Monthly Archivesetembro 2009
Deportes 23 set 2009 07:33 pm
¿Este nadal non haberá partido da selección galega?

http://www.lavozdegalicia.es/deportes/2009/09/18/0003_7978549.htm
Lémbrome daqueles concertos aos que tiven asistido aló polos anos 90 reclamando a selección galega, lembro aquela revista Bravú e aqueles cedés de grupos galegos de tódolos estilos pedindo o mesmo, unha selección galega de fútbol coa que poideramos desfrutar alomenos unha vez ao ano, lembro a Fran e a Nacho, a Siareiros Galegos, a Arsenio e máis a Vázquez e a min mesmo nas manifestacións reclamando iso, poder desfrutar de Galiza ou de Galicia, tanto nos ten, o feito era ter un equipo coas nosas cores e con xogadores da terra, que para iso temos unha boa canteira de rapaces xogando en tódalas ligas, e aló polo ano 2005 acadámolo.
Durou ben pouco... ou iso alomenos é o que contan os xornais, será a crise, ¿ou haberá algo máis detrás disto?.
Música 15 set 2009 07:17 am
Lori Meyers – Alta fidelidad
Lori Meyers son unha banda granaina enmarcada dentro do movimento indie español, o tema que aqui vos traio ven incluido dentro do seu último disco Cronolánea, publicado o pasado ano 2008. Hai pouco que escoito música deste grupo, coñecinnos có seu fantástico tema Viaje de estudios e parapapá, agora estou paladeando o seu disco cronolánea que contén unha chea de temas ben currados, destaco éste que vos traio hoxe xunto con luces de neón, el secreto mejor guardado ou funcionará entre outros.
A canción xa me gustaba, pero o video chamoume poderosamente a atención, posto que eu tamén teño un traballo semellante e paso case todo o dia sentado diante dun ordenador, inda que por sorte non teño que vestir traxe e garabata. Por certo, este tema vai adicado aos meus compañeiros do curro, que sei de boa tinta que se pasan por aqui de cando en vez.
Actualidade 09 set 2009 07:33 pm
“I jornadas sobre el bilingüismo” (sic) en Pontevedra
Desta forma tan suxerente, a xente de Galicia Bilingüe organizará na nosa cidade o vindeiro fin de semana, en concreto o venres e o sábado, unhas xornadas sobre o idioma que din serán abertas a todo o mundo, pero que segundo informan tanto no Diario de Pontevedra coma no outro gran diario galego, serán previa inscripción dos interesados en asistir na sede do Museo de Pontevedra, ou sexa, que de libre nada, haberá que pasar un filtro previo, non vaia ser que ali se poidan colar indesexables ou radicais que poidan rebenta-lo acto, poidera pensar algún.

Haberá ponentes de todo tipo, que versarán sobre o bilingüismo e abordarán, é de supor, o recente conflicto lingüistico galego, e digo recente, porque antes do troco de governo e de que esta organización sectaria e casposa de Galicia Bilingüe saltara á palestra, o galego e mailo castelán convivian nunha máis que respectable harmonia, pero vamos, o galego sempre por detrás, e a remolque do castelán, por moito que dixeran que aqui perseguimos e pasamos a cuchillo aos que falan castelán, inda que sexa na intimidade, que todos sabemos que o anterior bi-partito tiña micros agochados nas casas. Pero a cuestión e o que a un servidor máis lle repatea, por non dicir que é o que máis lle jode, é que detrás de todo isto estexa a Deputación de Pontevedra posicionándose claramente de parte desta xente, non vexo entre os ponentes destas Jornadas a ninguén da Real Academia da Língua Galega (si, os que lle meteron un bo rapapolvo a Feijoo o outro dia) ou a ninguén da MESA, que inda que non o queran ver, é a asociación de caracter cultural e a prol do galego que máis asociados ten no noso País, vamos, unhas Jornadas como digo para nada plurais e abertas ao san debate, que para máis inri organizan na nosa cidade, que como todos ben sabemos, é o bastión do nacionalismo galego máis radical, total, que traerán xente de toda Galicia para enche-lo Museo.
Non agardaba isto da Deputación de Pontevedra, o paso seguinte será subvencionalos como é de supor fixo o Partido Popular do sr. Feijoo na campaña, e tan ben lle foi que agora está a devolverlle-lo favor, arramblando coas galescolas, có decreto do galego, coa normalización da língua no comercio e con tantas medidas que se tomaron estes anos para impedir que morra o noso idioma, pero total, iso a quén lle importa.
Deportes 03 set 2009 08:46 pm
O xiro galeguista do Pontevedra C.F. 2009-2010
Andan os foros granates un pouco alterados estes dias, o Pontevedra C.F. este ano fixo un equipo xeitoso e coido que imos estar na pomada para cando chegue a primaveira, esta ano fichouse con cabeza e con corazón, collendo xente experimentada na defensa, na media e na dianteira, xente da segunda e que incluso debutaron en primeira división, vamos, que un servidor pensa que esta ano non se nos escapa o arelado ascenso de categoria nin de puta coña, ou alomenos teño esa ilusión unha vez máis, que para iso a semana pasada fun a renova-lo meu abono de socio de fondo norte. Pero nunha das tantas discusións que hai no principal foro dos siareiros granates, un tema está a sobresair por riba dos demais, para mostra esta foto, inda que non o poderedes apreciar demasiado ben, explícovos polo miúdo o tema en cuestión:

Como apuntaba, supoño que non o poderedes apreciar con demasiada nitidez, pero neste novo escudo, que segundo entendo será somentes para membretes de cartas e demais papeleo do clube, a directiva tivo a ben incluir unha pequena franxa azul de esquerda a dereita por riba da cruz e da ponte, ¿significado?, pois nin máis nin menos cunha bandeira galega, si, o Pontevedra C.F. actualizouse e incluiu este xiro galeguista no seu emblema, asi como a bandeira que tamén lucirán os xogadores no pescozo das camisolas e o brazalete de capitán. Hai certa polémica en todo isto, algúns din que é política, outros que seguidismo doutros clubes ou de políticos que nos governan e supoño que das súas subvencións, eu particularmente coido que era algo que moitos agardábamos dende hai tempo, dende os tempos nos que o meu avó viña moitos domingos dende Sobradelo (Vilagarcía de Arousa) a animar ao clube granate, dende os tempos do Hai que roelo e da súa afección, que se achegaba dende calqueira punto da xeografia galega, xente ésta galegofalante e orgullosa de pertencer á afección dun dos clubes máis importantes de Galiza naqueles tempos e por suposto que tamén agora.

Vós sacade-las vosas conclusións, eu quero pensar que vai por todos aqueles homes e mulleres, polo meu avó que en paz descanse e por moitos coma el que paseaban con orgullo a súa condición de granates e de galegos.






