Monthly Archiveabril 2008
Deportes &Política 29 abr 2008 03:22 pm
Mariano Rajoy e o Pontevedra Club de Fútbol
Veño de escoitar unhas declaracións do lider da oposición, o galego Mariano Rajoy, que me acaban de deixar fóra de lugar. O primeiro espada do Partido Popular respostaba a unhas preguntas sobre o fútbol español que lle facían onte na súa visita ao Clube de Tenis de Barcelona, cara ao final remataron por falar do importantísimo partido desta noite entre o F.C. Barcelona e o Manchester United, a semifinal da Liga de Campións...
Xornalista - ¿Quién piensa que ganará esta noche?
Mariano Rajoy - Pués mire usted, no es fácil porque el Manchester no es el Pontevedra precisamente, pero no hay que perder la fé <...>
E do resto da entrevista a verdade non me lembro, escoiteino na desconexión local da Cadena S.E.R. para Pontevedra, sei de sobra que Mariano Rajoy é merengue, pero iso non lle da dereito a mofarse unha vez máis de Pontevedra e dos pontevedreses, quizais a algún lle parecerá que non é para tanto, pero como socio do Pontevedra Club de Fútbol e por suposto como veciño de Pontevedra, lamento fondamente ter escoitado estas declaracións e máis vindo dunha persoa veciña da nosa cidade.
Dende de A ponte vella solicitamos unha rectificación por parte de Mariano Rajoy e unha desculpa a Pontevedra e a tódala súa cidadania que onte se veu menosprezada.
Política 28 abr 2008 09:00 am
¿Cal é o papel dos exércitos?
Vaia sempre por diante o meu anti-militarismo activo inda que fixera o servizo militar hai uns doce anos, a algúns isto lles poderá semellar unha contrariedade, pero nin máis nin menos que foi para, no seu dia, non perder máis de nove meses da miña vida nestas historias, basicamente porque a obxección de conciencia eran dous anos e non tiña tanto tempo.
Todo isto ben porque no serán do pasado sábado rematou o pesadelo que tiña en vilo a moitas familias bascas e galegas dende hai perto dunha semana, os xornais e as televisións informáronnos de que os piratas abandonaran o barco Playa de Bakio e que éste navegaba rumbo ás illas Seychelles escoltado por unha fragata da armada española. Dende o governo español falan de que non houbo que pagar ningún ningunha cantidade económica pola liberación dos mariñeiros e que todo foi froito da diplomacia sen máis. Persoalmente pregúntome ¿para que están os exércitos como o español en tempos de paz de escasa actividade militar?, hai anos que a frota atuneira solicitara un certo grao de vixilancia por parte do governo español naquela zona do Índico, non son poucos os barcos que ali faenan e sabedores do perigo que corren non estaria de máis algo de presenza militar como teñen outros paises. Está moi ben colabourar en tarefas de reconstrucción de paises en guerra como Kosovo, Líbano ou Afganisthan ou supervisa-la limpeza de procesos electorais en paises de democrácias fráxiles, pero tamén haberá que defende-los intereses propios "allende los mares", e máis se está constatado o perigo que corren por faenar naquela zona infestada de piratas, polo tanto é preciso unha rectificación por parte do Ministerio de Defensa de Carme Chacón e un reprantexamento das súas actividades máis aló da intervención en conflictos internacionais. Hoxe foron estes mariñeiros os que se xogaron a vida naquelas augas, mañá pode ser calqueira outro, quén sabe se algún de nós.
Sexa o que fóra, parabéns ao governo español e aos Ministerios de Defensa e Asuntos Exteriores polo seu traballo diplomático, agora o que menos importa é se chegaron a pagar rescate ou non, o principal é que estes homes de Baiona, Poio, Marín ou de Bermeo nuns dias estarán nas súas casas.
Foto: Axencia EFE
O mundo da cervexa 26 abr 2008 01:30 pm
¿O futuro da cervexa en perigo?
Lembraredes que estes dias os telexornais informáronnos da suba do prezo do arroz, e tamén do sorprendente racionamento que ante a súa posible escaseza fixeran os supermercados norteamericanos Wal*Mart, ben, pois semella que coa cebada podería acontece-lo mesmo, e polo efecto do cambio climático segundo nos contan os expertos na materia. Éstes advírtennos que o quencemento global do planeta está a rematar pouco a pouco coas reservas de auga, nada novo, xa o sabiamos, pero semella que tamén hai problemas có cultivo da cebada, o cereal básico e esencial para a producción desa bebida tan popular e querida por moitos de nós. Explícanos un científico neocelandés, que o clima vai afectar gravemente aos cultivos deste cereal e encarece-lo produto, isto sumado tamén aos problemas do abastecemento de auga conlevará que o prezo final da cervexa se incremente espectacularmente, polo tanto haberá un grande desabastecemento ou uns prezos prohibitivos para a maior parte da povoación, pero acouguemos, que segundo explican máis polo miúdo isto non acontecerá alomenos ate dentro duns 30 anos, asi que inda poderemos desfrutar moito tempo do pracer de degustar unha boa cervexa.
De tódalas maneiras, non estaría de máis coida-lo noso planeta para que todo isto non aconteceza, e non digo polo futuro da cervexa, senón polo futuro de todos nós, brindemos por elo.
Actualidade 25 abr 2008 08:30 am
Nova manifestación contra Celulosas de Pontevedra
A xente da Asociación pola defensa da Ría de Pontevedra convócanos hoxe a tódolos pontevedreses a unha nova manifestación contra a fábrica de Celulosas de Pontevedra. Unha vez máis a asociación ecoloxista eríxese en baluarte contra o complexo pasteiro ubicado na nosa ría, esta vez para impedir a consolidación tanto de Celulosa coma de Elnosa no seu actual emprazamento, cousa que poderia concretarse coa obtención da autorización ambiental por parte da Xunta de Galiza, os ecoloxistas chaman á mobilización de tódolos cidadáns concienciados có noso entorno e preocupados pola nosa saúde e a futura saúde dos nosos fillos.
A mobilización partirá da praza da Ferreria hoxe dia 25 de Abril ás 20:30 horas, se precisades máis datos pasádevos pola súa web, onde teredes cumprida información de tódalas súas actividades dende hai vinte anos en defensa do ecoloxismo e da nosa ria.
Actualidade 23 abr 2008 03:00 pm
¿Ti que marcarás na casilla de “asignación tributaria”?
Hai dias que me chegou o borrador da declaración da Renda 07 por correo, supoño que moitos de vós tamén estaredes có tema estes dias, e quizais tamén estexades na dúbida de cal das dúas casillas de asignación tributaria marcar, a 105 (igrexa católica) ou a 106 (fins sociais) No meu caso téñoo meridianamente claro, principalmente porque a Igrexa Católica penso que xa ten ingresos dabondo como para axudarlle có meu 0.7 %, eles andan inmersos un ano máis nunha campaña informativa có obxectivo de concienciar aos declarantes traballadores para que lles axuden a financiarse, entendo perfectamente que fagan esta campaña para implicar aos cidadáns católicos no sostemento da Igrexa, o que xa me custa máis de entender é que logo gasten os cartos recadados investindo en Gescartera, en infinidade de empresas que cotizan na bolsa española -incluida a galega Zeltia- ou por exemplo nos laboratorios que fabrican a famosa Viagra da que eles tanto renegan. A Igrexa Católica non pode ser unha entidade con ánimo de lucro, e máis cando hai pouco fixeron públicos os novos pecados sociais entre os cales está o de "no te enriquecerás hasta límites obscenos a expensas del bién común", polo tanto ao meu modo de ver, eses cartos ben os podian empregar en restaurar igrexas, que por Galiza temos a barullo e na súa maioria están a caer, pero non, para iso pedímoslle axuda á administración de turno, ben sexa Xunta ou Governo Central, para que acheguen os cartos, pois non señores, os governos, ou alomenos o galego e español, deberian facer gala do seu laicismo e non soltar un can, para iso xa teñen vostedes os cepillos e as xenerosas doazóns que reciben de moitos particulares preocupados pola súa fe, agora ben, sempre ficará a posibilidade de marca-las dúas casillas e reparti-los cartos para ámbalas dúas opcións, iso xa é cousa de cada quén.
Hai señor, señor !!!
Dende o móbil 22 abr 2008 03:20 pm
Probando o pluging “MoBlogaliza”
Esta anotaciòn està a ser enviada dende o meu mòbil,sempre e cando haxa cobertura do teu operador poderàs publicar no teu blogue de Blogaliza a distancia.
Saúdos.
Editado: Como podedes ollar, un dos novos engadidos de Blogaliza para os seus blogues en Wordpress é o chamado MoBlogaliza, un sistema para publicar a distancia no teu blogue, sérvese dunha SMS de móbil que é enviada ao teléfono 664 505999 e logo é reenviada ao teu blogue. O sms ten que comezar polo texto BLOG (letras en maiúscula seguidas dun espazo) e a continuación o texto que queiramos incluir (o que caiba nun SMS claro), se queredes pór un título ao post escribide a continuación da palabra BLOG o título seguido dun #. O prezo do SMS é o dunha mensaxe de texto calqueira e Blogaliza non recibe ningún ingreso por elo, somentes a operadora. Este servizo está operativo para todo aquel que o solicite ao administrador de Blogaliza, non hai cuotas nin nada, non ten máis custo que o dun SMS.
Internet 21 abr 2008 12:30 pm
Estamos facendo obras…

Con motivo do traslado de dominio atopámonos facendo algunhas modificacións e agora mesmo cousas como os comentarios nos diversos post ou a redirección da url están a dar problemas, desculpade as molestias ocasionadas, coidamos que será cousa dunhas horas.
actualmente www.breo.blogaliza.org
en breve www.apontevella.com
Deportes 19 abr 2008 01:00 pm
Pontevedra C.F. vs Celta de Vigo B (20/04/08 17:00h)
Os dous equipos da provincia enfróntanse no que de seguro será un partido de nivel, ámbolos dúas escuadras agardan acada-la victoria este domingo e sumar eses tres puntos que serán tremendamente importantes, no caso dos granates para afianzarse máis nos postos darriba que nos darán o privilexio de xogar un ano máis o play-off de ascenso á Segunda División. Para min como socio e siareiro granate o de hoxe será un partido especial, sempre gosta xogar contra o noso veciño de Vigo, non por localismos estúpidos, cós que non estou para nada dacordo -todos somos galegos-, senón por mera rivalidade e por ollar aos xogadores celestes pisando a herba de Pasarón. O partido non será unha final pero si é moi importante para as nosas aspiracións, temos que continuar con esta racha de bos resultados que nos levaron outra vez a ocupa-los primeiros postos da táboa clasificatoria, o último partido na casa contra o Atlético de Madrid "B" conseguiu de novo esa comuñón entre xogadores e bancada, os derradeiros minutos do partido foron dunha intensidade como non se vivian no municipal de Pasarón dende hai moitos meses, a euforia unha vez rematado o partido tanto de afección coma de xogadores ten que ser unha inxección de ánimos para afronta-la recta final desta tempada na que os locais foron algo irregulares de máis.
Os de Xavi Gracia saben que estaremos con eles e que o vello Pasarón acollerá unha boa entrada, o Celta de Vigo "B" ven de da-la campanada contra o Universidad de las Palmas e virán a por todas, nós temos que asegura-la presenza na fase de ascenso un ano máis e queremo-la victoria, outra cousa non nos vale.
A por eles granates !!
Internet 17 abr 2008 01:00 pm
e falando de blogues gastronómicos…

Hai tempo que visito un par de blogues gastronómicos que penso poden pertencer a dous bloggers da nosa cidade ou dos arredores, concretamente son de pinchos e another cow in the corn, e polo que puiden ollar dame a impresión de que deben ser parella. O que levo visitando máis tempo, -pero no que non adoito participar pola miña limitada cultura culinaria- é o de Makeijan, another cow in the corn, un blogue cheo de bos consellos para papar ben e ir a tiro fixo cando saimos a cear fóra da casa, o tipo de pratos dos que fala adoitan ser algo máis elabourados que os doutro blogue do que vos falo a continuación, restauración ou cociña de "autor" que lle chamaria algún, non sei, pero somentes con ve-las fotos xa me entra fame. De pinchos en troques fala dun das artes gastronómicas máis populares e reconfortantes, o tapeo, quén de nós non terá tapeado polo casco vello de Pontevedra algunha vez, no Rianxo, no Saudade, no Maristas ou en calqueira dos múltiples locais que temos ao noso dispor, ben é certo que o de acompaña-lo viño ou cervexa cunha tapa está en desuso, agora está á orde do dia poñer somentes unhas pataquiñas ou unhas olivas, neste outro blogue é Moraiminha a que nos recomenda locais onde desfrutar dun dos mellores praceres que existen, degustar unha caña de cervexa acompañada dunha boa tapa.
Pasádevos por ámbolos dous sitios e se cadra descubriredes algún recuncho de Pontevedra ou arredores que poida que inda non coñezades.
Música &Pontevedra 15 abr 2008 01:00 pm
II Festival “Jamda Chicharra” en Pontevedra
"Unha "jam" é unha festa, unha reunión de colegas onde cada un aporta o mellor que ten có fin de pasalo ben..." asi definen os seus organizadores este festival que vaise celebrar na nosa cidade. O recinto feiral de Pontevedra acollerá a skaters, rollers, rappers e grafiteiros con gañas de pasalo ben, ensina-las súas habilidades e escoita-la súa música na fin de semana do 18 e 19 de Abril. Os que argallan este evento lamentan a falla de espazos na nosa cidade para desenrola-las súas actividades, principalmente a falla dun skatepark ou lugares onde poder face-los seus grafittis, pero o Jamda Chicharra tamén existe có obxectivo de promocionar aos grupos musicais locais e ser un lugar de xuntanza de toda a mocidade galega afin a esta cultura urbán. Ao longo dos dous dias de festival haberá batallas de bbboys e Mc's, exhibicións de skaters, grafittis e por suposto concertos da man de bandas galegas coma Gurumamut o Kogito. Se tedes interese podedes recabar máis información na web www.jamdachicharra.info, ali vos explicarán como chegar, horarios e actuacións.
Dende aqui aplaudimo-la iniciativa dun festival deste tipo para a nosa cidade, persoalmente agardo poder achegarme a ve-lo grupo de ska galego Kogito.
Internet 14 abr 2008 10:00 pm
Nace o proxecto Planeta Pontevedra
Planeta Pontevedra
Blogs de Pontevedra
Hoxe podemos asegurar sen medo a trabucarnos, que a blogosfera pontevedresa está máis unida que nunca, acaba de botar a andar o proxecto Planeta Pontevedra. Polo que puiden ollar nos meus primeiros paseos pola web, Planeta Pontevedra ven sendo unha especie de portal dos blogueiros pontevedreses, un punto de encontro onde nos xuntamos unha amalgama de blogues de todo tipo e condición a falar de cousas da nosa cidade e de calqueira cousa que nos apeteza tamén. Descoñecia a súa existencia até o dia de hoxe, no que via mail, Hanok púxose en contacto con este blogue de A ponte vella para incluirnos nese proxecto común do blogomillo/blogosfera pontevedresa.
Polo de agora xa somos uns cantos os blogues de Pontevedra e bisbarra, có tempo quén sabe se poderemos chegar a facer un Beer&blogs aquí en Pontevedra.
O dito, saúdos a tódolos demais blogueiros da vila do Lérez e arredores e sorte có proxecto de Planeta Pontevedra.
Fotografía &Internet 12 abr 2008 12:24 pm
Mudámonos a www.apontevella.com

Nuns cantos dias este blogue estará de mudanzas e pasaremos a ter dominio independente grazas á inestimable axuda de Andrés Milleiro, a partires deste troco poderedes atoparnos en www.apontevella.com, nesta nova ubicación seguiremos cós mesmos contidos de sempre, un pouco de Pontevedra e outro pouco do que nos peta.
A piques estamos de face-lo primeiro ano de vida deste recuncho de Pontevedra na rede, un proxecto que naceu grazas á xente de blogaliza , unha vez máis e coma sempre, queremos agradecervo-las vosas visitas e por suposto os vosos comentarios, que nos fan mellorar dia tras dia e seguir con máis folgos se cadra.
Un saúdo e grazas por estares ahí, a Andrés Milleiro, a Goretoxo e a tódolos que nos visitades dia tras dia.






