Category ArchivePolítica
Política 10 xan 2009 10:02 pm
Terra Galega, un novo xogador nas eleccións

De cara ás eleccións do 1 de Marzo, cada día máis nas novas lemos sobre os candidatos e as propostas dos distintos partidos políticos que temos no País.
E hoxe lin en Vieiros este artigo que quería comentar: Terra Galega presenta a súa candidatura co obxectivo de obter dous deputados, polo que penso que convén facerse varias preguntas.
¿Quen é Terra Galega? Eu como pontevedrés recoñezo non ter moita idea de T.G. ata fai non moito, e resulta ser a aposta persoal de Xoán-Juan Gato, o ata agora alcalde de Narón (A Coruña). Como ideario, pensan facer un nacionalismo de centro-dereita, unha tendenza que tivo o seu tirón no pasado e que certamente ningún partido ocupa neste intre.
Moitos din que, ou ben o PP ou ben o BNG ocupan ou tentan ocupar esta parte do electorado, mais é ben certo que ata o dagora ningún se pronunciou ao respecto: o PP ben con cousas que o afastan como Galicia Bilingüe e o BNG con tendenzas no seu interior como a UPG que para nada están nesa zona.
Curioso ler no artigo que Gato rematou a presentación da candidatura cun "Viva a Galicia Ceibe e nova que empeza a amencer. Seica van presentar candidatura en A Coruña e en Lugo, eu tería curiosidade en ver quén se presentase nun hipotético caso en Pontevedra. O mellor de todo son os comentarios en Vieiros, donde non se exalta precisamente a figura de Gato, tachándoo de caciquista e especulador.
Máis información na súa web: Terra Galega.
Galiza &Política 06 xan 2009 11:17 am
Actos en Pontevedra có gallo do XX aniversario de Galiza nova
Unha vez máis, Maruxa, amiga e responsábel de Galiza Nova en Poio, achégame certa información que pode que sexa de interese para os que sodes/somos de Pontevedra e arredores, extensible evidentemente tamén para o resto da xente da nosa bisbarra. A organización da mocidade nacionalista galega, Galiza Nova, celebra nestes dias o seu 20 aniversario cunha serie de actividades lúdicas e festivas a desenvolver na nosa cidade entre esta vindeira fin de semana e a seguinte, a continuación detállovos a información que me foi achegada como vos dixen via e-mail.
-
Sábado 10 de xaneiro: Concerto XX aniversario có lema "20 anos deixando pegada en Pontevedra", terá lugar a partires das 22:30 horas no recinto feiral de Pontevedra (parque Rosalía de Castro), actuarán Ruxe-ruxe e Nao e será totalmente de balde.
-
Sábado 17 de xaneiro: Cea XX aniversario de Galiza nova para a mocidade de Pontevedra, terá lugar no Pazo da Cultura a partires das 22:00 horas aproximadamente, o prezo orientativo será de 12 euros.
Para calqueira aclaración podedes poñervos en contacto cós organizadores nos teléfonos 645 024384, 699 996672 ou 986 866205. Persoalmente recoméndovo-lo concerto dos Ruxe-ruxe, teñen un fantástico directo, a continuación déixovo-lo video subido a youtube do seu tema "xigantes", do que xa falara hai meses neste mesmo blogue, Ruxe-ruxe fan unha mestura de folk-rock con pinceladas de punk en galego, de seguro que nos farán desfrutar en grande esa noite.
Galiza &Política 02 xan 2009 03:38 pm
A orixinalidade de Ibarretxe
Ben se nota que o Partido Socialista de Euskadi lle está a pisar os talóns, porque senón non se explica que, coa de fins de semana que hai para poñe-la data das eleccións autonómicas bascas, Juán José Ibarretxe, a la sazón o presidente de tódolos bascos e bascas, escollera a mesma data que Touriño para que vaiamos votar, unha data simbólica e doada de lembrar si, pero para iso non é preciso dar voltas e voltas para ao remate coincidir no mesmo, no vindeiro 1de Marzal como o dia para que, ademais de celebra-lo cumpreanos da miña muller, teña tamén que ir a exerce-lo meu dereito democrático ao sufraxio..
En fin amigo Ibarretxe, xa sei que o teu non é afán de restarnos protagonismo aos galegos, que somentes é pura e sinxelamente instinto de supervivencia, pero ten narices que sexamos nós os primeiros en marca-la data, intentando con iso non coincidir cós vosos comicios e tamén cós europeos, e veñas ti a última hora a trastocalo todo, alegando que vivimos tiempos complicados. Lehendakari, se vostede vive tempos complicados, os demais non temos nin a máis mínima culpa diso, aqui pretendíamos facer unhas eleccións en clave galega e sendo nós mesmos os nosos propios protagonistas, e o que vostede fixo suporá unha merma importante deste protagonismo, inda que, se o penso ben, o desembarco dos primeiros espadas de Madrid nesta ocasión estará máis repartido, e quén sabe, cecais teñamos sorte e os verdadeiros protagonistas das autonómicas galegas sexan os candidatos galegos, non os padriños que veñan da capital.
Pois iso, eskerrik asko por nada Ibarretxe, e para a vindeira ocasión procura darlle máis aos miolos e ser algo máis orixinal, un saúdo.
Política 16 dec 2008 10:07 pm
A Telmo Martín
A figura do político adoita ser, na maioria dos casos, a de unha persoa algo lonxana dos problemas cotiás do cidadán de a pe, dunha persoa case que innacesible e que apenas si ten relación algunha coa xente fóra do seu círculo de traballo, pero na política actual a cousa semella que está a mudar, xa comecei a percibi-lo cambio có videoblogue de Anxo Quintana, un experimento que demostrou ser todo un éxito de participación, e hai cousa dun par de dias puiden observar que eses aires de cambio tamén están a chegar á política local, fálovos neste caso de Telmo Martín, o voceiro do Partido Popular na nosa cidade.
Hai cousa duns dias, e despois de escoitar unhas declaracións en Localia Pontevedra dun dos seu compañeiros de partido, concretamente de Jacobo Moreira, manifestacións éstas coas que non estaba para nada dacordo, e visto que non sabia como facerllas chegar, decidín colgalas no blogue de Telmo Martín, un sitio que de cando en vez visitio, escribin alí sen apenas esperanzas de que o meu comentario fora publicado e moito menos respostado, fixen isto como vos digo o pasado dia 11 neste post que podedes ollar aqui, pois ben, non somentes foi publicado o meu comentario, senón que tamén foi respostado directamente uns dias despois, concretamente neste outro post titulado A Breogain, e no cal Telmo Martín nun exercicio de humildade moi loable descúlpase polo comentario do seu compañeiro de partido, comentario éste que ao meu modo de entender, puido ser froito da excitación da rolda de prensa, manifestacións as do Sr. Moreira que viñan a elevar un pouco máis a crispación xa existente dende varios dias atrás, promovida se cadra por outras declaracións anteriores de Delfín Álvarez.
Dende aqui, quero darlle-las grazas a Telmo Martín polo seu xesto de humildade e complicidade cun cidadán pontevedrés, feitos coma éste engrandecen aos políticos, sexan do partido que sexan e estexamos ou non dacordo en moitas ocasións cós seus prantexamentos, engrandecen como digo a calqueira político, pero sobre todo ao político local, o máis achegado a nós e no que os cidadáns temos o noso primeiro referente. Como xa apuntei na resposta ao post de Telmo, na política non vale todo, ou alomenos non deberia e ten razón, as mazás podres cómpre botalas ao lixo.
Política 20 out 2008 10:16 pm
A campaña electoral comeza ben cedo
Dende o pasado fin de semana comezou unha campaña de acoso e derribo ao bipartito que governa actualmente na Xunta, ou alomenos iso é o que dan a entender cartaces coma o que hoxe mesmo puiden ollar perto de Pontevedra, concretamente ao pasar por diante do Centro Comercial A Barca, en Poio, aqui tedes un semellante, xa que nese intre ia conducindo e non lle puiden tirarlle unha foto.

O mural en cuestión, que non vai asinado, reproduce nun perfecto galego normativo o lema de GRACIAS POR NADA Y ADIÓS BIPARTITO (o de Poio estaba en castelán), non sei se desconfiar da xente de Galicia Bilingüe ou da Mesa por la libertad lingüistica, pero segundo puiden ollar en Libertad popular, dame que é cousa da xente da gaivota, que polo que semella andan moi convencidos de gaña-las vindeiras eleccións autonómicas. Non quero entrar a valorar o feito de facer unha campaña tan valente, inzando o País de cartaces anónimos pagados por Génova (supoño), pero amigo Alberto, asi coido que non se gañan unhas eleccións, non estamos nos EE.UU. para facer campañas de desprestixio deste calado, ¿que será o seguinte?, ¿sacar algún video morboso no youtube, tal vez algún pasado turbio de Quintana en Allariz ou de Touriño nas praias do Salnés ?, para pasado incómodo xa temo-lo de Manuel Fraga na ditadura.
Galiza &Política 21 set 2008 11:13 am
Suso de Toro, George Steiner e o galego..

Mañá de domingo, son as nove e pico máis ou menos, érgome da cama con algo de resaca e non precisamente de alcool non, senón da victoria contundente, necesitada, e cando menos refrescante do Pontevedra C.F. onte á noite fronte á S.D. Ponferradina en Pasarón, unha victoria agardada por todos e celebrada por moitos máis.
Acendo o ordenador e pescudando algo de noticias na web de Elpais.com, atopo un artigo do galego Suso de Toro falando do affaire Steiner-Língua Galega de hai unhas semanas (ou cecais un mes, non me lembro ben), préstolle atención máis que nada por saber que lle contesta e porque o tema éste acontecido o pasado verán, chamoume poderosamente a atención, non entendo como unha persoa pode falar tan abertamente e dende o descoñecemento máis absoluto dunha língua coma a nosa, cun pasado extraordinario de séculos e un presente e futuro cando menos esperanzador (todo depende da paixón coa que a defendamos) por diante. Para os que non saibades do tema, Steiner nunha entrevista para un medio español contestaba ás seguintes preguntas do xornalista:
-Pero, cambiando de tema, me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego, dice en una entrevista a El País Semanal.
-Igual que es obligatorio en Cataluña compartir el catalán con el castellano.
-¡Pero no me compare el catalán con el gallego! El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante. Pero el gallego ¿por qué ha de ser obligatorio en una universidad?
Tales afirmación levantaron unha serie de reaccións por parte de escritores, xornalistas e público galego en xeral que deron a volta a todo o País, porqué temos que aturar ese continuo ataque ao noso idioma e ademais de xente de fóra, que descoñece a nosa realidade, ¿porqué dicir que o castelán está en perigo?, que a única língua de obrigado emprego é o galego, porqué tantas mentiras que alimentan á xente de Galicia Bilingüe e demais sectores da dereita máis ráncia e casposa, porqué crear artificialmente unha confrontación aberta galego-castelán...
Recoméndovos a lectura deste artigo de Suso de Toro no Pais.com titulado Steiner, no; nosotros.
Actualidade &Política 11 set 2008 09:00 am
11 Setembro 2001
¿Onde estabas ti aquel 11-M cando todo cambiou? Dende aquel feito o mundo non foi o mesmo, podo semellar catastrofista pero é unha verdade coma un templo, este mundo que coñecemos estremeceuse aquel verán do ano 2001.

Coido que serian ao redor das tres menos vintecinco da tarde, xa rematara de xantar e fun botarlle unha ollada á televisión, facendo zapping atopei a CNN, nela estaban a pasa-las imaxes dun avión que colisionara cun edificio nos U.S.A, a verdade é que non lle din creto ao que estaba a ollar, cambiei ás outras canles e nada, cada unha ao seu tema, na CNN seguian a botar aquilo e pouco a pouco xa lle fun pillando o fio, un avión se estrellara -ou o estrellaran a propósito- contra un rañaceos de Manhattan, algo inaudito, chamei ao resto da familia e alí estivemos ollando aquilo perplexos, cun calafrio percorrendo o corpo e sen artellar palabra algunha, daquela outro avión apareceu na imaxe polo outro costado e seguiu o mesmo camiño có anterior, tremendo !!. Eran xa as catro menos algo cando collin as chaves e marchei ao traballo coa radio accesa no coche, ao chegar ao curro comentamos cós compañeiros sobre quén poderia ter feito iso, logo a información comezou a chegar pouco a pouco, tal vez foran os árabes, falaban de Osama Bin Laden, ¡¡ que pelotas !! exclamamos, e daquela o mundo xa non foi o mesmo, miles de mortos, invasión do Irak, daños colaterais, petróleo polas nubes, crise mundial...
Aquel 11 de Setembro do ano 2001 apenas levaba saindo coa -daquela moza- muller uns cantos meses, moito choveu dende ese dia, van alá sete anos pero seguimos a comete-los mesmos erros, os norteamericanos coa súa política exterior de feitos consumados fixéronlle moito dano a moitos, agardemos que lle poñan remedio canto antes, cecais cun presidente negro tal vez.. ¿porqué non?.
Política 18 ago 2008 09:06 pm
Falando de políticos, constructores e promotores..
Ollando este post publicado o pasado domingo polo blogueiro pontevedrés Sísar, no cal fala da famosa urbanización que o socialista Xosé Blanco está a facer na Illa de Arousa e que xa é comunmente coñecida por todos polo nome de Villa-PSOE, lembreime da figura daquel promotor e constructor que despois de pasar pola alcaldia dunha vila mariñeira da nosa provincia, veuse na obriga moral de procurar novas metas e apuntar máis alto na súa carreira política, con sorte dispar, xa que no seu primeiro asalto, inda que foi o vencedor aos puntos, non puido acada-lo trofeo do que fora merecedor, ben sabedes de quen falo.

Amigo Sísar; está moi ben afirmar que [en este pais simpre ganan los mismos, los listos y los delincuentes], pero tamén seria boa cousa ter algo de memoria cando menos, en non selectiva por certo. Convídote a que fagas un pouco de exercicio da mesma e lembre-la desfeita que se está a facer perto do miradoiro da Granxa (Sanxenxo), ese lugar que nós, os pontevedreses coñecemos de sobra, ese dende o cal inda podemos outea-la magnífica ría de Pontevedra e no que, gracias ao anterior alcalde de Sanxenxo, o sr. Telmo Martín, están a desfacer cunha montruosa macro-urbanización de chalets a pe de costa, tampouco haberia que esquecer que é o mesmo alcalde promotor-constructor que está involucrado no tinglado dos pisos da urbanización San Paio de Navia na veciña cidade de Vigo, inda non está condenado nin probada a súa implicación, vale, e será socio de Construcuatro e todo o que queirades, pero un socio non é parvo e sabe onde mete os seus cartos, é de supor que estaria advertido do asunto.
Non esquezamos polo tanto que para a nosa desgraza, moitos dos nosos políticos están niso, na política para facer cartos e gañar notoriedade púbica, moi lonxe daquela imaxe bucólica que temos de defensores do populacho e dos nosos dereitos como cidadáns, e niso o Partido Popular lévase a medalla de ouro có 95% dos casos.
Galiza &Política 13 ago 2008 08:00 am
17 de Agosto, dia da Galiza mártir
O vindeiro 17 de Agosto celebrarase un ano máis na nosa cidade o aniversario do pasamento de Alexandre Bóveda, o que fóra máximo responsable e tamén ideólogo do Partido Galeguista, home de fondas conviccións patrióticas que foi asasiñado polas tropas franquistas o 17 de agosto do ano 1936 na Caeira (Poio), ás aforas da nosa cidade de Pontevedra. Foi anos despois, concretamento no ano 1942, cando o galeguismo no exterior instauraba o 17 de agosto coma unha data para a lembranza dos nosos mártires, homes e mulleres que deron a súa vida na loita contra a ditadura franquista, que defenderon Galiza coa súas vidas e que merecían ser lembrados, declarouse por tanto o 17 de agosto coma o dia dos mártires galegos ou dia da Galiza Mártir, asi o declaraba a Irmandade Galega:
“A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto (un erro evidente de imprenta). Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista.Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos”.
Alexandre Bóveda foi o responsable da política económica e de facenda do Estatuto de Galiza aprovado polo povo galego no ano 1936, tamén foi un dos fundadores de CaixaPontevedra, actualmente Caixanova, Alexandre Bóveda, natural de Ourense pero veciño da nosa cidade foi condenado a morrer fusilado nun xuizo sumarísimo, decapitaban con éste acto unha das cabezas pensantes do nacionalismo galego, unha persoa chamada a acadar grandes logros para o seu País.
Na nosa cidade organizaranse diversos actos na súa lembranza e na de tódolos mártires galegos, como tódolos anos haberá unha oferenda floral no monumento da Caeira (A Barca), un acto relixioso no seu nicho do cemiterio de San Mauro e logo o acto político na Praza de Curros Enriquez, no centro de Pontevedra.
Política 07 xull 2008 09:00 am
¿Manifiesto en defensa de la lengua común?
Este pasado fin de semana entereime da nova ao traveso do novo blogue de Luis (ex radio Macuto), un blogue pontevedrés chamado a Eiriña de pedra, lugar no que como antes xa adoitaba facer, fala de infinidade de cousas que lle veñen á cabeza. Xa escoitara dias atrás algo do tema este do Manifiesto en defensa de la lengua común, iniciativa presentada no Ateneo de Madrid e respaldada por unha serie de escritores e intelectuais, pero tamén por deportistas, entre os cales está o galego Óscar Pereiro, -sobre o cal gardareime calqueira tipo de comentario ao respecto-, aqui tedes un extracto do mencionado manifesto.

Un servidor non pode máis que ficar perplexo ante tamaña actitude de desprezo ás línguas periféricas, como se demostra ao publicar un manifesto no cal nunha das liñas afirma que o castellano es la única lengua JUSTA y OFICIAL de todos los españoles ou noutra liña na que di que Es lógico suponer que siempre habrá muchos ciudadanos que prefieran desarrollar su vida cotidiana y profesional en castellano, conociendo sólo de la lengua autonómica lo SUFICIENTE para convivir cortésmente con los demás y disfrutar en lo posible de las manifestaciones culturales en ella, o cal reduce a aprendizaxe da nosa língua TAMÉN COMÚN A TÓDOLOS GALEGOS ao emprego folclórico e meramente cultural, vamos, que se poidan entender para pedir unha tapa de polbo, de raxo ou unha cunca de viño nunha feira, pouco máis, pero que logo, cando vaiamos a unha dependencia administrativa da Xunta o empregado de turno (cando ti lle fales en galego) nos atenda en castelán porque di descoñece-lo galego ou non lle apetece empregalo, xa que politicamente non vai coas súas ideas e atópase exercendo o seu dereito de liberdade de expresión. Dende Madrid, as Nuevas Generaciones del Partido Popular do GALEGO Mariano Rajoy sumáronse á iniciativa e están recollendo sinaturas para o manifesto, denunciando o [...Apartheid lingüistico...] que sofre o castelán neste territorio galego no que vivo (paradoxas da vida, aqui o asoballado é o castelán, ver para crer) governado polos "batasunos de PsG-PSOE e mailo B.N.G ", os cales nos van a levar ao máis completo e absoluto caos político, social e económico, faltaría máis. Logo terán a caradura de vir aqui cando cheguen as eleccións municipais/autonómicas falándonos de que defenden esta terra, as nosas infraestructuras e a nosa economia, pero tamén se lles encherá a boca falando dos nosos costumes, da nosa língua "que tan bién suena" e das vaquiñas e dos prados, rios e arboredas, pinares que move o vento.... en fin, a demagoxia e mailo folclorismo de sempre, o típico discurso en Madrid e de Santiago, que adoitan ser diferentes cando chega á hora de recolle-lo voto.
¿Que terán que dicir disto as Novas Xeracións do Partido Popular de Galicia? ¿que terá que dicir o autónomo Feijoo? ¿terá que pregarse ao discurso ofrecido dende Génova ou será quén de ter unha visión particular e galega de todo isto? Teño curiosidade por coñece-la opinion do blogueiro César Abal sobre todo este tema, polo de pronto aqui tedes o Manifesto pola língua común proposto polo polifacético Antón Reixa.
Axenda &Política 03 xull 2008 11:00 am
Cespa e mailos seus empregados
De cachondeo ou tomadura de pelo podería definir o último anuncio dos traballadores de Cespa, os cales de seguro coñeceredes por películas como Tocándole los huevos a Pontevedra ou Los más chulos del barrio somos nosotros. Pois iso, achégase un verán máis e como cada dous anos -coincidindo exactamente coas negociacións do seu convenio laboral- os ínclitos empregados da concesionaria da recollida do lixo na nosa bendita cidade veñen coas súas xustas ou inxustas, non saberia definilo, reclamacións laborais, pero como xa dixen, cada dous veráns os maiores perxudicados somos nós, os cidadáns de a pe, os que paseamos, traballamos ou pasámolo rato polas rúas da nosa cidade, unha vez máis e non sei cantas irán, un conflicto laboral entre unha empresa privada e mailos seus privados traballadores salpica ao resto dos mortais que non temos culpa de nada e pagámolos nosos impostos, incluida a taxa pola recollida do lixo, facede algo de memoria e lembrade aquel "problema" que tivemos coa concesionaria do servizo de guindastre de Pontevedra, aquelas semanas nas que a nosa cidade ficou inmersa nunha "anarquía automobilística" total.
Persoalmente coido que o Concello non debería inmiscuirse nos conflictos laborais dunha empresa privada, e máis cando ano tras ano nos toman o pelo desta maneira, pero isto xa comeza a ser unha chantaxe en toda regla á cidadanía, agardando precisamente ás festas da Peregrina, o intre no que chegan á nosa cidade miles de visitantes e os pontevedreses queremos desfrutar das nosas rúas e prazas. Coido que Raimundo González, na medida do posible, deberia facer un pouco de forza e presionar a Cespa para que resolva o conflicto cós seus traballadores e asi acada-la desconvocatoria da folga prevista, xogámonos moito nelo
Deportes &Política 29 abr 2008 03:22 pm
Mariano Rajoy e o Pontevedra Club de Fútbol
Veño de escoitar unhas declaracións do lider da oposición, o galego Mariano Rajoy, que me acaban de deixar fóra de lugar. O primeiro espada do Partido Popular respostaba a unhas preguntas sobre o fútbol español que lle facían onte na súa visita ao Clube de Tenis de Barcelona, cara ao final remataron por falar do importantísimo partido desta noite entre o F.C. Barcelona e o Manchester United, a semifinal da Liga de Campións...
Xornalista - ¿Quién piensa que ganará esta noche?
Mariano Rajoy - Pués mire usted, no es fácil porque el Manchester no es el Pontevedra precisamente, pero no hay que perder la fé <...>
E do resto da entrevista a verdade non me lembro, escoiteino na desconexión local da Cadena S.E.R. para Pontevedra, sei de sobra que Mariano Rajoy é merengue, pero iso non lle da dereito a mofarse unha vez máis de Pontevedra e dos pontevedreses, quizais a algún lle parecerá que non é para tanto, pero como socio do Pontevedra Club de Fútbol e por suposto como veciño de Pontevedra, lamento fondamente ter escoitado estas declaracións e máis vindo dunha persoa veciña da nosa cidade.
Dende de A ponte vella solicitamos unha rectificación por parte de Mariano Rajoy e unha desculpa a Pontevedra e a tódala súa cidadania que onte se veu menosprezada.







