Category ArchiveHistoria
Caixón de xastre & Historia 15 dec 2008 09:01 am
Sabela

Nome feminino de orixe hebrea, Elisheva tradúcese ao galego como Sabela.
Significado: Xuramento de Deus, promesa de Deus, outra hipótese é que provén do latín "Isis bella" (Isabela en italiano moderno), na honra da deusa exipcia da fecundidade Isis, a cal tiña un culto moi extendido entre os soldados romanos, máis o epíteto "bella", destacando a súa feminidade. Ao parecer, en moitos escritos e segundo puiden ollar nas pescudas que fixen en internet, agochouse a súa orixe pagana, presentando o nome coma unha variante do hebreo Elisheva (Elizabeth).
Significado pagano: O deus Baal é saúde; Baal era unha divinidade (significa "señor") de varios povos situados na Asia menor e a súa zona de influencia: fenicios, cartaxineses, babilonios ou filisteos. O seu significado aseméllase ao de amo ou señor, era o Deus da chuvia e da guerra, foi adorado polos hebreos e era o Deus máis sobranceiro do panteón fenicio, grandes mariñeiros, era o seu deus protector e éstes encomendábanse a el cada vez que se facian ao mar, polo tanto pódese afirmar que era o Deus dos povos que vivian de cara ao mar.
Galiza & Historia 31 out 2008 01:00 pm
A noite de defuntos, o noso Samahín celta

Algún de vós se preguntará o porqué do festivo do dia 1 de novembro, a explicación é moi sinxela, ese dia celébrase o dia de defuntos e para os namorados da cultura céltica coma min o Samain (Samahín en gaélico) , ésta era unha festividade pagana, a noite do 31 de Outubro era o fin de ano para os povos do arco céltico, entre eles Galiza, tamén é a festa en honra aos defuntos marcando a transición do solsticio de outono ao de inverno. A festa do Samain era a máis importante do periodo pre-cristián, nesta data acendíanse lumes sagrados frotando pónlas de serbal e teixo, con elas quentábanse as lareiras de tódalas casas, tamén era costume a de baleira-las cabazas (antes disto empregáronse nabos) para colocarlles dentro candeas que logo se colocaban nos cruces, nas portas das casas e en infinidade de lugares, esta tradizón inda se mantén viva no noso País na chamada "Noite dos calacús", noite da que teño participado algunha vez e da que vos recomendo tamén desfrutar, concretamente en Vilaboa, perto de Pontevedra, tedes unha festa dos calacús tódolos anos na taberna galega "A casa dos druidas", non sei se inda seguén con esa "oferta", pero ao que chegara á festa cunha cabaza decorada regalábanlle unha consumición, esa noite xúntase moita xente a celebra-la noite de defuntos, hai música en vivo e queimada. Convén non trabucar a noite dos calacús ou celebración do Samahin celta coa máis recente noite de Halloween que tanto se puxo de moda, sobre todo nas cidades, a noite de Halloween probablemente foi exportada aos EE.UU. polos emigrantes irlandeses entre finais do século XIX e principios do século XX e na miña modesta opinión, é unha celebración máis que nada comercial, non hai máis que olla-lo bombo que lle dan firmas comercias como McDonald's.
O dito, na noite de defuntos non vos esquezades de poñer na fiestra do voso cuarto un calacú acendido e o dia de defuntos darvos un bo atracón de "osos de santo", que tamén hai que darlle unha alegria ao corpo e están boísimos.
Historia & Pontevedra 05 set 2008 08:30 am
Esta noite comeza a Feira Franca 08
Xa chegou o dia, á noitiña e có anuncio do comezo da feira por parte dos pregoeiros que irán a cabalo polas prazas e rúas da nosa cidade comezará a festa que pon o punto e final ao verán pontevedrés, unha cita agardada polos miles e miles de pontevedreses e visitantes ansiosos de rememora-las nosa historia pasada, unha cita que cumpre o seu noveno ano e que está considerada xa como unha das mellores recreacións do medievo xunto coa pioneira Festa da Historia de Ribadavia (Ourense).

Agardo que todos e todas desfrutes dela e que o tempo nos acompañe, eu como nos anos anteriores confundireime coa xente coma un labrego, e na compaña de amigos e familiares vivirei en primeira persoa esta cita ineluldible coa historia, por se hai algún de vós que inda non tivo a oportunidade de olla-lo programa de actividades aquí o tedes, para que non perdades detalle de nada:
IX FEIRA FRANCA
5 de setembro /2008
18:30 h / Pregoeiros a cabalo anuncian a feira nas prazas do centro histórico.
21:30 h / Actuación musical do grupo Pan de Capazo. Praza da Ferrería.
22:00 h / Laboratorio de Expressao Dramático de Oliveira do Bairro. Teatro ‘A orixe de Pontevedra’, espectáculo de lume. A continuación, explosión de cor e luz na varanda de Facenda.
22:20 h / Pasarrúas musical Art Monium. Praza da Ferrería.
22.30 h / Música e bailes medievais coa Asociación de Coros e Danzas Dúos Pontes. Praza do Teucro.
23:00 h / Monicreques Kukas: ‘Contas do vento acatarrado’. Praza da Pedreira.
6 de setembro /2008
11:30 h / Mostra de oficios. Praza da Ferrería.
11:30 h / Apertura do mercado medieval de artesanía. Arcebispo Malvar.
12:00 h / A Asociación Recreativa de Xeve encárgase do desfile do transporte do viño dende os arredores do convento de Santa Clara en dirección á praza da Peregrina, pasando pola rúa Sarmiento, a praza da Leña, Pasantería, a Ferrería…
13.30 h / Exhibición de cetraría con Falcóns de Galicia. Avda. de Montero Ríos.
16:30 h / Tiro con arco co Clube Boa Vila. Ruínas de San Domingos.
17:00 h / Exhibición de cetraría con Falcóns de Galicia. Avda. de Montero Ríos.
17:30 h / Teatro de rúa. Laboratorio de Expressao Dramático de oliveira do Bairro.
17:30 h / Torneo medieval con Legend Especialistas. Entrada de balde ata completar aforo. Praza de Touros.
18:10 h / Exhibición de ximnasia co Clube Treboada. Avda. de Montero Ríos.
17:30 h / Espectáculo de malabares Vivarte. Praza do Teucro.
20:00 h / Torneo medieval. Entrada de balde ata completar aforo. Praza de Touros.
20:10 h / Concerto de Avelaíña. Avda. de Montero Ríos.
01:00 h / Pasarrúas e fin e festas a cargo de Art Monium.
Animación Dispersa
Art Monium. Música, malabares, xigantes e dragóns.
Foula. Música medieval para trasladarnos ao século XV.
Grupo de Percusión Monte Porreiro.
Pan de Capazo. Espectacular concertó, dinámico e rabioso.
Vivarte. O rincón dos xogos: animación infantil nos xardíns de Castro Sampedro durante todo o día.
Por certo, aqui déixovos unha reseña na Voz de Galicia explicando o operativo que pon en marcha este ano o Concello de Pontevedra no tema da seguridade, lugares onde haberá postos médicos permanentes e demais..
¡¡ Desfrutade da festa e o luns xa me contaredes que tal o pasáchedes !!
Historia & Pontevedra 01 set 2008 01:57 pm
Feira Franca de Pontevedra 2008
Pois xa está activada a nova páxina web da Feira Franca de Pontevedra, hai dias que avisaron da súa inminente re-activación pero non foi ata ben pouco cando tivo lugar. Asi que xa sabedes, resta moi pouco para que comecen os fastos medievais na nosa cidade e hai que irse preparando, que o verán comeza coa festa da Peregrina e a diversión non remata ata pasada a feira medieval, a cal terá lugar o vindeiro fin de semana, os dias 5 e 6 de Setembro. Na web poderedes atopar cumprida información de todo canto vaia acontecer neses dous dias de festa, dende os horarios das actividades ata consellos e recomendacións de todo tipo, aqui tede-la url en cuestión:
Desfrutade da Feira Franca 2008, este ano adicada ao traballo no campo e na que se quixo primar ante todo a seguridade dos participantes na mesma, despois do incidente do ano pasado tomaranse máis precaucións nesta edición, ubicando servizos de urxencia e de atención médica en diversos puntos da feira. Se precisades dalgunha información tamén vos podedes pasar por un post temático que teño nesta mesma web e onde falo da súa historia e dalgunha cousa máis. Como datos de interese, dicirvos que este ano agárdanse máis de 100.000 persoas de toda Galiza e Portugal no casco vello da nosa cidade, principalmente no dia grande da feira medieval, 60 postos de gastronomía e artesanía e ao redor de 200 ceas programadas nas rúas e prazas do casco histórico de Pontevedra.
¡¡ Que desfrutedes coa festa e bo proveito a tod@s !!
Galiza & Historia 26 xun 2008 09:22 am
Castelao estará máis presente en Pontevedra
Haberá alguén na nosa cidade que inda non teña visitado alomenos unha vez na súa vida o Museo Provincial de Pontevedra? De ser así, a partires de agora terá unha excusa máis para facerlle unha visita, porque dende a pasada semana, o Museo de Pontevedra ampliou a súa oferta expositiva coa adquisición de 120 debuxos orixinais de Alfonso Daniel Castelao, debuxos que empregou para ilustra-lo seu libro As cruces de pedra na Bretaña, e que foron feitos polo polifacético artista na súa visita á Bretaña (Breizh) aló polo ano 1929, nunha viaxe có obxecto de investiga-los cruceiros de pedra do "outro" finisterre atlántico. Con esta nova proposta amplíase a sala adicada ao insigne debuxante e político galego no museo da nosa cidade, sala ésta que foi remodelada non hai moito coa inclusión de novas pinturas e agora tamén estes novos debuxos feitos no ano 1929 na Bretaña, á volta desta viaxe Castelao publicou As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.
É de supor que nun curto periodo de tempo, estes debuxos estarán expostos para todo aquel que lles queira botar unha ollada. Noraboa tanto á Deputación de Pontevedra coma ao Museo de Pontevedra por tan importante adquisición, desta maneira a nosa cidade convértese na depositaria da maior parte do legado do insigne patriota galego.
Galiza & Historia 23 xun 2008 09:00 am
A noite de San Xoán en Pontevedra
Xa se chamen lumes, fogueiras ou cacharelas, son as verdadeiras protagonistas desta noite máxica, a véspera do dia máis longo do ano, que coincide có solsticio do verán, un rito céltico que perviveu ao longo dos séculos, un dos máis arraigados na nosa terra e que comeza despois da cea, cando a xente xúntase ao seu redor a falar, cantar ou choutar por riba do lume purificador.

Dende pequeno sempre acollin gratamente a idea de ir olla-las cacharelas da nosa cidade, ou máis ben dos arredores, adoitaba ir cós meus pais e gostaba do feito de choutar por riba delas, lémbrome da inmensa fogueira que se facia, e coido que inda se segue a facer na Barca (Poio) ou a que se facia tamén en beiramar antes de que se urbanizase a avenida do Uruguai, algunha tamén tiñan no barrio de Campolongo, hoxe adoito ir a olla-la fogueira de A Seca, en Poio, cacharela que reune a moitísima xente ao seu redor e na que, ademais de desfrutar da sardiñada, puiden desfrutar nestes últimos anos dalgunha que outra representación teatral nun marco incomparable, diante do mar. Tamén nos arredores de Pontevedra, en lugares coma Mourente ou Lérez séguense a face-las trasnadas cotiáns nesta noite, como roubar carros ou levar cancelas das casas, que logo aparecen nos rincóns máis insospeitados, sen ir máis lonxe, hai dous anos apareceu un carro do País na rotonda da ponte dos "tirantes". Este ano, esta máxica noite celebrareina na parroquia de Lérez, na casa duns familiares, sempre que o tempo acompañe claro.
Por último, non debemos esquece-lo ritual das "herbas de san Xoán", herbas que hai que deixar en auga para lava-la cara á mañá seguinte e asi escorrenta-los malos espíritos, tradicións estas que cómpre conservar polo seu simbolismo, inda que non sexamos moi creentes, senón lembrade que estes ritos foron cristianizados pero na súa orixe foron célticos e polo tanto paganos.
Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.
Actualidade & Historia 16 xun 2008 09:00 am
Galicia pasa oficialmente a chamarse Galicia
Ou iso semella despois do manifestado a pasada semana pola Real Academia da Língua Galega, pois segundo eles o único termo oficial para referirnos á nosa comunidade autónoma ou nacionalidade histórica (que non rexión) será o de Galicia. Teño lido moito estes dias no tocante a este tema, que descubrín da man de Sísar, un blogueiro de Pontevedra.
Poderian escreberse rios de tinta falando do pros ou dos contras de chamarlle dunha ou outra maneira a Galiza, pero nin son lingüista nin tampouco teño gañas de enfrascarme agora en discusións, que como desafortunadamente calificou outro blogueiro pontevedrés, -no le importan al populacho-. Coido que si lle importan inda que non serei eu quén rompa unha lanza en favor dun ou doutro termo, máis o que si teño claro é, que como galegofalante emprego o termo Galiza por respecto á nosa historia e non por un ancello de sermos diferentes aos demais, como teño lido nalgún artigo. Se Galiza xa se empregaba no medievo, quén é a Real Academia Galega para non recoñecelo como válido aludindo a que é o termo máis empregado pola povoación nos derradeiros séculos, periodo éste cunha clara influencia do idioma castelán. ¿un País pode ter dous nomes en dúas línguas co-oficiais? pois por suposto que si, sen ir máis lonxe, -e posto que estiven ali hai un par de semanas-, fixádevos no caso irlandés, un país onde conviven dous idiomas oficiais, irlandés e inglés, Ireland é o topónimo empregado en inglés e Éire ou Poblacht na Éireann en irlandés gaélico, e alí non teñen nengún tipo de problema, o mesmo acontece con Alba=Escocia e moitos casos máis. Se o galego e o portugués proceden dun tronco común, ¿porqué en Portugal empregan o termo Galiza e os galegos teremos que emprega-lo termo Galicia de forma oficial unicamente?, considero moi inxusta esta decisión dun organismo que, deberia ter coma principal obxectivo o de xungui-las diferentes correntes a prol dunha ou doutra norma ortográfica que temos en Galiza, para asi acada-lo arelado consenso e facer máis forte o noso idioma, un presente tal e como o estamo-lo a ter non augura un futuro esperanzador para o galego.
Polo tanto, eu estou dacordo en que se empreguen oficialmente o termo Galiza para o idioma galego e o termo Galicia para o idioma castelán e plantexo tamén a seguinte cuestión. Se a única maneira -establecida por lei- que hai para referirse á toponimia galega é en galego, ¿Cal sería entón o vocablo a empregar para referirnos ao nome do noso País? penso que por esta regla de tres claramente teria que ser Galiza.
Caixón de xastre & Historia 24 mai 2008 12:00 pm
Xa estamos camiño de Irlanda…
Chegou o dia agardado durante moito tempo, non vou dicir que toda a vida pero si algúns cantos anos, no mediodia de hoxe embarcamos rumbo á illa esmeralda, ali agárdannos catro dias que prometen ser moi intensos, a cidade de Dublín e mailos seus arredores teñen moitos atractivos e haberá que andar lixeiro para poder olla-lo todo. En principio e se as previsións son acertadas, agardamos poder visitar o Castelo de Dublín, a sede do Parlamento Irlandés, o Trinity College, a Catedral de San Patricio, o museu Dublinia, o Temple Bar, a cervexeria St. James's Brevery (a fábrica de Guinness) e facer unha escapada ao condado de Wicklow e visitar Glendalough, unha pequena vila fundada por San Kevin a finais do século V, atópase dentro dun parque nacional e é unha paraxe de altísimo nivel ecolóxico e histórico. Polo que puiden ollar estes dias o tempo semella que acompañará nos dias que estaremos aló, asi ben non haberá un sol tremendo -cousa pouco probable en Irlanda- estará alomenos despexado e non choverá, que sempre é de agradecer, imos ben pertrechado de cámaras para non deixarnos nada atrás, asi que á volta da viaxe compartirei con vós algunhas das fotos que traiamos.
Nada máis, por aqui supoño que todo seguirá igual estes dias, agardo levar unha sorpresa á volta e que o Pontevedra C.F. acadara un bo resultado en Ceuta, pero tamén confio en coñece-lo resultado alá mesmo, xa que os meus informantes non me defraudarán...jajaja.
Brindarei por elo e por vós cunha pinta de Guinness.
Slainte !!
Galiza & Historia 20 mai 2008 10:21 am
A feira de Cuspedriños (Cotobade)

A pasada fin de semana achegueime a Cuspedriños, unha aldea do concello de Cotobade, as poucos quilómetros de Pontevedra, e por se algún de vós pensa que estou a contar un conto, direivos que Cuspedriños é tan real como o Quinto Pino (A Coruña). Éste foi o seu segundo ano que se celebraba, e puiden comprobar persoalmente que a recuperación dunha das feiras de gando máis importantes desta zona foi todo un éxito, celebrábase aló polo mes de Nadal e nos seus pendellos un podia desgustar calqueira produto gastronómico, dende chourizos, callos ou calqueira postre, até viños e licores de todo tipo, paseando por aquel mercado que se asemellaba moito ao que se facia aló polos anos 60, onde os tratantes de gando vendian bois, cabalos, ovellas ou carneiros. Na feira habia moita xente ataviada con roupas da época, incluso puiden subir a unha reliquia do transporte colectivo, un autobús propiedade da empresa Cuiña e que databa coido que do ano 1956, unha marabilla. Por suposto e como non podían faltar, ademais da gastronomía tamén participaron os artesáns do coiro e mesmo de instrumentos musicais tradicionais, alí estaban os luthiers de Os Alegres de Pontevedra, cós seus charrascos, pandeiretas e bombos ao carón das zocas e das figuras de forxa fermosamente elabouradas.

En resumo, un domingo para desfrutar en compaña, tomando un viño e unha ración do polbo á feira nun ambente de festa e de alta montaña, segundo puiden comprobar no programa que repartían, o sábado houbo guateque pola noite e o domingo diversas actividades para os máis cativos. A feira de Cuspedriños foi recuperada pola concelleira nacionalista Lina Garrido, a encargada da área de Promoción Económica e Turismo do Concello de Cotobade e coa colaboura da Conselleria de Medio Rural, que todo hai que dicilo.
Para o vindeiro ano achegádevos por alí, seguro que non vos defraudará.
Actualidade & Historia 07 mai 2008 01:00 pm
A resposta correcta é… Irlanda !!
Non vaiades pensar que estamos nun concurso deses da televisión, aqui non temos nin caixas máxicas, nin paneis a descubrir, nin tan sequera letras coas que formas palabras, este suxerente título (suxerente alomenos para min) ven a colación da pregunta que vos facia neste post de primeiros de marzo. Algún de vós andivo moi ben encamiñado ao dar a resposta, Ulmo de Arxila e Carmiña deron no cravo ao falar de Èire (Irlanda), Deisler sabedor da miña afección pola boa cervexa tamén estivo acertado, Andrés fíxose o longuis pero ben sabia de antemán a onde ia ir, o que pasa é que soubo mante-la intriga até o final.
Pois si ilustres visitantes da miña humilde morada na internet, a resposta correcta é Irlanda, a vella illa esmeralda tamén chamada Èire en língua gaélica será a afortunada en desfrutar da presenza de dous galegos que van aló á aventura, máis que nada porque non temos nin papa idea de inglés, e moito menos de gaélico irlandés, en galego supoño que será todavia máis complicado facerme entender. Viaxamos concretamente á súa capital Dublín (Baile Átha Cliath), traducido como Estanque negro, atópase na beira do rio Leffey, cidade fundada
orixinalmente como centro do comercio vikingo de escravos e que ven sendo a capital da República de Irlanda dende a Idade Media. Viaxamos cunha das dúas compañias irlandesas de low cost, concretamente con Aer Lingus -se alguén se fixou na foto do anterior post xa veria nela unha boa pista- e a nosa intención é visitar todo o que poidamos en catro dias, principalmente o Trinity College (Book of Kells), o Castelo de Dublín, a Igrexa de San Patricio (patrón de Irlanda), o Temple Bar e por suposto a St James's Gate Brewery, a fábrica da cervexa stout por excelencia, onde se atopa a Guinness Storehouse, da que por suposto haberá un capítulo aparte.
Pois nada, en menos dun mes atoparémonos de camiño a unha das sete nacións celtas, agardemos desfrutar intensamente desta viaxe da que prometemos contarvos detalles á volta.
Slàinte !!
Historia 01 mai 2008 08:00 am
Beltaine, ou o dia que os galegos colonizamos Irlanda
Puido ser un dia tal que hoxe, primeiro de Maio e dia da festividade celta de Beltaine, cando os nosos antergos castrexos cruzaron en barca o mar que separa a nosa terra da verde Èire para conquistala. Segundo contan as crónicas do Leabhar Ghabhala, a tribo dos milesiáns conquistaron a illa de Irlanda para venga-la morte de Ith, un dos fillos de Breogán -o rei celta de Galiza-, o cal dende a torre construida polo seu pai en Brigantia, a que viria sendo a actual cidade de A Coruña, divisara a illa ao lonxe e viaxara ata ela para loitar coa tribu dos Tuatha de Dannan e conquistala. Segundo a información aportada por diversos estudos esta teoria recollida no libro das invasións poderia ser certa. Segue a crónica contándonos que o dia da festividade do deus Bel (Beltaine), chegaron Mil e os seus oito fillos e noras á desembocadura do rio Kenmare acompañadas por trinta e seis embarcacións de coiro, cada unha coa súa guarnición de soldados e có seu xefe de clan, loitaron encarnizadamente contra a tribo dos Tuatha de Danann, o povo da deusa Danu -os habitantes da illa-, conta tamén a lenda que a desputa foi nobre e valerosa, que ámbolos dous druidas de cada bando empregaron feitizos e invocacións máxicas e que a loita rematou tras varias batallas coa victoria dos milesiáns vidos dende terras galegas, a tribo de Dana agochouse entón baixo a superficie da terra. Séguenos a contar o relato que foron os mesmos milesiáns os que lle puxeron nome a esta nova terra conquistada, e que despois de negocialo coas tres deusas pertencentes á tribo dos Tuatha de Dannan (Banba, Fodla e Ériu) elexiron o nome de esta última na súa forma xenitiva, Erinn, para bautizala nova illa.
Hoxendia, a festividade de Beltaine é un dia de ledicia e diversión, na nosa cidade de Pontevedra temos un bo exemplo tódolos anos na praza da Ferreria onde se celebra a festa dos Maios, un evento moi participativo e con moitísima sona en todo o territorio galego.
Que desfrutedes e participedes do dia.
Historia 17 dec 2007 08:00 am
Bibiano Fernández Osorio-Tafall, alcalde republicano de Pontevedra.
Moitos dos meus veciños de Pontevedra, posiblemente non lembrarán a figura de Bibiano Fernández Osorio-Tafall (1902-1990), sirvan pois estas letras coma unha breve semblanza da súa persoa e da súa vida.
Osorio-Tafall foi alcalde da nosa cidade alá polo ano 1930 cando militaba na ORGA, en tempos da II República, foi tamén un importante impulsor do noso estatuto de autonomia no ano 1936, este ilustre galeguista que chegou a ser deputado nas Cortes dúas veces, no ano 1931 e 1936, presidiu a Deputación de Pontevedra e chegou a ser subsecretario xeral da O.N.U. Era doutor
en Ciencias Naturais e catedrático na mesma materia nun instituto de Pontevedra, foi un militante republicano comprometido coa súa causa e por mór diso, e logo da derrota do seu bando na Guerra Civil Española, exiliouse en México onde tamén chegou a ser mestre na súa Universidade Autónoma e no Instituto Politécnico Nacional, incorporouse ás Nacións Unidas no ano 1948, posto desde o cal levou a cabo as operacións de pacificación no Congo e no conflicto de Chipre, xubilouse como sub-secretario xeral da organización. Posteriormente, e unha vez rematado o rexime franquista, foi convidado por Adolfo Suárez a participar no primeiro periodo da Autonomia galega, oferta que rexeitou.
Penso que é importante coñece-la nosa historia, a recente e a pasada, e Osorio-Tafall foi unha persoa moi importante da nosa historia local e colectiva, alcalde da nosa cidade aos 28 anos, chegou a ser o funcionario do Estado Español con máis alto rango nas institucións internacionais e un emblema do antifeixismo internacional, asi coma un dos persoeiros máis relevantes do século XX. Se tedes curiosidade pola súa vida, hai un video editado pola Deputación de Pontevedra e titulado "As claves do enigma, Tafall entre tres mundos" que describe a vida deste home no convulso e violento momento que lle tocou vivir.






