Cargando...

Category ArchiveActualidade



Actualidade & Política 11 set 2008 09:00 am

11 Setembro 2001

¿Onde estabas ti aquel 11-M cando todo cambiou? Dende aquel feito o mundo non foi o mesmo, podo semellar catastrofista pero é unha verdade coma un templo, este mundo que coñecemos estremeceuse aquel verán do ano 2001.

Coido que serian ao redor das tres menos vintecinco da tarde, xa rematara de xantar e fun botarlle unha ollada á televisión, facendo zapping atopei a CNN, nela estaban a pasa-las imaxes dun avión que colisionara cun edificio nos U.S.A, a verdade é que non lle din creto ao que estaba a ollar, cambiei ás outras canles e nada, cada unha ao seu tema, na CNN seguian a botar aquilo e pouco a pouco xa lle fun pillando o fio, un avión se estrellara -ou o estrellaran a propósito- contra un rañaceos de Manhattan, algo inaudito, chamei ao resto da familia e alí estivemos ollando aquilo perplexos, cun calafrio percorrendo o corpo e sen artellar palabra algunha, daquela outro avión apareceu na imaxe polo outro costado e seguiu o mesmo camiño có anterior, tremendo !!. Eran xa as catro menos algo cando collin as chaves e marchei ao traballo coa radio accesa no coche, ao chegar ao curro comentamos cós compañeiros sobre quén poderia ter feito iso, logo a información comezou a chegar pouco a pouco, tal vez foran os árabes, falaban de Osama Bin Laden, ¡¡ que pelotas !! exclamamos, e daquela o mundo xa non foi o mesmo, miles de mortos, invasión do Irak, daños colaterais, petróleo polas nubes, crise mundial...

Aquel 11 de Setembro do ano 2001 apenas levaba saindo coa -daquela moza- muller uns cantos meses, moito choveu dende ese dia, van alá sete anos pero seguimos a comete-los mesmos erros, os norteamericanos coa súa política exterior de feitos consumados fixéronlle moito dano a moitos, agardemos que lle poñan remedio canto antes, cecais cun presidente negro tal vez.. ¿porqué non?.

Chuzame! chúzame -

Actualidade & Deportes 11 ago 2008 08:00 am

Comezan os Xogos Olímpicos menos democráticos…

Esta fin de semana comezaron os XXIX Xogos Olímpicos de verán que terán lugar entre os dias 8 e 24 de agosto en Beijín (Pekín), capital da República Popular de China, uns xogos que levan sendo polémicos dende o dia que a anfitriona foi seleccionada para albergalos, serán éstes os xogos máis caros da historia do olimpismo, e por descontado os que máis efectivos humanos empregarán, pero non so civís, senón militares tamén, porque o governo chinés está a coidar celosamente a imaxe que mostrará ao mundo a base de soldados nas rúas e un control sobre os media nunca antes visto. Hai tempo que a xente de Reporteros sin Fronteras denunciou o intervencionismo do governo chinés en televisións, radios e mesmo internet. Particularmente coido que a elección de China como sede destes xogos non foi atinada, nun país onde os dereitos máis fundamentais do ser humano non están garantidos, o chamado "espírito olímpico" non ten razón de ser, comezando polo control dos xornalistas ou internet, e rematando coa represión desproporcionada por parte do exército chinés no Tibet.

Polo tanto dende aqui quero deixar ben claro ou meu total e máis absoluto rexeitamento a prácticas antidemocráticas coma as desenvolvidas polo governo chinés, que limita ao máximo a liberdade de expresión, de movementos e que reprime con ferocidade inusitada a máis mínima manifestación de disconformidade coa súa política, como fixo e está a facer có povo tibetano dende hai moitos anos.

E para colmo de males, o mesmo dia da inauguración comezou un enfrontamento bélico entre Georgia e Rusia en Osetia do Sur... ¿que foi do espírito olímpico?.

Chuzame! chúzame -

Actualidade 24 xull 2008 08:30 am

25 de Xullo, dia da patria galega

 

[ A nosa galeguidade provén da fortaleza do espírito, e ainda que carecemos de vontade ofensiva somos inexpugnables na resistencia.. ] A.D. Rodriguez Castelao (1886-1950)

25 de Xullo, dia da patria galega, o dia de tódolos galegos e galegas, dos que vivimos aqui e dos estades espallados polo mundo adiante, nun dia coma hoxe berremos todos máis forte e alto ca nunca...

SOMOS GALEG@S !!!

Chuzame! chúzame -

Actualidade 30 xun 2008 09:00 am

Norfor e a súa destructiva actividade forestal

Hai un par de dias que a nova saltaba aos medios e agora fágome eco no meu blogue. Supoño que non fan falla presentacións e que calqueira pontevedrés e galego coñece o nome de Norfor (Norte Forestal S.A.), unha das empresas filiais de ENCE, o monstro éste que temos na nosa ría. Pois ben, a empresa certificadora responsable de lle outorgar o selo da calidade na xestión medioambiental a Norfor, o FSC, decidiu, supoño que non polas presións de grupos ecoloxistas coma Greenpeace, que por desgraza non teñen tanta forza, senón tamén por que os seus informes propios debéronlles facer caer do burro, como digo, decidiu suspende-lo certificado que eles mesmos lle deran catro anos atrás polas graves deficiencias atopadas nunha auditoria que fixeron, na que se evidenciaba o grave deterioro da biodiversidade do noso monte, da erosión provocada, do aumento do risco de incendios forestais e do abusivo emprego de pesticidas e herbicidas, asi como o que todos ollamos e sabemos, o monocultivo do eucalipto, algo patente no noso monte dende hai unha chea de anos.

E agora que? pois agora Norfor terá que retira-lo selo de calidade FSC dos seus produtos, algún poderá pensar que isto nin nos vai nin nos ben, pero supoño que no seu sector, perder este certificado de garantía de calidade terá a súa repercusión económica, cousa da que persoalmente alédome, xa abonda de esnaquiza-lo noso monte, de pasear por el e apenas atopar árbores autóctonas, o monte é un negocio si, pero tamén o noso futuro e a nosa saúde. A Asociación pola Defensa da Ria, o colectivo Verdegaia e ADEGA felicitáronse por isto, eu únome a todos eles, agardo que isto sexa o comezo do derrumbe do entramado que ENCE ten na nosa cidade, que se retiren para o polígono do Campiño como ben di Telmo Martín, pero que teñan coidado, que por estar alá enrriba non van estar menos vixilados, estaremos ao tanto das súa actividades.

Maldito o dia que Frei Rosendo Salvado trouxo o eucalipto a Galiza !!!

Chuzame! chúzame -

Actualidade & Historia 16 xun 2008 09:00 am

Galicia pasa oficialmente a chamarse Galicia

Ou iso semella despois do manifestado a pasada semana pola Real Academia da Língua Galega, pois segundo eles o único termo oficial para referirnos á nosa comunidade autónoma ou nacionalidade histórica (que non rexión) será o de Galicia. Teño lido moito estes dias no tocante a este tema, que descubrín da man de Sísar, un blogueiro de Pontevedra.

Poderian escreberse rios de tinta falando do pros ou dos contras de chamarlle dunha ou outra maneira a Galiza, pero nin son lingüista nin tampouco teño gañas de enfrascarme agora en discusións, que como desafortunadamente calificou outro blogueiro pontevedrés, -no le importan al populacho-. Coido que si lle importan inda que non serei eu quén rompa unha lanza en favor dun ou doutro termo, máis o que si teño claro é, que como galegofalante emprego o termo Galiza por respecto á nosa historia e non por un ancello de sermos diferentes aos demais, como teño lido nalgún artigo. Se Galiza xa se empregaba no medievo, quén é a Real Academia Galega para non recoñecelo como válido aludindo a que é o termo máis empregado pola povoación nos derradeiros séculos, periodo éste cunha clara influencia do idioma castelán. ¿un País pode ter dous nomes en dúas línguas co-oficiais? pois por suposto que si, sen ir máis lonxe, -e posto que estiven ali hai un par de semanas-, fixádevos no caso irlandés, un país onde conviven dous idiomas oficiais, irlandés e inglés, Ireland é o topónimo empregado en inglés e Éire ou Poblacht na Éireann en irlandés gaélico, e alí non teñen nengún tipo de problema, o mesmo acontece con Alba=Escocia e moitos casos máis. Se o galego e o portugués proceden dun tronco común, ¿porqué en Portugal empregan o termo Galiza e os galegos teremos que emprega-lo termo Galicia de forma oficial unicamente?, considero moi inxusta esta decisión dun organismo que, deberia ter coma principal obxectivo o de xungui-las diferentes correntes a prol dunha ou doutra norma ortográfica que temos en Galiza, para asi acada-lo arelado consenso e facer máis forte o noso idioma, un presente tal e como o estamo-lo a ter non augura un futuro esperanzador para o galego.

Polo tanto, eu estou dacordo en que se empreguen oficialmente o termo Galiza para o idioma galego e o termo Galicia para o idioma castelán e plantexo tamén a seguinte cuestión. Se a única maneira -establecida por lei- que hai para referirse á toponimia galega é en galego, ¿Cal sería entón o vocablo a empregar para referirnos ao nome do noso País? penso que por esta regla de tres claramente teria que ser Galiza.

Chuzame! chúzame -

Actualidade & Galiza 17 mai 2008 10:00 am

Poesia contra a ignorancia…

DEITADO FRENTE Ó MAR...

 

Língua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura áceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cós meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra língua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

 

Extracto de Longa noite de pedra (Celso Emilio Ferreiro)

Chuzame! chúzame -

Actualidade & Historia 07 mai 2008 01:00 pm

A resposta correcta é… Irlanda !!

Non vaiades pensar que estamos nun concurso deses da televisión, aqui non temos nin caixas máxicas, nin paneis a descubrir, nin tan sequera letras coas que formas palabras, este suxerente título (suxerente alomenos para min) ven a colación da pregunta que vos facia neste post de primeiros de marzo. Algún de vós andivo moi ben encamiñado ao dar a resposta, Ulmo de Arxila e Carmiña deron no cravo ao falar de Èire (Irlanda), Deisler sabedor da miña afección pola boa cervexa tamén estivo acertado, Andrés fíxose o longuis pero ben sabia de antemán a onde ia ir, o que pasa é que soubo mante-la intriga até o final.

Pois si ilustres visitantes da miña humilde morada na internet, a resposta correcta é Irlanda, a vella illa esmeralda tamén chamada Èire en língua gaélica será a afortunada en desfrutar da presenza de dous galegos que van aló á aventura, máis que nada porque non temos nin papa idea de inglés, e moito menos de gaélico irlandés, en galego supoño que será todavia máis complicado facerme entender. Viaxamos concretamente á súa capital Dublín (Baile Átha Cliath), traducido como Estanque negro, atópase na beira do rio Leffey, cidade fundada orixinalmente como centro do comercio vikingo de escravos e que ven sendo a capital da República de Irlanda dende a Idade Media. Viaxamos cunha das dúas compañias irlandesas de low cost, concretamente con Aer Lingus -se alguén se fixou na foto do anterior post xa veria nela unha boa pista- e a nosa intención é visitar todo o que poidamos en catro dias, principalmente o Trinity College (Book of Kells), o Castelo de Dublín, a Igrexa de San Patricio (patrón de Irlanda), o Temple Bar e por suposto a St James's Gate Brewery, a fábrica da cervexa stout por excelencia, onde se atopa a Guinness Storehouse, da que por suposto haberá un capítulo aparte.

Pois nada, en menos dun mes atoparémonos de camiño a unha das sete nacións celtas, agardemos desfrutar intensamente desta viaxe da que prometemos contarvos detalles á volta.

Slàinte !!

  

Chuzame! chúzame -

Actualidade 25 abr 2008 08:30 am

Nova manifestación contra Celulosas de Pontevedra

A xente da Asociación pola defensa da Ría de Pontevedra convócanos hoxe a tódolos pontevedreses a unha nova manifestación contra a fábrica de Celulosas de Pontevedra. Unha vez máis a asociación ecoloxista eríxese en baluarte contra o complexo pasteiro ubicado na nosa ría, esta vez para impedir a consolidación tanto de Celulosa coma de Elnosa no seu actual emprazamento, cousa que poderia concretarse coa obtención da autorización ambiental por parte da Xunta de Galiza, os ecoloxistas chaman á mobilización de tódolos cidadáns concienciados có noso entorno e preocupados pola nosa saúde e a futura saúde dos nosos fillos.

A mobilización partirá da praza da Ferreria hoxe dia 25 de Abril ás 20:30 horas, se precisades máis datos pasádevos pola súa web, onde teredes cumprida información de tódalas súas actividades dende hai vinte anos en defensa do ecoloxismo e da nosa ria.

Chuzame! chúzame -

Actualidade 23 abr 2008 03:00 pm

¿Ti que marcarás na casilla de “asignación tributaria”?

Hai dias que me chegou o borrador da declaración da Renda 07 por correo, supoño que moitos de vós tamén estaredes có tema estes dias, e quizais tamén estexades na dúbida de cal das dúas casillas de asignación tributaria marcar, a 105 (igrexa católica) ou a 106 (fins sociais) No meu caso téñoo meridianamente claro, principalmente porque a Igrexa Católica penso que xa ten ingresos dabondo como para axudarlle có meu 0.7 %, eles andan inmersos un ano máis nunha campaña informativa có obxectivo de concienciar aos declarantes traballadores para que lles axuden a financiarse, entendo perfectamente que fagan esta campaña para implicar aos cidadáns católicos no sostemento da Igrexa, o que xa me custa máis de entender é que logo gasten os cartos recadados investindo en Gescartera, en infinidade de empresas que cotizan na bolsa española -incluida a galega Zeltia- ou por exemplo nos laboratorios que fabrican a famosa Viagra da que eles tanto renegan. A Igrexa Católica non pode ser unha entidade con ánimo de lucro, e máis cando hai pouco fixeron públicos os novos pecados sociais entre os cales está o de "no te enriquecerás hasta límites obscenos a expensas del bién común", polo tanto ao meu modo de ver, eses cartos ben os podian empregar en restaurar igrexas, que por Galiza temos a barullo e na súa maioria están a caer, pero non, para iso pedímoslle axuda á administración de turno, ben sexa Xunta ou Governo Central, para que acheguen os cartos, pois non señores, os governos, ou alomenos o galego e español, deberian facer gala do seu laicismo e non soltar un can, para iso xa teñen vostedes os cepillos e as xenerosas doazóns que reciben de moitos particulares preocupados pola súa fe, agora ben, sempre ficará a posibilidade de marca-las dúas casillas e reparti-los cartos para ámbalas dúas opcións, iso xa é cousa de cada quén.

Hai señor, señor !!!

Chuzame! chúzame -

Actualidade 11 abr 2008 09:00 am

O problema do leite, un máis de tantos.

Onte poidemos ver esta imaxe en moitos xornais e tamén nas televisións, os gandeiros remataron coa súa paciencia e optaron por pasar á acción como fixeran tamén dias atrás, desta volta foron atacadas tres cisternas con 50.000 litros de leite da empresa Leite Rio por parte de varios encarapuchados. O problema é grave non hai dúbida, namentres a nós nas grandes superficies subíronnos o prezo do cartón de leite nos últimos meses, en orixe, aos gandeiros págaselles cada vez menos e todos sabemos que os custos de producción e de mantemento dunha explotación gandeira subiron nos últimos anos, entón quén é o que sae realmente gañando con todo isto? os gandeiros acusan aos empresarios de prácticas de usura e éstes aos gandeiros de terroristas. O exemplo é moi claro, nun cartón que nos pode custar un euro nun supermercado o productor leva 0.45 céntimos, dos cales 0.40 custalle producir ese mesmo leite, polo tanto ten un  marxe de beneficio duns míseros 0.05 céntimos de euro, cando o resto, uns 0.65 céntimos son a repartir entre o empresario e mailo distribuidor, isto é xusto?, a todas luces non. O feito constatado é que todo este problema pode conlevar ao abandono das explotacións leiteiras de Galiza por parte dos produtores, e que logo moitas das empresas galegas que mercan e comercializan este leite teñan que adquirilo fóra, coa súa conseguinte merma de marxe de beneficio, inda me lembro cando as marcas galegas de leite podíanse contar por dúcias.

Non sei se a creación do Grupo Lácteo Galego, ese proxecto do que levan anos e anos falando os nosos políticos acadaria algo, cecais facer un pouco máis de forza por parte dos produtores e ter algo máis de sentido común por parte dos empresarios, porque manifestacións como as de Jesús Lence no dia de hoxe non axudan de moito, cecais os consumidores galegos tamén teñamos que pensar moito a quén lle mercamos o leite cando imos ao supermercado, de todos é coñecido por exemplo, que a marca Feiraco non quixo pagarlle menos aos seus cooperativistas cando a industria alegou que tiñan que baixa-los prezos, alegou que non habia xustificación de ningún tipo e apoiou ao sector lácteo galego manténdose firme na súa actitude.

Chuzame! chúzame -

Actualidade 07 abr 2008 07:54 pm

¿Un pistoleiro menos…?

[... sólo me la quitarán de mi mano fria y muerta]

 

Esta frase foi pronunciada por Charlton Heston alzando un rifle, o actor que tamén fora presidente da detestable Asociación Nacional do Rifle dos EE.UU. (N.R.A.) -a cal foi fantásticamente retratada no oscarizado filme Bowling for Columbine de Michel Moore- morreu de alzheimer a pasada noite do sábado en Beverly Hills. Non deixa de ser sorprendente que a súa frase máis célebre non sexa de ningunha das súas películas, cecais non para todos, pero si para moita xente Charlton Heston será lembrado por ser un férreo defensor das armas.

Certamente semella irónico que o maior defensor da guerra agora descanse en paz.

Chuzame! chúzame -

Actualidade & Política 01 abr 2008 02:39 pm

O fin non sempre xustifica os medios

De seguido, podedes ler a carta que me fixo chegar unha amiga e veciña de Poio (Pontevedra) e que foi remitida a diversos medios de comunicación locais e galegos, nela expón o seu ponto de vista encol do tema da agresión sufrida polo alcalde (Luciano Sobral - B.N.G.) desta localidade veciña de Pontevedra hai uns dias, para os que non estaxades ao tanto do tema, todo xira encol do realoxo dos chavolistas de etnia xitana residentes no Vao, e os cales "supostamente" se adican ao trapicheo de droga.

Como veciña de Poio,  síntome na obriga e no deber moral, de denunciar públicamente o acoso e derribo ao que determinados colectivos veciñais e, algún partido político, veñen sometendo ao noso alcalde nos últimos tempos.

A pasada semana,  acontecía un dos espectáculos máis esperpénticos e bochornosos que se lembran dende a democracia no lugar onde resido. Un numeroso grupo de “exaltados/as” agredían e increpaban tanto verbal como físicamente a Luciano Sobral á saída dun pleno, que xa de antemán presumíase tenso dabondo. Un feito gravísimo que, baixo ningún concepto,  pode ser xustificado nin avalado por argumentacións baleiras de contido cívico e democrático e ata atentando contra dereitos universais. En vista de tales feitos, non me queda outra que describir dita actuación como unha  das “ manifestacións máis antidemocráticas de exercer públicamente un dereito constitucional”. Plantexo neste medio outras cuestións sobre as que veño cavilando estos días, e convídovos a que tamén o fagades: ¿Onde está o límite do dereito á liberdade de manifestación e/ou expresión? ¿En virtude de que intereses algúns MdC e partidos políticos están interesados en alimentar cada día máis ás masas enfurecidas con declaracións incendiarias, demagóxicas, pouco afortunadas e que faltan á verdade do asunto?¿ A quen lle interesa que este conflicto siga no pé do cañón , e se chegase ao actual punto crítico?¿Que intereses pode haber para tratar de desprestixiar a actuación dun político coma  Nito, con máis de vinte anos de praxe política, demócrata convencido e que traballou arreo por este País e polo seu concello? A igrexa, institución que tanto se enche a boca facendo campañas de apoio ós máis débiles e desprotexidos… ¿Non ten nada que dicir ou é que os xitanos non son tan fillos de Deus coma o resto? Se este é un problema de orden público e venda de drogas exclusivamente, tal e como afirman algúns, ¿onde están as forzas e corpos de seguridade do estado, non ten nada que manifestar a subdelegación do goberno? ¿Por qué o Sr.Dominguez está máis preocupado de seguir botando leña ó lume en troques de traballar para soluciona-lo conflicto? ¿Ou seica pode afirmar que do alto número de veciños de Monteporreiro que viven en pisos tamén de financiación pública ningún  deles ten coches de alta gama? Deixo aquí estas reflexións no aire…Que cadaquen faga a súa propia e particular introspección verbo do problema. E para rematar, quixera brindarlles dende aquí o meu máis enérxico apoio ao Sr.Sobral e resto do grupo municipal do BNG de Poio, porque, ao meu parecer, independientemente dos erros nos que puideran caer (que tamén son humanos), están a ser vítimas do linchamento mediático e político máis suxo e desleal que se lembre na historia do concello de Poio. Fago un chamamento á cordura e ao diálogo como camiños para a busca conxunta dunha solución. Xa abonda de DEMAGOXIA,  porque en contra do que dicía Maquiavelo, “o fin non sempre xustifica os medios.”

Maruxa B.Vicente Dominguez. (veciña de Albar -Poio).

Chuzame! chúzame -

Next Page »