Category ArchiveDeportes
Deportes 30 Xun 2008 03:41 pm
A mellor selección de Europa…

Hoxe non hai outra noticia, o deporte centrou tódalas conversas no traballo, na praia ou en calqueira parte, está claro que ninguén se puido sustraer ao acontecido onte, nunca tanto share tivo unha televisión española, algo máis de 14 millóns de telespectadores ou o que é o mesmo, un 80,9 % de audiencia para a final da Eurocopa de nacións, partidazo do máis alto nivel que enfrontaba ás seleccións de España e Alemaña. Como grande afeccionado ao fúbol que son por suposto que ollei o partido, como tantos pontevedreses que ao rematar sairon ás rúas, sobre todo á fonte diante do concello. Onte palpábase o ambente futbolístico en calqueira recuncho da cidade, tanto ou máis que nunha fase de ascenso do noso querido pontevedriña, e como o divertido e o máis emocionante é olla-lo partido cós colegas, tomeime unha cervexa antes do partido nunha coñecida cervexeria de Poio, un local con moito ambente futboleiro, e que demo!! porqué non vou a dar publicidade... a cervexería chámase ANFIELD e está rexentada por un inglés-galego fan do Liverpool de Fernando Torres, un sitio magnífico para ollar un partido, cunha chea de pantallas de televisión e de birras de importación.
Pois iso, so me resta darlle-los parabéns aos rapaces que fixeron posible semellante trunfo do fútbol español, eu a verdade non contaba con eles, xa o comentara neste post, pero có fútbol de toque e de precisión que fixeron non podian menos que se-los vencedores, foi o equipo máis regular de todo o campionato, o máis goleador, o menos goleado e do once ideal da U.E.F.A nove xogadores son da selección española, impresionante números.
Parabéns polo trunfo !!
foto: www.lavozdegalicia.com
chuzame -
Deportes 06 Xun 2008 05:00 pm
Fútbol, fútbol e máis fútbol…
Coido que a ninguén se lle escapará o feito de que ese fin de semana comeza a Euro-2008, ou o que vén sendo o mesmo, a Eurocopa de fútbol a celebrar conxuntamente entre Suiza e Austria dende hoxe ate o vindeiro dia 29 de Xuño, dia no que se xogará a final en Viena. Supoño que non fará falla dicirvos que son un grande afeccionado ao fútbol, e unha vez rematada a tempada do Pontevedra C.F. hai que atopar outro entretemento para o verán (aparte de traballar claro), polo tanto eu e outros moitos afeccionados a este nobre deporte do balompé desfrutaremos dunha voráxine de partidos e máis partidos ao longo de case un mes, a razón de dous por dia e en horario non-laborable (o segundo deles) magnífica hora polo tanto.
Personalmente, as miñas apostas para esta Eurocopa-2008 son Italia, Portugal, Alemaña e Holanda, é máis, unha das favoritas para gañar na final de Viena coido que pode ser Portugal, a selección lusa ten un equipazo e asi ben, se polo de agora sempre tropezou nos derradeiros partidos, coido que desta volta o equipo dos Deco, Ricardo Carvalho, Paulo Ferreira ou Nuno Gomes poderán traballar á perfección para un dianteiro en racha como Cristiano Ronaldo, que tentará se-la estrela desta competición e demostrarlle a todos que ben vale os cartos que piden por el. No tema da selección española pouco que dicir, sendo sinceiro, coido que será máis do mesmo, por moitos xogadores que haxa na Premier League o combinado español non acaba de atopa-lo seu sitio e moito menos cun adestrador cuestionado por todos como é Luis Aragonés, ogallá pasen de cuartos, inda que dubido moito que iso aconteza.
Por certo, cales son as vosas apostas ?
chuzame -
Deportes 03 Xun 2008 10:21 am
Isto xa comeza a ser unha penitencia…
Citando ao refraneiro popular, o acontecido o pasado domingo ven sendo algo moi semellante a aquelo que di que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, no caso do Pontevedra C.F. tres veces, porque somos asi de chulos, que para iso somos a capital da provincia.
Xa case que recuperado do tremendo pao da eliminación -as primeiras de cambio- do play-off polo ascenso á Segunda División A, inda non me podo explicar o porqué dese baixón físico e de xogo precisamente no partido decisivo e precisamente xogando na casa, respaldados por 10.000 persoas e con un resultado no partido de ida bastante favorable, ¿que foi o que fallou desta volta?, se cadra ¿temos unha plantilla sen ambición?, ¿porqué se agochan algúns xogadores cando chega un partido tan decisivo?, ¿porqué non saimos concentrados todo o partido?... preguntas que despois duns dias de reflexión terán que respostar Nino Mirón e a directiva do clube, as cousas cando se planifican mal adoitan sair peor, polo tanto para o vindeiro ano haberá que facelas a conciencia, o ciclo de Xabi Gracia está esgotado, cómpre unha remodelación profunda na plantilla, comezando polo adestrador e o preparador físico e continuando por algúns directivos e moitos xogadores que non deron a talla, sobre todo moitas das novas incorporacións. Que contraten xente con ambición e gañas de superarse e ascender, non a xente que por veterana xa está curtida e queimada e no ten motivación de ningún tipo.
Dende esta bitácora tamén quero destaca-lo xesto da vicepresidenta Lupe Murillo, que literalemente se partiu a cara polos que somos socios de norte cando nos veu a defender dunha actitude manifestamente agresiva, chulesca e de abuso de poder por parte das forzas antidisturbios da policia nacional, que para rematar cunha pequena trifulca entre dous socios da nosa bancada, non se lle ocorreu outra cousa que cargar contra todos nós a porrazos e con botes de fume... lamentable, ogallá tomen cartas no asunto e se depuren responsabilidades.
Ata o ano que vén -pese a todo o que está a chover-, alí estaremos unha vez máis para retira-lo noso abono de norte e apoiar ao noso equipo, en 2ª B ou onde faga falla.
chuzame -
Deportes 01 Xun 2008 11:30 am
Dia crucial para o Pontevedra C.F.
Hoxe é un dia crucial para o futuro máis inmediato do Pontevedra C.F., nunhas poucas horas, en concreto ás 19:00 horas deste domingo que semella amencer apacible e sen ameaza de choiva, o equipo da capital do Lérez xógase o pase á seguinte eliminatoria da fase de ascenso á Segunda División A.
Nun dia coma hoxe venme á lembranza aquel fatídico dia da eliminación có Córdoba, despois de que nos remontaron un 2-0 ao noso favor no primeiro tempo, con isto non quero ser cenizo nin chamar á mala sorte, pero non está de máis lembra-los erros pasados para non voltar a cometelos, polo tanto hoxe, tanto os xogadores coma os siareiros granates temos que sair concentrados ao 200% e creer nas nosas propias posibilidades, non busquemos excusas de si Bonnis, Igor ou mesmo Fran Rico van ou non xoga-lo partido, có que temos haberá que sair a por todas e iso é o que imos facer. Polo que puiden escoitar e ollar nos pasados dias, haberá unha magnífica entrada no municipal de Pasarón, mesmo rozaremo-lo cheo con esa nova bancada de tribuna que hoxe estrenarán os máis distinguidos socios granates, eu pola miña banda farei o ritual de tódalas fases de ascenso, despois do xantar achegareime coa miña confraria a tomar unhas cervexas á praza da Verdura, para dende alí e en compaña de tódalas peñas granates, baixar xuntos cara ao estadio e animar dende a bancada de norte ao noso equipo unha vez máis.
Agardemos que hoxe superémolo primeiro chanzo cara ao ascenso, estou seguro que asi será.
chuzame -
Deportes & Pontevedra 22 Mai 2008 11:00 am
Metidos de cheo na fase de ascenso
Un ano máis -e non perdín a conta, non vaiades pensar- o Pontevedra C.F. e por extensión toda a nosa cidade está metida de cheo no soño de subir á Segunda División A, a chamada Liga BBVA, nome éste que non ven sendo máis que un invento de tantos desta sociedade mercantilista e consumista na que vivemos. Pois ben, como vos comentaba, o pasado luns dia dezanove foi o sorteo dos emparellamentos e ao conxunto granate tocoulle en primeira rolda a A.D. Ceuta, un rival cuns números moi semellantes ao cadro pontevedrés, pero que nin de lonxe era o favorito das quinielas para este sorteo, segundo a votación que fixemos no foro non-oficial do Pontevedra C.F., o rival desexado por todos era o Zamora, un desprazamento máis ben curto e no que a marea granate de seguro estaria apoiando en masa ao noso equipo. Pero agora o que toca é o Ceuta, o partido será o vindeiro sábado 24 pola noitiña, retransmitido en directo por Localia Pontevedra, eu non estarei alí para ollalo en directo nin tampouco aqui para escoitalo pola radio ou ollalo por Localia, a esas horas da tarde-noite supoño estarei nalgún pub de Dublín tomándome unha pinta de Guinness e pode que teña que atura-lo festival de Eurovisión, -xa que os irlandeses tamén levan un friki deses-, asi que deixei aviso ao amigo Andrés Milleiro para que me teña ao tanto do resultado do partido, no de volta xa estarei pola casa e se pasamos xogaremos contra o vencedor do Girona-Barakaldo, unha boa viaxe esa á cidade basca de Barakaldo, pero iso é outro cantar e non imos a poñer o carro diante dos bois, non vaia se-lo conto como noutros anos e por tanto falar...
Ogallá teñamos sorte e academos un bo resultado na ida, tódolos socios e siareiros granates estamos có equipo e polo que contan a cidade e mailas súas institucións tamén se comezan a mover, estes dias haberá varias roldas de prensa para informarnos de iniciativas por parte do comercio e a hosteleria da cidade, o clube polo de agora informou que os prezos para o partido de volta serán os mesmos que os do ano pasado, asi que xa sabedes, a enche-lo municipal de Pasarón.
Sorte granates !!!
chuzame -
Deportes 14 Mai 2008 11:45 am
O textil español no ten quén o defenda
O xigante asiático irrumpe con forza na batalla das marcas deportivas, ou iso é o que semella á vista do contrato polo que a marcha chinesa Li-Ning equipará á selección española en tódalas súas modalidades deportivas para os vindeiros XX.OO. e Paraolímpicos de Pekín 2008. Esta marca que leva o nome do grande ximnasta chinés Li-Ning está tentando desbancar ás dúas grandes firmas de roupa deportiva Adidas e Nike, e que mellor escaparate que os Xogos Olímpicos a desputar no seu propio país. Li-Ning non é unha marca descoñecida no mundo do deporte, xa que dende hai anos que viste a varios dos equipos da N.B.A. norteamericana, o que si que non me agardaba era que acadaría un contrato có Comité Olímpico Español, pásome a explicar a continuación.
Entendo que Li-Ning é unha marca deportiva emerxente é ademais de China, polo tanto os prezos dos seus produtos é de supor que serán altamente competitivos, entendo tamén que coa actual crise económica non se pode andar a gasta-los cartos de calqueira maneira, pero inda asi, coido que o Comité Olímpico Español e por extensión o governo de España, deberían ter actuado cun pouco máis de visión de negocio e porqué non, de defensa dos intereses propios, sabedores de que na actualidade o único país que lle pode facer fronte ao mercado textil galego e español é o chinés, polo tanto non se debería facer unha insensatez como ésta e fortalecer inda máis ao teu rival.
Facendo unha similitude deportiva, ven sendo un caso semellante a aquel no que o Pontevedra C.F. deixou marchar a un dos seus principais xogadores que posteriormente foi a reforzar ao seu máximo rival na competición ligueira, o Rayo Vallecano de Madrid.
¿lembrádesvos?
chuzame -
Deportes 10 Mai 2008 09:05 am
Xogámonos o pase ao Play-off !!
E como se adoita dicir nestes casos, temos que gañar polo civil ou polo criminal, asi que non queda outra, nada de clasificacións virtuais nin contos, temos que saca-los tres puntos na casa e toma-lo último partido fóra de Pontevedra coma un mero trámite.
O Pontevedra C.F. xoga esta noite do sábado en Pasarón o seu derradeiro partido da liga regular 07-08 fronte a súa afección e contra o colista da táboa, o C.D. San Isidro, está claro que non podemos confiarnos, os xogadores deberán sair totalmente concentrados dende o primeiro minuto e nós estaremos alí con eles, atreveriame a dicir que de seguro o equipo rival estará primado, posto que hai moitos intereses ademais dos meramente deportivos para engancharse á cabeza da táboa e son moitos os que veñen apretando forte detrás, nunca tan desputada estivo unha clasificación para a fase coma este ano. Persoalmente agardo que haxa unha boa entrada no vello municipal de Pasarón, a directiva tivo o detalle de obsequiarnos a cada socio con outra entrada de balde para agasallar a un amigo ou a un familiar, e con iso acadar un magnífico ambente nas bancadas có cal poder presionar máis se cabe ao rival, ademais o espectáculo das tarxetas tamén promete.
O dito, non vos perdades o partido desta noite de sábado, non hai excusa de ningún tipo, xa podedes quedar coa pandilla para tomar unha cervexa antes porque de seguro o ambente nos arredores será xa de pre-fase, non quero que con isto semelle que hai demasiada euforia, pero os siareiros granates respostaremos unha vez máis á chamada do clube, agora tócalle ao equipo ser quén de clasificarse.
chuzame -
Deportes & Política 29 Abr 2008 03:22 pm
Mariano Rajoy e o Pontevedra Club de Fútbol
Veño de escoitar unhas declaracións do lider da oposición, o galego Mariano Rajoy, que me acaban de deixar fóra de lugar. O primeiro espada do Partido Popular respostaba a unhas preguntas sobre o fútbol español que lle facían onte na súa visita ao Clube de Tenis de Barcelona, cara ao final remataron por falar do importantísimo partido desta noite entre o F.C. Barcelona e o Manchester United, a semifinal da Liga de Campións...
Xornalista - ¿Quién piensa que ganará esta noche?
Mariano Rajoy - Pués mire usted, no es fácil porque el Manchester no es el Pontevedra precisamente, pero no hay que perder la fé <...>
E do resto da entrevista a verdade non me lembro, escoiteino na desconexión local da Cadena S.E.R. para Pontevedra, sei de sobra que Mariano Rajoy é merengue, pero iso non lle da dereito a mofarse unha vez máis de Pontevedra e dos pontevedreses, quizais a algún lle parecerá que non é para tanto, pero como socio do Pontevedra Club de Fútbol e por suposto como veciño de Pontevedra, lamento fondamente ter escoitado estas declaracións e máis vindo dunha persoa veciña da nosa cidade.
Dende de A ponte vella solicitamos unha rectificación por parte de Mariano Rajoy e unha desculpa a Pontevedra e a tódala súa cidadania que onte se veu menosprezada.
chuzame -
Deportes 19 Abr 2008 01:00 pm
Pontevedra C.F. vs Celta de Vigo B (20/04/08 17:00h)
Os dous equipos da provincia enfróntanse no que de seguro será un partido de nivel, ámbolos dúas escuadras agardan acada-la victoria este domingo e sumar eses tres puntos que serán tremendamente importantes, no caso dos granates para afianzarse máis nos postos darriba que nos darán o privilexio de xogar un ano máis o play-off de ascenso á Segunda División. Para min como socio e siareiro granate o de hoxe será un partido especial, sempre gosta xogar contra o noso veciño de Vigo, non por localismos estúpidos, cós que non estou para nada dacordo -todos somos galegos-, senón por mera rivalidade e por ollar aos xogadores celestes pisando a herba de Pasarón. O partido non será unha final pero si é moi importante para as nosas aspiracións, temos que continuar con esta racha de bos resultados que nos levaron outra vez a ocupa-los primeiros postos da táboa clasificatoria, o último partido na casa contra o Atlético de Madrid "B" conseguiu de novo esa comuñón entre xogadores e bancada, os derradeiros minutos do partido foron dunha intensidade como non se vivian no municipal de Pasarón dende hai moitos meses, a euforia unha vez rematado o partido tanto de afección coma de xogadores ten que ser unha inxección de ánimos para afronta-la recta final desta tempada na que os locais foron algo irregulares de máis.
Os de Xavi Gracia saben que estaremos con eles e que o vello Pasarón acollerá unha boa entrada, o Celta de Vigo "B" ven de da-la campanada contra o Universidad de las Palmas e virán a por todas, nós temos que asegura-la presenza na fase de ascenso un ano máis e queremo-la victoria, outra cousa non nos vale.
A por eles granates !!
chuzame -
Deportes & Fotografía 29 Mar 2008 09:06 am
Miguel Indurain en Pontevedra

El motivo de la visita fué la presentación del equipo ciclista del Super-Froiz 2008, el acto tuvo lugar en el Auditorio del Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra hace unos dias. El pentacampeón del Tour de Francia y ganador en dos ocasiones del Giro d'Italia, el navarro Miguel Indurain , visitaba nuestra ciudad para apoyar publicamente al equipo ciclista pontevedrés, como anteriormente lo habian hecho Federico Martín Bahamontes, Álvaro Pino y en esta ocasión Indurain acompañado del gallego Óscar Pereiro. Al día siguiente de la presentación del equipo ciclista, el deportista de Villaba visitó la central que el Grupo Froiz tiene en Poio (Pontevedra), donde se encuentra la sede del equipo ciclista dirigido por Evaristo Portela.
Aprovechando que este fenómeno del ciclismo visitaba nuestra ciudad, no pude dejar pasar la oportunidad de quitarme una foto con el y aunque suene al tópico de siempre, nos pareció una persona afable y cercana, siempre con una sonrisa en la boca y dispuesta a sacarse fotos con todo aquel que se lo solicitaba.
Un saludo Miguel y vuelve cuando quieras.
chuzame -
Deportes 29 Xan 2008 08:30 am
“Antimadridistas”, a foto da polémica en Pasarón.

A imaxe que vedes aqui pertence a este pasado domingo, o Pontevedra C.F. recibia a visita do filial do Real Madrid e na bancada de norte despregouse esta faixa, houbo unha certa polémica entre culés e merengues pontevedreses, ¿a faixa representaba a toda a bancada de norte, a todo o estadio ou somentes a unha peña de siareiros granates? pois a resposta é máis que sinxela.
Os responsables do seu depregamento foron a peña Furya granate, posiblemente a peña máis activa e que máis traballa por e polo Pontevedra C.F. dia tras dia e ano tras ano, un nutrido grupo de rapaces que sempre lle dan cor ao vello Pasarón cós seus "tifos", que para os neófitos nisto da "jerga" das bancadas de fútbol, significa montar un espectáculo de bandeiras, pancartas, confetti's ou algo polo estilo cando salta o equipo local ao campo. Como dicia, a xente de Furya granate sempre sorprenden có seu incansable traballo de animación e de preparación dos partidos, tentando sempre de contaxiar o seu espírito de loita e de defensa das cores granates ao resto da bancada de norte e tamén e porqué non, ao resto do estadio. Dende hai sete anos que están a destacarse coma unha das peñas máis comprometidas e moitas veces por isto, polo compromiso que eles mesmos amosan na bancada e tamén nun fanzine que publican (o único en Pasarón), son tachados en moitas ocasións de conflictivos e de perigosos, eles defínense como unha peña con espírito galeguista e nacionalista galego, antifascista e por enriba de todo granate, porque o obxectivo do seu traballo diario tanto para os partidos da casa coma para os de fóra (porqué moitas veces son a única peña que se despraza có Pontevedra C.F.) é animar ao noso equipo e que como reza o lema futboleiro "You never walk alone", que os nosos xogadores nunca camiñen sos.
Segundo explicaron posteriormente, o motivo da faixa despregada có lema "antimadridistas", foi para amosa-lo seu rexeitamento ás actitudes despreciativas, altlivas, déspotas e prepotentes que sufriron moitos dos afeccionados e xogadores granates nos partidos nos que nos enfrotamos có filial madridista nestes derradeiros anos, non hai motivos agochados nin retorcidos, exerceron o seu dereito á libre expresión sen insultar ou menospreciar a ninguén.
"A ponte vella" solidarízase con eles e apóiaos na súa causa galeguista e granate, posiblemente se a faixa puxera "Vigo non" ou outra frase inxeniosa polo estilo, algunha xente de Pontevedra calaria a boca e esbozaria un sorriso cómplice, e iso si que é ben triste, ás veces sigo a pensar que medramos en habitantes, pero que en realidade seguimos sendo unha aldea.
chuzame -
Deportes 28 Xan 2008 12:30 am
Os granates por fin líderes !!
Domingo para desfrutar no vello Pasarón, o Pontevedra C.F. recibia onte pola tarde ao Real Madrid-Castilla coa obriga de asestarlle un golpe de timón á competición e acada-lo liderato, de sobra eran coñecidos os resultados dos demais equipos inmersos nos postos de play-off, sobre todo a derrota do Deportivo B, o actual líder ao longo de toda a tempada. O Pontevedra fixo o seu partido, condicionado polas baixas de Turiel e de Vermudo, pero coa volta de Igor de Souza, a quén todos agardabamos para ver na dianteira xunto con Javi Rodriguez, os granates fixeron un magnífico partido de entrega e casta, os rapaces merengues tamén correron e presionaron todo o partido, pero foi Igor quén de marca-lo primeiro gol de penalti, nun segundo intento, posto que o primeiro foi anulado polo árbitro, despois na segunda parte apareceria unha vez máis o noso ídolo local, Javi "rifle" Rodriguez para rematar de testarazo un centro dende a banda e consegui-lo segundo gol que foi xa definitivo, foi impresionante ve-la bancada granate posta en pe aplaudindo o gol e coreando o nome do artilleiro granate, unha vez máis cen por cen de efectividade do catalán, tres partidos e tres goles, non se lle pode pedir máis.
chuzame -







