén sabe se algún dia se conseguirá, eu non pido independencia, eu como teño comentado con Jorge Cubela abogo por unha conformación federal do Estado Español non que as nacionalidades históricas sexan respectadas e teñan un papel preponderante no devenir político do país, unha cousa semellante ao que son Escocia e Gales, que teñen representación propia nalgúns deportes en competicións internacionais.

    Pero iso é outra historia, primeiro temos moita tela que cortar e moito que medrar neste País…

Subscribete aos comentarios via RSS Feed

Escrebe o teu comentario no recadro de abaixo.