Cargando...

Monthly Archivedecembro 2008



Deportes 26 dec 2008 08:00 am

A selección galega pisará tamén Pasarón

Máis aló de que a nova sexa que a selección galega xogará o seu cuarto partido amizoso desta nova xeira, na que persoalmente coido que, despois de xogar con seleccións de certo nivel tipo Camerún ou Uruguai pode que sexa éste o intre no que deberiamos comezar xa a apuntar un pouco máis alto, e refírome a xogar por exemplo un triangular con Euskadi e Catalunya polo simbolismo que conleva xogar entre as tres nacións sen estado ou un cuadrangular contra Escocia, Irlanda e País de Gales polo súas connotacións "célticas", deberiamos tamén comezar a reclamar non somentes dende a rúa, senón tamén dende os despachos algo máis, unha oficialidade da nosa selección, facendo fronte común xunto cós organismos semellantes cataláns e bascos, porque está moi ben que a Xunta, ao traveso da conselleria nacionalista monte unha pachanga cada nadal, pero cómpre algo máis, estase a ollar que as seleccións galegas nas diversas discipliñas deportivas están a un moi bo nivel e temos potencial dabondo para apuntar máis alto e chegar máis lonxe.

Galiza-Camerún o pasado nadal en Balaidos

Ben, non quixera liarme e desvirtua-lo tema, ademais de para destacar que xogaremos contra Irán no dia de mañá en Riazor, o post en cuestión era para felicitar, ou máis ben para felicitarnos a tódolos afeccionados granates, porque certamente inda que un pouco tarde, neste nadal a seleccion galega si contará con Pontevedra para a súa grande festa, porque teremos o domingo 28 o partido Galiza-Illes Balears en Pasarón, que non por se-lo das rapazas é menos importante, o masculino xa o teremos cando rematen o estadio. Asi que un ano máis animarei e dareille folgos dende a bancada aos xogadores de azul e branco, a eses xogadores que levan as cores da nosa bandeira e que xogarán polos miles e miles de galegos e galegas que defendemo-lo noso dereito a que este pequeno País, un dia poida estar á altura de Escocia ou Irlanda e representarse a si mesmo en calqueira competición oficial, porque o partido do sábado é algo máis que un encontro de fútbol, é unha reafirmación do noso dereito a existir no mundo do deporte, os galegos temos un enorme potencial e abofé que o sabemos, déixovos aqui abaixo a promo do partido a desputar en Pasarón.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 22 dec 2008 08:30 am

¡¡ Felices festas de nadal a todos !!

Pouco vos podo dicir nun dia coma hoxe que non teñades escoitado ou lido xa, persoalmente este nadal semella un pouco raro, posiblemente sexa pola crise económica, pero dame a impresión de que este ano a xente non está tan implicada nestas festas coma anos anteriores, non se olla pola rúa o ambiente doutras ocasións, non hai esa ledicia e ese "bo rollo" que houbo noutrora, é probable que sexa efectivamente a crise económica, será iso.  No meu caso o nadal é unha época de traballo, case diria que a de máis traballo de todo o ano e non desfruto dela coma fan moitos dos meus amigos, pero por iso non deixan de ser uns dias que agardo con impaciencia e non por motivos estrictamente relixiosos, senón por compartir estes dias coa familia, porque se algo témolos galegos moi presente é á nosa familia, e non hai nada mellor que xuntarse de cando en vez a rifar falar cós pais ou os avós diante dunhas cigaliñas e unha copa de albariño, porque xa sei que estas papadelas e estas xuntanzas familiares poida que sexan un tostón para algúns, pero non está mal de cando en vez compartir mesa e mantel coa xente que nalgunhas ocasións, non tes a oportunidade de ollar o resto do ano, ademais este nadal para min será especialmente emotivo, porque xa resta menos para a miña paternidade, para a primaveira coas primeiras raiolas de sol serei pai primerizo.

Polo tanto, vaia dende aqui a miña sinceira e afectiva felicitación de nadal, para todos e todas os que vos pasades por aqui a leer de cando en vez o que se me ocorre escribir, agardo que pasedes uns bos dias de festa na compaña de toda a vosa xente e que sigamos falando, rifando ou comentando cousas no vindeiro ano có mesmo humor de sempre, tanto ten que sexades de dereitas ou de esquerdas, de Pontevedra ou do resto do mundo, do Pontevedra C.F. , do Barcelona ou do Madrid, todos seredes benvidos sempre.

¡¡ BO NADAL 08/09 PARA TODOS E TODAS !!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre 19 dec 2008 08:00 am

De loteria e papadelas de nadal

Pois iso, que hai dias que xa comezaron as celebracións gastronómicas de nadal e como un servidor non podia ser menos, esta mesma noite tócame cea coa xente do choio, asi que uns cantos de nós, que o resto do ano compartimos fatigas no traballo, xuntarémonos para dar conta dunhas viandas exquisitamente preparadas (iso agardo) pola xente de Cañas y Tapas, que a pouco que sexades un pouco observadores nos vosos paseos por Pontevedra, saberedes que se atopan na rúa Eduardo Pondal, máis ou menos á altura de Ambikuch, xusto na beirarrúa da parte de atrás do Galicia Palace, para entendernos.

O compañeiro encargado do tema prometeunos un menú especial, a base de brochetas de solomillo de terneira e rape, vieiras (agardo que galegas e non da Bretaña), tostas de foie e algunhas cousiña máis, todo iso regado cós caldos propios da terra ou con cervexa, que como ben sabedes é a miña bebida favorita, o malo é que Cañas y Tapas coido que é franquicia de San Miguel, e a min esa cervexa non me entra, síntoo moito, asi que polo tanto probarei o albariño, que sempre é unha aposta segura, como agardo que tamén o sexa a participación de nadal do Pontevedra C.F. que merquei o outro dia no bar de Pasarón e podedes ollar na foto, agardo que me traia sorte, pola ben da miña hipoteca.

¿E vós xa tedes programada a vosa cea coa xente do traballo, do equipo ou da peña?

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Política 16 dec 2008 10:07 pm

A Telmo Martín

A figura do político adoita ser, na maioria dos casos, a de unha persoa algo lonxana dos problemas cotiás do cidadán de a pe, dunha persoa case que innacesible e que apenas si ten relación algunha coa xente fóra do seu círculo de traballo, pero na política actual a cousa semella que está a mudar, xa comecei a percibi-lo cambio có videoblogue de Anxo Quintana, un experimento que demostrou ser todo un éxito de participación,  e hai cousa dun par de dias puiden observar que eses aires de cambio tamén están a chegar á política local, fálovos neste caso de Telmo Martín, o voceiro do Partido Popular na nosa cidade.

Hai cousa duns dias, e despois de escoitar unhas declaracións en Localia Pontevedra dun dos seu compañeiros de partido, concretamente de Jacobo Moreira,  manifestacións éstas coas que non estaba para nada dacordo, e visto que non sabia como facerllas chegar, decidín colgalas no blogue de Telmo Martín, un sitio que de cando en vez visitio, escribin alí sen apenas esperanzas de que o meu comentario fora publicado e moito menos respostado, fixen isto como vos digo o pasado dia 11 neste post que podedes ollar aqui, pois ben, non somentes foi publicado o meu comentario, senón que tamén foi respostado directamente uns dias despois, concretamente neste outro post titulado A Breogain, e no cal Telmo Martín nun exercicio de humildade moi loable descúlpase polo comentario do seu compañeiro de partido, comentario éste que ao meu modo de entender, puido ser froito da excitación da rolda de prensa, manifestacións as do Sr. Moreira que viñan a elevar un pouco máis a crispación xa existente dende varios dias atrás, promovida se cadra por outras declaracións anteriores de Delfín Álvarez.

Dende aqui, quero darlle-las grazas a Telmo Martín polo seu xesto de humildade e complicidade cun cidadán pontevedrés, feitos coma éste engrandecen aos políticos, sexan do partido que sexan e estexamos ou non dacordo en moitas ocasións cós seus prantexamentos, engrandecen como digo a calqueira político, pero sobre todo ao político local, o máis achegado a nós e no que os cidadáns temos o noso primeiro referente. Como xa apuntei na resposta ao post de Telmo, na política non vale todo, ou alomenos non deberia e ten razón, as mazás podres cómpre botalas ao lixo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Caixón de xastre & Historia 15 dec 2008 09:01 am

Sabela

 

Nome feminino de orixe hebrea, Elisheva tradúcese ao galego como Sabela.

  

Significado: Xuramento de Deus, promesa de Deus, outra hipótese é que provén do latín "Isis bella" (Isabela en italiano moderno), na honra da deusa exipcia da fecundidade Isis, a cal tiña un culto moi extendido entre os soldados romanos, máis o epíteto "bella", destacando a súa feminidade. Ao parecer, en moitos escritos e segundo puiden ollar nas pescudas que fixen en internet, agochouse a súa orixe pagana, presentando o nome coma unha variante do hebreo Elisheva (Elizabeth).

Significado pagano: O deus Baal é saúde; Baal era unha divinidade (significa "señor") de varios povos situados na Asia menor e a súa zona de influencia: fenicios, cartaxineses, babilonios ou filisteos. O seu significado aseméllase ao de amo ou señor, era o Deus da chuvia e da guerra, foi adorado polos hebreos e era o Deus máis sobranceiro do panteón fenicio, grandes mariñeiros, era o seu deus protector e éstes encomendábanse a el cada vez que se facian ao mar, polo tanto pódese afirmar que era o Deus dos povos que vivian de cara ao mar.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Pontevedra 10 dec 2008 03:24 pm

BRILAT, abuso de poder e perímetro de seguridade

En termos económicos a isto que está a facer o Ministerio de Defensa en Pontevedra chamaríaselle abuso de posición dominante, que ven sendo unha cousa semellante ao ordeno y mando que se estilaba hai moitos anos. O problema dos veciños de Salcedo e Vilaboa cós militares da Brilat de Pontevedra xa ven de atrás, son anos e anos nos que uns baixaron as orellas e deixaron facer, por aquilo de levar unha boa convivencia coa xente da base, nos levámonos ben e eles pois respectánnos e tamén, xa postos, fan algo de gasto nos nosos negocios, preferentemente en bares da zona. Pero o acontecido no dia de onte supón un antes e un despois na xa de por si tensa relacións entre civiles e militares nesta zona dos arredores de Pontevedra. Hai uns dias que os militares comezaron a traballar con buldozers e demais maquinaria pesada alterando o medio que lles rodeaba, inda nada está decidido pero eles teñen moi claro que o perímetro de seguridade cómpre aumentalo aos 300 metros e xa comenzaron os traballos arrasando con todo sen que nada nen ninguén llo impedira, nin tan sequera os veciños que secundaron as protestas e organizáronse nunha plataforma de afectados

Foto da concentración do luns (Faro de Vigo)

Semella que en todo este lio de pouco importa o que digan os propietarios dos terreos, a xente que olla como os seus dereitos máis elementais son pisoteados impunemente polo exército, o ministerio de defensa, ou quén queira que está detrás de todo este despropósito, veciños que levan anos e anos vivindo ao carón desta xente e que de súpeto teñen que lidiar coa policia militar e cós monos vestidos de azul -de sobra coñecidos polas súas cargas en Pasarón, empacadora de Vilaboa e demais fazañas victoriosas que algús temos moi presentes- para defende-las súas casas, porque á ministra Carme Chacón e os seus correlixionarios dende Madrid, e sen coñecemento do medio, se lles ocorreu a magnífica idea de aumenta-lo perímetro de seguridade da base onde se atopa a BRILAT por que si, porque semella que o actual resúltalles pequeno ou cecais porque terán medo a atentados de Al Qaeda en territorio galego e teñen que afastarse máis do mundanal ruido que lles rodea.

Dende aqui todo o meu apoio aos veciños e veciñas de Salcedo e Vilaboa que están a defende-las súas casas e a súa forma de vida, non permitades ese abuso e loitade polos vosos dereitos.  Por outra banda, ao señor subdelegado do goberno, o señor Delfín Álvarez, pediríalle un pouco máis de tacto e comprensión cara aos veciños e que non se postule tan descaradamente de parte da BRILAT, incluso afirmando veladamente que os altercados foron causados por xente de Pontevedra, chegando a apuntar mesmamente a militantes do Bloque Nacionalista Galego, que ten miga o asunto, dicindo que dos cinco detidos catro son de Pontevedra, ¿acaso non pode un veciño desta cidade solidarizarse cun amigo (ou non) que está a sofrir este acoso por parte do exército? ¿non hai xente de fóra da cidade nas manifestacións contra ENCE?.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Internet & Pontevedra 06 dec 2008 07:29 pm

Andrés Milleiro ou a omnipresenza dixital

¿Coñecedes a Andrés Milleiro?, si home si, ese veciño noso emigrado a Salamanca para estudar e formarse un futuro prometedor, pois estes dias estivo de actualidade por partida doble, ou máis ben diria que triple, paso a explicarme de seguido:

O individuo en cuestión...

O outro dia estaba a botarlle unha ollada ao videoblogue de Anxo Quintana, -sobran explicacións posto que todos e todas ben sabedes quén é- e toquteando por aqui e alá atopeime con isto, o amigo Andrés interactuaba có vicepresidente da Xunta e preguntáballe pola súa opinión encol das novas tecnoloxias, ao cal Anxo Quintaba respostáballe aqui dias despois, sorprende e moito que un político se achegue tanto á cidadania, porque unha cousa é un blogue, como tamén ten Telmo Martín, e outra moi diferente un vblogue no que falas directamente có internauta que che interpela. Uns dias despois, e por se fora pouco, consultando a web de Caixa Galiza atopeime con unha entrevista a outro coñecido meu.. ¡¡ pero que coño!!, se é tamén Andrés Milleiro, ¡¡ tio, estás en tódolos lados !!, pois nada, xa non quero ser pesado e paso de comentar que o outro dia tamén che deron xunto con Manuls, outro blogueiro pontevedrés, o premio Bitácoras ao mellor podcast do Estado, non quero mencionalo non vaia a ser que a xente pense que falo de ti ou que teño algún tipo de fixación obsesiva-compulsiva contigo, que eu estou casado e son un tio ben serio.

Pois nada, fica aqui a miña pequena homenaxe persoal a Andrés Milleiro, un veciño de Pontevedra, granate e ademais amigo persoal e padriño nisto dos blogues de quén vos escribe estas liñas,

Este post está patrocinado, foi sufragado polo interpelado sen o seu coñecemento, o cal a partires da data deberá abonarlle a un servidor alomenos dúas cervexas, as cales faranse efectivas a partires do 20 de nadal en calqueira cervexeria da nosa cidade, preferentemente no Mariscal, O Grifón ou mesmo no Revira.

Actualizado a 12/12/08: Hoxe mesmo entrevistaron a Andrés en Blogoff, se tedes curiosidade en saber algo máis del non vos perdades o audio que acompaña a ese pequeno artigo, dende as montañas de Kandahar e cós soniquetes do messenger de fondo, o amigo Andrés cóntanos via móbil como facer un blogue ou un podcast, tamén do fantástico proxecto GalizaID.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Galiza & Internet 01 dec 2008 08:05 am

A promo de Retraso cero.com

Polo que semella un novo xornal vaise unir á chea deles que temos nos nosos quioscos, supoño que xa vos dariades conta desa campaña que se está a desenvolver en radio e internet da xente de Xornal de Galicia, nela apelan á nosa historia dunha maneira simpática e desenfadada, empregando como gancho na súa web a dúas caras galegas coñecidas, Antón Reixa e Iolanda Castaño (a mesma que chapou a web de Aduaneiros sen Fronteiras), aqui déixovos có video que máis me gusta dos tres, o dos Irmandiños, sempre tiven debilidade por eles, moitos din que Galiza non é outra Escocia porque eles guindaron abaixo tódolos castelos e torres (a miña muller é unha delas), outros din que os labregos e labregas galegos foron os primeiros en desafiar aos señores feudais e os seus abusos, quédome máis ben có segundo.

Hai tempo que publicaron unha nota de prensa en galego e castelán no que anunciaban a súa saída, nela remarcan que o xornal estará á defensa dos intereses de Galiza, vamos, como din tódolos políticos, e que está impulsado pola empresa pontevedresa (afincada en Madrid claro) San José. Resta por coñece-la liña editorial e lingüistica deste novo xornal, porque diso non din ren, ¿será en galego?, ¿será en castelán? ou cecais ¿será bilingüe? -que hoxe é o politicamente correcto pero que de seguro non venderia exemplares- non lle vexo eu futuro a un xornal en dous idiomas, de tódalas maneiras, se procurades algo máis de información na web www.retrasocero.com non a ides atopar, ou alomenos non polo de agora, pero agardo expectante a súa saída, a ver se de verdade é tan plural e independente como anuncian.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google