Category ArchiveDeportes
Deportes 26 dec 2008 08:00 am
A selección galega pisará tamén Pasarón
Máis aló de que a nova sexa que a selección galega xogará o seu cuarto partido amizoso desta nova xeira, na que persoalmente coido que, despois de xogar con seleccións de certo nivel tipo Camerún ou Uruguai pode que sexa éste o intre no que deberiamos comezar xa a apuntar un pouco máis alto, e refírome a xogar por exemplo un triangular con Euskadi e Catalunya polo simbolismo que conleva xogar entre as tres nacións sen estado ou un cuadrangular contra Escocia, Irlanda e País de Gales polo súas connotacións "célticas", deberiamos tamén comezar a reclamar non somentes dende a rúa, senón tamén dende os despachos algo máis, unha oficialidade da nosa selección, facendo fronte común xunto cós organismos semellantes cataláns e bascos, porque está moi ben que a Xunta, ao traveso da conselleria nacionalista monte unha pachanga cada nadal, pero cómpre algo máis, estase a ollar que as seleccións galegas nas diversas discipliñas deportivas están a un moi bo nivel e temos potencial dabondo para apuntar máis alto e chegar máis lonxe.

Ben, non quixera liarme e desvirtua-lo tema, ademais de para destacar que xogaremos contra Irán no dia de mañá en Riazor, o post en cuestión era para felicitar, ou máis ben para felicitarnos a tódolos afeccionados granates, porque certamente inda que un pouco tarde, neste nadal a seleccion galega si contará con Pontevedra para a súa grande festa, porque teremos o domingo 28 o partido Galiza-Illes Balears en Pasarón, que non por se-lo das rapazas é menos importante, o masculino xa o teremos cando rematen o estadio. Asi que un ano máis animarei e dareille folgos dende a bancada aos xogadores de azul e branco, a eses xogadores que levan as cores da nosa bandeira e que xogarán polos miles e miles de galegos e galegas que defendemo-lo noso dereito a que este pequeno País, un dia poida estar á altura de Escocia ou Irlanda e representarse a si mesmo en calqueira competición oficial, porque o partido do sábado é algo máis que un encontro de fútbol, é unha reafirmación do noso dereito a existir no mundo do deporte, os galegos temos un enorme potencial e abofé que o sabemos, déixovos aqui abaixo a promo do partido a desputar en Pasarón.
chúzame -
Deportes 12 nov 2008 03:37 pm
Ninguneados pola T.V.G e esquecidos pola Xunta
Hoxe tiven coñecemento de que o ente de televisión autonómico non retransmitirá os partidos do Pontevedra C.F. nin tampouco os do resto dos equipos galegos de 2º B e de 2º A (a excepción do Celta de Vigo) e que, motivado por isto, o Pontevedra C.F. impediralle o acceso ao municipal de Pasarón os dias de partido, ou sexa, que non teremos retransmisións de partidos en directo nin tampouco imaxes nos posteriores resumes que a T.V.G. emita, estou falando de En Xogo por exemplo. Polo que semella habia xa un principio de acordo que foi roto uniteralmente por parte da televisión galega alegando que o fútbol de segunda división xa non vende e non lle interesa, entón ¿onde están os intereses dos galegos e galegas que non somos do Deportivo ou do Celta?, teñan en conta que cós nosos impostos pagamos a nosa televisión, nin máis nin menos.

Non son quén de remexer na merda nin buscar conspiracións agochadas tras decisións desta índole, pero o feito de que o Pontevedra C.F. coma terceiro equipo en importancia da nosa comunidade (con permiso do Racing de Ferrol) sexa ninguneado unha e outra vez polos poderes autonómicos xa cheira, cheira porque as relacións T.V.G. vs Pontevedra C.F. nunca foron boas, porque para o novo Pasarón todo foron trabas e atrancos á hora de enceta-la obra e de rematala tamén por parte da Xunta de Galiza, todos sabedes que imos con retraso e desfasados no presuposto e por último tamén cheira porque este vindeiro mes de nadal terá lugar o cuarto partido oficial da Selección Galega, e polo de agora nunca tivemos un xogador "granate" na súa aliñación, nin titular nin tampouco na banqueta, nin antes con Fran Rico nin agora con Óscar Guimeráns, e moito me temo que este ano será tamén máis do mesmo, de se-la sede dun partido xa non digo nada polo de agora, pero agardo que teñamos sorte para o 2010, có campo rematado por fin.
En fin, que aquí fica a miña opinión persoal, so agardo que ambas partes cheguen a un entendemento e os granates da diáspora poidan escoitar e ollar algún partido do Pontevedra C.F. de cando en vez.
chúzame -
Deportes 17 set 2008 09:00 am
Por fin teremos nova web do Pontevedra C.F.
Sen tempo non era, a nova web oficial do Pontevedra C.F. está actualmente en proceso de construcción e diso precisamente advirte o cartel que podemos ollar estes dias ao entrar en www.pontevedracf.com. Nestes dias nas que as augas granates baixan un pouco revoltas, agradécese sen dúbida que o clube teña por fin a magnífica idea de darlle un pouco de importancia a unha das canles de información máis importantes das que dispón, e coa que polo de agora case que non contaban, posto que as actualizacións da mesma eran cousa de risa, sen ir máis lonxe nos meses estivais apenas tivemos información das fichaxes e torneos de verán, senón fora polo foro non-oficial que uns cantos rapaces de Pontevedra manteñen có seu esforzo diario non teríamos información de ningún tipo.

O dito, agardo con expectación a nova faciana da web oficial do clube, supoño que con novos contidos, novo deseño e quén sabe se tamén por fin cunha version en galego, posto que ésa é outra eiva importante que ten o clube e á que nunca lle deron a mínima importancia, os socios galego-falantes tamén temos dereito a recibi-la información do clube en galego ¿non?, pois señores do Pontevedra C.F., xa vai sendo hora de que espabilen un pouco e se decaten dunha vez, atendan en galego nas dependencias administrativas (cando se dirixan a vostedes en galego alomenos) e fagan unha web bilingüe como calqueira entidade cun mínimo de sensibilidade social.
chúzame -
Deportes 25 ago 2008 08:30 am
Impresións persoais dos XX.OO de Beijing 2008
Non tiven oportunidade de olla-las cerimonias de apertura e clausura, pero si uns cantos partidos e probas deportivas ao longo destas semanas e a verdade é que pagou a pena. Se ao principio dos xogos comentaba que non estaba para nada dacordo coa forma de proceder do governo chino en cuestións como os dereitos humanos, o problema do Tibet ou a represión a xornalistas de diversos paises, tamén estaba case seguro que estes xogos serian os máis grandes e mellor organizados de toda a historia do olimpismo e vós diredes, pero na miña opinión así foi. Nestes quince dias non houbo practicamente marxe para erros de ningún tipo, a puntualidade nos horarios, a impecable posta en escea e a tremenda optimización dos recursos dos que dispoñen fixeron que foran os xogos case perfectos e iso é algo que debemos recoñecer inda que custe algo ou moito, para o governo chino ésta foi unha proba de fogo, unha forma de presentarse ante o resto do mundo coma a superpotencia que é na actualidade e a que será nos vindeiros anos, porque non debemos esquecer que no medalleiro rematou no primeiro posto, xusto por diante dos EE.UU. algo impensable hai anos.

Deste xogos olímpicos lévome o bo sabor de boca das medallas da delegación española -namentres os galegos non compitamos baixo a nosa propia bandeira- e das probas espectaculares de natación e sobre todo do atletismo, o rei dos deportes olímpicos, coa apabullante demostración de poder físico dun xamaicano espectacular como Usaín Bolt, un lóstrego, unha bala que demostrou ir sobrado na maioria das probas nas que competiu, de seguro que este home que bateu varios W.R. nestas olimpiadas pasará a se-lo segundo home máis famoso da illa despois do mítico Bob Marley, de verdade que é para quitarse o sombreiro, algo alucinante e fermoso de contemplar unha e outra vez. Tamén quixera destaca-lo fantástico partido que fixo a selección española de basquet contra os EE.UU. un partido vibrante de principio a fin e nos que os de Aito a piques estiveron de da-la campanada proclamándose campións olímpicos.
Por último, quixera darlle-los parabéns aos galegos olímpicos que acadaron medalla e aos que non por suposto que tamén, e dende aqui animalos a traballar máis duro para que dentro de catro anos consigan os seus obxectivos e nos dean outra alegria.
chúzame -
Deportes & Música 21 ago 2008 08:30 am
Dandy fever e Duff Hooligans en Pontevedra
Hai cousa dun par de semanas e con motivo do festival Vibrasons 08, comentábavos que estaria ben que se pasase por Pontevedra algún grupo de ska de cando en vez, máis que nada porque nos últimos anos so me lembro de Kogito hai uns meses e pouco máis, tamén é certo que na nosa cidade tampouco se pode dicir que teñamos unha programación de concertos demasiado extensa, a verdade. Asi que falando de ska, o outro dia atopei este cartaz dun concerto programado para o vindeiro sábado 23 de agosto na sala Revira, cerne dun dos movementos músico-culturais máis importantes da nosa cidade, desta volta son a xente de Furya Granate, siareiros do Pontevedra C.F. os que celebran cunha festa-concerto a volta do campionato de liga de 2º B, e coa cal prentenden comezar a move-la afección granate de cara á nova tempada, unha boa iniciativa unha vez máis dun dos colectivos de animación máis activos -senón o que máis- dentro da fantástica hinchada que temos en Pontevedra.

Pois iso, parabéns aos rapaces de Furya Granate pola iniciativa deste concerto na nosa cidade, agardo poder pasarme por alí -inda que so sexa un ratiño- a escoita-lo ska dos Dandy Fever, dos Duff Hooligans si que non sei nada, pero polo nome supoño que serán fans dos Simpsons e farán música futboleira, tamén agardo estar convidado a unha cervexa ben fresquiña pola publicidade de balde que lles acabo de facer..
chúzame -
Actualidade & Deportes 11 ago 2008 08:00 am
Comezan os Xogos Olímpicos menos democráticos…
Esta fin de semana comezaron os XXIX Xogos Olímpicos de verán que terán lugar entre os dias 8 e 24 de agosto en Beijín (Pekín), capital da República Popular de China, uns xogos que levan sendo polémicos dende o dia que a anfitriona foi seleccionada para albergalos, serán éstes os xogos máis caros da historia do olimpismo, e por descontado os que máis efectivos humanos empregarán, pero non so civís, senón militares tamén, porque o governo chinés está a coidar celosamente a imaxe que mostrará ao mundo a base de soldados nas rúas e un control sobre os media nunca antes visto. Hai tempo que a xente de Reporteros sin Fronteras denunciou o intervencionismo do governo chinés en televisións, radios e mesmo internet. Particularmente coido que a elección de China como sede destes xogos non foi atinada, nun país onde os dereitos máis fundamentais do ser humano non están garantidos, o chamado "espírito olímpico" non ten razón de ser, comezando polo control dos xornalistas ou internet, e rematando coa represión desproporcionada por parte do exército chinés no Tibet.

Polo tanto dende aqui quero deixar ben claro ou meu total e máis absoluto rexeitamento a prácticas antidemocráticas coma as desenvolvidas polo governo chinés, que limita ao máximo a liberdade de expresión, de movementos e que reprime con ferocidade inusitada a máis mínima manifestación de disconformidade coa súa política, como fixo e está a facer có povo tibetano dende hai moitos anos.
E para colmo de males, o mesmo dia da inauguración comezou un enfrontamento bélico entre Georgia e Rusia en Osetia do Sur... ¿que foi do espírito olímpico?.
chúzame -
Deportes 05 ago 2008 08:00 am
XIª Subida cidade de Pontevedra.. ¡¡¡ ferro a fondo !!!
Este vindeiro fin de semana terá lugar na nosa cidade a XI Subida cidade de Pontevedra, unha proba automobilística sobradamente coñecida por todos nós e por moitos e moitas afeccionados ao mundo dos ralies en Galiza e todo o noroeste peninsular. A proba que leva celebrándose once anos terá lugar este vindeiro domingo dia 10 de Agosto, coma sempre as verificacións terán lugar no parque pechado instalado no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, poderemos achegarnos a olla-las máquinas que participarán nesta proba contra-reloxo o sábado pola tarde, pero se queredes máis información sempre vos podedes pasar pola web dos organizadores do evento, a Escuderia Cidade de Pontevedra, onde atoparedes horarios, treitos e demais información imprescindible para achegarvos ao circuito, que coma sempre transcorrirá dende o campo de fútbol de Marcón ata o Polígono do Campiño. Eu coma noutros anos tentarei achegarme a botar unha ollada o domingo pola mañá, a desfrutar dos turismos e barquetas que competirán na proba, todo un espectáculo, tamén para animar a Magariños e mailo seu BMW, o noso piloto local.
Déixovos cun pequeno video que corresponde á proba do ano 2006, unha das máis espectaculares, animádevos e acudide, de seguro que o pasaredes ben.
chúzame -
Deportes 26 xull 2008 10:05 am
Un par de apuntamentos sobre o Pontevedra C.F.
Veño de olla-lo novo spot publicitario do Pontevedra C.F. en youtube, un anuncio supoño que para a televisión local e que me acaba de deixar perplexo pola súa simplicidade e escasa calidade. Non quixera ser demasiado duro no meu comentario ao respecto, pero coido que é case que imposible facer algo máis ñoño e con menos convicción que o que veñen de facer, suponse que este traballo de marqueting está dirixido a captar novos socios para a entidade e con material como éste, de tan escasa calidade o que van a conseguir é que non so non cheguen novos socios, senón que os que xa o somos dende hai anos botemos a correr despavoridos. Está claro que o precedente era de moi boa factura, estouvos a falar do anterior spot, aquel no que os xogadores do Pontevedra C.F. corrían tra-la bola polo casco vello da nosa cidade, a verdade é que aquel spot deu que falar, pola súa calidade e a súa orixinalidade, polo tanto a cousa estaba complicada e á vista está que non souberon nin mante-lo nivel do anterior, primeiramente na música elexida, realmente inapropiada, e despois na montaxe das imaxes e no final, coa rapaciña e mailo seu avó (supoño) sentados nas cadeiras e chamando polo novo socio que ha de vir, algo que ao meu modo de ver ficou cutre de máis, non sei, non lle veo punch e coido que pasará totalmente desapercibido, dende aqui un toque de atención a departamento de marqueting do clube granate, que se poñan as pilas e fagan outra cousa, porque con esta película de serie B non imos a ningures.
Do prezo dos abonos xa non quero comentar nada, falouse de recurte de gastos e de apretarse o cinto nesta nova tempada que vai comezar, a pretemporada faise na casa, non se fichou tanto coma outros anos pero os prezos dos carnets seguen a se-los máis caros da categoría, tres anos sen acada-lo obxectivo principal que é o ascenso pero eles non se baixan da burra e seguen a querer gañar cartos, unha consecuencia máis deste fútbol moderno que algúns non compartimos, persoalmente prefiro 8000 socios pagando os abonos máis baratos que 3500/4000 cós prezos actuais, o clube precisa o apoio da masa social e asi será complicado conseguilo, de tódalas maneiras eu estarei ahí un ano máis, diso non teño dúbida. Aqui vos deixo có video en cuestión, opinade vós mesmos.
chúzame -
Deportes 30 xun 2008 03:41 pm
A mellor selección de Europa…

Hoxe non hai outra noticia, o deporte centrou tódalas conversas no traballo, na praia ou en calqueira parte, está claro que ninguén se puido sustraer ao acontecido onte, nunca tanto share tivo unha televisión española, algo máis de 14 millóns de telespectadores ou o que é o mesmo, un 80,9 % de audiencia para a final da Eurocopa de nacións, partidazo do máis alto nivel que enfrontaba ás seleccións de España e Alemaña. Como grande afeccionado ao fúbol que son por suposto que ollei o partido, como tantos pontevedreses que ao rematar sairon ás rúas, sobre todo á fonte diante do concello. Onte palpábase o ambente futbolístico en calqueira recuncho da cidade, tanto ou máis que nunha fase de ascenso do noso querido pontevedriña, e como o divertido e o máis emocionante é olla-lo partido cós colegas, tomeime unha cervexa antes do partido nunha coñecida cervexeria de Poio, un local con moito ambente futboleiro, e que demo!! porqué non vou a dar publicidade... a cervexería chámase ANFIELD e está rexentada por un inglés-galego fan do Liverpool de Fernando Torres, un sitio magnífico para ollar un partido, cunha chea de pantallas de televisión e de birras de importación.
Pois iso, so me resta darlle-los parabéns aos rapaces que fixeron posible semellante trunfo do fútbol español, eu a verdade non contaba con eles, xa o comentara neste post, pero có fútbol de toque e de precisión que fixeron non podian menos que se-los vencedores, foi o equipo máis regular de todo o campionato, o máis goleador, o menos goleado e do once ideal da U.E.F.A nove xogadores son da selección española, impresionante números.
Parabéns polo trunfo !!
foto: www.lavozdegalicia.com
chúzame -
Deportes 06 xun 2008 05:00 pm
Fútbol, fútbol e máis fútbol…
Coido que a ninguén se lle escapará o feito de que ese fin de semana comeza a Euro-2008, ou o que vén sendo o mesmo, a Eurocopa de fútbol a celebrar conxuntamente entre Suiza e Austria dende hoxe ate o vindeiro dia 29 de Xuño, dia no que se xogará a final en Viena. Supoño que non fará falla dicirvos que son un grande afeccionado ao fútbol, e unha vez rematada a tempada do Pontevedra C.F. hai que atopar outro entretemento para o verán (aparte de traballar claro), polo tanto eu e outros moitos afeccionados a este nobre deporte do balompé desfrutaremos dunha voráxine de partidos e máis partidos ao longo de case un mes, a razón de dous por dia e en horario non-laborable (o segundo deles) magnífica hora polo tanto.
Personalmente, as miñas apostas para esta Eurocopa-2008 son Italia, Portugal, Alemaña e Holanda, é máis, unha das favoritas para gañar na final de Viena coido que pode ser Portugal, a selección lusa ten un equipazo e asi ben, se polo de agora sempre tropezou nos derradeiros partidos, coido que desta volta o equipo dos Deco, Ricardo Carvalho, Paulo Ferreira ou Nuno Gomes poderán traballar á perfección para un dianteiro en racha como Cristiano Ronaldo, que tentará se-la estrela desta competición e demostrarlle a todos que ben vale os cartos que piden por el. No tema da selección española pouco que dicir, sendo sinceiro, coido que será máis do mesmo, por moitos xogadores que haxa na Premier League o combinado español non acaba de atopa-lo seu sitio e moito menos cun adestrador cuestionado por todos como é Luis Aragonés, ogallá pasen de cuartos, inda que dubido moito que iso aconteza.
Por certo, cales son as vosas apostas ?
chúzame -
Deportes 03 xun 2008 10:21 am
Isto xa comeza a ser unha penitencia…
Citando ao refraneiro popular, o acontecido o pasado domingo ven sendo algo moi semellante a aquelo que di que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, no caso do Pontevedra C.F. tres veces, porque somos asi de chulos, que para iso somos a capital da provincia.
Xa case que recuperado do tremendo pao da eliminación -as primeiras de cambio- do play-off polo ascenso á Segunda División A, inda non me podo explicar o porqué dese baixón físico e de xogo precisamente no partido decisivo e precisamente xogando na casa, respaldados por 10.000 persoas e con un resultado no partido de ida bastante favorable, ¿que foi o que fallou desta volta?, se cadra ¿temos unha plantilla sen ambición?, ¿porqué se agochan algúns xogadores cando chega un partido tan decisivo?, ¿porqué non saimos concentrados todo o partido?... preguntas que despois duns dias de reflexión terán que respostar Nino Mirón e a directiva do clube, as cousas cando se planifican mal adoitan sair peor, polo tanto para o vindeiro ano haberá que facelas a conciencia, o ciclo de Xabi Gracia está esgotado, cómpre unha remodelación profunda na plantilla, comezando polo adestrador e o preparador físico e continuando por algúns directivos e moitos xogadores que non deron a talla, sobre todo moitas das novas incorporacións. Que contraten xente con ambición e gañas de superarse e ascender, non a xente que por veterana xa está curtida e queimada e no ten motivación de ningún tipo.
Dende esta bitácora tamén quero destaca-lo xesto da vicepresidenta Lupe Murillo, que literalemente se partiu a cara polos que somos socios de norte cando nos veu a defender dunha actitude manifestamente agresiva, chulesca e de abuso de poder por parte das forzas antidisturbios da policia nacional, que para rematar cunha pequena trifulca entre dous socios da nosa bancada, non se lle ocorreu outra cousa que cargar contra todos nós a porrazos e con botes de fume... lamentable, ogallá tomen cartas no asunto e se depuren responsabilidades.
Ata o ano que vén -pese a todo o que está a chover-, alí estaremos unha vez máis para retira-lo noso abono de norte e apoiar ao noso equipo, en 2ª B ou onde faga falla.
chúzame -
Deportes 01 xun 2008 11:30 am
Dia crucial para o Pontevedra C.F.
Hoxe é un dia crucial para o futuro máis inmediato do Pontevedra C.F., nunhas poucas horas, en concreto ás 19:00 horas deste domingo que semella amencer apacible e sen ameaza de choiva, o equipo da capital do Lérez xógase o pase á seguinte eliminatoria da fase de ascenso á Segunda División A.
Nun dia coma hoxe venme á lembranza aquel fatídico dia da eliminación có Córdoba, despois de que nos remontaron un 2-0 ao noso favor no primeiro tempo, con isto non quero ser cenizo nin chamar á mala sorte, pero non está de máis lembra-los erros pasados para non voltar a cometelos, polo tanto hoxe, tanto os xogadores coma os siareiros granates temos que sair concentrados ao 200% e creer nas nosas propias posibilidades, non busquemos excusas de si Bonnis, Igor ou mesmo Fran Rico van ou non xoga-lo partido, có que temos haberá que sair a por todas e iso é o que imos facer. Polo que puiden escoitar e ollar nos pasados dias, haberá unha magnífica entrada no municipal de Pasarón, mesmo rozaremo-lo cheo con esa nova bancada de tribuna que hoxe estrenarán os máis distinguidos socios granates, eu pola miña banda farei o ritual de tódalas fases de ascenso, despois do xantar achegareime coa miña confraria a tomar unhas cervexas á praza da Verdura, para dende alí e en compaña de tódalas peñas granates, baixar xuntos cara ao estadio e animar dende a bancada de norte ao noso equipo unha vez máis.
Agardemos que hoxe superémolo primeiro chanzo cara ao ascenso, estou seguro que asi será.
chúzame -





