Monthly Archivefebreiro 2009
Política 27 feb 2009 11:11 am
O que fan uns e o que fan outros

Eu xa votei, votei a pasada semana e por correo, pois estou en Salamanca actualmente, e veño lendo últimamente novas dunha campaña electoral moi estraña, tremendamente suxa, cós candidatos que non deixan de botarse porquería enriba.
Hoxe abría a prensa e na portada do Xornal atopaba esa imaxe que ollades: o PP continúa coa guerra suxa, despois de, por exemplo, colocar carteis "anónimos" dicindo Adeus Bipartito e de inventar cousas como un falso accidente de tráfico de Anxo Quintana para que a xente non acudise ao seu mitin.
E é que nesas andan, é moi triste ter que recurrir a desmotivar á xente para gañar nunhas eleccións, a pregunta que eu me fago é ¿Realmente queremos que esta xente que anda facendo parvadas pola rúa e inventando troulas goberne 4 anos eiquí?
Despois de cousas así, está visto que non teñen programa. Hoxe, como dicía, abrín a prensa, ¿e que atopei? Cousas como «Los que voten al PSOE votan en realidad por el Bloque», dito polo cabeza de cartel do PP en A Coruña, home, digo eu que o PSOE tentará chegar aos 38 deputados, pero a intención non é presentar as bondades do seu programa (no caso de que o tivera), senón chamar a que a xente non vaia a votar e así gañar.
Outra na prensa de hoxe: Baltar chama maricón ao Conselleiro de Medio Ambiente e insinúa que Quintana é un maltratador. Outro exemplo demostrado de o que queren.
¿E por que están tan nerviosos os persoeiros do PP para caer na descalificación e tan baixo? Porque grazas a este goberno temos unha rede de centros de atención de enfermos de Alzhéimer pioneira no Estado, porque cada vez máis maiores teñen menús no seu fogar, porque estase a apostar por outra política para o noso monte, o BNG foi o único partido capaz de defender ASTANO e porque cousas como o Banco de Terras están a funcionar.
E claro, ao PP somentes lle interesan os votos, e ao comezo da campaña as enquisas dicían que ían perder un escano por Lugo e outro por Ourense, os niños do caciquismo de Cacharro Pardo, Baltar e demáis tropa, debido ás políticas activas e cara a xente do BNG. E entón nesas estamos, cun partido avergoñante difamando día si e día tamén nos medios aos seus opoñentes, e logo suceden cousas como que o candidato estrela por Ourense remata sendo apartado da campaña por corrupto.
Catro anos desta xente non pode ser posíbel, eu xa votei, e ti deberías facer o mesmo este domingo.
Actualidade 25 feb 2009 08:32 pm
Fotos, fotos e máis fotos..
A actual campaña eleitoral está sendo das máis suxas e marrulleiras de cantas tiven ocasión de ollar, e iso que vaticinaban que a atención non ia estar nas eleccións galegas, que iamos estar en parte eclipsados polas bascas, pero os galegos e galegas abondamos e sobrámonos para montarnos lios e chama-la atención sen facer demasiado esforzo, o último escándalo foi esta foto:

Amigo Anxo Quintana, non sei vostede terá gabinete de prensa ou protocolo, é de supor que si, en tal caso non sei como éstes poideron ser tan sumamente despistados coma para deixar que lle tiraran unha foto a dous dias para remata-la campaña a bordo do iate de Jacinto Rey, xa sei que é amigo seu e todo o que queira, pero as formas son as formas, e o tal Jacinto supoño que saberás que é dono da Construtora San José, e tamén foi beneficiario do reparto de megawatios no último plan eólico, polo tanto por moito que foras convidado a xantar en Sanxenxo e tivérades un solazo criminal, coido que non foi o intre axeitado para quedar con el, que xa deberias saber que a xente é moi mal pensada, e Feijoo o primeiro, que despois tes que dar explicacións de porqué visitaches a un empresario en plena campaña eleitoral e todo iso. Por outra banda, o teu contrincante Alberto tamén se xunta con empresarios, pero iso semella que pouco lles importa aos medios, o obxectivo agora é o BNG e hai que derribalo como sexa, nin que fórades unha amenaza para o todopoderoso Partido Popular ou para o Partido Socialista, que a base de cameos por terras galegas dos seus líderes e incluso algún ministro, non deixaron de se-lo foco de atención estas dúas semanas de campaña.
O dito, mellor que deixara-la tortilla no iate para outro dia, que a xente é moi envidiosa e malpensada.
Política 18 feb 2009 09:00 am
Galicia Bilingüe tamén entra en campaña
Veño de ler en xornal.com unha nova que, inmersos como nos atopamos en plena campaña eleitoral xa tardaba que saira á luz. Como se dun partido político se tratara, Galicia Bilingüe, chamémoslle asociación, plataforma ou conglomerado de xente (de agora en diante G.B.) cun único obxectivo que é a persecución e criminilización do idioma galego polo mero feito de ser hoxendia defendido (xa era hora) pola actual Xunta de Galiza, saltaron hoxe á palestra informativa porque tamén queren ser actualidade, non ian ser menos.

Como se o ridículo que fixeran hai quince dias en Compostela non fora dabondo, esa mani na que da man de partidos tan democráticos como Falange Española se manifestaron reclamando igualdade para o castelán, ese idioma tan perseguido e denostado no noso País ao longo de séculos escuros nos que foi prohibido o seu emprego baixo pena de cárcere, agora pretenden chamar a nosa atención unha vez máis acuasando ao bipartito de protexer aos radicais independentistas que tan violentamente lles recibiron tanto en Compostela coma no seu periplo por vilas e cidades galegas. Gloria Lago, a cabeza visibel de tan casta asociación, que fala o galego na intimidade, acusou a Touriño e Quintana de que có seu silenzo protexen a esta xente, que supoño se referirá a Nós-Up, Briga, AMI, Ceivar e demais grupos, que son os responsábeis de que non poidan exercer libremente o seu dereito á discrepancia na política lingüistica galega.

Dende este blogue un servidor non está para nada orgulloso das imaxes que o outro dia mostraron a radicais guindando botellas contra a policia ou enfrontándose á xente de G.B. que se manifestaba por Compostela, pouco ou nada se dixo tampouco das provocacións feitas por membros da plataforma á xente que pacificamente mostraba o seu rexeitamente cara a éstes, e que foron golpeados polos antidisturbios, incluindo unha charanga cómica e sarcástica. Pero tampouco estou para nada acordo cós escuros fins desta asociación, apoiada por xente como o clube financiero vigués (coa crise que vivimos non terán outra cousa na que pensar) ou por partidos como o Partido Popular, Falange Española ou Unión Progreso y Democracia, ten narices que xente coma Rosa Diez, veñan a dicirnos aos galegos que temos un conflicto lingüistico e que aqui se persigue aos que falan castelán, porque nesa manifestación case houbo máis xente de fóra que galegos e galegas, nótese polo tanto o escaso respaldo que tiveron, ¿tantos rios de tinta e titulares para 3.000 persoas?.

Non hai outra, esa secta paranoica e casposa que non é quén de denunciar ataques xenófobos e racistas a galescolas, que esixe a rotulación bilingüe dos indicativos xeográficos có cal se incumpriria a lei de normalización da toponimia aprobada hai anos, que aboga pola segregación nas aulas ou que minte descaradamente dicindo que aquí temos un conflicto lingüistico, cando o castelán é o que copa o 90% das televisións e xornais en Galiza, non poden desvia-la atención do que verdadeiramente nos importa a tódolos galegos e galegas, o noso dia a dia, non precisamos que inventen problemas onde non os hai, que se é imposible escolarizarse en castelán, que se o meu neno non sabe contar os números máis que en galego e dúcias de exemplos absurdos aos que eles aluden para presentar unha realidade apocalíptica e totalmente falseada, abonda xa de manipulación e de condescendencia hacia esta xente, non son mártires, son verdugos do noso idioma, nin máis nin menos.
Política & Pontevedra 15 feb 2009 12:39 pm
En Pontevedra pero sen pontevedreses…
Eu sempre fun de letras, ou máis ben de historia, xa que ésa era a miña asignatura preferida na antiga E.X.B. hai unha chea de anos diso, se boto contas, 200 autobuses a unha media de 50 persoas por cada un saen un total de 10.000 persoas, que segundo La Voz de Galicia ésa era a cifra de asistentes que onte lle deron un baño de masas ao tándem Feijoo-Rajoy na praza de touros de Pontevedra, fago mención a este xornal que para nada pode ser sospeitoso de ir en contra dos intereses do Partido Popular, máis ben ao contrario, pois ben, voltando aos números, se o aforo da praza de touros de Pontevedra é de 7.800 localidades os organizadores supoño que para chegar á cifra de dez mil persoas encherian tamén o coso de cadeiras, vamos, a metade del, que tamén haberia un palco para os oradores, polo tanto que espazo resta para os simpatizantes de Pontevedra, ¿ou acaso é que alí non habia xente de Pontevedra?. Rajoy sacou a foto que levaba toda a semana buscando, despois duns dias complicados con acusacións de corrupción e demais o lider popular precisaba este baño de multitudes, e a foto supoño que seria ésta:

Nun marco imcomparable, cheo de bandeiriñas e rodeado dos seus, que exceptuando os integrantes da organización eran na súa maior parte xente xubilada ou cunha media de idade de 5O ou 60 anos e traidos de todas partes de Galiza en bus, supoño que coa promesa de dar unha voltiña por Pontevedra, visitar unha praza de touros que é posible que na súa vida ollaran e quén sabe se, có agasallo tamén dunha bolsa cun bocata, unha peza de froita e un botellín de auga. Segundo apuntaron fontes populares, éste foi o acto máis importante de cantos se han celebrar na campaña galega, un acto que sinceiramente agradezo tivera lugar na miña cidade polo feito de que ¿cecais? deixara algo de cartos na mesma, inda que o dubido, pero que humildemente tacho de lavado de cara de Rajoy e pouco máis, fixeron un mitin na cidade e trouxeron a toda a xente de fóra, as contas non saen, ¿onde estaban os pontevedreses?, cando a xente saia da praza o 90% se dirixian aos autobuses e ninguén cara ao centro da cidade, non sei, canto máis corrupción no Pepé máis apoio popular en Galiza, pero sempre dos mesmos, ¿é preciso carretar xente de fóra e facer esta pantomima?, deixo esa pregunta no ar.
De tódalas maneiras, é de alabar o poder de convocatoria que tivo o Partido Popular, pero polo de agora as enquisas non reflicten tal apoio, veremos que pasa nas vindeiras semanas.
Cinema e televisión 12 feb 2009 03:00 pm
“Forever young”, botando unha ollada a atrás
Supoño que teredes ollado na televisión estes dias un anuncio do novo Seat Ibiza, xa sabedes, un no que aparecen uns rapaces (xa entradiños en anos) xogando cós monopatíns pola rúa, cun look algo retro nas súas vestimentas e na posta en escena namentres polo seu carón pasa un flamante ibiza azul, dándolle un contrapunto de modernidade a toda a escena. Por se alguén se preguntou como se chamaba o tema musical que podemos escoitar nese spot, trátase dos Alphaville, un grupo alemán de música Synth-pop dos anos oitenta, estou case seguro que coñeceredes a outros grupos da súa quinta coma os míticos Krafwerk, Ultravox ou The Human league, de pequeno lembro escoita-las súas cancións, daquela os sintetizadores comezaban a ter éxito e eu era un namorado desa música, despois todo isto foi irremediablemente derivando ao que hoxe coñecemos como música electrónica e que tivo nos seus comezos a grupos tan coñecidos coma Depeche Mode, Erasure, Front-242, New Order ou Durán Durán.
Todo isto ven a colación da traducción do título da canción Forever young, un servidor vai cumplir dentro de quince dias os 35 anos e despois de ollar o anuncio e escoita-la canción botou a cabeza a andar e a vista atrás, lembrei todos estes anos que levo vividos e todo o que me resta inda por desfrutar da vida, como di o título, síntome sempre xoven, por suposto que voltaria a ter dezaoito anos, pero como a vida ten que ir irremediablemente cara adiante hai que vivila con intensidade e con ledicia, desfrutar dos bos momentos que che ofrece, inda que nestes últimos meses veñan mal dadas e estexamos a pasalas putas pola crise, tede por seguro que sacaremos cabeza e sempre tiraremos cara adiante, a cuestión é ter confianza no futuro e fe nun mesmo.
Supoño que ao que superades a treintena esta música traeravos lembranzas, seguro.
Política 07 feb 2009 09:49 am
Núñez Feijoo e Luis Carrera, unha historia de amor e odio
A nova saltaba na tardiña de onte aos medios, e un servidor que anda ultimamente moi desconectado de internet, televisión e xornais por mor do traballo e en maior medida da súa cada vez máis próxima paternidade, enterouse via chamada telefónica dun amigo e lector deste blogue de que o que prometia se-lo vindeiro super-conselleiro de economia da Xunta de Galiza (no caso que o Partido Popular gañara) andaba implicado en negocios turbios de comisións e contas bancarias nas Illas Caimán, como nas películas vamos, a cara de incredulidade que se lle debeu de quedar a Feijoo debeu de ser calcada á miña, algo semellante ao que tedes na foto da esquerda, na outra foto podedes ollar ao candidato popular con Luis Carrera, a la sazón o que estaba chamado a se-lo flamante conselleiro de Economia da Xunta e rematou sendo un de tantos que drefraudan ao fisco.


Asi que, polo que contan os mentideiros populares, o sheriff popular enterado desta nova (polo que informan via chamada telefónica do propio Luis Carrera) cesou fulminantemente ao número un da súas listas por Ourense, xa vedes, os galegos en temas de corrupción tampouco nos quedamos atrás, tamén cobramos comisións ilegais via paraisos fiscais, coma calqueira. Menudo fraco favor que lle fixo a Alberto Núñez Feijoo o que fóra a súa fichaxe mediática en cuestión económicas hai pouco máis dun mes, e do cal dixera o propio Feijoo que [..con Carrera el dinero de los gallegos estaría en buenas manos..], en fin, cousas de non revisar ben o currículum antes de contratar á xente. Pois mal comezamos asi señor Carrera, defraudando á Facenda vostede que pretendia se-lo conselleiro de economía.
Por moito que Feijoo diga que o feito de cesalo fulminantemente é unha decisión que da boa mostra da rexeneración democrática do pepé galego, cousas coma ésta, seguir tirando de Fraga para acadar votos na Arxentina inda que se canse de falar de renovación ou ter de compañeiros de viaxe a Galicia Bilingüe que organiza para mañá unha manifestación a favor do bilingüismo (e contra o galego claramente) en Santiago de Compostela, non axudan nada a que os galegos e galegas confien nel coma o candidato axeitado para dirixirnos a todos.
Señor Feijoo, é preciso que teña xente competente ao seu redor, pero tamén, e o máis importante, non somentes xente que sexa honrada, senón que tamén aparente selo.
Deportes 03 feb 2009 10:12 pm
¡¡ Benvido de novo Jose Aurelio !!
A rei morto rei posto, onte foi cesado o actual adestrador do Pontevedra C.F. e hoxe mesmo segundo puiden ollalo na web oficial do clube, o histórico Jose Aurelio Gay, un dos artífices do último ascenso que tivemos á Segunda División A aló polo tempada 2003-2004 será o novo adestrador do banquiño granate, por certo, neste blogue podedes facer memoria de tan histórico ascenso que todos vivimos.

A actual situación non se podía aturar máis, sobre todo despois do 5-1 no Bierzo, non dubido do amor polas cores granates que tiña Rafa Sáez, quero pensar que fixo todo o que puido e máis, pero non logrou se-lo revulsivo que o equipo precisaba para acadar definitivamente os postos de cabeza este ano, por suposto que a culpa non foi somentes del, a planificación deste ano foi lamentable e vergoñenta, xa non entro a califica-la actual situación económica do clube, para iso xa estivo a asemblea de socios na que houbo máis que palabras, o que si me gustaria é que os dirixentes do clube nos poideran explicar quén realiza as fichaxes, porqué non miramos algo máis pola canteira agora que polo que semella non temos un chavo e en troques empeñámonos en buscar xogadores polo mundo adiante que non dan a talla nin para un equipo de terceira división. Agora é o momento de estar todos xuntos e remar na mesma dirección, o momento de que os xogadores tamén aporten o seu empeño e esforzo colectivo para salva-la categoría, algo dificil de perdirlles tendo en conta que algúns deles non estarán o vindeiro ano, polo tanto daralles igual, agora repito, o importante é salva-la categoria e facer un proxecto de futuro, o vindeiro ano iremos a por todas dende o principio.
Dende aqui os meus parabéns ao clube pola decisión, a máis atinada que puideron facer neste intre, e ao novo adestrador Jose Aurelio, todo o meu apoio como socio e siareiro granate, contamos contigo.






