Cargando...

Category ArchiveHistoria



Historia 17 dec 2007 08:00 am

Bibiano Fernández Osorio-Tafall, alcalde republicano de Pontevedra.

Moitos dos meus veciños de Pontevedra, posiblemente non lembrarán a figura de Bibiano Fernández Osorio-Tafall (1902-1990), sirvan pois estas letras coma unha breve semblanza da súa persoa e da súa vida. 

Osorio-Tafall foi alcalde da nosa cidade alá polo ano 1930 cando militaba na ORGA, en tempos da II República, foi tamén un importante impulsor do noso estatuto de autonomia no ano 1936, este ilustre galeguista que chegou a ser deputado nas Cortes dúas veces, no ano 1931 e 1936, presidiu a Deputación de Pontevedra e chegou a ser subsecretario xeral da O.N.U. Era doutor en Ciencias Naturais e catedrático na mesma materia nun instituto de Pontevedra, foi un militante republicano comprometido coa súa causa e por mór diso, e logo da derrota do seu bando na Guerra Civil Española, exiliouse en México onde tamén chegou a ser mestre na súa Universidade Autónoma e no Instituto Politécnico Nacional, incorporouse ás Nacións Unidas no ano 1948, posto desde o cal levou a cabo as operacións de pacificación no Congo e no conflicto de Chipre, xubilouse como sub-secretario xeral da organización. Posteriormente, e unha vez rematado o rexime franquista, foi convidado por Adolfo Suárez a participar no primeiro periodo da Autonomia galega, oferta que rexeitou.

Penso que é importante coñece-la nosa historia, a recente e a pasada, e Osorio-Tafall foi unha persoa moi importante da nosa historia local e colectiva, alcalde da nosa cidade aos 28 anos, chegou a ser o funcionario do Estado Español con máis alto rango nas institucións internacionais e un emblema do antifeixismo internacional, asi coma un dos persoeiros máis relevantes do século XX. Se tedes curiosidade pola súa vida, hai un video editado pola Deputación de Pontevedra e titulado "As claves do enigma, Tafall entre tres mundos" que describe a vida deste home no convulso e violento momento que lle tocou vivir.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Historia &Música 07 dec 2007 07:00 pm

Breizh (Bretaña francesa), unha viaxe por facer (vol.1).

Bretagne, mòn amour !! 

Unha das miñas afeccións dende sempre foi viaxar, asi ben é verdade que nin puiden facelo tanto coma quixera nin tampouco aos lugares que arelaba, sen ir máis lonxe o ano pasado fun a México e ésta foi a primeira vez que subin nun avión, para ter trinta e tantos non está mal, eu sempre fun máis de ir en coche a tódolos lados. Dende hai moitos anos que son afeccionado á musica e á cultura de orixe céltico, e as miñas preferencias en canto a viaxes se decantan por facer o que eu din por chamar "a tríada celta", Escocia (Alba), Irlanda (Èire) e a Bretaña francesa, chamada (Breizh) en brezoneg, a língua dos bretóns.

Bretaña é unha rexión administrativa do Estado Francés e sitúase coma nós no noroeste do mapa, dende hai unha chea de anos son un namorado desta terra, da súa música e maila súa historia e tradicións, a antiga Armórica ten na súa música un dos seus principais elementos diferenciativos e identificativos, hai anos que levo escoitando ao magnífico harpista Alan Stivell, tamén ao que din é o futuro da música bretona, Dan Ar Braz e aos fantásticos Tri yann, un grupo que enche estadios alí por onde pasa. Os instrumentos máis representativos do folclore bretón son a biniu koz (gaita ou cornamusa) e a bombarda (unha especie de oboe), as bandas de gaitas bretonas ou bagad's empregan principalmente estes dous instrumentos acompañados das caixas de "alta tensión" e de bombos, téñoas visto moitas veces no Festival do Mundo Celta de Ortigueira, sempre acompañadas dos bailaríns bretóns que no seu País se xuntan nas "festòu-noz" (festas diurnas) ou "festòu-deiz (festas diurnas) a bailar de ganchete. Un elemento común aos galegos son os "aturuxos" é mailo fenómeno do "kan ha diskan", que viria sendo unha cousa semellante á "regueifa" galega, un vai falando/cantando e outro vaille contestando de semellante maneira. Aqui vos deixo un tema de Dan Ar braz e Alan Stivell, chámase "Pop plinn" e nela podedes ver, ademais de a estes dous grandes artistas bretóns, varios dos elementos característicos da música bretona, as bombardas dunha bagad, unha harpa celta e á xente bailando de "ganchete", desfrutade do video, eu agardo podelo facer en directo un verán destes no Festival Intercéltico de Lorient, un festival no que participan miles de artistas e congrega a máis de un millón de visitantes, cada ano o adican a unha nación celta, o ano de Galiza foi hai un par de edicións, o vindeiro 2008 será o turno de (Cymru) o País de Gales.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Historia 10 nov 2007 03:00 pm

Polo “San Martiño”, trompos ao camiño.

Lémbrome de pequeno, hai xa uns cantos anos daquela, xogar polas tardes de semana cós amigos na Alameda, entre tantos xogos dos que desfrutabamos de rapaces estaba o do trompo, xa daquela era algo case en desuso, e máis no meu caso que vivo na cidade, como dicia, levábase máis o tema das "bolas" ou canicas, do "pincho", tamén xogar ás chapas e por suposto o fútbol. Lémbrome de ter un trompo de buxo, moi forte, para os entendidos, os de madeira de buxo eran dos máis duros que habia,  tamén de ter perdido algún apostando cós amigos que xogaban moito mellor ca min, e de escachar algún contra o chan por non xogar na terra e ir de "listo" a tiralo no formigón ou na pedra. Hoxe lémbrome de todo iso porque este fin de semana é o San Martiño e tamén se celebra a terceira edición do "Dia do peón", o colectivo Brinquedia, a rede galega do xogo trdicional, organizou actos en moitos colexios de Galiza para que os nosos rapaces e rapazas non esquezan, que nun tempo no que non habia play-station nin ordenadores, todos xogabamos na rúa.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Historia 31 out 2007 10:00 am

A noite dos calacús, o noso Samahin celta.

Algún de vós se preguntará o porqué dese festivo o vindeiro xoves, a explicación é moi sinxela, ese dia celébrase o dia de defuntos e para os namorados da cultura céltica coma min o Samain (Samahín en gaélico) , ésta era unha festividade pagana, a noite do 31 de Outubro era o fin de ano para os povos celtas, entre eles Galiza, tamén é a festa en honra aos defuntos marcando a transición do solsticio de outono ao de inverno. A festa do Samain era a máis importante do periodo pre-cristián, nesta data acendíanse lumes sagrados frotando pónlas de serbal e teixo, con elas quentábanse as lareiras  de tódalas casas, tamén era costume a de baleira-las cabazas (antes disto empregáronse nabos) para colocarlles dentro candeas que logo se colocaban nos cruces, nas portas das casas e en infinidade de lugares, esta tradizón inda se mantén viva no noso País na chamada "Noite dos calacús", noite da que teño participado algunha vez e da que vos recomendo tamén desfrutar, concretamente en Vilaboa, perto de Pontevedra, tedes unha festa dos calacús tódolos anos na taberna galega "A casa dos druidas", non sei se inda seguén con esa "oferta", pero ao que chegara á festa cunha cabaza decorada regalábanlle unha consumición, esa noite xúntase moita xente a celebra-la noite de defuntos, hai música en vivo e queimada. Convén non trabucar a noite dos calacús ou celebración do Samahin celta coa máis recente noite de Halloween que tanto se puxo de moda, sobre todo nas cidades, a noite de Halloween puido ser exportada aos EE.UU. polos emigrantes irlandeses entre finais do século XIX e principios do século XX e na miña modesta opinión, é unha celebración máis que nada comercial, non hai máis que ver o bombo que lle dan firmas comercias como McDonald's. O dito, na noite de defuntos non vos esquezades de poñer na fiestra o voso calacú acendido e o dia de defuntos darvos un bo atracón de "osos de santo", que tamén hai que darlle unha alegria ao corpo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Historia 06 out 2007 10:30 am

A bandeira sueva do “Galliciense Regnum”.

Xa que está tan de actualidade o tema das bandeiras estes dias, decidin indagar un pouco sobre o que foi posiblemente o estandarte suevo, o que veu a  corresponder a un dos periodos máis importantes da historia galaica.  Alá polo ano 407-409 chegaron ao noso territorio varios milleiros de xermanos da tribo dos suevos, e asinaron có afeblecido imperio romano un "foedus" (pacto) polo cal asumiron o control da provincia romana da Gallaecia, o chamado Galliciense Regnum durou perto de 200 anos e foi o primeiro estado medieval recoñecido polos romanos en Europa, representa para moitos de nós un momento épico da nosa historia, a unificación de tódolos povos galaicos baixo un mando común. Durante este tempo, reinou unha dinastia de orixe sueva, que como calqueira monarca tiña o seu distintivo, a súa marca identificativa, no caso da dinastia sueva do "Regnum Sueborum" de comezos do século V, o seu estandarte ou bandeira non está moi claro posto que non se conservaron datos nin elementos gráficos delo, pero nun documento conservado na catedral de Lugo e datado no ano 1669, afirmábase que  un dragón verde e un león rampante de cor vermella figuraban no seu escudo de armas.

Hai un par de anos buscando información atopei esta web na que tratan o tema das diferentes bandeiras galegas e tamén falan da nosa historia, por suposto temos infinidade de páxinas onde atopar información e tamén moitos libros, o último que merquei foi hai dous ou tres anos e chámase "Historia xeral de Galicia" de Anselmo López Carreira.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Historia 07 ago 2007 01:00 pm

Pontevedra, orixe do topónimo.

Inda que as orixes de Pontevedra nacen nos castros celtas de Santa Maria e San Francisco, atribúese mitoloxicamente a fundación da cidade ao grego Teucro, irmán de Ajax, que loitou na guerra de Troya e que a bautizou có nome de "Helenes", posteriormente os romanos xa facian referencia a unha cidade chamada "Ad duos pontes", situada na súa via XX "Per loca marítima", a cal comunicaba Braga con A Coruña. Xa na época medieval, concretamente no século XII, e baixo o reinado de Fernando II, a cidade aparece por primeira vez baixo o seu nome actual "Pontem-Veteris", aludindo ás ruinas da vella ponte romana, dato que aparece reflexado nun documento no mosteiro de Poio, moito tempo despois, no ano 1833, coa creación das provincias, Pontevedra converteuse na capital da provincia do seu mesmo nome.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Actualidade &Historia 27 mai 2007 01:28 pm

Achado outro miliario romano.

     As excavacións arqueolóxicas do Burgo son noticia unha vez máis, esta vez é outro miliario romano atopado o pasado venres, máis antigo que o anterior atopado en Outubro, este impresionante achádego atopado nunha zona apodada "a casa do costureiro", data do século I, inda que polo de agora o experto encarregado, Manuel Caamaño, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, non deu a coñecer a transcripción das letras gravadas no mesmo, na superficie do miliario pódese ler con claridade as palabras "Caesar" e "Nerva", trátase dun emperador romano que governou entre os anos 96 e 98 despois de Cristo, os xacementos arqueóloxicos de Pontevedra son os máis grandes que hai en Galiza na actualidade, os miliarios serán transladados a unha exposición nas ruinas de San Domingos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

« Páxina anterior