Cargando...

Category ArchivePontevedra



Pontevedra 15 nov 2008 10:15 am

Concentración antifeixista en Pontevedra

Cartaza da concentración

Hoxe na praza da Peregrina da nosa cidade, concentración en resposta a agresión sofrida por un mozo antifeixista e veciño da nosa cidade hai dias, non podemos ficar calados ante feitos tan graves como éste, Pontevedra e a súa cidadanía rexeitan calqueira tipo de fascismo e de racismo.

Pontevedra 100% antifascista !!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Pontevedra 30 set 2008 09:59 pm

¿Somos cidadáns ou somos vándalos..?

Esa é a pregunta que me fago despois de ler noticias coma a publicada hoxe na edición dixital e local de La Voz de Galicia, os casos de vandalismo na nosa cidade voltan a ser noticia unha vez máis, para a nosa desgraza os energúmenos de turno non tiveron outra cousa mellor que facer que destroza-las árbores dunha das rúas recén remodeladas da nosa cidade, nada novo, todos sabedes do famoso arco do violín que hai no conxunto escultórico da Praza de San Xosé, atacado en imnumerables ocasións, pero como iso papeleiras, fontes e demais elementos do mobiliario urbán..

Foto de La Voz de Galicia

Esa pregunta tamén vai para o concelleiro de Seguridade cidadá, o señor Guillerme Vázquez, non pode ser que dia tras dia, e sobre todo nas fins de semana, as nosas rúas amanezan con destrozos de toda índole, eu fun o primeiro en parabenizar ao Concello de Pontevedra pola súa decisión de translada-lo botellón do centro da cidade ás aforas, con iso gañamos en seguridade e tranquilidade, pero o que non se pode é tolerar o que acontece tódolos dias na praza de José Martí, onde individuos bébedos e skaters fan que os veciños apenas poidan desfrutar deste céntrico lugar da nosa cidade. Non serei eu quén abogue por sacar máis policia á rúa, pero un chisco máis de control terá que haber por parte dos organismos competentes, se temos unha cidade símbolo da recuperación do entorno urbán, premiada en varias ocasións por ter unha casco histórico que xungue o respecto ao noso patrimonio coa modernidade, non podemos permitir ataques coma os que se repiten dia tras dia contra o patrimonio urbán da cidade, que ao fin e ao cabo tamén  é o de tódolos pontevedreses.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Pontevedra 25 set 2008 09:00 am

O ¿restaurante? Burger King chega a Pontevedra

A nosa cidade por fin estará á altura de outras coma Vigo, A Coruña ou mesmo Madrid, por fin as multinacionais norteamericanas do fast-food fixáronse na nosa cidade, tal vez porque somos un mercado emerxente ou cecais porque os nosos rapaces inda non teñen os índices de obesidade infantil que si se disparan noutras latitudes, e iso non se podia permitir por máis tempo..

O ano pasado neste post xa faláramos do tema, daquela o ruxe-ruxe apuntaba a un baixo na Praza da Ferrería, pero as débedas do Liceo Casino de Pontevedra facilitáronlle se cadra unha mellor oportunidade de negocio á xente de Burger King e polo que contan abrirán o seu local no baixo da Praza de Curros Enriquez antes deste vindeiro mes de nadal. Economicamente a instalación deste negocio na nosa cidade é claramente unha boa nova, pero particularmente coido que preferiria calqueira outro local de hosteleria ou restauración que unha macro-hamburgueseria deste estilo, supoño que o paso seguinte será a chegada tamén á nosa cidade do seu principal competidor, a xente do Happie Meal e do famoso paiaso (e non me refiro a Krusty o dos Simpson's), aos que tan ben retrataron no documental Supersize me. Pois nada, na man das nais e pais de Pontevedra confiaremo-la correcta alimentación dos seus fillos, agardemos non ter que laiarnos dentro duns anos ao falar de que a nosa cidade encabeza unha lista cós índices máis altos de obesidade infantil, con se-los primeiros en asmas e alerxias xa abonda.

Publicidade da hamburgueseria Burger King

Por certo, xa postos, agardo por parte do Concello de Pontevedra un control exhaustivo en canto ao tema de eliminación de resíduos e hixiene (máis que nada pola fama que teñen) e por suposto na rotulación exterior do local, que teñan en conta que estarán encravados no medio do casco vello da cidade, asi que non lle manden eses neóns tremendos como noutras cidades, un pouco de sentidiño por favor, asi todo, que podemos agardar dunha empresa que fai anuncios tan machistas e faltos de gusto coma este... en fin.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Historia & Pontevedra 05 set 2008 08:30 am

Esta noite comeza a Feira Franca 08

Xa chegou o dia, á noitiña e có anuncio do comezo da feira por parte dos pregoeiros que irán a cabalo polas prazas e rúas da nosa cidade comezará a festa que pon o punto e final ao verán pontevedrés, unha cita agardada polos miles e miles de pontevedreses e visitantes ansiosos de rememora-las nosa historia pasada, unha cita que cumpre o seu noveno ano e que está considerada xa como unha das mellores recreacións do medievo xunto coa pioneira Festa da Historia de Ribadavia (Ourense).

 

Agardo que todos e todas desfrutes dela e que o tempo nos acompañe, eu como nos anos anteriores confundireime coa xente coma un labrego, e na compaña de amigos e familiares vivirei en primeira persoa esta cita ineluldible coa historia, por se hai algún de vós que inda non tivo a oportunidade de olla-lo programa de actividades aquí o tedes, para que non perdades detalle de nada:

 IX FEIRA FRANCA
5 de setembro /2008

18:30 h / Pregoeiros a cabalo anuncian a feira nas prazas do centro histórico.
21:30 h / Actuación musical do grupo Pan de Capazo. Praza da Ferrería.
22:00 h / Laboratorio de Expressao Dramático de Oliveira do Bairro. Teatro ‘A orixe de Pontevedra’, espectáculo de lume. A continuación, explosión de cor e luz na varanda de Facenda.
22:20 h / Pasarrúas musical Art Monium. Praza da Ferrería.
22.30 h / Música e bailes medievais coa Asociación de Coros e Danzas Dúos Pontes. Praza do Teucro.
23:00 h / Monicreques Kukas: ‘Contas do vento acatarrado’. Praza da Pedreira.

6 de setembro /2008
11:30 h / Mostra de oficios. Praza da Ferrería.
11:30 h / Apertura do mercado medieval de artesanía. Arcebispo Malvar.
12:00 h / A Asociación Recreativa de Xeve encárgase do desfile do transporte do viño dende os arredores do convento de Santa Clara en dirección á praza da Peregrina, pasando pola rúa Sarmiento, a praza da Leña, Pasantería, a Ferrería…
13.30 h / Exhibición de cetraría con Falcóns de Galicia. Avda. de Montero Ríos.
16:30 h / Tiro con arco co Clube Boa Vila. Ruínas de San Domingos.
17:00 h / Exhibición de cetraría con Falcóns de Galicia. Avda. de Montero Ríos.
17:30 h / Teatro de rúa. Laboratorio de Expressao Dramático de oliveira do Bairro.
17:30 h / Torneo medieval con Legend Especialistas. Entrada de balde ata completar aforo. Praza de Touros.
18:10 h / Exhibición de ximnasia co Clube Treboada. Avda. de Montero Ríos.
17:30 h / Espectáculo de malabares Vivarte. Praza do Teucro.
20:00 h / Torneo medieval. Entrada de balde ata completar aforo. Praza de Touros.
20:10 h / Concerto de Avelaíña. Avda. de Montero Ríos.
01:00 h / Pasarrúas e fin e festas a cargo de Art Monium.

Animación Dispersa
Art Monium. Música, malabares, xigantes e dragóns.
Foula. Música medieval para trasladarnos ao século XV.
Grupo de Percusión Monte Porreiro.
Pan de Capazo. Espectacular concertó, dinámico e rabioso.
Vivarte. O rincón dos xogos: animación infantil nos xardíns de Castro Sampedro durante todo o día.

Por certo, aqui déixovos unha reseña na Voz de Galicia explicando o operativo que pon en marcha este ano o Concello de Pontevedra no tema da seguridade, lugares onde haberá postos médicos permanentes e demais..

¡¡ Desfrutade da festa e o luns xa me contaredes que tal o pasáchedes !!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Historia & Pontevedra 01 set 2008 01:57 pm

Feira Franca de Pontevedra 2008

Pois xa está activada a nova páxina web da Feira Franca de Pontevedra, hai dias que avisaron da súa inminente re-activación pero non foi ata ben pouco cando tivo lugar. Asi que xa sabedes, resta moi pouco para que comecen os fastos medievais na nosa cidade e hai que irse preparando, que o verán comeza coa festa da Peregrina e a diversión non remata ata pasada a feira medieval, a cal terá lugar o vindeiro fin de semana, os dias 5 e 6 de Setembro. Na web poderedes atopar cumprida información de todo canto vaia acontecer neses dous dias de festa, dende os horarios das actividades ata consellos e recomendacións de todo tipo, aqui tede-la url en cuestión:

http://www.feirafranca.info

Desfrutade da Feira Franca 2008, este ano adicada ao traballo no campo e na que se quixo primar ante todo a seguridade dos participantes na mesma, despois do incidente do ano pasado tomaranse máis precaucións nesta edición, ubicando servizos de urxencia e de atención médica en diversos puntos da feira. Se precisades dalgunha información tamén vos podedes pasar por un post temático que teño nesta mesma web e onde falo da súa historia e dalgunha cousa máis. Como datos de interese, dicirvos que este ano agárdanse máis de 100.000 persoas de toda Galiza e Portugal no casco vello da nosa cidade, principalmente no dia grande da feira medieval, 60 postos de gastronomía e artesanía e ao redor de 200 ceas programadas nas rúas e prazas do casco histórico de Pontevedra.

¡¡ Que desfrutedes coa festa e bo proveito a tod@s !!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Pontevedra 30 ago 2008 10:02 am

E cairon chuzos de punta en Pontevedra..

A estas horas supoño que a maioria de vós estaredes xa enterados do que aconteceu na nosa cidade a pasada tarde-noite, coido que hoxe será un ruxe-ruxe por toda Pontevedra, nos meus trinta e pico anos nunca ollara cousa igual.

Eran as nove menos cuarto da tarde de onte venres cando o ceo comezou a vomitar pedras de xeo, eu estaba xogando un partido do Pro8 có meu cuñado cando comecei a escoitar uns tímidos golpes na fiestra, ao principio coidamos que podian se-los peregrinos que pasan polo barrio de Lérez facendo o camiño de Santiago e que adoitan golpea-lo chan cós seus caxatos, ou se cadra cabalos que tamén pasan por alí a cotío, e como a curiosidade era grande saquei a cabeza para ollar o que acontecia, cal foi a nosa sorpresa cando unha pedra de xeo do tamaño dunha pelota de golf pasoume a escasos milímetros da cara, rapidamente baixamos a rúa e poidemos contemplar o espectáculo en toda a súa crudeza, ao longo de quince minutos e segundo o que esta mañá lin nos xornais, Lérez, Monteporreiro, Poio, Pontecaldelas, Cotobade ou Alba sufriron as consecuencias desta tremenda choiva de pedrizo que arrasou colleitas e provocou inundacións asi como danos nos coches e nalgunhas casas. Sorte de min que tiña o coche a bo resgardo metido no garaxe, porque puiden comprobar de primeira man como remataron abollados algúns vehículos e dou boa fe de que os seguros o luns terán que traballar a fondo.

Casualidade ou cambio climático, eu coido que máis ben o segundo, como dicía, nos trinta e pico anos que teño éste é o segundo fenómeno meteorolóxico máis ou menos estraño ao que podo asistir perplexo, o primeiro como moitos de vós saberedes foi a nevada que caiu na nosa cidade hai uns 18 anos. Por certo, por se algún no estaba en Pontevedra onte, ahí tedes unha foto do tamaño das pedras de xeo comparadas có meu móbil, ¿impresionante verdade?, as pedras claro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Pontevedra 07 ago 2008 08:30 am

Concentración antitaurina en Pontevedra

Como firme detractor que son das touradas, fágome eco da convocatoria dunha concentración antitaurina que terá lugar o vindeiro sábado 9 de agosto na nosa cidade de Pontevedra, o acto que está organizado pola Plataforma Pontevedra antitaurina terá lugar na praza da Peregrina ás 19:00 horas. Todo isto forma parte dunha campaña informativa na cal, se pretende mobilizar a todos e todas aqueles que non estamos dacordo con que esta barbarie que son as touradas teñan lugar na nosa cidade, onde como todos coñecedes, temos a única praza estable de toda Galiza, a campaña complétase con mesas de recollida de sinaturas e o reparto de trípticos informativos explicando os motivos polos que se fai esta mobilización en contra das touradas.

Dende esta páxina vaia o meu apoio para esta mobilización que defende o dereito dos animais a non seren sacrificados desta salvaxe maneira, alguén argumentará que o touro nace para morrer na praza, pobre xustificación que non me serve como resposta, tamén no San Martiño matámolo porco que cebamos para sacrificar, pero diso non facemos unha festa nin cobramos unha entrada. Aproveitarei tamén para darlle un toque de atención ao bipartito pontevedrés, o cal presume de progresista e de esquerdas, pero segundo podemos ollar nos cartaces dos festexos, seguen a apoia-las touradas como xa facia o Partido Popular cando governaba, ¿será cousa dos socialistas ou de sociatas e nacionalistas? de ser así non entendo a dobre vara de medir que teñen os do Bloque para unhas cousas e outras, socios de governo si, pero pasar polo aro a calqueira prezo nunca.

Dende aqui chámovos a acudir á concentración e a mostra-lo voso rexeitamento a un "espectáculo" coma este, lembrade que será o sábado 9 de agosto ás 19:00 horas na praza da Peregrina de Pontevedra.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Pontevedra 31 xull 2008 09:00 am

¿Touros en Pontevedra?… ¡¡ lástima de bois !!

O vindeiro 2 de agosto será a primeira das catro corridas da feira taurina de Pontevedra, coma sempre na nosa cidade semella que hai unha grande expectación ante tal evento, descoñezo o cartel posto que non me interesa o máis mínimo, é máis, declárome abertamente antitaurino e rexeito de plano esta práctica, a cal non considero un deporte e moito menos un acto cultural, da mesma maneira pensa a xente da Plataforma Antitaurina de Pontevedra, semella que o colectivo antitaurino pontevedrés comeza a organizarse.

O que non se pode negar é que na nosa cidade, o feito de ter esta feira taurina na única praza de touros estable de toda Galiza é un acto social e festivo moi importante, debo recoñecer que a semana grande das festas do verán pontevedrés non seria a mesma sen os touros e sen as peñas, sempre xuntas pero non revoltas como diria o refraneiro popular. Rexeito o postureo da xente que acode aos touros, rexeito o puro e mailo abanico e por suposto a tortura que supón darlle morte a un animal có beneplácito e a complicidade de miles de persoas. O que si non vexo tan mal é o feito de que a mocidade pontevedresa e de fóra  da nosa cidade -que cada ano son máis- desfrute do verán na rúa que é onde mellor se está estes dias, o feito de facer peñas, de sair os grupos de amigos coas súas camisolas de vivas cores a toma-lo kalimotxo, a cervexa ou o viño, non o contemplo coma un acto de incivismo ou de insolidariedade có resto dos veciños de Pontevedra, considero que é un acto lúdico e social máis -sempre que sexan respectuosos cós demais- unha experiencia máis que forma parte das festas da Peregrina e do que teñen dereito a desfrutar sempre que isto non os leve ao desmadre, tamén habería que salientar que a maioria da xente que sae de peñas en Pontevedra non vai á praza, somentes na procura de divertirse e pasalo ben, impórtanlles máis ben pouco os touros.

Polo que respecta á praza e á corrida, pois que siga desfrutando dela a xente á que lles gusta ese lamentable espectáculo, estou falando dos Rajoy, Louzán, ¿¿Teresa Casal??, Feijoo, Teresa Pedrosa,Telmo Martín.... ¡¡ vaites, semella que isto das touradas ten moita afección entre as filas do Partido Popular !!. Pois nada, que desfruten eles dese "espectáculo" tan fermoso e gratificante, eu por suposto tamén participarei das festas da miña cidade, pero tomándome unhas cañas pola rúa e demostrando que se pode compatibiliza-lo desfrute das festas có respecto aos animais.

O que sigue a continuación, é o video da campaña da Plataforma antitaurina de Pontevedra para este ano 2008, as imaxes deixan fel refrexo da crueldade desta práctica, opinade vós mesmos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Fotografía & Pontevedra 15 xull 2008 10:00 am

O concesionario na rúa (foto denuncia)

A fotografia que tedes abaixo corresponde á estrada PO-308, a que une Pontevedra con Sanxenxo á altura da urbanización do Pazo de Ferreirós (Poio). A foto foi sacada dende o interior do meu turismo, cando me dispuña a incorporarme á mencionada estrada en dirección Sanxenxo dende a Travesía de Viñas. Como ben podedes apreciar, a visibilidade é totalmente nula, e non se poden olla-los coches que veñen pola estrada, o que si temos en primeiro plano, son varios dos turismos que o concesionario de compra-venda Mara-Poio ten alí estacionados ao longo de todo o dia, nesta imaxe tedes dous, pero en ámbalas dúas beiras da estrada ten multitude deles. Con este artigo non quero entrar a valorar se este concesionario debería ou non vende-los seus coches na rúa, pero o que si solicitaria é que por favor, nese punto da estrada non estacionen eses vehículos -que precisamente tampouco son pequenos- posto que aparcados desta maneira, a probabilidade de que haxa un accidente de tráfico nese lugar é moi alta.

Polo tanto dende aqui, solicito do Concello de Poio unha solución a este problema canto antes, eses vehículos estacionados ahí convírtense nun perigo tanto para os automovilistas como para os peóns, ademais, descoñezo se existe unha ordenanza no Concello de Poio no tocante á venda de vehículos na rúa, pero de non ser así deberian ter unha, a rúa é de todos e non so duns poucos, neste caso, dun empresario local que ten un mínimo de sete ou oito vehículos aparcados diariamente na rúa, algúns como podedes ollar en sitios que entorpecen gravemente o normal discurrir da circulación nunha via de tráfico tan denso como é a estrada que une Pontevedra e Sanxenxo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Internet & Pontevedra 02 xull 2008 09:00 am

Naceu www.pontevedracultura.org

Pode que xa coñezades esta web que foi presentada hai un par de semanas na nosa cidade, concretamente nun acto na Casa das campás, no casco vello pontevedrés, pero por se acaso non sabedes nada do tema achégovos esta nova. Trátase dunha web ou portal cultural con unha chea de información de actividades de todo tipo a desenvolver na nosa cidade, navegando un pouco por ela estes dias puiden atopar información de concertos, de teatro, ou de cinema, a súa navegación é bastante sinxela e tedes cumprida información con datas e horarios de moitas das actividades que se han desenrolar en Pontevedra de aqui en diante, para a xente que coma min, non podemos botarlle unha ollada ao xornal tódolos dias é unha axuda imprescindible contar cunha web destas características, asi que xa sabedes, poñédea nos vosos favoritos e estaredes ao tanto de todo o que se move na nosa cidade, sobre todo este verán que ven cheo de concertos e actividades varias para non parar en todo o dia.

A súa url é www.pontevedracultura.org, e por certo, non vaiades pensar que teño algo que ver con eles, nin moito menos, o meu é altruismo puro e duro, somentes quixen compartir con vós esta información que coido é sobradamente importante para calqueira veciño da nosa cidade con "inquedanzas" culturais.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Deportes & Pontevedra 22 mai 2008 11:00 am

Metidos de cheo na fase de ascenso

Un ano máis -e non perdín a conta, non vaiades pensar- o Pontevedra C.F. e por extensión toda a nosa cidade está metida de cheo no soño de subir á Segunda División A, a chamada Liga BBVA, nome éste que non ven sendo máis que un invento de tantos desta sociedade mercantilista e consumista na que vivemos. Pois ben, como vos comentaba, o pasado luns dia dezanove foi o sorteo dos emparellamentos e ao conxunto granate tocoulle en primeira rolda a A.D. Ceuta, un rival cuns números moi semellantes ao cadro pontevedrés, pero que nin de lonxe era o favorito das quinielas para este sorteo, segundo a votación que fixemos no foro non-oficial do Pontevedra C.F.,  o rival desexado por todos era o Zamora, un desprazamento máis ben curto e no que a marea granate de seguro estaria apoiando en masa ao noso equipo. Pero agora o que toca é o Ceuta, o partido será o vindeiro sábado 24 pola noitiña, retransmitido en directo por Localia Pontevedra, eu non estarei alí para ollalo en directo nin tampouco aqui para escoitalo pola radio ou ollalo por Localia, a esas horas da tarde-noite supoño estarei nalgún pub de Dublín tomándome unha pinta de Guinness e pode que teña que atura-lo festival de Eurovisión, -xa que os irlandeses tamén levan un friki deses-, asi que deixei aviso ao amigo Andrés Milleiro para que me teña ao tanto do resultado do partido, no de volta xa estarei pola casa e se pasamos xogaremos contra o vencedor do Girona-Barakaldo, unha boa viaxe esa á cidade basca de Barakaldo, pero iso é outro cantar e non imos a poñer o carro diante dos bois, non vaia se-lo conto como noutros anos e por tanto falar...

Ogallá teñamos sorte e academos un bo resultado na ida, tódolos socios e siareiros granates estamos có equipo e polo que contan a cidade e mailas súas institucións tamén se comezan a mover, estes dias haberá varias roldas de prensa para informarnos de iniciativas por parte  do comercio e a hosteleria da cidade, o clube polo de agora informou que os prezos para o partido de volta serán os mesmos que os do ano pasado, asi que xa sabedes, a enche-lo municipal de Pasarón.

Sorte granates !!!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Música & Pontevedra 15 abr 2008 01:00 pm

II Festival “Jamda Chicharra” en Pontevedra

"Unha "jam" é unha festa, unha reunión de colegas onde cada un aporta o mellor que ten có fin de pasalo ben..." asi definen os seus organizadores este festival que vaise celebrar na nosa cidade. O recinto feiral de Pontevedra acollerá a skaters, rollers, rappers e grafiteiros con gañas de pasalo ben, ensina-las súas habilidades e escoita-la súa música na fin de semana do 18 e 19 de Abril. Os que argallan este evento lamentan a falla de espazos na nosa cidade para desenrola-las súas actividades, principalmente a falla dun skatepark ou lugares onde poder face-los seus grafittis, pero o Jamda Chicharra tamén existe có obxectivo de promocionar aos grupos musicais locais e ser un lugar de xuntanza de toda a mocidade galega afin a esta cultura urbán. Ao longo dos dous dias de festival haberá batallas de bbboys e Mc's, exhibicións de skaters, grafittis e por suposto concertos da man de bandas galegas coma Gurumamut o Kogito. Se tedes interese podedes recabar máis información na web www.jamdachicharra.info, ali vos explicarán como chegar, horarios e actuacións.

Dende aqui aplaudimo-la iniciativa dun festival deste tipo para a nosa cidade, persoalmente agardo poder achegarme a ve-lo grupo de ska galego Kogito.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

« Páxina anteriorSeguinte páxina »