Category ArchiveMúsica
Música 30 out 2008 09:00 pm
Festival Floorstomper 60′S weekend en Pontevedra
Menuda sorpresa, un dos meus grupos preferidos do pop español, chámeselle mod ou chámeselle indie son Cooper, e esta fin de semana tocarán en Pontevedra, xa estiveran hai un par de anos na praza do Teucro, no festival vibrasons, pero daquela nin me decatara do tema, asi que o concerto da noite do venres é unha magnífica oportunidade para olla-los en directo, hai anos que estou fascinado con cancións súas como Cierra los ojos, canción del viernes, un dia de furia ou Diciembre, auténticos temas cheos de boas melodias e mellores letras da man de Alex Diez (Ex flechazos) e maila súa banda.
.jpg)
Asi que tentarei convencer ao meu irmán e pasarme pola sala Karma esta noite de venres, o concerto será a iso das 22:00 horas e se algún de vós está interesado, nesta web do festival poderes obter maís información.
chúzame -
Música 17 out 2008 09:00 am
Fuxan os ventos, historia viva do noso País

Moitos de nós medramos coas súas cancións, temas éstes que hoxendia seguen a ser verdadeiros himnos que nos falan de liberdade e democracia para tódolos galegos e galegas. Fuxan os ventos formáranse aló polo ano 1972, cando eu inda non nacera, a cidade de Lugo foi o berce dun grupo que chegou a se-lo máis senlleiro da canción protesta galega xunto con Suso Vaamonde, cancións como cantiga para adormiña-la lembraza, romance da lavandeira ou meu amor mariñeiro fanme tremer de emoción despois de máis de vinte anos escoitándoas, as súas letras fálannos das penurias e dificultades que os nosos pais e avós pasaron no seu dia e do dificil que foi acada-lo grao de autonomia e de liberdade que temos os galegos e galegas do século XXI.
Estes dias están de novo de actualidade, Fuxan os ventos voltan con novo disco após de máis de vinte anos sen subir a un escenario, presentarán Terra de soños este fin de semana en Compostela e algún afortunado poderaos ollar en directo, namentres eu déixovos con un dos mellores e máis coñecidos temas que gravaron, meu amor mariñeiro, unha canción que fala do mar e dos nosos mariñeiros, de liberdade e de esperanza nun futuro mellor para Galiza... o video non é oficial, é unha montaxe fotográfica que atopei no youtube, de tódalas maneiras disfrutádea igualmente.
chúzame -
Música 15 set 2008 08:00 am
Celtas cortos - Retales de una vida [video]

Supoño que todos saberedes da miña debilidade pola música folk e tamén por tódalas súas correntes alternativas ou fusións, folk rock, folk metal ou mesmo ska acompañado de gaita ou acordeón. Hoxe quérovos falar do novo disco dunha banda mítica na escena folkie española, poucos de vós haberá que non coñezades aos pucelanos Celtas Cortos, son historia e lenda viva desta música.
A banda orixinaria de Valladolid fundouse no ano 1986 despois de gañar un concurso de folk có nome de Colectivo Eurofolk, logo trocarian o seu nome polo de Celtas Cortos, ¿lembrades a portada dos seus primeiros discos? nela aparecia o guerreiro celta da famosa marca de tabaco e sempre me lembro do meu avó cando vexo ese paquete ou o doutra marca chamada Record. Celtas Cortos levan unha dilatada carreira de máis de vinte anos, pateando festivais por todo o Estado Español e deleitándonos con ese son tan característico que define a unha banda tan comprometida como eles, solidarizándose có movemento okupa, antimilitarista ou ecoloxista entre outros, eu estiven unha tempada vivindo en Valladolid e marchei de alí sen chegalos a ollar en directo, teño tres discos deles pero nunca a oportunidade de ir a un concerto seu, ogallá un ano destes veñan por Pontevedra, sen ir máis lonxe o pasado venres 12/9 estiveron no Milladoiro (Santiago de Compostela). Aqui déixovos có video presentación do seu novo disco 40 de Abril, disco éste que saiu á venda a primeiros deste mes de Setembro, o seu primeiro single titúlase Retales de unha vida, un fermoso tema sen dúbida.
Por certo, a camisola que leva Cifuentes, a dos Rage Against the Machine coa faciana do Che Guevara ,xa a tiña eu hai uns 18 anos...
chúzame -
Música 01 set 2008 09:30 am
“In extremo”, folk-metal dende centroeuropa
Son unha referencia da música metal mesturada cós sons medievais máis antigos e remotos. In extremo (do latín "na fin ou no extremo") é unha banda alemana de folk-metal que xurdiu aló polo ano 1995, comezaron tocando en pequenos festivais medievais ao longo de todo o territorio alemán e pouco a pouco foron collendo sona en toda Europa, a súa música inspírase en melodias populares do Medievo que son interpretadas principalmente por gaitas, harpas, laúdes ou bombardas, pero tamén por outros instrumentos construidos por eles mesmos. A banda, que está na liña de grupos como Corvus Corax, Rammstein ou (salvando as distancias) Hedningarna, -aos cales tiven a oportunidade de ollar hai anos nun concerto que deron na Coruña- interpreta tanto cancións en alemán como noutros idiomas, latín, noruego, sueco ou mesmo galego-portugués medieval, a súa estética destaca polo emprego de vestimentas alusivas á época que inclúe tamén armaduras, fixádevos nas tatuaxes baseadas (supoño) en gravados célticos ou rúnicos, dicir tamén que este xénero do folk-metal ten un mercado impresionante en Centroeuropa, onde hai toda unha lexión de grupos que o practican.
O tema que vos traio aqui titúlase Liam e pertence ao seu disco Mein Rasend Herz, cabe destaca-lo fatástico son en directo que ten esta banda e a magnífica posta en escea, incluindo tamén a pirocténia que fai que os seus concertos sexan espectaculares, como estamos na semana previa á Feira Franca 2008 un pouco de música para ir quentando o fin de semana non está de máis, desfrutade do video e da fin de semana que nos agarda a tódolos pontevedreses e aos foráneos que nos han visitar neste venres e sábado.
chúzame -
Música 28 ago 2008 09:00 am
O “Viva la vida” dos ingleses Coldplay
Eles para nada son uns viva la vida e traballaron duro dende o seu anterior disco titulado X&Y, o novo traballo que sacaron ao mercado o pasado 17 de Xuño é boa mostra delo, o seu segundo single é precisamente o que vos traio aqui, escoiteino este pasado fin de semana nun pub de Pontevedra é pareceume absolutamente xenial este viva la vida da banda liderada por Chris Martin, o disco que por certo ten unha portada curiosa cando menos -nela aparece La libertad guiando al pueblo, o famoso cadro que reprenta ao povo francés erguido en armas contra o seu rei no ano 1830- ten por título Viva la vida or Death and all his friends e tomou o nome dun cadro da famosa pintora mexicana Frida Kahlo.
Coldplay levan sorprendéndome máis de dez anos coa súa música, dende aquel fantástico primeiro disco que teño entre os meus favoritos titulado Parachutes, nótase unha evolución no seu son pero non deixan de sorprendendernos con fermosos medios tempos ou con temas máis movidos con riffs de guitarra potentes e baterias atronadoras. Coldplay leva colabourando xa moitos anos con organizacións humanitarias coma Intermón Oxfam e Amnistía Internacional e nunca prestou ningunha das súas cancións para anuncios publicitarios, algo que lles fai merecedores de toda a miña admiración e respecto, aqui téde-lo video.
chúzame -
Deportes & Música 21 ago 2008 08:30 am
Dandy fever e Duff Hooligans en Pontevedra
Hai cousa dun par de semanas e con motivo do festival Vibrasons 08, comentábavos que estaria ben que se pasase por Pontevedra algún grupo de ska de cando en vez, máis que nada porque nos últimos anos so me lembro de Kogito hai uns meses e pouco máis, tamén é certo que na nosa cidade tampouco se pode dicir que teñamos unha programación de concertos demasiado extensa, a verdade. Asi que falando de ska, o outro dia atopei este cartaz dun concerto programado para o vindeiro sábado 23 de agosto na sala Revira, cerne dun dos movementos músico-culturais máis importantes da nosa cidade, desta volta son a xente de Furya Granate, siareiros do Pontevedra C.F. os que celebran cunha festa-concerto a volta do campionato de liga de 2º B, e coa cal prentenden comezar a move-la afección granate de cara á nova tempada, unha boa iniciativa unha vez máis dun dos colectivos de animación máis activos -senón o que máis- dentro da fantástica hinchada que temos en Pontevedra.

Pois iso, parabéns aos rapaces de Furya Granate pola iniciativa deste concerto na nosa cidade, agardo poder pasarme por alí -inda que so sexa un ratiño- a escoita-lo ska dos Dandy Fever, dos Duff Hooligans si que non sei nada, pero polo nome supoño que serán fans dos Simpsons e farán música futboleira, tamén agardo estar convidado a unha cervexa ben fresquiña pola publicidade de balde que lles acabo de facer..
chúzame -
Axenda & Música 15 ago 2008 08:00 am
Concerto dos “Luar na lubre” en Pontevedra
Levan a nosa música e tamén a nosa cultura alá onde viaxan, son de seguro o grupo galego de música folc máis internacionalmente coñecido despois dos grandísimos Milladoiro e do gaiteiro Carlos Núñez, a formación comandado por Bieito Romero tocarán a noite do 17 de Agosto na praza da Ferreria de Pontevedra, cecais sexa casualidade ou non que toquen precisamente neste dia na nosa cidade, unha data tan importante para a memoria galega coma a que se conmemora hoxe, o dia dos mártires galegos, o aniversario da morte de Alexandre Bóveda, tendo en conta isto, que mellor homenaxe que a dun grupo galego.
Luar na Lubre levan unha chea de anos facendo da nosa música un produto de exportación, as súas melodias e tamén as súas letras engancharon a milleiros de afeccionados ao folc, aqui e en todo o mundo, teñen tocado nos máis importantes festivais de música celta do mundo, dende o galego Festival do Mundo Celta de Ortigueira ate o Intercéltico de Lorient na Bretaña (República de Francia). Eu tiven a oportunidade de coñecelos en persoa nunha viaxe que fixen hai anos ao Bierzo, nun festival no que eles tocaban antes de viaxar de novo cara ao Québec (Canadá), presentoumos unha amiga e botamos unha parrafada con Bieito Romero, Rosa Cedrón (a vocalista daquela) e o resto do grupo, logo tamén estiven en varias ocasións na súa taberna folc na Coruña, que dicir deles, sobre todo do gaiteiro Bieito Romero, un tipo xenial, un galego dos pes á cabeza, orgulloso de leva-la nosa cultura e o nome do noso País polo mundo adiante.
Dende este recuncho de A ponte vella, recoméndovo-lo concerto encarecidamente, Luar na Lubre son de seguro hoxendia, o mellor directo que podedes ollar dun grupo galego de folc, todo un espectáculo para a vista e os sentidos, unha aposta moi atinada por parte do Concello de Pontevedra a súa contratación, de seguro que non defaudará a ninguén, presentarannos o seu último disco Camiños da fin da terra, déixovos có meu tema preferido Chove en Santiago, na voz da súa anterior vocalista, Rosa Cedrón.
chúzame -
Música 02 ago 2008 08:00 am
Wolfstone, na carballeira de Zas (A Coruña)
Son sen dúbida o mellor grupo de folc-rock da historia, esta noite tocarán unha vez máis na nosa terra e faranno desta volta na Festa da Carballeira de Zas (A Coruña). Wolfstone son para os que non os coñezades, na miña opinión particular e coido que na de moitos afeccionados á fusión de folc e rock, o mellor grupo que deu este xénero musical, levan perto de vinte anos tocando nos mellores e máis importantes festivais do mundo e xa pasaron por Galiza unhas cantas veces.

Teño unha chea de discos deles, pero tiven a ocasión de ollalos por primeira vez no Intercéltico do Morrazo (Moaña) a principios dos anos noventa, cando tamén estaba en todo o seu apoxeo o festival Herba e Son de Cangas do Morrazo, os que sexades bos afeccionados ao folc lembrarédelo de seguro, como dicia, a primeira vez que escoitei a súa música foi na edición na que a organización trasladou o concerto do campo de fútbol de Moaña a unha canteira que se atopaba na estrada de Moaña a Domaio -coido que se chamaba a canteira do Cocho-, pasaron xa unha chea de anos, foi un festival no que tamén estiveran os asturianos Felpeyu. Anos despois olleinos por segunda vez no Intercéltico de A Coruña, un festival que tivo un primeiro cartel impresionante pero que debeu morrer de éxito, ou cecais porque ao alcalde Sir Vázquez tampouco lle tiraría demasiado, porque coido que non houbo segunda edición, tamén estiveron en Ortigueira e eu por suposto estaba presente. O grupo fundado no ano 1989 e liderazo por Duncan Chisholm tocará esta noite na Festa da Carballeira de Zas, se tede-la oportunidade coma Ulmo de achegarvos alí, de seguro que pasaredes unha marabillosa velada, foron e seguen a ser un grupo impresionante.
Déixovos cun video gravado precisamente naqueles anos nos que tiven a oportunidade de ollalos, aló por principios dos noventa, o seus directos son algo impresionante, cargados de forza e enerxía.
chúzame -
Música 29 xull 2008 09:01 am
Festival “Vibrasons 08″ en Pontevedra
Terá lugar na Praza da Ferrería (houbo troco de ubicación) da nosa cidade os dias 31 de xullo, 1 e 2 de agosto e será a súa segunda edición, o ano pasado tocaran os Cooper e non puiden ir a ollalos, unha mágoa, pero algún dos asistentes subiu un video ao portal youtube e se tedes curiosidade podedes botarlle unha ollada aqui. Para os que non coñezades todavia o festival, comentarvos que bebe de diversos ritmos que van dende o funk, soul ou rythm&blues ate o rock ou a música indie, como foi o caso dalgúns grupos do ano pasado, dos que destacaron por riba de todos Cooper ou Los Coronas. Un dos puntos fortes do Vibrasons 08, que terá lugar en pleno corazón do casco vello da cidade de Pontevedra, é a súa gratuidade, tódolos concertos son de balde pero o aforo é limitado, asi que se queredes ollar a grupos como o composto polos galegos (e arxentinos) Phantom Club dádevos presa en chegar, de seguro que desfrutaredes/desfrutaremos dos seus acordes nun marco incomparable. Para ir abrindo boca aqui tedes un video dos Phantom Club precisamente, chámase Funksiona e pertence ao seu primeiro disco.
Tendo en conta o amplo abano de ritmos musicais que nos propoñen, persoalmente pediria un grupo de ska ou rocksteady como os Transilvanians para o vindeiro ano.
chúzame -
Música 11 xull 2008 11:00 am
Amy Winehouse, a posible fin dunha fermosa voz
Coñecin a súa música o ano pasado, a cantante británica sacara ao mercado o seu segundo traballo discográfico titulado Back to black cun single do mesmo nome, no que demostra ter unha sensibilidade e unha voz para a música soul fóra do común, daquela época son os seus mellores concertos que poderedes atopar en youtube, tamén as fotografías nas que a británica mostra a súa mellor faciana, porque dun tempo cara a esta parte entrou nunha deriva moi perigosa, semella que algúns artistas teñen que vivir no limbo, e iso é o que está a facer Amy Winehouse. Esta pasada fin de semana puiden ollar na televisión un resumo do festival Rock in Rio, que tivo lugar na localidade madrileña de Arganda del Rey, triste de min, porque o espectáculo que deu a cantante británica foi cando menos lamentable, inda que a xente que estaba alí congregada a coreaba e jaleaba, como non querendo ollar o que alí estaba a acontecer, unha figura tremendamente desmellorada, coa voz completamente rota, visiblimente "colocada" e tomándose o concerto a broma, ríndose cando se esquecia da letra e bebendo copas namentres cantaba as cancións, fixádevos como seria o seu estado, que tivo que trocar os seus zapatos de tacón por unhas "bailarinas", para así non dar cós seus ósos non chan. Vergoña allea foi o que sentín ao presenciar tal lamentable espectáculo, eu que hai escasamente un ano estaba marabillado coa súa voz e o seu estilo inconfundible, teño que recoñecer que éste pode se-lo final dunha carreira musical fulgurante, unha carreira que prometía moito e que pode ser truncada debido á súa adicción ás drogas.
Cabe destaca-lo oficio, a entrega e o compromiso dos seus músicos, xente moi profesional que mantivo o nivel ao longo de toda a súa actuación, demostrando a súa entereza e mailo seu saber estar en todo momento. Quédome coa miña canción favorita de Amy Winehouse, Back to black, a que lle deu título ao seu segundo disco e que na miña humilde opinión, foi a mellor canción do pasado ano 2007, quédome có mellor dela e agardo que se chegue a recuperar, polo seu ben e o da música.
chúzame -
Música 19 xun 2008 01:00 pm
Sorprendente versión “eléctrica” do Canon de Pachelbel
Non teño nin idea da nacionalidade do rapaz que sae tocando neste video, pero coido que o seu nome é Funtwo, o que si me atreveria a augurarlle é un futuro prometedor no mundo da música. O video que foi subido ao portal youtube no mes de nadal do ano 2005 pasoumo un amigo hai uns dias, o primeiro que me sorprendeu antes de comezar a olla-las imaxes foi a espectacular cantidade de visitas que tivo nestes dous anos e medio, máis de corenta e un millóns e medio, posiblemente o video de youtube con máis visitas que ollei na miña vida. O tema en cuestión é o Canon do compositor alemán Johann Pachelbel, certamente o seu nome completo é Canon e Giga en Re maior para tres violinos e baixo continuo, un clásico da música barroca e que máis dun empregou o dia da súa voda.
O dito, non perdades detalle desta fantástica interpretación, sinceiramente sorprende o dominio da guitarra que ten este fulano rapaz.
chúzame -
Música 05 xun 2008 01:00 pm
U2 dende os “quays” de Dublin
O amigo Andrés Milleiro, un apaixonado da música destes irlandeses, envioume hai uns dias este video que tedes a continuación, trátase do tema de sobra coñecido por todos beautiful day interpretado en directo pola banda irlandesa dende a azotea do Clarence hotel, un negocio da súa propiedade na cidade de Dublin. Andrés xa me manifestara en varias ocasións a súa afección por esta banda de rock, e tamén me instara a face-la rota de U2 na miña recente visita á cidade de Dublín,-onde son numerosas as referencias a eles que hai na cidade- pero por falla de tempo non puido ser, agora que puiden olla-lo video fágome máis ou menos unha idea de onde pode estar localizado este hotel de 5 estrelas, na zona que lle veñen chamando os "quays", os arredores do rio Liffey, polo tanto de seguro que pasei por diante de camiño á fábrica de Guinness. Son moitas as lembranzas que me veñen á cabeza ao ollar estas imaxes de novo, a ponte de ha'ppeny brigde, os autobuses de Dublin-bus nunha cidade de tráfico heavy, o vento tremendo que facia sempre na cidade ou esas casiñas baixas ao carón do rio Liffey.
Graciñas por lembrame todo isto Andrés !!
chúzame -






