Monthly ArchiveAgosto 2008
Pontevedra 30 Ago 2008 10:02 am
E cairon chuzos de punta en Pontevedra..
A estas horas supoño que a maioria de vós estaredes xa enterados do que aconteceu na nosa cidade a pasada tarde-noite, coido que hoxe será un ruxe-ruxe por toda Pontevedra, nos meus trinta e pico anos nunca ollara cousa igual.

Eran as nove menos cuarto da tarde de onte venres cando o ceo comezou a vomitar pedras de xeo, eu estaba xogando un partido do Pro8 có meu cuñado cando comecei a escoitar uns tímidos golpes na fiestra, ao principio coidamos que podian se-los peregrinos que pasan polo barrio de Lérez facendo o camiño de Santiago e que adoitan golpea-lo chan cós seus caxatos, ou se cadra cabalos que tamén pasan por alí a cotío, e como a curiosidade era grande saquei a cabeza para ollar o que acontecia, cal foi a nosa sorpresa cando unha pedra de xeo do tamaño dunha pelota de golf pasoume a escasos milímetros da cara, rapidamente baixamos a rúa e poidemos contemplar o espectáculo en toda a súa crudeza, ao longo de quince minutos e segundo o que esta mañá lin nos xornais, Lérez, Monteporreiro, Poio, Pontecaldelas, Cotobade ou Alba sufriron as consecuencias desta tremenda choiva de pedrizo que arrasou colleitas e provocou inundacións asi como danos nos coches e nalgunhas casas. Sorte de min que tiña o coche a bo resgardo metido no garaxe, porque puiden comprobar de primeira man como remataron abollados algúns vehículos e dou boa fe de que os seguros o luns terán que traballar a fondo.
Casualidade ou cambio climático, eu coido que máis ben o segundo, como dicía, nos trinta e pico anos que teño éste é o segundo fenómeno meteorolóxico máis ou menos estraño ao que podo asistir perplexo, o primeiro como moitos de vós saberedes foi a nevada que caiu na nosa cidade hai uns 18 anos. Por certo, por se algún no estaba en Pontevedra onte, ahí tedes unha foto do tamaño das pedras de xeo comparadas có meu móbil, ¿impresionante verdade?, as pedras claro.
chúzame -
Música 28 Ago 2008 09:00 am
O “Viva la vida” dos ingleses Coldplay
Eles para nada son uns viva la vida e traballaron duro dende o seu anterior disco titulado X&Y, o novo traballo que sacaron ao mercado o pasado 17 de Xuño é boa mostra delo, o seu segundo single é precisamente o que vos traio aqui, escoiteino este pasado fin de semana nun pub de Pontevedra é pareceume absolutamente xenial este viva la vida da banda liderada por Chris Martin, o disco que por certo ten unha portada curiosa cando menos -nela aparece La libertad guiando al pueblo, o famoso cadro que reprenta ao povo francés erguido en armas contra o seu rei no ano 1830- ten por título Viva la vida or Death and all his friends e tomou o nome dun cadro da famosa pintora mexicana Frida Kahlo.
Coldplay levan sorprendéndome máis de dez anos coa súa música, dende aquel fantástico primeiro disco que teño entre os meus favoritos titulado Parachutes, nótase unha evolución no seu son pero non deixan de sorprendendernos con fermosos medios tempos ou con temas máis movidos con riffs de guitarra potentes e baterias atronadoras. Coldplay leva colabourando xa moitos anos con organizacións humanitarias coma Intermón Oxfam e Amnistía Internacional e nunca prestou ningunha das súas cancións para anuncios publicitarios, algo que lles fai merecedores de toda a miña admiración e respecto, aqui téde-lo video.
chúzame -
Deportes 25 Ago 2008 08:30 am
Impresións persoais dos XX.OO de Beijing 2008
Non tiven oportunidade de olla-las cerimonias de apertura e clausura, pero si uns cantos partidos e probas deportivas ao longo destas semanas e a verdade é que pagou a pena. Se ao principio dos xogos comentaba que non estaba para nada dacordo coa forma de proceder do governo chino en cuestións como os dereitos humanos, o problema do Tibet ou a represión a xornalistas de diversos paises, tamén estaba case seguro que estes xogos serian os máis grandes e mellor organizados de toda a historia do olimpismo e vós diredes, pero na miña opinión así foi. Nestes quince dias non houbo practicamente marxe para erros de ningún tipo, a puntualidade nos horarios, a impecable posta en escea e a tremenda optimización dos recursos dos que dispoñen fixeron que foran os xogos case perfectos e iso é algo que debemos recoñecer inda que custe algo ou moito, para o governo chino ésta foi unha proba de fogo, unha forma de presentarse ante o resto do mundo coma a superpotencia que é na actualidade e a que será nos vindeiros anos, porque non debemos esquecer que no medalleiro rematou no primeiro posto, xusto por diante dos EE.UU. algo impensable hai anos.

Deste xogos olímpicos lévome o bo sabor de boca das medallas da delegación española -namentres os galegos non compitamos baixo a nosa propia bandeira- e das probas espectaculares de natación e sobre todo do atletismo, o rei dos deportes olímpicos, coa apabullante demostración de poder físico dun xamaicano espectacular como Usaín Bolt, un lóstrego, unha bala que demostrou ir sobrado na maioria das probas nas que competiu, de seguro que este home que bateu varios W.R. nestas olimpiadas pasará a se-lo segundo home máis famoso da illa despois do mítico Bob Marley, de verdade que é para quitarse o sombreiro, algo alucinante e fermoso de contemplar unha e outra vez. Tamén quixera destaca-lo fantástico partido que fixo a selección española de basquet contra os EE.UU. un partido vibrante de principio a fin e nos que os de Aito a piques estiveron de da-la campanada proclamándose campións olímpicos.
Por último, quixera darlle-los parabéns aos galegos olímpicos que acadaron medalla e aos que non por suposto que tamén, e dende aqui animalos a traballar máis duro para que dentro de catro anos consigan os seus obxectivos e nos dean outra alegria.
chúzame -
Deportes & Música 21 Ago 2008 08:30 am
Dandy fever e Duff Hooligans en Pontevedra
Hai cousa dun par de semanas e con motivo do festival Vibrasons 08, comentábavos que estaria ben que se pasase por Pontevedra algún grupo de ska de cando en vez, máis que nada porque nos últimos anos so me lembro de Kogito hai uns meses e pouco máis, tamén é certo que na nosa cidade tampouco se pode dicir que teñamos unha programación de concertos demasiado extensa, a verdade. Asi que falando de ska, o outro dia atopei este cartaz dun concerto programado para o vindeiro sábado 23 de agosto na sala Revira, cerne dun dos movementos músico-culturais máis importantes da nosa cidade, desta volta son a xente de Furya Granate, siareiros do Pontevedra C.F. os que celebran cunha festa-concerto a volta do campionato de liga de 2º B, e coa cal prentenden comezar a move-la afección granate de cara á nova tempada, unha boa iniciativa unha vez máis dun dos colectivos de animación máis activos -senón o que máis- dentro da fantástica hinchada que temos en Pontevedra.

Pois iso, parabéns aos rapaces de Furya Granate pola iniciativa deste concerto na nosa cidade, agardo poder pasarme por alí -inda que so sexa un ratiño- a escoita-lo ska dos Dandy Fever, dos Duff Hooligans si que non sei nada, pero polo nome supoño que serán fans dos Simpsons e farán música futboleira, tamén agardo estar convidado a unha cervexa ben fresquiña pola publicidade de balde que lles acabo de facer..
chúzame -
Política 18 Ago 2008 09:06 pm
Falando de políticos, constructores e promotores..
Ollando este post publicado o pasado domingo polo blogueiro pontevedrés Sísar, no cal fala da famosa urbanización que o socialista Xosé Blanco está a facer na Illa de Arousa e que xa é comunmente coñecida por todos polo nome de Villa-PSOE, lembreime da figura daquel promotor e constructor que despois de pasar pola alcaldia dunha vila mariñeira da nosa provincia, veuse na obriga moral de procurar novas metas e apuntar máis alto na súa carreira política, con sorte dispar, xa que no seu primeiro asalto, inda que foi o vencedor aos puntos, non puido acada-lo trofeo do que fora merecedor, ben sabedes de quen falo.

Amigo Sísar; está moi ben afirmar que [en este pais simpre ganan los mismos, los listos y los delincuentes], pero tamén seria boa cousa ter algo de memoria cando menos, en non selectiva por certo. Convídote a que fagas un pouco de exercicio da mesma e lembre-la desfeita que se está a facer perto do miradoiro da Granxa (Sanxenxo), ese lugar que nós, os pontevedreses coñecemos de sobra, ese dende o cal inda podemos outea-la magnífica ría de Pontevedra e no que, gracias ao anterior alcalde de Sanxenxo, o sr. Telmo Martín, están a desfacer cunha montruosa macro-urbanización de chalets a pe de costa, tampouco haberia que esquecer que é o mesmo alcalde promotor-constructor que está involucrado no tinglado dos pisos da urbanización San Paio de Navia na veciña cidade de Vigo, inda non está condenado nin probada a súa implicación, vale, e será socio de Construcuatro e todo o que queirades, pero un socio non é parvo e sabe onde mete os seus cartos, é de supor que estaria advertido do asunto.
Non esquezamos polo tanto que para a nosa desgraza, moitos dos nosos políticos están niso, na política para facer cartos e gañar notoriedade púbica, moi lonxe daquela imaxe bucólica que temos de defensores do populacho e dos nosos dereitos como cidadáns, e niso o Partido Popular lévase a medalla de ouro có 95% dos casos.
chúzame -
Axenda & Música 15 Ago 2008 08:00 am
Concerto dos “Luar na lubre” en Pontevedra
Levan a nosa música e tamén a nosa cultura alá onde viaxan, son de seguro o grupo galego de música folc máis internacionalmente coñecido despois dos grandísimos Milladoiro e do gaiteiro Carlos Núñez, a formación comandado por Bieito Romero tocarán a noite do 17 de Agosto na praza da Ferreria de Pontevedra, cecais sexa casualidade ou non que toquen precisamente neste dia na nosa cidade, unha data tan importante para a memoria galega coma a que se conmemora hoxe, o dia dos mártires galegos, o aniversario da morte de Alexandre Bóveda, tendo en conta isto, que mellor homenaxe que a dun grupo galego.
Luar na Lubre levan unha chea de anos facendo da nosa música un produto de exportación, as súas melodias e tamén as súas letras engancharon a milleiros de afeccionados ao folc, aqui e en todo o mundo, teñen tocado nos máis importantes festivais de música celta do mundo, dende o galego Festival do Mundo Celta de Ortigueira ate o Intercéltico de Lorient na Bretaña (República de Francia). Eu tiven a oportunidade de coñecelos en persoa nunha viaxe que fixen hai anos ao Bierzo, nun festival no que eles tocaban antes de viaxar de novo cara ao Québec (Canadá), presentoumos unha amiga e botamos unha parrafada con Bieito Romero, Rosa Cedrón (a vocalista daquela) e o resto do grupo, logo tamén estiven en varias ocasións na súa taberna folc na Coruña, que dicir deles, sobre todo do gaiteiro Bieito Romero, un tipo xenial, un galego dos pes á cabeza, orgulloso de leva-la nosa cultura e o nome do noso País polo mundo adiante.
Dende este recuncho de A ponte vella, recoméndovo-lo concerto encarecidamente, Luar na Lubre son de seguro hoxendia, o mellor directo que podedes ollar dun grupo galego de folc, todo un espectáculo para a vista e os sentidos, unha aposta moi atinada por parte do Concello de Pontevedra a súa contratación, de seguro que non defaudará a ninguén, presentarannos o seu último disco Camiños da fin da terra, déixovos có meu tema preferido Chove en Santiago, na voz da súa anterior vocalista, Rosa Cedrón.
chúzame -
Galiza & Política 13 Ago 2008 08:00 am
17 de Agosto, dia da Galiza mártir
O vindeiro 17 de Agosto celebrarase un ano máis na nosa cidade o aniversario do pasamento de Alexandre Bóveda, o que fóra máximo responsable e tamén ideólogo do Partido Galeguista, home de fondas conviccións patrióticas que foi asasiñado polas tropas franquistas o 17 de agosto do ano 1936 na Caeira (Poio), ás aforas da nosa cidade de Pontevedra. Foi anos despois, concretamento no ano 1942, cando o galeguismo no exterior instauraba o 17 de agosto coma unha data para a lembranza dos nosos mártires, homes e mulleres que deron a súa vida na loita contra a ditadura franquista, que defenderon Galiza coa súas vidas e que merecían ser lembrados, declarouse por tanto o 17 de agosto coma o dia dos mártires galegos ou dia da Galiza Mártir, asi o declaraba a Irmandade Galega:
“A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto (un erro evidente de imprenta). Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista.Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos”.
Alexandre Bóveda foi o responsable da política económica e de facenda do Estatuto de Galiza aprovado polo povo galego no ano 1936, tamén foi un dos fundadores de CaixaPontevedra, actualmente Caixanova, Alexandre Bóveda, natural de Ourense pero veciño da nosa cidade foi condenado a morrer fusilado nun xuizo sumarísimo, decapitaban con éste acto unha das cabezas pensantes do nacionalismo galego, unha persoa chamada a acadar grandes logros para o seu País.
Na nosa cidade organizaranse diversos actos na súa lembranza e na de tódolos mártires galegos, como tódolos anos haberá unha oferenda floral no monumento da Caeira (A Barca), un acto relixioso no seu nicho do cemiterio de San Mauro e logo o acto político na Praza de Curros Enriquez, no centro de Pontevedra.
chúzame -
Actualidade & Deportes 11 Ago 2008 08:00 am
Comezan os Xogos Olímpicos menos democráticos…
Esta fin de semana comezaron os XXIX Xogos Olímpicos de verán que terán lugar entre os dias 8 e 24 de agosto en Beijín (Pekín), capital da República Popular de China, uns xogos que levan sendo polémicos dende o dia que a anfitriona foi seleccionada para albergalos, serán éstes os xogos máis caros da historia do olimpismo, e por descontado os que máis efectivos humanos empregarán, pero non so civís, senón militares tamén, porque o governo chinés está a coidar celosamente a imaxe que mostrará ao mundo a base de soldados nas rúas e un control sobre os media nunca antes visto. Hai tempo que a xente de Reporteros sin Fronteras denunciou o intervencionismo do governo chinés en televisións, radios e mesmo internet. Particularmente coido que a elección de China como sede destes xogos non foi atinada, nun país onde os dereitos máis fundamentais do ser humano non están garantidos, o chamado "espírito olímpico" non ten razón de ser, comezando polo control dos xornalistas ou internet, e rematando coa represión desproporcionada por parte do exército chinés no Tibet.

Polo tanto dende aqui quero deixar ben claro ou meu total e máis absoluto rexeitamento a prácticas antidemocráticas coma as desenvolvidas polo governo chinés, que limita ao máximo a liberdade de expresión, de movementos e que reprime con ferocidade inusitada a máis mínima manifestación de disconformidade coa súa política, como fixo e está a facer có povo tibetano dende hai moitos anos.
E para colmo de males, o mesmo dia da inauguración comezou un enfrontamento bélico entre Georgia e Rusia en Osetia do Sur... ¿que foi do espírito olímpico?.
chúzame -
Pontevedra 07 Ago 2008 08:30 am
Concentración antitaurina en Pontevedra
Como firme detractor que son das touradas, fágome eco da convocatoria dunha concentración antitaurina que terá lugar o vindeiro sábado 9 de agosto na nosa cidade de Pontevedra, o acto que está organizado pola Plataforma Pontevedra antitaurina terá lugar na praza da Peregrina ás 19:00 horas. Todo isto forma parte dunha campaña informativa na cal, se pretende mobilizar a todos e todas aqueles que non estamos dacordo con que esta barbarie que son as touradas teñan lugar na nosa cidade, onde como todos coñecedes, temos a única praza estable de toda Galiza, a campaña complétase con mesas de recollida de sinaturas e o reparto de trípticos informativos explicando os motivos polos que se fai esta mobilización en contra das touradas.
Dende esta páxina vaia o meu apoio para esta mobilización que defende o dereito dos animais a non seren sacrificados desta salvaxe maneira, alguén argumentará que o touro nace para morrer na praza, pobre xustificación que non me serve como resposta, tamén no San Martiño matámolo porco que cebamos para sacrificar, pero diso non facemos unha festa nin cobramos unha entrada. Aproveitarei tamén para darlle un toque de atención ao bipartito pontevedrés, o cal presume de progresista e de esquerdas, pero segundo podemos ollar nos cartaces dos festexos, seguen a apoia-las touradas como xa facia o Partido Popular cando governaba, ¿será cousa dos socialistas ou de sociatas e nacionalistas? de ser así non entendo a dobre vara de medir que teñen os do Bloque para unhas cousas e outras, socios de governo si, pero pasar polo aro a calqueira prezo nunca.
Dende aqui chámovos a acudir á concentración e a mostra-lo voso rexeitamento a un "espectáculo" coma este, lembrade que será o sábado 9 de agosto ás 19:00 horas na praza da Peregrina de Pontevedra.
chúzame -
Deportes 05 Ago 2008 08:00 am
XIª Subida cidade de Pontevedra.. ¡¡¡ ferro a fondo !!!
Este vindeiro fin de semana terá lugar na nosa cidade a XI Subida cidade de Pontevedra, unha proba automobilística sobradamente coñecida por todos nós e por moitos e moitas afeccionados ao mundo dos ralies en Galiza e todo o noroeste peninsular. A proba que leva celebrándose once anos terá lugar este vindeiro domingo dia 10 de Agosto, coma sempre as verificacións terán lugar no parque pechado instalado no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, poderemos achegarnos a olla-las máquinas que participarán nesta proba contra-reloxo o sábado pola tarde, pero se queredes máis información sempre vos podedes pasar pola web dos organizadores do evento, a Escuderia Cidade de Pontevedra, onde atoparedes horarios, treitos e demais información imprescindible para achegarvos ao circuito, que coma sempre transcorrirá dende o campo de fútbol de Marcón ata o Polígono do Campiño. Eu coma noutros anos tentarei achegarme a botar unha ollada o domingo pola mañá, a desfrutar dos turismos e barquetas que competirán na proba, todo un espectáculo, tamén para animar a Magariños e mailo seu BMW, o noso piloto local.
Déixovos cun pequeno video que corresponde á proba do ano 2006, unha das máis espectaculares, animádevos e acudide, de seguro que o pasaredes ben.
chúzame -
Música 02 Ago 2008 08:00 am
Wolfstone, na carballeira de Zas (A Coruña)
Son sen dúbida o mellor grupo de folc-rock da historia, esta noite tocarán unha vez máis na nosa terra e faranno desta volta na Festa da Carballeira de Zas (A Coruña). Wolfstone son para os que non os coñezades, na miña opinión particular e coido que na de moitos afeccionados á fusión de folc e rock, o mellor grupo que deu este xénero musical, levan perto de vinte anos tocando nos mellores e máis importantes festivais do mundo e xa pasaron por Galiza unhas cantas veces.

Teño unha chea de discos deles, pero tiven a ocasión de ollalos por primeira vez no Intercéltico do Morrazo (Moaña) a principios dos anos noventa, cando tamén estaba en todo o seu apoxeo o festival Herba e Son de Cangas do Morrazo, os que sexades bos afeccionados ao folc lembrarédelo de seguro, como dicia, a primeira vez que escoitei a súa música foi na edición na que a organización trasladou o concerto do campo de fútbol de Moaña a unha canteira que se atopaba na estrada de Moaña a Domaio -coido que se chamaba a canteira do Cocho-, pasaron xa unha chea de anos, foi un festival no que tamén estiveran os asturianos Felpeyu. Anos despois olleinos por segunda vez no Intercéltico de A Coruña, un festival que tivo un primeiro cartel impresionante pero que debeu morrer de éxito, ou cecais porque ao alcalde Sir Vázquez tampouco lle tiraría demasiado, porque coido que non houbo segunda edición, tamén estiveron en Ortigueira e eu por suposto estaba presente. O grupo fundado no ano 1989 e liderazo por Duncan Chisholm tocará esta noite na Festa da Carballeira de Zas, se tede-la oportunidade coma Ulmo de achegarvos alí, de seguro que pasaredes unha marabillosa velada, foron e seguen a ser un grupo impresionante.
Déixovos cun video gravado precisamente naqueles anos nos que tiven a oportunidade de ollalos, aló por principios dos noventa, o seus directos son algo impresionante, cargados de forza e enerxía.
chúzame -






