Monthly Archivemaio 2008
Caixón de xastre & Fotografía 29 mai 2008 10:11 am
Unhas vacacións en Dublín I (Epílogo)
Xa estou de volta, antes de nada dicirvos, que a viaxe en avión directamente dende o aeroporto de Santiago de Compostela dura algo menos de dúas horas, polo tanto é un traxecto relativamente curto e que pasa nun abrir e pechar de ollos, do que si veño canso é de patear toda a cidade de Dublín, unha cidade cun perímetro abraiante, non pode ser menos nun sitio onde practicamente non hai edificios de máis de catro ou cinco alturas, o punto máis alto debe de se-lo Spire, un monumento no centro da cidade que ten 150 metros de altura, o segundo punto máis alto coido que será o "Gravity bar" da fábrica de Guinness.

A cidade de Baile Átha Cliath, -que é o nome que recibe Dublín en língua gaélica-, semella un museo ao aire libre, ten infinidade de cousas que ollar, polo tanto nos tres dias que estivemos alí poidemos contemplar parte delas pero non todas, posto que a excursión que tiñamos pensado facer ás aforas non puido ser por falla de tempo. O que destacaría principalmente da cidade é a amabilidade das súas xentes, en varias ocasións achegáronse canda a nós para ofrecernos a súa axuda na pescuda dalgunha rúa ou lugar que estabamos a localizar no mapa, tamén destacaria o feito de que Dublín ten que aturar un vento forte e persistente ao longo de todo o dia, algo que semella non preocupar moitos aos seus habitantes, posto que a maioria da xente ia en mangas de camisa e as mulleres mesmo en chanclas ou sandalias un sábado de madrugada, algo impensable nestas latitudes a 12 ou 13 graos e con ese vento. Dublin é unha mestura de razas e nacionalidades e iso refléxase por exemplo nos restaurantes que podemos atopar polas rúas, libaneses, nepalíes, indús, iraníes, polacos... polas rúas practicamente so atopabas xente xove, a media de idade é duns 25/30 anos e iso nótase por exemplo nos parques, na grande cantidade de xente que circula en bicicleta ou en calqueira pub, ateigado de xente calqueira dia da semana, e cando falo de calqueira dia refírome a luns e martes, e iso que eles madrugan moito, pero a súa pinta no pub falando cós amigos, ollando un partido de hurling ou as carreiras de cabalos ninguén llo pode quitar.
Polo de agora nada máis, nos vindeiros dias irei poñendo algunha foto e contándovos algo máis da miña experiencia na capital de Irlanda, pero para ir abrindo boca botádelle unha ollada á miña galeria de flick-r, xa teño colgadas algunhas fotos.
Caixón de xastre 26 mai 2008 01:00 pm
¡¡ Hoxe cumprimos un ano !!
Case nada, hai que ver como pasa o tempo cando se está en boa compaña, agora mesmo o que vos escrebe estas liñas atópase desfrutando dunhas merecidas vacacións en Irlanda, do que dea de si esta viaxe xa vos contarei á volta, por suposto haberá un capítulo especial para os seguidores do noso apartado O mundo da cervexa, porque visitando a cidade de Dublín non podiamos pasar por alto unha visita á St. James's Brewery, a mundialmente coñecida fábrica de Guinness na capital da verde Eirín, de onde sae en exclusividade a stout máis consumida no mundo.
Pouco vos podo dicir deste ano que hoxe cumprimos, con este primeiro post comezaba a miña andaina blogueira, un proxecto que naceu con moita ilusión e que veu recompensado o seu esforzo coas vosas visitas dia tras dia, unha experiencia gratificante polo feito de poder plasmar aqui as ideas que van xurdindo do meu maxín, pola posibilidade de coñecer a moita xente, compartir inquedanzas e adquirir coñecementos tamén.
Para os interesados nas estatísticas -que como as meigas, habelas hainas- dicir que neste tempo publiquei 285 post e tiven máis de 1200 comentarios vosos, algo que sempre é ilusionante, A ponte vella atópase nun meritorio posto nº 120 dos máis de 5.466 blogues existentes en língua galega (o chamado blogomillo) e no posto nº 4 dos cadastrados en Blogaliza, as visitas até o dia de hoxe foron ao redor de 30.000, que non está nada mal para levar un ano.
Quén sabe canto máis estaremos aqui, pero namentres sigamos tentaremos divertirnos e pasalo ben, diso non teñades dúbida.
Caixón de xastre & Historia 24 mai 2008 12:00 pm
Xa estamos camiño de Irlanda…
Chegou o dia agardado durante moito tempo, non vou dicir que toda a vida pero si algúns cantos anos, no mediodia de hoxe embarcamos rumbo á illa esmeralda, ali agárdannos catro dias que prometen ser moi intensos, a cidade de Dublín e mailos seus arredores teñen moitos atractivos e haberá que andar lixeiro para poder olla-lo todo. En principio e se as previsións son acertadas, agardamos poder visitar o Castelo de Dublín, a sede do Parlamento Irlandés, o Trinity College, a Catedral de San Patricio, o museu Dublinia, o Temple Bar, a cervexeria St. James's Brevery (a fábrica de Guinness) e facer unha escapada ao condado de Wicklow e visitar Glendalough, unha pequena vila fundada por San Kevin a finais do século V, atópase dentro dun parque nacional e é unha paraxe de altísimo nivel ecolóxico e histórico. Polo que puiden ollar estes dias o tempo semella que acompañará nos dias que estaremos aló, asi ben non haberá un sol tremendo -cousa pouco probable en Irlanda- estará alomenos despexado e non choverá, que sempre é de agradecer, imos ben pertrechado de cámaras para non deixarnos nada atrás, asi que á volta da viaxe compartirei con vós algunhas das fotos que traiamos.
Nada máis, por aqui supoño que todo seguirá igual estes dias, agardo levar unha sorpresa á volta e que o Pontevedra C.F. acadara un bo resultado en Ceuta, pero tamén confio en coñece-lo resultado alá mesmo, xa que os meus informantes non me defraudarán...jajaja.
Brindarei por elo e por vós cunha pinta de Guinness.
Slainte !!
Deportes & Pontevedra 22 mai 2008 11:00 am
Metidos de cheo na fase de ascenso
Un ano máis -e non perdín a conta, non vaiades pensar- o Pontevedra C.F. e por extensión toda a nosa cidade está metida de cheo no soño de subir á Segunda División A, a chamada Liga BBVA, nome éste que non ven sendo máis que un invento de tantos desta sociedade mercantilista e consumista na que vivemos. Pois ben, como vos comentaba, o pasado luns dia dezanove foi o sorteo dos emparellamentos e ao conxunto granate tocoulle en primeira rolda a A.D. Ceuta, un rival cuns números moi semellantes ao cadro pontevedrés, pero que nin de lonxe era o favorito das quinielas para este sorteo, segundo a votación que fixemos no foro non-oficial do Pontevedra C.F., o rival desexado por todos era o Zamora, un desprazamento máis ben curto e no que a marea granate de seguro estaria apoiando en masa ao noso equipo. Pero agora o que toca é o Ceuta, o partido será o vindeiro sábado 24 pola noitiña, retransmitido en directo por Localia Pontevedra, eu non estarei alí para ollalo en directo nin tampouco aqui para escoitalo pola radio ou ollalo por Localia, a esas horas da tarde-noite supoño estarei nalgún pub de Dublín tomándome unha pinta de Guinness e pode que teña que atura-lo festival de Eurovisión, -xa que os irlandeses tamén levan un friki deses-, asi que deixei aviso ao amigo Andrés Milleiro para que me teña ao tanto do resultado do partido, no de volta xa estarei pola casa e se pasamos xogaremos contra o vencedor do Girona-Barakaldo, unha boa viaxe esa á cidade basca de Barakaldo, pero iso é outro cantar e non imos a poñer o carro diante dos bois, non vaia se-lo conto como noutros anos e por tanto falar...
Ogallá teñamos sorte e academos un bo resultado na ida, tódolos socios e siareiros granates estamos có equipo e polo que contan a cidade e mailas súas institucións tamén se comezan a mover, estes dias haberá varias roldas de prensa para informarnos de iniciativas por parte do comercio e a hosteleria da cidade, o clube polo de agora informou que os prezos para o partido de volta serán os mesmos que os do ano pasado, asi que xa sabedes, a enche-lo municipal de Pasarón.
Sorte granates !!!
Galiza & Historia 20 mai 2008 10:21 am
A feira de Cuspedriños (Cotobade)

A pasada fin de semana achegueime a Cuspedriños, unha aldea do concello de Cotobade, as poucos quilómetros de Pontevedra, e por se algún de vós pensa que estou a contar un conto, direivos que Cuspedriños é tan real como o Quinto Pino (A Coruña). Éste foi o seu segundo ano que se celebraba, e puiden comprobar persoalmente que a recuperación dunha das feiras de gando máis importantes desta zona foi todo un éxito, celebrábase aló polo mes de Nadal e nos seus pendellos un podia desgustar calqueira produto gastronómico, dende chourizos, callos ou calqueira postre, até viños e licores de todo tipo, paseando por aquel mercado que se asemellaba moito ao que se facia aló polos anos 60, onde os tratantes de gando vendian bois, cabalos, ovellas ou carneiros. Na feira habia moita xente ataviada con roupas da época, incluso puiden subir a unha reliquia do transporte colectivo, un autobús propiedade da empresa Cuiña e que databa coido que do ano 1956, unha marabilla. Por suposto e como non podían faltar, ademais da gastronomía tamén participaron os artesáns do coiro e mesmo de instrumentos musicais tradicionais, alí estaban os luthiers de Os Alegres de Pontevedra, cós seus charrascos, pandeiretas e bombos ao carón das zocas e das figuras de forxa fermosamente elabouradas.

En resumo, un domingo para desfrutar en compaña, tomando un viño e unha ración do polbo á feira nun ambente de festa e de alta montaña, segundo puiden comprobar no programa que repartían, o sábado houbo guateque pola noite e o domingo diversas actividades para os máis cativos. A feira de Cuspedriños foi recuperada pola concelleira nacionalista Lina Garrido, a encargada da área de Promoción Económica e Turismo do Concello de Cotobade e coa colaboura da Conselleria de Medio Rural, que todo hai que dicilo.
Para o vindeiro ano achegádevos por alí, seguro que non vos defraudará.
Actualidade & Galiza 17 mai 2008 10:00 am
Poesia contra a ignorancia…
DEITADO FRENTE Ó MAR...
Língua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura áceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cós meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra língua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...
Extracto de Longa noite de pedra (Celso Emilio Ferreiro)
Galiza & Internet 16 mai 2008 10:03 pm
Blogues pola língua
Dende o dia de onte A ponte vella está adherida a Blogues pola língua, unha iniciativa do blogomillo (a blogosfera galega) en defensa do galego e que tenta ser unha rede de acción conxunta que de forma cívica conciencie a tódolos galegos e galegas que defende-lo noso idioma é defende-la nosa cultura, o noso patrimonio de hoxe e de sempre, o cal non estamos dispostos a que desapareza no futuro. Polo tanto neste 17 de Maio, o dia das nosas letras, sumareime a esta iniciativa conxunta promovida por blogues pola língua, un acto que consistirá en redactar unha entrada conxunta entre tódalas bitácoras adheridas e así facer un chamamento a tódolos galegos e galegas para que defendan o seu idioma e non se mostren indeferentes ante a actual situación de acoso (por parte de algúns) que vive a nosa fala.
Que non nos leven a enganos, aqui o idioma maltratado foi e segue sendo o noso e temos todo o dereito do mundo a defendelo e desfrutalo, o idioma non pode ser unha arma arroxadiza nin moito menos política, o galego é o que é, o noso idioma, o noso vínculo con esta terra, e para todos nós é unha obriga defendelo, o noso idioma é unha herdanza que recibemos e non podemos malvendela, temos que respectala, mellorala e por suposto deixala en herdanza aos nosos fillos.
Na túa man está defende-lo galego.
Deportes 14 mai 2008 11:45 am
O textil español no ten quén o defenda
O xigante asiático irrumpe con forza na batalla das marcas deportivas, ou iso é o que semella á vista do contrato polo que a marcha chinesa Li-Ning equipará á selección española en tódalas súas modalidades deportivas para os vindeiros XX.OO. e Paraolímpicos de Pekín 2008. Esta marca que leva o nome do grande ximnasta chinés Li-Ning está tentando desbancar ás dúas grandes firmas de roupa deportiva Adidas e Nike, e que mellor escaparate que os Xogos Olímpicos a desputar no seu propio país. Li-Ning non é unha marca descoñecida no mundo do deporte, xa que dende hai anos que viste a varios dos equipos da N.B.A. norteamericana, o que si que non me agardaba era que acadaría un contrato có Comité Olímpico Español, pásome a explicar a continuación.
Entendo que Li-Ning é unha marca deportiva emerxente é ademais de China, polo tanto os prezos dos seus produtos é de supor que serán altamente competitivos, entendo tamén que coa actual crise económica non se pode andar a gasta-los cartos de calqueira maneira, pero inda asi, coido que o Comité Olímpico Español e por extensión o governo de España, deberían ter actuado cun pouco máis de visión de negocio e porqué non, de defensa dos intereses propios, sabedores de que na actualidade o único país que lle pode facer fronte ao mercado textil galego e español é o chinés, polo tanto non se debería facer unha insensatez como ésta e fortalecer inda máis ao teu rival.
Facendo unha similitude deportiva, ven sendo un caso semellante a aquel no que o Pontevedra C.F. deixou marchar a un dos seus principais xogadores que posteriormente foi a reforzar ao seu máximo rival na competición ligueira, o Rayo Vallecano de Madrid.
¿lembrádesvos?
Galiza 12 mai 2008 03:00 pm
Tirada de selos das nacións celtas…
Pode que non sexa un recoñecemento implícito da celtidade de Galiza, pero a verdade si que foi toda unha sorpresa maiúscula a de atopar esta nova hai uns dias en Vieiros. Para os que non estexades ao tanto do tema en cuestión, estouvos a falar de unha tirada de selos conmemorativos feita polo governo da Illa de Man, que por senón estades tampouco ao dia deste pequeno país, dicirvos que é unha illa que se atopa entre Irlanda e a illa británica que comprende a Escocia, País de Gales, Inglaterra e Cornualles -supoño que agora ficará ben aclarado-. Pois ben, como dicia, o governo da Illa de Man, que malia ter un certo grao de autonomía política, atópase baixo soberanía británica, sacou unha tirada de selos como adoita facer de cando en vez, a sopresa foi que desta volta a temática xirou encol das nacións celtas, sobre a unión intercéltica destes paises e Galiza foi incluida no mesmo saco grupo que Escocia, Irlanda, Bretaña, Cornualles, Gales, a propia Illa de Man e tamén Asturies.

Cada selo consta da bandeira propia de cada lugar e unha frase característica, para o caso galego escolleron a de unha terra, un povo e unha fala. Pois nada, como galego e tamén como afeccionado que fun á filatelia hai unha chea de anos, so me resta dicir que desde esta esquina de Europa, queremos darlle-los parabéns e as grazas ao Governo manés, humildemente considero isto como un xesto moi fermoso e solidario cós galegos e galegas e maila nosa cultura.
Deportes 10 mai 2008 09:05 am
Xogámonos o pase ao Play-off !!
E como se adoita dicir nestes casos, temos que gañar polo civil ou polo criminal, asi que non queda outra, nada de clasificacións virtuais nin contos, temos que saca-los tres puntos na casa e toma-lo último partido fóra de Pontevedra coma un mero trámite.
O Pontevedra C.F. xoga esta noite do sábado en Pasarón o seu derradeiro partido da liga regular 07-08 fronte a súa afección e contra o colista da táboa, o C.D. San Isidro, está claro que non podemos confiarnos, os xogadores deberán sair totalmente concentrados dende o primeiro minuto e nós estaremos alí con eles, atreveriame a dicir que de seguro o equipo rival estará primado, posto que hai moitos intereses ademais dos meramente deportivos para engancharse á cabeza da táboa e son moitos os que veñen apretando forte detrás, nunca tan desputada estivo unha clasificación para a fase coma este ano. Persoalmente agardo que haxa unha boa entrada no vello municipal de Pasarón, a directiva tivo o detalle de obsequiarnos a cada socio con outra entrada de balde para agasallar a un amigo ou a un familiar, e con iso acadar un magnífico ambente nas bancadas có cal poder presionar máis se cabe ao rival, ademais o espectáculo das tarxetas tamén promete.
O dito, non vos perdades o partido desta noite de sábado, non hai excusa de ningún tipo, xa podedes quedar coa pandilla para tomar unha cervexa antes porque de seguro o ambente nos arredores será xa de pre-fase, non quero que con isto semelle que hai demasiada euforia, pero os siareiros granates respostaremos unha vez máis á chamada do clube, agora tócalle ao equipo ser quén de clasificarse.
Actualidade & Historia 07 mai 2008 01:00 pm
A resposta correcta é… Irlanda !!
Non vaiades pensar que estamos nun concurso deses da televisión, aqui non temos nin caixas máxicas, nin paneis a descubrir, nin tan sequera letras coas que formas palabras, este suxerente título (suxerente alomenos para min) ven a colación da pregunta que vos facia neste post de primeiros de marzo. Algún de vós andivo moi ben encamiñado ao dar a resposta, Ulmo de Arxila e Carmiña deron no cravo ao falar de Èire (Irlanda), Deisler sabedor da miña afección pola boa cervexa tamén estivo acertado, Andrés fíxose o longuis pero ben sabia de antemán a onde ia ir, o que pasa é que soubo mante-la intriga até o final.
Pois si ilustres visitantes da miña humilde morada na internet, a resposta correcta é Irlanda, a vella illa esmeralda tamén chamada Èire en língua gaélica será a afortunada en desfrutar da presenza de dous galegos que van aló á aventura, máis que nada porque non temos nin papa idea de inglés, e moito menos de gaélico irlandés, en galego supoño que será todavia máis complicado facerme entender. Viaxamos concretamente á súa capital Dublín (Baile Átha Cliath), traducido como Estanque negro, atópase na beira do rio Leffey, cidade fundada
orixinalmente como centro do comercio vikingo de escravos e que ven sendo a capital da República de Irlanda dende a Idade Media. Viaxamos cunha das dúas compañias irlandesas de low cost, concretamente con Aer Lingus -se alguén se fixou na foto do anterior post xa veria nela unha boa pista- e a nosa intención é visitar todo o que poidamos en catro dias, principalmente o Trinity College (Book of Kells), o Castelo de Dublín, a Igrexa de San Patricio (patrón de Irlanda), o Temple Bar e por suposto a St James's Gate Brewery, a fábrica da cervexa stout por excelencia, onde se atopa a Guinness Storehouse, da que por suposto haberá un capítulo aparte.
Pois nada, en menos dun mes atoparémonos de camiño a unha das sete nacións celtas, agardemos desfrutar intensamente desta viaxe da que prometemos contarvos detalles á volta.
Slàinte !!
Internet 05 mai 2008 10:00 am
Recibemo-lo premio “Brillante Weblog 2008″
Que mellor intre para recibir un premio que cando estamos a piques de cumprir un ano de vida, semella incríbel pero é certo, este pequeno recuncho que lle dimos por chamar A ponte vella ten xa unha boa panda de parroquianos, e entre eles un que estivo disposto a alegrarnos o maldito luns cun premio tan prestixioso como o Brillante Weblog 2008 que por suposto recibemos de bo agrado.
A persoa da que vos estou a falar non é outra que Paulo e o seu blogue An Fianna, un lugar adicado ás culturas galega, castrexa e celta por extensión, un obrigado lugar de parada e fonda para todos aqueles, que coma min, están interesados pola nosa cultura de raigame nun amor que traspasa o terrenal e achégase case ao espiritual, un magnífico lugar para beber un grolo da mellor música folc galega ou bretona, para desfrutar coas historias sobre Irlanda ou coñecer datos e curiosidades de viaxes ben documentadas con magníficas fotografias.
Sabedor que receber este premio implica unha serie de compromisos, entre os cales están os de nomear a outros sete blogues que ao teu modo de ver destacan polos seus contidos ou deseño, -ademais de avisarlles que reciberon o premio, mostralo no meu blogue e facer unha ligazón ao seu blogue agradecéndolle o mesmo- aqui van os meus:
-
Andrés Milleiro blog, que podo dicir deste home, gran informático e mellor amigo, sen a súa inestimable axuda e mailos seus consellos non estaria aqui hoxendia, máis que nada porque foi el quén me convenceu de meterme nestas historias, hai pouco que comezou con outro blogue, éste en galego.
-
Beber para olvidar Un dos primeiros blogues de Pontevedra que coñecín e polos que me paso case a cotío para informarme da actualidade da miña cidade, sempre ao dia coa mellor información local e na xornada dominical con fantástica música na que moitas veces coincidimos.
-
Vides Novas Un modesto blogue para unha grande persoa, moitos de vós non o coñeceredes, pero Mundo, o seu autor, é un traballador incansable a prol da nosa música tradicional, director da Agrupación Folclórica Vides Novas de Poio, sempre está disposto a botarlle unha man á mocidade da parroquia e ése é un dos principais motivos polos que fixo o seu blogue, un dia destes falareivos máis polo miúdo del.
-
Blog de César Abal inda que estexamos nas antípodas nos nosos prantexamentos políticos, gústanme as reflexións que sobre a política local fai César dende o seu espazo na rede, sempre crítico có governo actual (cando hai motivos claro) axúdame a ollar ás veces a outra cara das noticias, e estaredes conmigo que a disparidade de opinións é precisa.
-
Radio Macuto outro dos blogues máis antigos que visito da nosa cidade, Luis ven sendo un emigrante retornado á Pontevedra, no seu blogue fálanos de calqueira cousa, comezando pola actualidade local e rematando por consellos de farmacia, todo ten cabida nese recuncho da rede.
-
Innisfree1916 o blogue de Chesús Yuste, un lugar que toca a miña fibra sensible dende hai xa uns cantos meses, Irlanda en estado puro, historias, actualidade, música e fotografía, unha fantástica páxina para visitar e desfrutar da marabillosa illa esmeralda dende a visión persoal deste aragonés de pro.
-
O Traveseiro como ben define o seu autor, unha visión atravesada do reporte rei, un lugar que como bo afeccionado ao fútbol non podo deixar de visitar, unha visión persoal do balompé e de todo o que lle rodea.
Pois isto é todo, noraboa aos agraciados e a seguir traballando duro como ate o dia de hoxe, a seguir facéndonos desfrutar cós vosos relatos, coas vosas historias e coas vosas fotografias, porque se para algo serve o feito de ter un espazo coma éste é para compartir experiencias e inquedanzas cós demais, para compartir ledicias e tamén porqué non penas, porque compartindo facémonos un pouco máis ricos cada dia que pasa.






