Cargando...

Category ArchiveGaliza



Galiza 24 xull 2009 09:00 am

Galeg@s somos, galeg@s seremos…

25 de xullo, o dia da pátria galega, o dia dos galegos e galegas de ben, dos bos e xenerosos, dos que amamo-la nosa terra e defendémola dia a dia, dos que non permitimos as aldraxes ás que ésta se ve submetida e dos que non estamos dacordo có rumbo que levamos, dos que non baixamos a cabeza ante ninguén, dos que arelamos maiores cotas de autogoverno, dos que temos o anceio dunha língua respectada por todos, tamén por aqueles que non somentes non a falan, senón que traballan arreo por que ésta desapareza dos nosos colexios e dos nosos corazóns, dos que defendemo-los nosos sectores produtivos e o noso tecido industrial e empresarial por riba de todo, dos que non permitimos inxerencias foráneas nin pedimos esmola, somentes exixímo-lo que é noso por dereito propio.

Hoxe dia da pátria galega, síntome máis orgulloso ca nunca de pertencer a esta terra, de chamarme a min mesmo galego, de sentir morriña cando estou lonxe dela, de acariña-la súa terra, a súa herba e a auga que baña as súas praias cada dia, de sentir o seu vento zoar por entre as árbores, inda que sexan eucaliptos, e de berrar con orgullo e fachenda aos catro ventos nun dia coma hoxe..

¡¡ Eu son galego !!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Actualidade & Galiza 29 xun 2009 02:42 pm

A torre de Hércules patrimonio da humanidade

A torre de Hércules entrou pola porta grande da historia, o pasado sábado 27 de xuño ás 18:30 en Sevilla foi elexida coma unha integrante máis da lista de monumentos patrimonio da humanidade, o faro romano en funcionamento máis antigo do mundo non podia menos que estar nesa lista, coma pontevedrés e galego síntome infinitamente orgulloso de ter un símbolo tan importante como é este faro entre os monumentos máis sobranceiros do mundo.

A torre de Hércules é parte da historia do noso País, a lenda conta que un dos fillos de Breogán avistou dende a súa cúspide a illa esmeralda, a verde Irlanda, e que despois foi conquistala coas súas naves e os seus soldados, se gostades da historia e queredes ampliar este relato podédesvos pasar por estoutro apartado do meu blogue, no que falo da historia de Breogán.

O dito, parabéns a coruñeses e galegos, o pasado sábado foi un grande dia para todos, post especialmente adicado a O traveseiro, blogueiro coruñés e deportivista.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Actualidade & Galiza 18 xun 2009 08:26 pm

¿Canto galego está disposto a aturar?

Así reza o título da columna de opinión que hoxe, dia 18 de xuño, e a un dia para que finalice o prazo dado pola Xunta de Galiza (Galicia se vostedes prefiren) aos pais con fillos en idade escolar (infantil, primaria, secundaria..), escribiu Xosé Manuel Pereiro. Supoño que a ninguén dos lectores se lle escapará o feito de que levan turrando coa teima do conflicto lingüistico dende o dia seguinte a celebrarse as eleccións, alá polo mes de marzal, semella que unha das principais prioridades do governo de Núñez Feijoo era a de rematar coas galescolas (esas garderias infantís das que se abriron unha chea delas en catro anos) e cambiar unha vez máis a política lingüistica da Xunta, semella que a cuestión da língua primaba sobre a cuestión económica, porque non descansaron ate sacarse da manga esta enquisa aos pais, agardo que na vindeira enquisa me pregunten por onde construi-las autoestradas ou onde facer escolas e hospitais, que tamén quero opinar sobre iso.

Personalmente xa estou farto de todo isto, de que Galicia ¿Bilingüe? afirme que o castelán corre perigo neste País no que vivimos e no que o GALEGO é o que pode desaparecer nuns anos, estou farto de que empreguen o noso idioma coma arma política, farto de escoitar falar de imposicións, o galego e o castelán sempre conviviron cunha certa normalidade, pero claramente o galego está a sufrir un tremendo retroceso en falantes a cada xeración que pasa, tratáronse de facer cousas pero agora todo o avanzado vaise desfacer, non son lingüista nin filólogo, non teño unha variña máxica nin sei que ten razón en toda este lea, pero o que si sei é que eu non axudarei a que o meu idioma desapareza e falareille en galego á miña filla Sabela, quén sabe, cecais nuns cantos anos xa non terá mestres que lle falen na língua de Rosalía.

Sen máis, aquí tedes a columna de Xosé M. Pereiro no xornal El País. e aquí o tríptico informativo censurado pola Xunta e que non deixaron que acompañara a enquisa remitida aos pais dos alumnos interpelados, tríptico informativo en formato pdf e xentileza do blogue de paidovento.

[... Si hablarle en gallego a un niño de hasta tres años es imponerle algo, en la inmensa mayoría de las guarderías, salvo que a los infantes les hablen en neutro o en klingon, están imponiendo el castellano (que, como su nombre indica, es el idioma natural de aquí de toda la vida). ]

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Política 06 xan 2009 11:17 am

Actos en Pontevedra có gallo do XX aniversario de Galiza nova

Unha vez máis, Maruxa, amiga e responsábel de Galiza Nova en Poio, achégame certa información que pode que sexa de interese para os que sodes/somos de Pontevedra e arredores, extensible evidentemente tamén para o resto da xente da nosa bisbarra. A organización da mocidade nacionalista galega, Galiza Nova, celebra nestes dias o seu 20 aniversario cunha serie de actividades lúdicas e festivas a desenvolver na nosa cidade entre esta vindeira fin de semana e a seguinte, a continuación detállovos a información que me foi achegada como vos dixen via e-mail.

  • Sábado 10 de xaneiro: Concerto XX aniversario có lema "20 anos deixando pegada en Pontevedra", terá lugar a partires das 22:30 horas no recinto feiral de Pontevedra (parque Rosalía de Castro), actuarán Ruxe-ruxe e Nao e será totalmente de balde.
  • Sábado 17 de xaneiro: Cea XX aniversario de Galiza nova para a mocidade de Pontevedra, terá lugar no Pazo da Cultura a partires das 22:00 horas aproximadamente, o prezo orientativo será de 12 euros.

Para calqueira aclaración podedes poñervos en contacto cós organizadores nos teléfonos 645 024384, 699 996672 ou 986 866205. Persoalmente recoméndovo-lo concerto dos Ruxe-ruxe, teñen un fantástico directo, a continuación déixovo-lo video subido a youtube do seu tema "xigantes", do que xa falara hai meses neste mesmo blogue, Ruxe-ruxe fan unha mestura de folk-rock con pinceladas de punk en galego, de seguro que nos farán desfrutar en grande esa noite.

  

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Política 02 xan 2009 03:38 pm

A orixinalidade de Ibarretxe

Ben se nota que o Partido Socialista de Euskadi lle está a pisar os talóns, porque senón non se explica que, coa de fins de semana que hai para poñe-la data das eleccións autonómicas bascas, Juán José Ibarretxe, a la sazón o presidente de tódolos bascos e bascas, escollera a mesma data que Touriño para que vaiamos votar, unha data simbólica e doada de lembrar si, pero para iso non é preciso dar voltas e voltas para ao remate coincidir no mesmo, no vindeiro 1de Marzal como o dia para que, ademais de celebra-lo cumpreanos da miña muller, teña tamén que ir a exerce-lo meu dereito democrático ao sufraxio..

Foto do Diario de Pontevedra

En fin amigo Ibarretxe, xa sei que o teu non é afán de restarnos protagonismo aos galegos, que somentes é pura e sinxelamente instinto de supervivencia, pero ten narices que sexamos nós os primeiros en marca-la data, intentando con iso non coincidir cós vosos comicios e tamén cós europeos, e veñas ti a última hora a trastocalo todo, alegando que vivimos tiempos complicados. Lehendakari, se vostede vive tempos complicados, os demais non temos nin a máis mínima culpa diso, aqui pretendíamos facer unhas eleccións en clave galega e sendo nós mesmos os nosos propios protagonistas, e o que vostede fixo suporá unha merma importante deste protagonismo, inda que, se o penso ben, o desembarco dos primeiros espadas de Madrid nesta ocasión estará máis repartido, e quén sabe, cecais teñamos sorte e os verdadeiros protagonistas das autonómicas galegas sexan os candidatos galegos, non os padriños que veñan da capital.

Pois iso, eskerrik asko por nada Ibarretxe, e para a vindeira ocasión procura darlle máis aos miolos e ser algo máis orixinal, un saúdo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Internet 01 dec 2008 08:05 am

A promo de Retraso cero.com

Polo que semella un novo xornal vaise unir á chea deles que temos nos nosos quioscos, supoño que xa vos dariades conta desa campaña que se está a desenvolver en radio e internet da xente de Xornal de Galicia, nela apelan á nosa historia dunha maneira simpática e desenfadada, empregando como gancho na súa web a dúas caras galegas coñecidas, Antón Reixa e Iolanda Castaño (a mesma que chapou a web de Aduaneiros sen Fronteiras), aqui déixovos có video que máis me gusta dos tres, o dos Irmandiños, sempre tiven debilidade por eles, moitos din que Galiza non é outra Escocia porque eles guindaron abaixo tódolos castelos e torres (a miña muller é unha delas), outros din que os labregos e labregas galegos foron os primeiros en desafiar aos señores feudais e os seus abusos, quédome máis ben có segundo.

Hai tempo que publicaron unha nota de prensa en galego e castelán no que anunciaban a súa saída, nela remarcan que o xornal estará á defensa dos intereses de Galiza, vamos, como din tódolos políticos, e que está impulsado pola empresa pontevedresa (afincada en Madrid claro) San José. Resta por coñece-la liña editorial e lingüistica deste novo xornal, porque diso non din ren, ¿será en galego?, ¿será en castelán? ou cecais ¿será bilingüe? -que hoxe é o politicamente correcto pero que de seguro non venderia exemplares- non lle vexo eu futuro a un xornal en dous idiomas, de tódalas maneiras, se procurades algo máis de información na web www.retrasocero.com non a ides atopar, ou alomenos non polo de agora, pero agardo expectante a súa saída, a ver se de verdade é tan plural e independente como anuncian.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Historia 31 out 2008 01:00 pm

A noite de defuntos, o noso Samahín celta

Calacú decorado

Algún de vós se preguntará o porqué do festivo do dia 1 de novembro, a explicación é moi sinxela, ese dia celébrase o dia de defuntos e para os namorados da cultura céltica coma min o Samain (Samahín en gaélico) , ésta era unha festividade pagana, a noite do 31 de Outubro era o fin de ano para os povos do arco céltico, entre eles Galiza, tamén é a festa en honra aos defuntos marcando a transición do solsticio de outono ao de inverno. A festa do Samain era a máis importante do periodo pre-cristián, nesta data acendíanse lumes sagrados frotando pónlas de serbal e teixo, con elas quentábanse as lareiras  de tódalas casas, tamén era costume a de baleira-las cabazas (antes disto empregáronse nabos) para colocarlles dentro candeas que logo se colocaban nos cruces, nas portas das casas e en infinidade de lugares, esta tradizón inda se mantén viva no noso País na chamada "Noite dos calacús", noite da que teño participado algunha vez e da que vos recomendo tamén desfrutar, concretamente en Vilaboa, perto de Pontevedra, tedes unha festa dos calacús tódolos anos na taberna galega "A casa dos druidas", non sei se inda seguén con esa "oferta", pero ao que chegara á festa cunha cabaza decorada regalábanlle unha consumición, esa noite xúntase moita xente a celebra-la noite de defuntos, hai música en vivo e queimada. Convén non trabucar a noite dos calacús ou celebración do Samahin celta coa máis recente noite de Halloween que tanto se puxo de moda, sobre todo nas cidades, a noite de Halloween probablemente foi exportada aos EE.UU. polos emigrantes irlandeses entre finais do século XIX e principios do século XX e na miña modesta opinión, é unha celebración máis que nada comercial, non hai máis que olla-lo bombo que lle dan firmas comercias como McDonald's.

O dito, na noite de defuntos non vos esquezades de poñer na fiestra do voso cuarto un calacú acendido e o dia de defuntos darvos un bo atracón de "osos de santo", que tamén hai que darlle unha alegria ao corpo e están boísimos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Política 21 set 2008 11:13 am

Suso de Toro, George Steiner e o galego..

                                  Suso de Toro, foto de El pais.com

Mañá de domingo, son as nove e pico máis ou menos, érgome da cama con algo de resaca e non precisamente de alcool non, senón da victoria contundente, necesitada, e cando menos refrescante do Pontevedra C.F. onte á noite fronte á S.D. Ponferradina en Pasarón, unha victoria agardada por todos e celebrada por moitos máis.

Acendo o ordenador e pescudando algo de noticias na web de Elpais.com, atopo un artigo do galego Suso de Toro falando do affaire Steiner-Língua Galega de hai unhas semanas (ou cecais un mes, non me lembro ben), préstolle atención máis que nada por saber que lle contesta e porque o tema éste acontecido o pasado verán, chamoume poderosamente a atención, non entendo como unha persoa pode falar tan abertamente e dende o descoñecemento máis absoluto dunha língua coma a nosa, cun pasado extraordinario de séculos e un presente e futuro cando menos esperanzador (todo depende da paixón coa que a defendamos) por diante. Para os que non saibades do tema, Steiner nunha entrevista para un medio español contestaba ás seguintes preguntas do xornalista:

-Pero, cambiando de tema, me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego, dice en una entrevista a El País Semanal.
-Igual que es obligatorio en Cataluña compartir el catalán con el castellano.
-¡Pero no me compare el catalán con el gallego! El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante. Pero el gallego ¿por qué ha de ser obligatorio en una universidad?

Tales afirmación levantaron unha serie de reaccións por parte de escritores, xornalistas e público galego en xeral que deron a volta a todo o País, porqué temos que aturar ese continuo ataque ao noso idioma e ademais de xente de fóra, que descoñece a nosa realidade, ¿porqué dicir que o castelán está en perigo?, que a única língua de obrigado emprego é o galego, porqué tantas mentiras que alimentan á xente de Galicia Bilingüe e demais sectores da dereita máis ráncia e casposa, porqué crear artificialmente unha confrontación aberta galego-castelán...

Recoméndovos a lectura deste artigo de Suso de Toro no Pais.com titulado Steiner, no; nosotros.

 

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Política 13 ago 2008 08:00 am

17 de Agosto, dia da Galiza mártir

O vindeiro 17 de Agosto celebrarase un ano máis na nosa cidade o aniversario do pasamento de Alexandre Bóveda, o que fóra máximo responsable e tamén ideólogo do Partido Galeguista, home de fondas conviccións patrióticas que foi asasiñado polas tropas franquistas o 17 de agosto do ano 1936 na Caeira (Poio), ás aforas da nosa cidade de Pontevedra. Foi anos despois, concretamento no ano 1942, cando o galeguismo no exterior instauraba o 17 de agosto coma unha data para a lembranza dos nosos mártires, homes e mulleres que deron a súa vida na loita contra a ditadura franquista, que defenderon Galiza coa súas vidas e que merecían ser lembrados, declarouse por tanto o 17 de agosto coma o dia dos mártires galegos ou dia da Galiza Mártir, asi o declaraba a Irmandade Galega:

 A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto (un erro evidente de imprenta). Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista.Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos”.

Alexandre Bóveda foi o responsable da política económica e de facenda do Estatuto de Galiza aprovado polo povo galego no ano 1936, tamén foi un dos fundadores de CaixaPontevedra, actualmente Caixanova, Alexandre Bóveda, natural de Ourense pero veciño da nosa cidade foi condenado a morrer fusilado nun xuizo sumarísimo, decapitaban con éste acto unha das cabezas pensantes do nacionalismo galego, unha persoa chamada a acadar grandes logros para o seu País.

Na nosa cidade organizaranse diversos actos na súa lembranza e na de tódolos mártires galegos, como tódolos anos haberá unha oferenda floral no monumento da Caeira (A Barca), un acto relixioso no seu nicho do cemiterio de San Mauro e logo o acto político na Praza de Curros Enriquez, no centro de Pontevedra.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Historia 26 xun 2008 09:22 am

Castelao estará máis presente en Pontevedra

Haberá alguén na nosa cidade que inda non teña visitado alomenos unha vez na súa vida o Museo Provincial de Pontevedra? De ser así, a partires de agora terá unha excusa máis para facerlle unha visita, porque dende a pasada semana, o Museo de Pontevedra ampliou a súa oferta expositiva coa adquisición de 120 debuxos orixinais de Alfonso Daniel Castelao, debuxos que empregou para ilustra-lo seu libro As cruces de pedra na Bretaña, e que foron feitos polo polifacético artista na súa visita á Bretaña (Breizh) aló polo ano 1929, nunha viaxe có obxecto de investiga-los cruceiros de pedra do "outro" finisterre atlántico.  Con esta nova proposta amplíase a sala adicada ao insigne debuxante e político galego no museo da nosa cidade, sala ésta que foi remodelada non hai moito coa inclusión de novas pinturas e agora tamén estes novos debuxos feitos no ano 1929 na Bretaña, á volta desta viaxe Castelao publicou As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.

É de supor que nun curto periodo de tempo, estes debuxos estarán expostos para todo aquel que lles queira botar unha ollada. Noraboa tanto á Deputación de Pontevedra coma ao Museo de Pontevedra por tan importante adquisición, desta maneira a nosa cidade convértese na depositaria da maior parte do legado do insigne patriota galego.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Historia 23 xun 2008 09:00 am

A noite de San Xoán en Pontevedra

Xa se chamen lumes, fogueiras ou cacharelas, son as verdadeiras protagonistas desta noite máxica, a véspera do dia máis longo do ano, que coincide có solsticio do verán, un rito céltico que perviveu ao longo dos séculos, un dos máis arraigados na nosa terra e que comeza despois da cea, cando a xente xúntase ao seu redor a falar, cantar ou choutar por riba do lume purificador.

Dende pequeno sempre acollin gratamente a idea de ir olla-las cacharelas da nosa cidade, ou máis ben dos arredores, adoitaba ir cós meus pais e  gostaba do feito de choutar por riba delas, lémbrome da inmensa fogueira que se facia, e coido que inda se segue a facer na Barca (Poio) ou a que se facia tamén en beiramar antes de que se urbanizase a avenida do Uruguai, algunha tamén tiñan no barrio de Campolongo, hoxe adoito ir a olla-la fogueira de A Seca, en Poio, cacharela que reune a moitísima xente ao seu redor e na que, ademais de desfrutar da sardiñada, puiden desfrutar nestes últimos anos dalgunha que outra representación teatral nun marco incomparable, diante do mar. Tamén nos arredores de Pontevedra, en lugares coma Mourente ou Lérez séguense a face-las trasnadas cotiáns nesta noite, como roubar carros ou levar cancelas das casas, que logo aparecen nos rincóns máis insospeitados, sen ir máis lonxe, hai dous anos apareceu un carro do País na rotonda da ponte dos "tirantes". Este ano, esta máxica noite celebrareina na parroquia de Lérez, na casa duns familiares, sempre que o tempo acompañe claro.
     Por último, non debemos esquece-lo ritual das "herbas de san Xoán", herbas que hai que deixar en auga para lava-la cara á mañá seguinte e asi escorrenta-los malos espíritos, tradicións estas que cómpre conservar polo seu simbolismo, inda que non sexamos moi creentes, senón lembrade que estes ritos foron cristianizados pero na súa orixe foron célticos e polo tanto paganos.

     Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Historia 20 mai 2008 10:21 am

A feira de Cuspedriños (Cotobade)

A pasada fin de semana achegueime a Cuspedriños, unha aldea do concello de Cotobade, as poucos quilómetros de Pontevedra, e por se algún de vós pensa que estou a contar un conto, direivos que Cuspedriños é tan real como o Quinto Pino (A Coruña). Éste foi o seu segundo ano que se celebraba, e puiden comprobar persoalmente que a recuperación dunha das feiras de gando máis importantes desta zona foi todo un éxito, celebrábase aló polo mes de Nadal e nos seus pendellos un podia desgustar calqueira produto gastronómico, dende chourizos, callos ou calqueira postre, até viños e licores de todo tipo, paseando por aquel mercado que se asemellaba moito ao que se facia aló polos anos 60, onde os tratantes de gando vendian bois, cabalos, ovellas ou carneiros. Na feira habia moita xente ataviada con roupas da época, incluso puiden subir a unha reliquia do transporte colectivo, un autobús propiedade da empresa Cuiña e que databa coido que do ano 1956, unha marabilla. Por suposto e como non podían faltar, ademais da gastronomía tamén participaron os artesáns do coiro e mesmo de instrumentos musicais tradicionais, alí estaban os luthiers de Os Alegres de Pontevedra, cós seus charrascos, pandeiretas e bombos ao carón das zocas e das figuras de forxa fermosamente elabouradas.

En resumo, un domingo para desfrutar en compaña, tomando un viño e unha ración do polbo á feira nun ambente de festa e de alta montaña, segundo puiden comprobar no programa que repartían, o sábado houbo guateque pola noite e o domingo diversas actividades para os máis cativos. A feira de Cuspedriños foi recuperada pola concelleira nacionalista Lina Garrido, a encargada da área de Promoción Económica e Turismo do Concello de Cotobade e coa colaboura da Conselleria de Medio Rural,  que todo hai que dicilo.

Para o vindeiro ano achegádevos por alí, seguro que non vos defraudará.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Seguinte páxina »