Cargando...

Monthly Archivexuño 2008



Deportes 30 xun 2008 03:41 pm

A mellor selección de Europa…

 

Hoxe non hai outra noticia, o deporte centrou tódalas conversas no traballo, na praia ou en calqueira parte, está claro que ninguén se puido sustraer ao acontecido onte, nunca tanto share tivo unha televisión española, algo máis de 14 millóns de telespectadores ou o que é o mesmo, un 80,9 % de audiencia para a final da Eurocopa de nacións, partidazo do máis alto nivel que enfrontaba ás seleccións de España e Alemaña. Como grande afeccionado ao fúbol que son por suposto que ollei o partido, como tantos pontevedreses que ao rematar sairon ás rúas, sobre todo á fonte diante do concello. Onte palpábase o ambente futbolístico en calqueira recuncho da cidade, tanto ou máis que nunha fase de ascenso do noso querido pontevedriña, e como o divertido e o máis emocionante é olla-lo partido cós colegas, tomeime unha cervexa antes do partido nunha coñecida cervexeria de Poio, un local con moito ambente futboleiro, e que demo!! porqué non vou a dar publicidade... a cervexería chámase ANFIELD e está rexentada por un inglés-galego fan do Liverpool de Fernando Torres, un sitio magnífico para ollar un partido, cunha chea de pantallas de televisión e de birras de importación.

Pois iso, so me resta darlle-los parabéns aos rapaces que fixeron posible semellante trunfo do fútbol español, eu a verdade non contaba con eles, xa o comentara neste post, pero có fútbol de toque e de precisión que fixeron non podian menos que se-los vencedores, foi o equipo máis regular de todo o campionato, o máis goleador, o menos goleado e do once ideal da U.E.F.A nove xogadores son da selección española, impresionante números.

Parabéns polo trunfo !!

foto: www.lavozdegalicia.com

Chuzame! chúzame -

Actualidade 30 xun 2008 09:00 am

Norfor e a súa destructiva actividade forestal

Hai un par de dias que a nova saltaba aos medios e agora fágome eco no meu blogue. Supoño que non fan falla presentacións e que calqueira pontevedrés e galego coñece o nome de Norfor (Norte Forestal S.A.), unha das empresas filiais de ENCE, o monstro éste que temos na nosa ría. Pois ben, a empresa certificadora responsable de lle outorgar o selo da calidade na xestión medioambiental a Norfor, o FSC, decidiu, supoño que non polas presións de grupos ecoloxistas coma Greenpeace, que por desgraza non teñen tanta forza, senón tamén por que os seus informes propios debéronlles facer caer do burro, como digo, decidiu suspende-lo certificado que eles mesmos lle deran catro anos atrás polas graves deficiencias atopadas nunha auditoria que fixeron, na que se evidenciaba o grave deterioro da biodiversidade do noso monte, da erosión provocada, do aumento do risco de incendios forestais e do abusivo emprego de pesticidas e herbicidas, asi como o que todos ollamos e sabemos, o monocultivo do eucalipto, algo patente no noso monte dende hai unha chea de anos.

E agora que? pois agora Norfor terá que retira-lo selo de calidade FSC dos seus produtos, algún poderá pensar que isto nin nos vai nin nos ben, pero supoño que no seu sector, perder este certificado de garantía de calidade terá a súa repercusión económica, cousa da que persoalmente alédome, xa abonda de esnaquiza-lo noso monte, de pasear por el e apenas atopar árbores autóctonas, o monte é un negocio si, pero tamén o noso futuro e a nosa saúde. A Asociación pola Defensa da Ria, o colectivo Verdegaia e ADEGA felicitáronse por isto, eu únome a todos eles, agardo que isto sexa o comezo do derrumbe do entramado que ENCE ten na nosa cidade, que se retiren para o polígono do Campiño como ben di Telmo Martín, pero que teñan coidado, que por estar alá enrriba non van estar menos vixilados, estaremos ao tanto das súa actividades.

Maldito o dia que Frei Rosendo Salvado trouxo o eucalipto a Galiza !!!

Chuzame! chúzame -

Galiza & Historia 26 xun 2008 09:22 am

Castelao estará máis presente en Pontevedra

Haberá alguén na nosa cidade que inda non teña visitado alomenos unha vez na súa vida o Museo Provincial de Pontevedra? De ser así, a partires de agora terá unha excusa máis para facerlle unha visita, porque dende a pasada semana, o Museo de Pontevedra ampliou a súa oferta expositiva coa adquisición de 120 debuxos orixinais de Alfonso Daniel Castelao, debuxos que empregou para ilustra-lo seu libro As cruces de pedra na Bretaña, e que foron feitos polo polifacético artista na súa visita á Bretaña (Breizh) aló polo ano 1929, nunha viaxe có obxecto de investiga-los cruceiros de pedra do "outro" finisterre atlántico.  Con esta nova proposta amplíase a sala adicada ao insigne debuxante e político galego no museo da nosa cidade, sala ésta que foi remodelada non hai moito coa inclusión de novas pinturas e agora tamén estes novos debuxos feitos no ano 1929 na Bretaña, á volta desta viaxe Castelao publicou As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza.

É de supor que nun curto periodo de tempo, estes debuxos estarán expostos para todo aquel que lles queira botar unha ollada. Noraboa tanto á Deputación de Pontevedra coma ao Museo de Pontevedra por tan importante adquisición, desta maneira a nosa cidade convértese na depositaria da maior parte do legado do insigne patriota galego.

Chuzame! chúzame -

Axenda 24 xun 2008 09:00 am

Xornada lúdico-formativa na Lama

A seguinte información achégama Maruxa, amiga e responsable local de Galiza Nova en Poio. Coméntame que o vindeiro dia 5 de xullo, a organización das mocidades do B.N.G. ten preparada unha xornada lúdico-formativa e de convivencia no concello de A Lama, na que ademais de algunha charla formativa a cargo de persoeiros do partido, como Rubén Cela, Iria Aboi ou Francisco Rodriguez, -o que fora deputado nas Cortes polo Bloque Nacionalista Galego-, haberá un xantar de confraternización entre tódolos militantes e simpatizantes nacionalistas e logo un atractivo roteiro polos arredores de A Lama. A xornada terá lugar ao longo de todo o dia, e como a seguridade é unha das súas preocupacións, haberá buses dende Pontevedra e Poio para trasladar á xente ate A Lama, persoalmente considéroo todo un acerto, posto que como vedes todos son facilidades para non ter que colle-lo coche e poder desfrutar do xantar e do posterior paseo sen preocuparse polo transporte.

O interesados poderán inscribirse pasando pola sede do B.N.G. de Pontevedra ou ben chamando ao seu teléfono, tamén no enderezo electrónico gznova_poio@yahoo.es , tedes de prazo para facelo toda esta semana. Por último, comentarvos que tanto o transporte coma o xantar son de balde, sairán autobuses dende Valga, Pontecaldelas, Barro, Caldas de Reis, Poio, por citar algunha das vilas da bisbarra, por suposto tamén dende Pontevedra, polo tanto é unha boa oportunidade para desfrutar dun dia de lecer polos arredores da Lama, non deixedes pasa-la ocasión de desfrutar da natureza en tan fermoso sitio.

Nota á marxe: Estiven botándolle unha ollada á web municipal e somentes podo dicir que é do máis cutre sinxelo que pode haber, que se poñan as pilas ou ben a xente do Concello de A Lama (Partido Popular) ou ben a xente de Integal S.L. -que polo que semella son os creadores da web-, porque a maioria das seccións se atopan sen actualizar e hoxendia unha web en condicións é unha das mellores tarxetas de presentación para calqueira empresa ou organismo, por suposto tamén para un concello.

Chuzame! chúzame -

Galiza & Historia 23 xun 2008 09:00 am

A noite de San Xoán en Pontevedra

Xa se chamen lumes, fogueiras ou cacharelas, son as verdadeiras protagonistas desta noite máxica, a véspera do dia máis longo do ano, que coincide có solsticio do verán, un rito céltico que perviveu ao longo dos séculos, un dos máis arraigados na nosa terra e que comeza despois da cea, cando a xente xúntase ao seu redor a falar, cantar ou choutar por riba do lume purificador.

Dende pequeno sempre acollin gratamente a idea de ir olla-las cacharelas da nosa cidade, ou máis ben dos arredores, adoitaba ir cós meus pais e  gostaba do feito de choutar por riba delas, lémbrome da inmensa fogueira que se facia, e coido que inda se segue a facer na Barca (Poio) ou a que se facia tamén en beiramar antes de que se urbanizase a avenida do Uruguai, algunha tamén tiñan no barrio de Campolongo, hoxe adoito ir a olla-la fogueira de A Seca, en Poio, cacharela que reune a moitísima xente ao seu redor e na que, ademais de desfrutar da sardiñada, puiden desfrutar nestes últimos anos dalgunha que outra representación teatral nun marco incomparable, diante do mar. Tamén nos arredores de Pontevedra, en lugares coma Mourente ou Lérez séguense a face-las trasnadas cotiáns nesta noite, como roubar carros ou levar cancelas das casas, que logo aparecen nos rincóns máis insospeitados, sen ir máis lonxe, hai dous anos apareceu un carro do País na rotonda da ponte dos "tirantes". Este ano, esta máxica noite celebrareina na parroquia de Lérez, na casa duns familiares, sempre que o tempo acompañe claro.
     Por último, non debemos esquece-lo ritual das "herbas de san Xoán", herbas que hai que deixar en auga para lava-la cara á mañá seguinte e asi escorrenta-los malos espíritos, tradicións estas que cómpre conservar polo seu simbolismo, inda que non sexamos moi creentes, senón lembrade que estes ritos foron cristianizados pero na súa orixe foron célticos e polo tanto paganos.

     Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.

Chuzame! chúzame -

Música 19 xun 2008 01:00 pm

Sorprendente versión “eléctrica” do Canon de Pachelbel

Non teño nin idea da nacionalidade do rapaz que sae tocando neste video, pero coido que o seu nome é Funtwo, o que si me atreveria a augurarlle é un futuro prometedor no mundo da música. O video que foi subido ao portal youtube no mes de nadal do ano 2005 pasoumo un amigo hai uns dias, o primeiro que me sorprendeu antes de comezar a olla-las imaxes foi a espectacular cantidade de visitas que tivo nestes dous anos e medio, máis de corenta e un millóns e medio, posiblemente o video de youtube con máis visitas que ollei na miña vida. O tema en cuestión é o Canon do compositor alemán Johann Pachelbel, certamente o seu nome completo é Canon e Giga en Re maior para tres violinos e baixo continuo, un clásico da música barroca e que máis dun empregou o dia da súa voda.

O dito, non perdades detalle desta fantástica interpretación, sinceiramente sorprende o dominio da guitarra que ten este fulano rapaz.

Chuzame! chúzame -

Actualidade & Historia 16 xun 2008 09:00 am

Galicia pasa oficialmente a chamarse Galicia

Ou iso semella despois do manifestado a pasada semana pola Real Academia da Língua Galega, pois segundo eles o único termo oficial para referirnos á nosa comunidade autónoma ou nacionalidade histórica (que non rexión) será o de Galicia. Teño lido moito estes dias no tocante a este tema, que descubrín da man de Sísar, un blogueiro de Pontevedra.

Poderian escreberse rios de tinta falando do pros ou dos contras de chamarlle dunha ou outra maneira a Galiza, pero nin son lingüista nin tampouco teño gañas de enfrascarme agora en discusións, que como desafortunadamente calificou outro blogueiro pontevedrés, -no le importan al populacho-. Coido que si lle importan inda que non serei eu quén rompa unha lanza en favor dun ou doutro termo, máis o que si teño claro é, que como galegofalante emprego o termo Galiza por respecto á nosa historia e non por un ancello de sermos diferentes aos demais, como teño lido nalgún artigo. Se Galiza xa se empregaba no medievo, quén é a Real Academia Galega para non recoñecelo como válido aludindo a que é o termo máis empregado pola povoación nos derradeiros séculos, periodo éste cunha clara influencia do idioma castelán. ¿un País pode ter dous nomes en dúas línguas co-oficiais? pois por suposto que si, sen ir máis lonxe, -e posto que estiven ali hai un par de semanas-, fixádevos no caso irlandés, un país onde conviven dous idiomas oficiais, irlandés e inglés, Ireland é o topónimo empregado en inglés e Éire ou Poblacht na Éireann en irlandés gaélico, e alí non teñen nengún tipo de problema, o mesmo acontece con Alba=Escocia e moitos casos máis. Se o galego e o portugués proceden dun tronco común, ¿porqué en Portugal empregan o termo Galiza e os galegos teremos que emprega-lo termo Galicia de forma oficial unicamente?, considero moi inxusta esta decisión dun organismo que, deberia ter coma principal obxectivo o de xungui-las diferentes correntes a prol dunha ou doutra norma ortográfica que temos en Galiza, para asi acada-lo arelado consenso e facer máis forte o noso idioma, un presente tal e como o estamo-lo a ter non augura un futuro esperanzador para o galego.

Polo tanto, eu estou dacordo en que se empreguen oficialmente o termo Galiza para o idioma galego e o termo Galicia para o idioma castelán e plantexo tamén a seguinte cuestión. Se a única maneira -establecida por lei- que hai para referirse á toponimia galega é en galego, ¿Cal sería entón o vocablo a empregar para referirnos ao nome do noso País? penso que por esta regla de tres claramente teria que ser Galiza.

Chuzame! chúzame -

Internet 12 xun 2008 01:00 pm

Xuntanza de blogueiros pontevedreses

Pois nada, redundando unha vez máis no tema, e por se alguén inda non está ao tanto, o vindeiro venres dia 13, e a iso das 20:00 horas -supoño que un servidor chegará un chisco máis tarde- na cafetería Hippo da nosa querida Pontevedra, terá lugar o que uns deron por chamar a 1ª Xuntanza Planeta Pontevedra e outros demos por chamarlle a II beers&blogs Pontevedra, ao final tanto ten un nome coma o outro, pero eu case que me quedo có segundo, por aquilo de tomarlle unhas cervexas e algunha tapiña se cadra falando dos nosos blogues ou de calqueira cousa que nos pete, como rajar dos políticos locais, falar da folga do transporte ou da 65 horas semanais, xa veremos que acontece.

O dito, mañá dia 13 de Xuño do 2008 ás 20:00 horas, o blogomillo/blogosfera pontevedresa está chamada a está xuntanza na cafeteria Hippo para coñecernos e falar de cote, no meu caso será a primeira xuntanza blogueira á que vou asistir, asi que algo cortado estarei, pero non hai problema posto que xa teño un par de puntais de colegas, Andrés Milleiro e Manuls, dous "granates" coma min e residentes en Pontevedra que tamén asistirán a tan "magno" evento.

Chuzame! chúzame -

Caixón de xastre 10 xun 2008 03:32 pm

Unhas vacacións en Dublin II (cultura)

Se hai algo pon enriba de todo, que un forasteiro pode ollar na súa visita á capital de Irlanda son monumentos, o primeiro que nos chamaria a atención unha vez aterremos en calqueira das rúas do centro de Dublín son a infinidade de edificios e monumentos con historia que esta cidade atesoura. Se lle preguntamos a calqueira dublinés por algo que non poidamos deixar de ollar nunha visita duns cantos dias, de seguro que él respostaríanos que a Catedral de San Patricio, o Trinity College ou Castelo de Dublín, pero isto tamén depende da idade do interpelado, porque se falamos cunha persoa moza (son maioria nesta cidade) é moi probable que nos falara do Temple bar ou da fábrica de Guinness.

Un consello quérovos dar, Dublin é unha cidade para percorrer a pe, e ben cómpren alomenos tres ou catro dias para poder dicir que a visitamos a conciencia, no meu caso estiven tres dias, dos cales un foi domingo e quedáronme no tinteiro un par de cousas que quixera ter visitado, principalmente o cárcere de Kilmainhan Gaol, onde se rodaron escenas de películas como En el nombre del padre, e que ven sendo todo un símbolo para o nacionalismo irlandés na súa loita contra os ingleses, tamé ficamos sen visitar a fábrica do irish whiskey Jameson e unha visita a Glendalough, no Condado de Wicklow, unha paraxe natural moi fermosa á cal non puidemos ir por falla de tempo.

E logo, ¿que foi o que visitamos? Pois o Trinity College, a universidade máis antiga de Irlanda, fundada no ano 1592 e na que puidemos olla-la exposición do Book of Kells, o libro dos celtas, manuscritos dos que non puiden tirar fotografías, posto que en tódolos edificios que visitamos está prohibido o emprego de cámaras de foto e video, iso si, na maioria das visitas tivemos que pagar por entrar, o importe oscilaba entre os 8-10 euros por barba persoa. Tamén estivemos no Castelo de Dublin e os seus xardins anexos, nos que se celebraba o dia de África cun multitudinario concerto ao aire libre, na catedral de San Patricio, que data do ano 1191 e atopábase en obras, mala sorte, polas obras e por non poder tirar fotos dentro tampouco. Pasamos tamén pola Christ Church Cathedral e mailo museo Dublinia, que están un ao carón do outro na rúa St. Michael's Hill, a catedral é anglicana e unha das tres que hai en Dublin, tamén ollamos a Custom House, edificio éste impresionante.

Polo demais, pasear por unha cidade coma a de Dublin sempre é gratificante , o que máis nos pode chama-la atención é o tremendo vento reinante ao longo de todo o dia, tanto ten estar perto do rio Liffey como polo medio de rúas máis estreitas, sempre zoa o vento e moi forte, o tráfico é moi denso dende primeira hora da mañá -e logo queixámonos de Pontevedra- polo tanto hai que andar con moita precaución e ollar sempre á dereita -xa está indicado no chan- antes de cruzar unha rúa, de tódalas maneiras, os dublineses non fan moito caso dos semáforos. A oferta comercial é impresionante, hai unha chea de mercadillos coma o de George Street Arcade, tendas de roupa e música e por suposto pubs, pero dos pub's (public house) xa vos falarei nun capítulo aparte. Pasear por rúas como Grafton Street, Henry Street ou O'Connell Street é unha gozada, alí poderedes atopar calquer agasallos ou recordo que queirades traer da vosa visita, recoméndovos os almacéns Carrolls para mercar agasallos e os almacéns Penney's se queredes algo de roupa, son increiblemente baratos para os prezos de Dublin, pero máis barato todavia é sacarse unha foto con calqueira das estátuas que poderás atopar nas rúas do centro da cidade, como por exemplo a de Molly Malone ou a de James Joyce, por citar un par delas.

En resumo, non se pode dicir que se coñeza Irlanda por ter visitado Dublin, nin moito menos, pero foi un bo comezo para alguén coma min que nunca estivera ali antes, para unha vindeira ocasión agardo poder visitar algún lugar máis pequeno coma Kilkenny, Cork ou Galway, e poder estar en contacto coa Éire máis labrega, misteriosa e milenaria. Se estades interesados en visitar esta fantástica cidade podedes recopilar máis información na web Voy a dublin.com, un sitio moi interesante, con multitude de consellos e fotografias para planifica-la vosa viaxe á capital de Irlanda.

Por certo, se queredes ollar algunha foto máis, pasádevos pola miña galería de Flick R, pouco a pouco irei subindo algunha máis.

Chuzame! chúzame -

Deportes 06 xun 2008 05:00 pm

Fútbol, fútbol e máis fútbol…

Coido que a ninguén se lle escapará o feito de que ese fin de semana comeza a Euro-2008, ou o que vén sendo o mesmo, a Eurocopa de fútbol a celebrar conxuntamente entre Suiza e Austria dende hoxe ate o vindeiro dia 29 de Xuño, dia no que se xogará a final en Viena. Supoño que non fará falla dicirvos que son un grande afeccionado ao fútbol, e unha vez rematada a tempada do Pontevedra C.F. hai que atopar outro entretemento para o verán (aparte de traballar claro), polo tanto eu e outros moitos afeccionados a este nobre deporte do balompé desfrutaremos dunha voráxine de partidos e máis partidos ao longo de case un mes, a razón de dous por dia e en horario non-laborable (o segundo deles) magnífica hora polo tanto.

Personalmente, as miñas apostas para esta Eurocopa-2008 son Italia, Portugal, Alemaña e Holanda, é máis, unha das favoritas para gañar na final de Viena coido que pode ser Portugal, a selección lusa ten un equipazo e asi ben, se polo de agora sempre tropezou nos derradeiros partidos, coido que desta volta o equipo dos Deco, Ricardo Carvalho, Paulo Ferreira ou Nuno Gomes poderán traballar á perfección para un dianteiro en racha como Cristiano Ronaldo, que tentará se-la estrela desta competición e demostrarlle a todos que ben vale os cartos que piden por el. No tema da selección española pouco que dicir, sendo sinceiro, coido que será máis do mesmo, por moitos xogadores que haxa na Premier League o combinado español non acaba de atopa-lo seu sitio e moito menos cun adestrador cuestionado por todos como é Luis Aragonés, ogallá pasen de cuartos, inda que dubido moito que iso aconteza.

Por certo, cales son as vosas apostas ?

Chuzame! chúzame -

Música 05 xun 2008 01:00 pm

U2 dende os “quays” de Dublin

O amigo Andrés Milleiro, un apaixonado da música destes irlandeses, envioume hai uns dias este video que tedes a continuación, trátase do tema de sobra coñecido por todos beautiful day interpretado en directo pola banda irlandesa dende a azotea do Clarence hotel, un negocio da súa propiedade na cidade de Dublin. Andrés xa me manifestara en varias ocasións a súa afección por esta banda de rock, e tamén me instara a face-la rota de U2 na miña recente visita á cidade de Dublín,-onde son numerosas as referencias a eles que hai na cidade- pero por falla de tempo non puido ser, agora que puiden olla-lo video fágome máis ou menos unha idea de onde pode estar localizado este hotel  de 5 estrelas, na zona que lle veñen chamando os "quays", os arredores do rio Liffey, polo tanto de seguro que pasei por diante de camiño á fábrica de Guinness. Son moitas as lembranzas que me veñen á cabeza ao ollar estas imaxes de novo, a ponte de ha'ppeny brigde, os autobuses de Dublin-bus nunha cidade de tráfico heavy, o vento tremendo que facia sempre na cidade ou esas casiñas baixas ao carón do rio Liffey.

Graciñas por lembrame todo isto Andrés !!

Chuzame! chúzame -

Deportes 03 xun 2008 10:21 am

Isto xa comeza a ser unha penitencia…

Citando ao refraneiro popular, o acontecido o pasado domingo ven sendo algo moi semellante a aquelo que di que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, no caso do Pontevedra C.F. tres veces, porque somos asi de chulos, que para iso somos a capital da provincia.

Xa case que recuperado do tremendo pao da eliminación -as primeiras de cambio- do play-off polo ascenso á Segunda División A, inda non me podo explicar o porqué dese baixón físico e de xogo precisamente no partido decisivo e precisamente xogando na casa, respaldados por 10.000 persoas e con un resultado no partido de ida bastante favorable, ¿que foi o que fallou desta volta?, se cadra ¿temos unha plantilla sen ambición?, ¿porqué se agochan algúns xogadores cando chega un partido tan decisivo?, ¿porqué non saimos concentrados todo o partido?... preguntas que despois duns dias de reflexión terán que respostar Nino Mirón e a directiva do clube, as cousas cando se planifican mal adoitan sair peor, polo tanto para o vindeiro ano haberá que facelas a conciencia, o ciclo de Xabi Gracia está esgotado, cómpre unha remodelación profunda na plantilla, comezando polo adestrador e o preparador físico e continuando por algúns directivos e moitos xogadores que non deron a talla, sobre todo moitas das novas incorporacións. Que contraten xente con ambición e gañas de superarse e ascender, non a xente que por veterana xa está curtida e queimada e no ten motivación de ningún tipo.

Dende esta bitácora tamén quero destaca-lo xesto da vicepresidenta Lupe Murillo, que literalemente se partiu a cara polos que somos socios de norte cando nos veu a defender dunha actitude manifestamente agresiva, chulesca e de abuso de poder por parte das forzas antidisturbios da policia nacional, que para rematar cunha pequena trifulca entre dous socios da nosa bancada, non se lle ocorreu outra cousa que cargar contra todos nós a porrazos e con botes de fume... lamentable, ogallá tomen cartas no asunto e se depuren responsabilidades.

Ata o ano que vén -pese a todo o que está a chover-, alí estaremos unha vez máis para retira-lo noso abono de norte e apoiar ao noso equipo, en 2ª B ou onde faga falla.

Chuzame! chúzame -

Next Page »