Cargando...

Category ArchiveCaixón de xastre



Caixón de xastre 13 out 2008 03:07 pm

Comeza unha nova andaina na miña vida..

No ano e pico de vida deste blogue non tivera un paréntese sen publicar de tanto tempo, hai case dúas semanas que non escribia unhas liñas e abofé de que non era por non ter nada que contarvos, máis ben foi motivado pola falla de tempo. Para os que me coñezades, saberedes que nos vindeiros tres ou catro meses comeza o periodo no que teño máis traballo de todo o ano, asi que o número de publicacións descenderá notablemente polo tanto, ademais a isto haille que engadir unha importante novidade na miña situación familiar, para o vindeiro mes de marzal terei o meu primeiro fillo/a e supoño que todos comprenderedes que iso tamén influirá (e moito) en base a recurta-lo pouco tempo libre do que xa dispuña, atópome moi ilusionado e queria compartilo con todos/as vós, o meu pequeno mundo xa está a mudar e nuns meses farao todavia máis, enceto unha nova andaina na miña vida, a de ser pai e responsable dun cativo, unha tarefa para a que non recibín clases, non hai evaluacións nin notas finais, o dia a dia será o que me examine e pretendo facelo o mellor posible, alomenos porei toda a miña intención, folgos e ilusión para que así sexa.

Nestes dias nos que non publiquei aconteceron unhas cantas cousas interesantes, ademais da crise que nos atenaza e que pasa por se-o punto máis "quente" da actualidade e da que falamos a cotio, quixera destacar como algo significativo o feito de que por fin os políticos galegos se puxeran dacordo e ao unísono condenaran o franquismo -fóra das saidas de todo habituais de Manuel Fraga-, considero moi importante que o Partido Popular de Galicia rompera con Madrid por unha vez na súa vida e fora quén de condena-las atrocidades que se fixeron na Guerra Civil española, agardemos que a partir de agora se abra unha nova xeira na que o entendemento, ou alomenos os acordos puntuais entre os diversos grupos que conforman o arco parlamentar galego, sirvan para sacar adiante iniciativas e propostas que redunden no beneficio de tódolos galegos e galegas, dende aqui quérolle da-los parabéns a Alberto Feijoo e a todo o Pepé galego pola súa valentia, que sabedores da chuvia de críticas que lles caeria enriba fixeron o que debian facer, xa non somentes por principios, senón por solidariedade cós miles e miles de galegos represaliados despois do 1936. 

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 09 set 2008 03:35 pm

A crise non vai con algúns..

Hai cousa dunhas horas que o ministro de economía, o señor Solbes, nunha entrevista concedida á S.E.R. falaba abertamente de recesión económica e cecais dunha crise cando menos palpable xa, inda que non o recoñecia abertamente si deixaba a porta entreaberta coas súas declaracións e avanzaba que comezaremos a sacar cabeza no segundo semestre do 2009, tendo en conta isto xa sabedes, a consigna é que nos preparemos para aguanta-lo chaparrón que nos ven enriba este ano e tamén o vindeiro, inda que polo que semella iso non lle debe de afectar demasiado a algúns.

Esta foto foi tirada no dia de onte nunha coñecida cadena de distribución de alimentos no entorno da nosa cidade de Pontevedra, semella que a crise económica non nos afecta a todos por igual, porque para gastarse ao redor de 170.000 euros nun Ferrari 430 de 500 cv. de potencia hai que ter unha boa conta corrente e bo gusto, todo sexa dito.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre & Tenda 21 xull 2008 01:00 pm

Vendo tres cadeliños de boxer

Xa somos tres máis na familia, estes cadeliños de boxer que teñen ao redor de tres semanas de vida son os novos integrantes, hai un par de dias que xa abriron os ollos e comezaron a andar na procura de aventuras, é unha gozada olla-los xogar e pelexar coas súas pequenas patiñas, son dous machos e unha femia preciosos e residentes en Pontevedra.

Editado 30/07/08 -- XA ESTÁN VENDIDOS

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 05 xull 2008 01:00 pm

Unhas vacacións en Dublin III (ocio)

Se hai algunha cousa da que os irlandeses desfrutan por enriba de todo é do seu tempo de ocio, segundo teño entendido, na cidade de Dublín existen ao redor de 1000 pub’s en funcionamento, algo que non debe de sorprendernos demasiado, xa que en calqueira vila ou cidade galega de seguro que si lle damos unha patada a unha pedra atoparemos debaixo un bar ou unha cafeteria.

Na miña curta pero aproveitada estancia en Dublín, puiden comprobar de primeira man a importancia que ten para eles desfruta-lo tempo de lecer en compaña e no pub, que por se algún de vós o descoñecedes, a palabra pub provén de public house, ou sexa, a casa pública ou a casa de todos, o lugar por onde o irlandés adoita pasar despois da súa xornada laboral a tomar unha pinta. Tanto ten que sexa sábado coma domingo ou luns, os pub’s sempre estaban ateigados de xente, incrible pero certo, sendo luns e estando de vacacións agardaba atopa-lo pub valeiro ás dez da noite, pois non, ali estaban unha chea de paisanos tomando as súas pintas e ollando de reollo as televisións onde botaban as carreiras de cabalos, apostar, outra das súas afeccións. No tocante ás cervexas máis consumidas polos irlandeses deume a impresión que os gostos están a trocar, por suposto que a máis consumida era a Guinness Stout, seguida doutras irlandesas como a Kilkenny Beamish ou a Murphy's, pero tamén puiden ollar como consumian tamén moito a Paulaner, unha cervexa alemana, polo tanto o tópico de que os irlandeses somentes consumen a stout cada dia ten menos credibilidade.

Acompáñovos o texto cun par de fotos sacadas nalgúns dos pub’s que puiden visitar na miña visita cultural cervexeira a Dublín, o Cassiddy’s que foi o primeiro pub que visitei e no que degustei a miña primeira pinta 100% irlandesa, o Whelan’s no que desfrutamos da irish music en directo, un pub dos máis sobranceiros da cidade e o Bledding Horse, o pub que tiñamos debaixo do hotel e polo que nos pasabamos cada noite antes de recollernos, sempre a tope de xente e cuns camareiros moi simpáticos aos que lle tiña que berrar para pedir unha ronda. Caso aparte foi a visita á St. James’s Brewery, a fábrica da famosa cervexa negra Guinness, pero diso, como xa vos comentei antes da viaxe, haberá un capítulo especial do mundo da cervexa para falar delo.

Unha vez máis recoméndovos a viaxe a Dublín, cidade cosmopolita, acolledora, cunha chea de cousas para ollar e para divertirse, mágoa que sexa un chisco cara de máis, pero tamén supoño que os soldos alí non serán os que temos aquí, senón estaban apañados, por certo, como non ia enche-lo artigo con multitude de fotos, máis que nada porque o espazo non da para máis, podédesvos pasar polo meu flick-r a botarlle unha ollada a algunha foto máis que subin estes dias.

Para rematar, dicirvos que inda que a Guinness é unha magnífica cervexa negra, a miña sout preferida segue a se-la Tennent's escocesa, descubrinna hai uns dez anos no pub Scottish Higlander de Pontevedra, xa pechado, agora non a atopo por ningures, agardo tamén desfrutala en vivo nun pub de Glasgow ou Edimburgo un dia destes, pero iso xa é outra historia.

Como ben din os irlandeses, Slàinte !!!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 10 xun 2008 03:32 pm

Unhas vacacións en Dublin II (cultura)

Se hai algo pon enriba de todo, que un forasteiro pode ollar na súa visita á capital de Irlanda son monumentos, o primeiro que nos chamaria a atención unha vez aterremos en calqueira das rúas do centro de Dublín son a infinidade de edificios e monumentos con historia que esta cidade atesoura. Se lle preguntamos a calqueira dublinés por algo que non poidamos deixar de ollar nunha visita duns cantos dias, de seguro que él respostaríanos que a Catedral de San Patricio, o Trinity College ou Castelo de Dublín, pero isto tamén depende da idade do interpelado, porque se falamos cunha persoa moza (son maioria nesta cidade) é moi probable que nos falara do Temple bar ou da fábrica de Guinness.

Un consello quérovos dar, Dublin é unha cidade para percorrer a pe, e ben cómpren alomenos tres ou catro dias para poder dicir que a visitamos a conciencia, no meu caso estiven tres dias, dos cales un foi domingo e quedáronme no tinteiro un par de cousas que quixera ter visitado, principalmente o cárcere de Kilmainhan Gaol, onde se rodaron escenas de películas como En el nombre del padre, e que ven sendo todo un símbolo para o nacionalismo irlandés na súa loita contra os ingleses, tamé ficamos sen visitar a fábrica do irish whiskey Jameson e unha visita a Glendalough, no Condado de Wicklow, unha paraxe natural moi fermosa á cal non puidemos ir por falla de tempo.

E logo, ¿que foi o que visitamos? Pois o Trinity College, a universidade máis antiga de Irlanda, fundada no ano 1592 e na que puidemos olla-la exposición do Book of Kells, o libro dos celtas, manuscritos dos que non puiden tirar fotografías, posto que en tódolos edificios que visitamos está prohibido o emprego de cámaras de foto e video, iso si, na maioria das visitas tivemos que pagar por entrar, o importe oscilaba entre os 8-10 euros por barba persoa. Tamén estivemos no Castelo de Dublin e os seus xardins anexos, nos que se celebraba o dia de África cun multitudinario concerto ao aire libre, na catedral de San Patricio, que data do ano 1191 e atopábase en obras, mala sorte, polas obras e por non poder tirar fotos dentro tampouco. Pasamos tamén pola Christ Church Cathedral e mailo museo Dublinia, que están un ao carón do outro na rúa St. Michael's Hill, a catedral é anglicana e unha das tres que hai en Dublin, tamén ollamos a Custom House, edificio éste impresionante.

Polo demais, pasear por unha cidade coma a de Dublin sempre é gratificante , o que máis nos pode chama-la atención é o tremendo vento reinante ao longo de todo o dia, tanto ten estar perto do rio Liffey como polo medio de rúas máis estreitas, sempre zoa o vento e moi forte, o tráfico é moi denso dende primeira hora da mañá -e logo queixámonos de Pontevedra- polo tanto hai que andar con moita precaución e ollar sempre á dereita -xa está indicado no chan- antes de cruzar unha rúa, de tódalas maneiras, os dublineses non fan moito caso dos semáforos. A oferta comercial é impresionante, hai unha chea de mercadillos coma o de George Street Arcade, tendas de roupa e música e por suposto pubs, pero dos pub's (public house) xa vos falarei nun capítulo aparte. Pasear por rúas como Grafton Street, Henry Street ou O'Connell Street é unha gozada, alí poderedes atopar calquer agasallos ou recordo que queirades traer da vosa visita, recoméndovos os almacéns Carrolls para mercar agasallos e os almacéns Penney's se queredes algo de roupa, son increiblemente baratos para os prezos de Dublin, pero máis barato todavia é sacarse unha foto con calqueira das estátuas que poderás atopar nas rúas do centro da cidade, como por exemplo a de Molly Malone ou a de James Joyce, por citar un par delas.

En resumo, non se pode dicir que se coñeza Irlanda por ter visitado Dublin, nin moito menos, pero foi un bo comezo para alguén coma min que nunca estivera ali antes, para unha vindeira ocasión agardo poder visitar algún lugar máis pequeno coma Kilkenny, Cork ou Galway, e poder estar en contacto coa Éire máis labrega, misteriosa e milenaria. Se estades interesados en visitar esta fantástica cidade podedes recopilar máis información na web Voy a dublin.com, un sitio moi interesante, con multitude de consellos e fotografias para planifica-la vosa viaxe á capital de Irlanda.

Por certo, se queredes ollar algunha foto máis, pasádevos pola miña galería de Flick R, pouco a pouco irei subindo algunha máis.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre & Fotografía 29 mai 2008 10:11 am

Unhas vacacións en Dublín I (Epílogo)

Xa estou de volta, antes de nada dicirvos, que a viaxe en avión directamente dende o aeroporto de Santiago de Compostela dura algo menos de dúas horas, polo tanto é un traxecto relativamente curto e que pasa nun abrir e pechar de ollos, do que si veño canso é de patear toda a cidade de Dublín, unha cidade cun perímetro abraiante, non pode ser menos nun sitio onde practicamente non hai edificios de máis de catro ou cinco alturas, o punto máis alto debe de se-lo Spire, un monumento no centro da cidade que ten 150 metros de altura, o segundo punto máis alto coido que será o "Gravity bar" da fábrica de Guinness.

A cidade de Baile Átha Cliath, -que é o nome que recibe Dublín en língua gaélica-, semella un museo ao aire libre, ten infinidade de cousas que ollar, polo tanto nos tres dias que estivemos alí poidemos contemplar parte delas pero non todas, posto que a excursión que tiñamos pensado facer ás aforas non puido ser por falla de tempo. O que destacaría principalmente da cidade é a amabilidade das súas xentes, en varias ocasións achegáronse canda a nós para ofrecernos a súa axuda na pescuda dalgunha rúa ou lugar que estabamos a localizar no mapa, tamén destacaria o feito de que Dublín ten que aturar un vento forte e persistente ao longo de todo o dia, algo que semella non preocupar moitos aos seus habitantes, posto que a maioria da xente ia en mangas de camisa e as mulleres mesmo en chanclas ou sandalias un sábado de madrugada, algo impensable nestas latitudes a 12 ou 13 graos e con ese vento. Dublin é unha mestura de razas e nacionalidades e iso refléxase por exemplo nos restaurantes que podemos atopar polas rúas, libaneses, nepalíes, indús, iraníes, polacos... polas rúas practicamente so atopabas xente xove, a media de idade é duns 25/30 anos e iso nótase por exemplo nos parques, na grande cantidade de xente que circula en bicicleta ou en calqueira pub, ateigado de xente calqueira dia da semana, e cando falo de calqueira dia refírome a luns e martes, e iso que eles madrugan moito, pero a súa pinta no pub falando cós amigos, ollando un partido de hurling ou as carreiras de cabalos ninguén llo pode quitar.

Polo de agora nada máis, nos vindeiros dias irei poñendo algunha foto e contándovos algo máis da miña experiencia na capital de Irlanda, pero para ir abrindo boca botádelle unha ollada á miña galeria de flick-r, xa teño colgadas algunhas fotos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 26 mai 2008 01:00 pm

¡¡ Hoxe cumprimos un ano !!

Case nada, hai que ver como pasa o tempo cando se está en boa compaña, agora mesmo o que vos escrebe estas liñas atópase desfrutando dunhas merecidas vacacións en Irlanda, do que dea de si esta viaxe xa vos contarei á volta, por suposto haberá un capítulo especial para os seguidores do noso apartado O mundo da cervexa, porque visitando a cidade de Dublín non podiamos pasar por alto unha visita á St. James's Brewery, a mundialmente coñecida fábrica de Guinness na capital da verde Eirín, de onde sae en exclusividade a stout máis consumida no mundo.

Pouco vos podo dicir deste ano que hoxe cumprimos, con este primeiro post comezaba a miña andaina blogueira, un proxecto que naceu con moita ilusión e que veu recompensado o seu esforzo coas vosas visitas dia tras dia, unha experiencia gratificante polo feito de poder plasmar aqui as ideas que van xurdindo do meu maxín, pola posibilidade de coñecer a moita xente, compartir inquedanzas e adquirir coñecementos tamén.

Para os interesados nas estatísticas -que como as meigas, habelas hainas- dicir que neste tempo publiquei 285 post e tiven máis de 1200 comentarios vosos, algo que sempre é ilusionante, A ponte vella atópase nun meritorio posto nº 120 dos máis de 5.466 blogues existentes en língua galega (o chamado blogomillo) e no posto nº 4 dos cadastrados en Blogaliza, as visitas até o dia de hoxe foron ao redor de 30.000, que non está nada mal para levar un ano.

Quén sabe canto máis estaremos aqui, pero namentres sigamos tentaremos divertirnos e pasalo ben, diso non teñades dúbida.

 

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre & Historia 24 mai 2008 12:00 pm

Xa estamos camiño de Irlanda…

Chegou o dia agardado durante moito tempo, non vou dicir que toda a vida pero si algúns cantos anos, no mediodia de hoxe embarcamos rumbo á illa esmeralda, ali agárdannos catro dias que prometen ser moi intensos, a cidade de Dublín e mailos seus arredores teñen moitos atractivos e haberá que andar lixeiro para poder olla-lo todo. En principio e se as previsións son acertadas, agardamos poder visitar o Castelo de Dublín, a sede do Parlamento Irlandés, o Trinity College, a Catedral de San Patricio, o museu Dublinia, o Temple Bar, a cervexeria St. James's Brevery (a fábrica de Guinness) e facer unha escapada ao condado de Wicklow e visitar Glendalough, unha pequena vila fundada por San Kevin a finais do século V, atópase dentro dun parque nacional e é unha paraxe de altísimo nivel ecolóxico e histórico. Polo que puiden ollar estes dias o tempo semella que acompañará nos dias que estaremos aló, asi ben non haberá un sol tremendo -cousa pouco probable en Irlanda- estará alomenos despexado e non choverá, que sempre é de agradecer, imos ben pertrechado de cámaras para non deixarnos nada atrás, asi que á volta da viaxe compartirei con vós algunhas das fotos que traiamos.

Nada máis, por aqui supoño que todo seguirá igual estes dias, agardo levar unha sorpresa á volta e que o Pontevedra C.F. acadara un bo resultado en Ceuta, pero tamén confio en coñece-lo resultado alá mesmo, xa que os meus informantes non me defraudarán...jajaja.

Brindarei por elo e por vós cunha pinta de Guinness.

Slainte !!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 03 mar 2008 12:30 pm

¡¡ Preparando as vacacións de verán…!!

A partires de hoxe comezo a prepara-las miñas vacacións de verán, este ano algo máis adiantadas se cadra porque non podo dispor doutra data, polo tanto e se non hai trocos de última hora, serán para a segunda quincena do vindeiro mes de maio, logo supoño que tamén poderei coller algo en agosto, ou iso agardo. O lugar concreto inda está por decidir, en breve comezaremos (a miña muller e máis eu) coa criba de destiños posibles, pero o máis seguro é que ao final a cousa quede entre dous que xa están medio decididos de antemán. Polo de agora non vos podo dar máis pistas, asi que amigos lectores de "A ponte vella" podedes ir facendo as vosas apostas, somentes dareivos un apuntamento, o lugar en cuestión somentes ten fronteira con outro único país e atópase no norte de Europa.

A solución para primeiros de Maio.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 29 feb 2008 10:00 am

Unha frase e unha reflexión.

[ En el mundo actual se está invirtiendo cinco veces más en medicamentos para la virilidad masculina y en silicona para las mujeres, que en la cura del Alzheimer, de aqui a unos años tendremos viejas de tetas grandes y ancianos con pene duro, pero ninguno de ellos se acordará para qué sirven... ]

 

-por xentileza de Maruxa-

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 31 dec 2007 07:30 am

Facendo balanzo do blogue; reflexións, agradecementos e autobombo.

Non quixera ser como eses malos artistas, que cando do seu maxín xa non saen ideas nin temas sobre os que escribir, sacan un disco recopilatorio inda que so leven dous discos no mercado, éste non é o caso, máis ben sentinme na obriga comigo mesmo de facer balanzo do que me aportou persoalmente o feito de ter un blogue dende hai sete meses.

Comecei aló polo mes de maio e como ben daba conta no meu primeiro post, facíao con toda a ilusión dun neno pequeno, sempre me gustou escribir, hai anos e anos, cando era estudante, adoitaba escribir aos xornais de Pontevedra para opinar de aspectos ou cousas da miña cidade que se podian mellorar ou directamente de cousas que se facian mal e habia que amañar, aqueles eran tempos dos governos de Cobián e de Pedrosa, de Rivas Fontán non me lembro xa demasiado. Neste proxecto comecei publicando cunha asiduidade inaudita, case que diariamente posteaba algunha noticia sobre Pontevedra, pero supoño que os que levades tempo pasándovos por aqui, xa vos dariades conta que o ritmo foi decrecendo un pouco e que a temática, que antes pasaba por ser exclusivamente sobre a miña cidade, tamén foi mudando un pouco e agora falo case de todo, con especial preferencia sobre Pontevedra, pero dándolle tamén especial importancia aos meus gustos e ás miñas aficións, que para iso é un blogue, para que cada un escriba o que lle pete, o idioma da escrita é preferentemente en galego, inda que de cando en vez escriba algo en castelán, pero có galego síntome máis a gusto ao escribir. Na miña opinión o principal atranco que ten un blogue é sacar tempo de onde sexa para podelo manter, a dia de hoxe eu teño ese tempo, pero máis adiante quén sabe, a vida da moitas voltas, pero tentarei estar aqui alomenos un tempo máis.

O blogue serviume para coñecer a moita xente, algunha con blogue e outra non, algunha de Pontevedra e outra de calqueira parte, nestes meses que levo na rede fixemos un pequeno "blogomillo pontevedrés" entre uns cantos, quixera destacar ao meu mentor Andrés Milleiro, un gran amigo, un mellor informático e un granate convencido, tamén aprendín moito de Manuls e o seu blogue "Atún,tun,tun", rinme có blogue de "Diario de un suevo", tiven as miñas discusións sobre política local no blogue de César Abal, informeime sobre Pontevedra no blogue de "Beber para olvidar", (éste si que é o Diario dixital e non o outro) e estiven ao tanto das historias dende Inglaterra no blogue de "Radio macuto". Sei que algún me pode quedar no tinteiro, e refírome a Contacontos, Apunta para non o esquecer, Apuntes en sucio, ou o blog de Anxélica, coa que falo de cinema e de series de cando en vez, en fin, son moitos os que visito en canto podo, pero estariamos aqui dias e hoxe tedes que botar unha man na casa a prepara-la cea de fin de ano, asi que non me vou liar máis.

Dicir para rematar que agradézovos a todos as vosas visitas, os vosos comentarios e o estar ahí dia a dia para que falemos, comentemos e desfrutemos desta ferramenta marabillosa que é o blogue e a rede de internet, como ben di Xurxo Souto no seu programa de música galega "Aberto por reformas", [...navegamos nun océano de mil ribeiras], pois eu xa descubrin unhas cantas, e teño toda a vida por diante para chegar a moitas máis.

Por certo, e a modo de anécdota, comentar que na listaxe que fai Blogaliza dos 4509 (actualmente) blogues escritos en galego en toda a rede, o chamado "blogomillo", estou a dia de hoxe no meritorio posto número 128, o que considero que non está mal para un blogue con menos dun ano de vida, na listaxe de Blogaliza, os blogues en galego pero que residen no seu servidor estou no posto número 7, o que todavia está mellor :)

Un saúdos e graciñas a todos/todas.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 24 dec 2007 08:00 am

Desfrutade das festas !!!

Pouco vos podo dicir nun dia coma hoxe que non haxades escoitado ou lido xa, persoalmente este Nadal paréceme un pouco raro, non sei, pode que sexa a crise económica, inda que non o recoñeceran abertamente, pero dame a impresión de que este ano a xente non está tan implicada nestas festas coma anos anteriores, non se olla pola rúa o ambiente doutras ocasións, non hai esa ledicia e ese "bo rollo" que houbo noutrora, pode que sexa o petróleo polas nubes, o Euribor no seu ponto máis alto en anos ou cecais que este inverno non pareza un inverno, non chove apenas, o frio chegou hai un par de dias e non vin a neve por ningures. No meu caso o nadal é unha época de traballo, case diria que a de máis traballo de todo o ano e non desfruto dela coma fan os amigos, pero por iso non deixan de ser uns dias que agardo con impaciencia e non por motivos estrictamente relixiosos, senón por compartir estes dias coa familia, porque se algo témolos galegos moi presente é á nosa familia, e non hai nada mellor que xuntarse de cando en vez a rifar cós pais ou os avós diante dunhas cigaliñas e unha copa de albariño, porque xa sei que estas ceas e estas xuntanzas familiares poida que sexan un tostón para algúns, pero non está mal de cando en vez compartir mesa e mantel coa xente que ao mellor non ves en todo o resto do ano.

Polo tanto, vaia dende aqui a miña sinceira felicitación de Nadal, para todos e todas os que vos pasades por aqui a leer de cando en vez o que se me ocorre escribir, agardo que pasedes uns bos dias de festa na compaña de toda a vosa xente e que sigamos falando, discutindo e comentando cousas no vindeiro ano có mesmo humor de sempre.

 Unha aperta a todos e todas, bo Nadal 2007 !!! :)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

« Páxina anteriorSeguinte páxina »