Internet 8 setembro 2008
O casal de Ferreirós, nace o primeiro blogue de Poio
Ou alomenos o primeiro que coñezo e que se actualiza con relativa frecuencia, souben da súa existenza hai cousa dun par de semanas, cando empregou (previa petición) unha das miñas fotos para ilustrar un artigo no que, coma fixera eu no seu dia, denunciou a presenza de vehículos dun concesionario de Poio estacionados en plena estrada PO-308, diante precisamente do Casal de Ferreirós e provocando molestias aos veciños, aos cales impiden a normal visibilidade nese entronque.

Polo que puiden ollar na súa páxina de presentación, O ferreiro, que así é como se chama o blogueiro de Poio, comezou este proxecto có fin de dar a coñece-los problemas do lugar onde reside, a populosa urbanización do Pazo de Ferreirós, un lugar emblemático no desenrolo urbanístico da vila de Poio, pois foi construida hai catro anos convertíndose na primeira obra de envergadura que se realizou nese pequeno concello, o cal comezaba daquela o seu despegue urbanístico e agardemos que tamén económico e social. O Casal de Ferreirós por senón o coñecedes é oficiña de turismo de Poio á par que sala de exposicións e de conferencias ubicada á entrada da urbanización, un edificio moi fermoso (podédelo ollar na cabeceira da web municipal) que foi magnificamente reconstruido hai anos e que vos recomendo visitar cando poidades.
Pois nada, dende A ponte vella non me queda outra que parabenizar esta iniciativa por parte de O casal de Ferreirós e darlle-la benvida ao blogomillo pontevedrés, agardo que teña sorte e sexa punto de debate da actualidade de Poio, que polo de agora semella inda estar espertando nisto da internet.






