Cargando...

Category ArchiveCaixón de xastre



Caixón de xastre 22 dec 2008 08:30 am

¡¡ Felices festas de nadal a todos !!

Pouco vos podo dicir nun dia coma hoxe que non teñades escoitado ou lido xa, persoalmente este nadal semella un pouco raro, posiblemente sexa pola crise económica, pero dame a impresión de que este ano a xente non está tan implicada nestas festas coma anos anteriores, non se olla pola rúa o ambiente doutras ocasións, non hai esa ledicia e ese "bo rollo" que houbo noutrora, é probable que sexa efectivamente a crise económica, será iso.  No meu caso o nadal é unha época de traballo, case diria que a de máis traballo de todo o ano e non desfruto dela coma fan moitos dos meus amigos, pero por iso non deixan de ser uns dias que agardo con impaciencia e non por motivos estrictamente relixiosos, senón por compartir estes dias coa familia, porque se algo témolos galegos moi presente é á nosa familia, e non hai nada mellor que xuntarse de cando en vez a rifar falar cós pais ou os avós diante dunhas cigaliñas e unha copa de albariño, porque xa sei que estas papadelas e estas xuntanzas familiares poida que sexan un tostón para algúns, pero non está mal de cando en vez compartir mesa e mantel coa xente que nalgunhas ocasións, non tes a oportunidade de ollar o resto do ano, ademais este nadal para min será especialmente emotivo, porque xa resta menos para a miña paternidade, para a primaveira coas primeiras raiolas de sol serei pai primerizo.

Polo tanto, vaia dende aqui a miña sinceira e afectiva felicitación de nadal, para todos e todas os que vos pasades por aqui a leer de cando en vez o que se me ocorre escribir, agardo que pasedes uns bos dias de festa na compaña de toda a vosa xente e que sigamos falando, rifando ou comentando cousas no vindeiro ano có mesmo humor de sempre, tanto ten que sexades de dereitas ou de esquerdas, de Pontevedra ou do resto do mundo, do Pontevedra C.F. , do Barcelona ou do Madrid, todos seredes benvidos sempre.

¡¡ BO NADAL 08/09 PARA TODOS E TODAS !!

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 19 dec 2008 08:00 am

De loteria e papadelas de nadal

Pois iso, que hai dias que xa comezaron as celebracións gastronómicas de nadal e como un servidor non podia ser menos, esta mesma noite tócame cea coa xente do choio, asi que uns cantos de nós, que o resto do ano compartimos fatigas no traballo, xuntarémonos para dar conta dunhas viandas exquisitamente preparadas (iso agardo) pola xente de Cañas y Tapas, que a pouco que sexades un pouco observadores nos vosos paseos por Pontevedra, saberedes que se atopan na rúa Eduardo Pondal, máis ou menos á altura de Ambikuch, xusto na beirarrúa da parte de atrás do Galicia Palace, para entendernos.

O compañeiro encargado do tema prometeunos un menú especial, a base de brochetas de solomillo de terneira e rape, vieiras (agardo que galegas e non da Bretaña), tostas de foie e algunhas cousiña máis, todo iso regado cós caldos propios da terra ou con cervexa, que como ben sabedes é a miña bebida favorita, o malo é que Cañas y Tapas coido que é franquicia de San Miguel, e a min esa cervexa non me entra, síntoo moito, asi que polo tanto probarei o albariño, que sempre é unha aposta segura, como agardo que tamén o sexa a participación de nadal do Pontevedra C.F. que merquei o outro dia no bar de Pasarón e podedes ollar na foto, agardo que me traia sorte, pola ben da miña hipoteca.

¿E vós xa tedes programada a vosa cea coa xente do traballo, do equipo ou da peña?

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre & Historia 15 dec 2008 09:01 am

Sabela

 

Nome feminino de orixe hebrea, Elisheva tradúcese ao galego como Sabela.

  

Significado: Xuramento de Deus, promesa de Deus, outra hipótese é que provén do latín "Isis bella" (Isabela en italiano moderno), na honra da deusa exipcia da fecundidade Isis, a cal tiña un culto moi extendido entre os soldados romanos, máis o epíteto "bella", destacando a súa feminidade. Ao parecer, en moitos escritos e segundo puiden ollar nas pescudas que fixen en internet, agochouse a súa orixe pagana, presentando o nome coma unha variante do hebreo Elisheva (Elizabeth).

Significado pagano: O deus Baal é saúde; Baal era unha divinidade (significa "señor") de varios povos situados na Asia menor e a súa zona de influencia: fenicios, cartaxineses, babilonios ou filisteos. O seu significado aseméllase ao de amo ou señor, era o Deus da chuvia e da guerra, foi adorado polos hebreos e era o Deus máis sobranceiro do panteón fenicio, grandes mariñeiros, era o seu deus protector e éstes encomendábanse a el cada vez que se facian ao mar, polo tanto pódese afirmar que era o Deus dos povos que vivian de cara ao mar.

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 21 nov 2008 08:05 am

Adeus para sempre Musa

Hoxe cúmprese unha semana dende que non estás conmigo e xa te boto de menos, pero sobre todo a outra cadela, a túa filla e compañeira que ultimamente anda moi tristona e calada porque non ten con quén xogar, con catorce anos estabas chea de vida, pero dende o teu derradeiro parto as cousas cambiaran, a morte dos tres cachorros xa non fóra un bo presaxio e ti despois diso xa non fuche-la mesma, nin recuperache-la forma física nin tampouco o ánimo e as gañas de xogar coa pelota, cós paus ou de pelexar con Noa.

Moito te botarei de menos Musa, ti ben sabes que pola semana non tiñamos demasiado tempo para xoga-los tres, pero os sábados e domingos que ben o pasabamos, agora somentes quedamos Noa e máis eu, agardemos que a familia aumente un dia destes e voltemos a ser tres os que paseemos polas xunqueiras do Lérez, namentres seguiremos lembrándonos de ti e das boas tardes de domingo que nos fixeches pasar...

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 13 out 2008 03:07 pm

Comeza unha nova andaina na miña vida..

No ano e pico de vida deste blogue non tivera un paréntese sen publicar de tanto tempo, hai case dúas semanas que non escribia unhas liñas e abofé de que non era por non ter nada que contarvos, máis ben foi motivado pola falla de tempo. Para os que me coñezades, saberedes que nos vindeiros tres ou catro meses comeza o periodo no que teño máis traballo de todo o ano, asi que o número de publicacións descenderá notablemente polo tanto, ademais a isto haille que engadir unha importante novidade na miña situación familiar, para o vindeiro mes de marzal terei o meu primeiro fillo/a e supoño que todos comprenderedes que iso tamén influirá (e moito) en base a recurta-lo pouco tempo libre do que xa dispuña, atópome moi ilusionado e queria compartilo con todos/as vós, o meu pequeno mundo xa está a mudar e nuns meses farao todavia máis, enceto unha nova andaina na miña vida, a de ser pai e responsable dun cativo, unha tarefa para a que non recibín clases, non hai evaluacións nin notas finais, o dia a dia será o que me examine e pretendo facelo o mellor posible, alomenos porei toda a miña intención, folgos e ilusión para que así sexa.

Nestes dias nos que non publiquei aconteceron unhas cantas cousas interesantes, ademais da crise que nos atenaza e que pasa por se-o punto máis "quente" da actualidade e da que falamos a cotio, quixera destacar como algo significativo o feito de que por fin os políticos galegos se puxeran dacordo e ao unísono condenaran o franquismo -fóra das saidas de todo habituais de Manuel Fraga-, considero moi importante que o Partido Popular de Galicia rompera con Madrid por unha vez na súa vida e fora quén de condena-las atrocidades que se fixeron na Guerra Civil española, agardemos que a partir de agora se abra unha nova xeira na que o entendemento, ou alomenos os acordos puntuais entre os diversos grupos que conforman o arco parlamentar galego, sirvan para sacar adiante iniciativas e propostas que redunden no beneficio de tódolos galegos e galegas, dende aqui quérolle da-los parabéns a Alberto Feijoo e a todo o Pepé galego pola súa valentia, que sabedores da chuvia de críticas que lles caeria enriba fixeron o que debian facer, xa non somentes por principios, senón por solidariedade cós miles e miles de galegos represaliados despois do 1936. 

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 09 set 2008 03:35 pm

A crise non vai con algúns..

Hai cousa dunhas horas que o ministro de economía, o señor Solbes, nunha entrevista concedida á S.E.R. falaba abertamente de recesión económica e cecais dunha crise cando menos palpable xa, inda que non o recoñecia abertamente si deixaba a porta entreaberta coas súas declaracións e avanzaba que comezaremos a sacar cabeza no segundo semestre do 2009, tendo en conta isto xa sabedes, a consigna é que nos preparemos para aguanta-lo chaparrón que nos ven enriba este ano e tamén o vindeiro, inda que polo que semella iso non lle debe de afectar demasiado a algúns.

Esta foto foi tirada no dia de onte nunha coñecida cadena de distribución de alimentos no entorno da nosa cidade de Pontevedra, semella que a crise económica non nos afecta a todos por igual, porque para gastarse ao redor de 170.000 euros nun Ferrari 430 de 500 cv. de potencia hai que ter unha boa conta corrente e bo gusto, todo sexa dito.

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre & Tenda 21 xull 2008 01:00 pm

Vendo tres cadeliños de boxer

Xa somos tres máis na familia, estes cadeliños de boxer que teñen ao redor de tres semanas de vida son os novos integrantes, hai un par de dias que xa abriron os ollos e comezaron a andar na procura de aventuras, é unha gozada olla-los xogar e pelexar coas súas pequenas patiñas, son dous machos e unha femia preciosos e residentes en Pontevedra.

Editado 30/07/08 -- XA ESTÁN VENDIDOS

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 05 xull 2008 01:00 pm

Unhas vacacións en Dublin III (ocio)

Se hai algunha cousa da que os irlandeses desfrutan por enriba de todo é do seu tempo de ocio, segundo teño entendido, na cidade de Dublín existen ao redor de 1000 pub’s en funcionamento, algo que non debe de sorprendernos demasiado, xa que en calqueira vila ou cidade galega de seguro que si lle damos unha patada a unha pedra atoparemos debaixo un bar ou unha cafeteria.

Na miña curta pero aproveitada estancia en Dublín, puiden comprobar de primeira man a importancia que ten para eles desfruta-lo tempo de lecer en compaña e no pub, que por se algún de vós o descoñecedes, a palabra pub provén de public house, ou sexa, a casa pública ou a casa de todos, o lugar por onde o irlandés adoita pasar despois da súa xornada laboral a tomar unha pinta. Tanto ten que sexa sábado coma domingo ou luns, os pub’s sempre estaban ateigados de xente, incrible pero certo, sendo luns e estando de vacacións agardaba atopa-lo pub valeiro ás dez da noite, pois non, ali estaban unha chea de paisanos tomando as súas pintas e ollando de reollo as televisións onde botaban as carreiras de cabalos, apostar, outra das súas afeccións. No tocante ás cervexas máis consumidas polos irlandeses deume a impresión que os gostos están a trocar, por suposto que a máis consumida era a Guinness Stout, seguida doutras irlandesas como a Kilkenny Beamish ou a Murphy's, pero tamén puiden ollar como consumian tamén moito a Paulaner, unha cervexa alemana, polo tanto o tópico de que os irlandeses somentes consumen a stout cada dia ten menos credibilidade.

Acompáñovos o texto cun par de fotos sacadas nalgúns dos pub’s que puiden visitar na miña visita cultural cervexeira a Dublín, o Cassiddy’s que foi o primeiro pub que visitei e no que degustei a miña primeira pinta 100% irlandesa, o Whelan’s no que desfrutamos da irish music en directo, un pub dos máis sobranceiros da cidade e o Bledding Horse, o pub que tiñamos debaixo do hotel e polo que nos pasabamos cada noite antes de recollernos, sempre a tope de xente e cuns camareiros moi simpáticos aos que lle tiña que berrar para pedir unha ronda. Caso aparte foi a visita á St. James’s Brewery, a fábrica da famosa cervexa negra Guinness, pero diso, como xa vos comentei antes da viaxe, haberá un capítulo especial do mundo da cervexa para falar delo.

Unha vez máis recoméndovos a viaxe a Dublín, cidade cosmopolita, acolledora, cunha chea de cousas para ollar e para divertirse, mágoa que sexa un chisco cara de máis, pero tamén supoño que os soldos alí non serán os que temos aquí, senón estaban apañados, por certo, como non ia enche-lo artigo con multitude de fotos, máis que nada porque o espazo non da para máis, podédesvos pasar polo meu flick-r a botarlle unha ollada a algunha foto máis que subin estes dias.

Para rematar, dicirvos que inda que a Guinness é unha magnífica cervexa negra, a miña sout preferida segue a se-la Tennent's escocesa, descubrinna hai uns dez anos no pub Scottish Higlander de Pontevedra, xa pechado, agora non a atopo por ningures, agardo tamén desfrutala en vivo nun pub de Glasgow ou Edimburgo un dia destes, pero iso xa é outra historia.

Como ben din os irlandeses, Slàinte !!!

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 10 xun 2008 03:32 pm

Unhas vacacións en Dublin II (cultura)

Se hai algo pon enriba de todo, que un forasteiro pode ollar na súa visita á capital de Irlanda son monumentos, o primeiro que nos chamaria a atención unha vez aterremos en calqueira das rúas do centro de Dublín son a infinidade de edificios e monumentos con historia que esta cidade atesoura. Se lle preguntamos a calqueira dublinés por algo que non poidamos deixar de ollar nunha visita duns cantos dias, de seguro que él respostaríanos que a Catedral de San Patricio, o Trinity College ou Castelo de Dublín, pero isto tamén depende da idade do interpelado, porque se falamos cunha persoa moza (son maioria nesta cidade) é moi probable que nos falara do Temple bar ou da fábrica de Guinness.

Un consello quérovos dar, Dublin é unha cidade para percorrer a pe, e ben cómpren alomenos tres ou catro dias para poder dicir que a visitamos a conciencia, no meu caso estiven tres dias, dos cales un foi domingo e quedáronme no tinteiro un par de cousas que quixera ter visitado, principalmente o cárcere de Kilmainhan Gaol, onde se rodaron escenas de películas como En el nombre del padre, e que ven sendo todo un símbolo para o nacionalismo irlandés na súa loita contra os ingleses, tamé ficamos sen visitar a fábrica do irish whiskey Jameson e unha visita a Glendalough, no Condado de Wicklow, unha paraxe natural moi fermosa á cal non puidemos ir por falla de tempo.

E logo, ¿que foi o que visitamos? Pois o Trinity College, a universidade máis antiga de Irlanda, fundada no ano 1592 e na que puidemos olla-la exposición do Book of Kells, o libro dos celtas, manuscritos dos que non puiden tirar fotografías, posto que en tódolos edificios que visitamos está prohibido o emprego de cámaras de foto e video, iso si, na maioria das visitas tivemos que pagar por entrar, o importe oscilaba entre os 8-10 euros por barba persoa. Tamén estivemos no Castelo de Dublin e os seus xardins anexos, nos que se celebraba o dia de África cun multitudinario concerto ao aire libre, na catedral de San Patricio, que data do ano 1191 e atopábase en obras, mala sorte, polas obras e por non poder tirar fotos dentro tampouco. Pasamos tamén pola Christ Church Cathedral e mailo museo Dublinia, que están un ao carón do outro na rúa St. Michael's Hill, a catedral é anglicana e unha das tres que hai en Dublin, tamén ollamos a Custom House, edificio éste impresionante.

Polo demais, pasear por unha cidade coma a de Dublin sempre é gratificante , o que máis nos pode chama-la atención é o tremendo vento reinante ao longo de todo o dia, tanto ten estar perto do rio Liffey como polo medio de rúas máis estreitas, sempre zoa o vento e moi forte, o tráfico é moi denso dende primeira hora da mañá -e logo queixámonos de Pontevedra- polo tanto hai que andar con moita precaución e ollar sempre á dereita -xa está indicado no chan- antes de cruzar unha rúa, de tódalas maneiras, os dublineses non fan moito caso dos semáforos. A oferta comercial é impresionante, hai unha chea de mercadillos coma o de George Street Arcade, tendas de roupa e música e por suposto pubs, pero dos pub's (public house) xa vos falarei nun capítulo aparte. Pasear por rúas como Grafton Street, Henry Street ou O'Connell Street é unha gozada, alí poderedes atopar calquer agasallos ou recordo que queirades traer da vosa visita, recoméndovos os almacéns Carrolls para mercar agasallos e os almacéns Penney's se queredes algo de roupa, son increiblemente baratos para os prezos de Dublin, pero máis barato todavia é sacarse unha foto con calqueira das estátuas que poderás atopar nas rúas do centro da cidade, como por exemplo a de Molly Malone ou a de James Joyce, por citar un par delas.

En resumo, non se pode dicir que se coñeza Irlanda por ter visitado Dublin, nin moito menos, pero foi un bo comezo para alguén coma min que nunca estivera ali antes, para unha vindeira ocasión agardo poder visitar algún lugar máis pequeno coma Kilkenny, Cork ou Galway, e poder estar en contacto coa Éire máis labrega, misteriosa e milenaria. Se estades interesados en visitar esta fantástica cidade podedes recopilar máis información na web Voy a dublin.com, un sitio moi interesante, con multitude de consellos e fotografias para planifica-la vosa viaxe á capital de Irlanda.

Por certo, se queredes ollar algunha foto máis, pasádevos pola miña galería de Flick R, pouco a pouco irei subindo algunha máis.

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre & Fotografía 29 mai 2008 10:11 am

Unhas vacacións en Dublín I (Epílogo)

Xa estou de volta, antes de nada dicirvos, que a viaxe en avión directamente dende o aeroporto de Santiago de Compostela dura algo menos de dúas horas, polo tanto é un traxecto relativamente curto e que pasa nun abrir e pechar de ollos, do que si veño canso é de patear toda a cidade de Dublín, unha cidade cun perímetro abraiante, non pode ser menos nun sitio onde practicamente non hai edificios de máis de catro ou cinco alturas, o punto máis alto debe de se-lo Spire, un monumento no centro da cidade que ten 150 metros de altura, o segundo punto máis alto coido que será o "Gravity bar" da fábrica de Guinness.

A cidade de Baile Átha Cliath, -que é o nome que recibe Dublín en língua gaélica-, semella un museo ao aire libre, ten infinidade de cousas que ollar, polo tanto nos tres dias que estivemos alí poidemos contemplar parte delas pero non todas, posto que a excursión que tiñamos pensado facer ás aforas non puido ser por falla de tempo. O que destacaría principalmente da cidade é a amabilidade das súas xentes, en varias ocasións achegáronse canda a nós para ofrecernos a súa axuda na pescuda dalgunha rúa ou lugar que estabamos a localizar no mapa, tamén destacaria o feito de que Dublín ten que aturar un vento forte e persistente ao longo de todo o dia, algo que semella non preocupar moitos aos seus habitantes, posto que a maioria da xente ia en mangas de camisa e as mulleres mesmo en chanclas ou sandalias un sábado de madrugada, algo impensable nestas latitudes a 12 ou 13 graos e con ese vento. Dublin é unha mestura de razas e nacionalidades e iso refléxase por exemplo nos restaurantes que podemos atopar polas rúas, libaneses, nepalíes, indús, iraníes, polacos... polas rúas practicamente so atopabas xente xove, a media de idade é duns 25/30 anos e iso nótase por exemplo nos parques, na grande cantidade de xente que circula en bicicleta ou en calqueira pub, ateigado de xente calqueira dia da semana, e cando falo de calqueira dia refírome a luns e martes, e iso que eles madrugan moito, pero a súa pinta no pub falando cós amigos, ollando un partido de hurling ou as carreiras de cabalos ninguén llo pode quitar.

Polo de agora nada máis, nos vindeiros dias irei poñendo algunha foto e contándovos algo máis da miña experiencia na capital de Irlanda, pero para ir abrindo boca botádelle unha ollada á miña galeria de flick-r, xa teño colgadas algunhas fotos.

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 26 mai 2008 01:00 pm

¡¡ Hoxe cumprimos un ano !!

Case nada, hai que ver como pasa o tempo cando se está en boa compaña, agora mesmo o que vos escrebe estas liñas atópase desfrutando dunhas merecidas vacacións en Irlanda, do que dea de si esta viaxe xa vos contarei á volta, por suposto haberá un capítulo especial para os seguidores do noso apartado O mundo da cervexa, porque visitando a cidade de Dublín non podiamos pasar por alto unha visita á St. James's Brewery, a mundialmente coñecida fábrica de Guinness na capital da verde Eirín, de onde sae en exclusividade a stout máis consumida no mundo.

Pouco vos podo dicir deste ano que hoxe cumprimos, con este primeiro post comezaba a miña andaina blogueira, un proxecto que naceu con moita ilusión e que veu recompensado o seu esforzo coas vosas visitas dia tras dia, unha experiencia gratificante polo feito de poder plasmar aqui as ideas que van xurdindo do meu maxín, pola posibilidade de coñecer a moita xente, compartir inquedanzas e adquirir coñecementos tamén.

Para os interesados nas estatísticas -que como as meigas, habelas hainas- dicir que neste tempo publiquei 285 post e tiven máis de 1200 comentarios vosos, algo que sempre é ilusionante, A ponte vella atópase nun meritorio posto nº 120 dos máis de 5.466 blogues existentes en língua galega (o chamado blogomillo) e no posto nº 4 dos cadastrados en Blogaliza, as visitas até o dia de hoxe foron ao redor de 30.000, que non está nada mal para levar un ano.

Quén sabe canto máis estaremos aqui, pero namentres sigamos tentaremos divertirnos e pasalo ben, diso non teñades dúbida.

 

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre & Historia 24 mai 2008 12:00 pm

Xa estamos camiño de Irlanda…

Chegou o dia agardado durante moito tempo, non vou dicir que toda a vida pero si algúns cantos anos, no mediodia de hoxe embarcamos rumbo á illa esmeralda, ali agárdannos catro dias que prometen ser moi intensos, a cidade de Dublín e mailos seus arredores teñen moitos atractivos e haberá que andar lixeiro para poder olla-lo todo. En principio e se as previsións son acertadas, agardamos poder visitar o Castelo de Dublín, a sede do Parlamento Irlandés, o Trinity College, a Catedral de San Patricio, o museu Dublinia, o Temple Bar, a cervexeria St. James's Brevery (a fábrica de Guinness) e facer unha escapada ao condado de Wicklow e visitar Glendalough, unha pequena vila fundada por San Kevin a finais do século V, atópase dentro dun parque nacional e é unha paraxe de altísimo nivel ecolóxico e histórico. Polo que puiden ollar estes dias o tempo semella que acompañará nos dias que estaremos aló, asi ben non haberá un sol tremendo -cousa pouco probable en Irlanda- estará alomenos despexado e non choverá, que sempre é de agradecer, imos ben pertrechado de cámaras para non deixarnos nada atrás, asi que á volta da viaxe compartirei con vós algunhas das fotos que traiamos.

Nada máis, por aqui supoño que todo seguirá igual estes dias, agardo levar unha sorpresa á volta e que o Pontevedra C.F. acadara un bo resultado en Ceuta, pero tamén confio en coñece-lo resultado alá mesmo, xa que os meus informantes non me defraudarán...jajaja.

Brindarei por elo e por vós cunha pinta de Guinness.

Slainte !!

Chuzame! chúzame -

Next Page »