Monthly Archiveoutubro 2009
Axenda 29 out 2009 09:00 am
¿Halloween?, non carallo non, ¡¡ Samaín !!
Ou se acaso, noite dos calacús.
Nin máis nin menos, deixádevos de asimilar tradicións foráneas que a televisión nos mete polos ollos, Coca-cola, McDonald's e demais empresas norte-americanas nos bombardean dia tras dia, tamén españolas coma Port-Aventura, supoño que ollaríades estes dias o spot televisivo de tengo mieeedo, en fin, sen comentarios.

Algún de vós se preguntará o porqué do festivo do dia 1 de novembro, inda que este ano cadre en domingo, para desgraza dos que traballamos, a explicación é moi sinxela. O 1 de novembro celébrase o dia de tódolos santos, e para os namorados da cultura céltica coma min, o Samain (Samahín en gaélico) , era ésta unha festividade pagana. A noite do 31 de Outubro é o fin de ano para os povos do arco céltico, entre eles Galiza, tamén é a festa en honra dos defuntos, marcando a transición do solsticio de outono ao de inverno. A festa do Samain era a máis importante do periodo pre-cristián, nesta data acendíanse lumes sagrados frotando pónlas de serbal e teixo, con elas quentábanse as lareiras de tódalas casas, tamén era costume a de baleira-las cabazas (antes disto empregáronse nabos) para colocarlles dentro candeas que logo se colocaban nos cruces, nas portas das casas e en infinidade de lugares, esta tradizón inda se mantén viva no noso País na chamada "Noite dos calacús", noite da que teño participado algunha vez e da que vos recomendo tamén desfrutar, concretamente en Vilaboa, perto de Pontevedra, tedes unha festa dos calacús tódolos anos na taberna galega "A casa dos druidas", hai anos, ao que chegara á festa cunha cabaza decorada regalábanlle unha consumición, esa noite xúntase moita xente a celebra-la noite de defuntos, hai música en vivo e queimada. Como vos comentaba antes, convén non trabucar a noite dos calacús ou celebración do Samahin celta, coa máis recente noite de Halloween que tanto se puxo de moda, sobre todo nas cidades, a noite de Halloween probablemente foi exportada aos EE.UU. polos emigrantes irlandeses entre finais do século XIX e principios do século XX, e na miña modesta opinión, é unha celebración máis que nada comercial, non hai máis que olla-lo bombo que lle dan firmas comercias como McDonald's.
O dito, na noite de defuntos non vos esquezades de poñer na fiestra do voso cuarto un calacú acendido e o dia de defuntos darvos un bo atracón de "osos de santo", que tamén hai que darlle unha alegria ao corpo e están boísimos.
Caixón de xastre 26 out 2009 11:04 pm
Xornada de paintball no Grove


Indescriptible a sensación de descargar adrenalina desta maneira, mágoa de tarde de sábado de néboa e choiva intensa que desluciu un pouco o tema, máis que nada, porque as caretas estiveron case que toda a tarde empañadas polo vao e pola auga que caia a chuzos, botamos toda a tarde choupando na lama, pero pagou a pena rematar mollados coma pitos.
Graciñas á xente de Adrenalicia, como xa lles dixemos, voltaremos outro dia pero con bo tempo.
Actualidade 25 out 2009 09:14 am
A vontade do povo hai que respectala
Mocións de censura en Silleda, Láncara, e onte mesmo no Folgoso do Courel, unha vergoña para a nosa democracia, a figura do tránsfuga salta outra vez á palestra, a dos veciños enganados e aldraxados tamén, ¿para isto serve o noso voto? ¿é isto respectar á vontade popular?.

Paréceme un cachondeo que esta xente se de de baixa do seu partido para pasar a outro, ou para fundar un novo partido como fixeron neste caso, Alianza polo Courel, un engano burdo e malintencionado que conta coa oposición dos veciños. Tanto ten un concello de pouco máis de 1.300 habitantes coma unha vila coma Pontevedra, ¿ou Telmo Martín non faria algo semellante se se lle brindara a oportunidade?, a cuestión é que a lei anti-transfuguismo todos a pasan por aquel sitio, actos coma os destes dias fanlle subir ás cores a calqueira e pensar se de verdade o noso voto vale para algo.
¿E Feijoo que ten que dicir de todo isto?
Actualidade 19 out 2009 08:31 pm
¡¡ Asi se defende o galego señor Feijoo !!
E despois de todo isto, a Feijoo o único que lle preocupa é que Francisco Caamaño, ministro galego do governo central, estivera na manifestación dando o seu apoio ao movemento en defensa do idioma galego, que mágoa de governantes temos, unha vez máis o bipartito estivo presente na defensa do idioma, pero tamén acudiu xente do Partido Popular, un deles, o fillo do popular e galeguista Xosé Cuiña.
Namentres, a Televisión de Galicia recibia os apupos da xente pola súa manipulación á hora de dar a nova, La Voz de Galicia presentaba en portada a moción de censura de Silleda e varias novas máis, pero nada da manifestación máis concorrida dende o prestige, e outros medios coma a COPE ían ao seu, a intoxicar e manipular burdamente.
Deportes 18 out 2009 10:20 am
68 anos de historia do Pontevedra C.F.
Foi un 16 de outubro de 1941, despois da fusión do Eiriña e mailo Alfonso, dous clubes da nosa cidade, cando naceu o Pontevedra Clube de Fútbol, o equipo da nosa cidade, o equipo que moitos e moitas granates levamos no corazón. O seu partido de presentación foi cós nosos veciños de Vigo, despois veu a gloria da primeira división, alá pola década dos sesenta Pontevedra era un punto de atención importante en todo o Estado, xogábamos contra os mellores, recibíamos aos mellores e máis laureados clubes da liga española en Pasarón, o tempo do hai que roelo, o tempo no que o meu avó materno viña dende a pequena aldea de Sobradelo, en Vilagarcía de Arousa, a desfrutar con Cholo, Cerezuela, Martin Esperanza... aquel fantástico equipo.

Xamais esquecerei aquel ascenso contra o Lorca Deportiva na tempada 2003-2004, aquela vella bancada de norte ateigada de siareiros granates, aquel once de Javi Rodriguez, Padin, Tonino, Fede Bahón, Váquez, Capdevila ou Casablanca, aquel equipo comandado por Jose Luis Gay, lémbrome abrazado aos meus colegas e logo correndo pola herba ao remata-lo partido, aquel foi un dos dias máis marabillosos da miña vida, e como rematamos cantando no final da pasada tempada en Norte...
¡¡ Voltaremos a ser grandes, voltaremos outra vez !!!
Axenda 13 out 2009 09:00 am
18 de outubro en Compostela, ¡¡ queremos galego !!
[... Por primeira vez en toda a historia da autonomia, o Goberno Galego non so non está a defende-la nosa língua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu emprego en diferentes ámbitos. O goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga estatutaria de promover e potencia-lo uso da língua propia do País e garanti-lo seus usos oficiais. Todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da língua, teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma e dereitos lingüisticos que nos asisten ou frear proxectos destinados a tales fins. Algúns exemplos son o anuncio da derogación do decreto do 50% do ensino en galego (coa mal chamada consulta ás familias e todo o seu ronsel de irregulariedades), a supresión das axudas á traducción de libros para o noso idioma, ou a contrarreforma da Lei da Función Pública, so para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega.

Manifestación o 18 de outubro ás 12:00 horas na alameda de Santiago de Compostela
Por sorte existe na Galiza un amplo corpo social que quero o galego e está disposto a responder na súa defensa. A esta base social que entende a nosa língua como algo de seu, heteroxénea na súa composición e mesmo na súa práctica habitual, é á que nos diriximos dende a Plataforma cidadá Queremos Galego: unha iniciativa conformada por entidades sociais de diversa tipoloxia e persoas a título particular, que nace coa vontade de ser o espazo común no que converxan as diferentes sensibilidades e colectivos cidadáns que defenden o galego ...]
Actualidade 10 out 2009 11:10 am
O premio Nobel da paz 2009
Pois contra todo pronóstico o premio Nobel da paz do ano 2009 foi recaer no presidente dos Estados Unidos de Norteamérica, supoño que serei un máis de tantos que ficamos coa boca aberta ao enterarnos desta nova tan sorprendente, tanto é asi que a maioria dos meus compañeiros de traballo pensaban que estaba de broma cando lles comentei este tema.

O dito, semella que para a Academia Sueca, non somentes priman os feitos concretos, senón tamén as intencións e as boas palabras, que é do que anda sobrado Barack Obama, estou dacordo en que o "clima" mundial mellorou algo, este semella ser un presidente menos guerrilleiro que os seus antecesores no cargo, pero tanto como para leva-lo Nobel da paz coido que non fixo polo de agora, haberá que dicirlles aos do Comité do Nobel que lle boten unha ollada ao programa Españoles por el mundo (por pór un exemplo), alí atoparán misioneiros ou cooperantes traballando en paises en guerra e esquivando unha morte segura dia tras dia por axudar a xente da que no primeiro mundo nin tan sequera temos coñecemento, esa xentiña si que ten mérito, pero apenas sabemos deles, non saen nos mass-media dia tras dia como Obama.
Cinema e televisión 09 out 2009 07:56 pm
Moon (o trailer)
Entereime onte pola noite no programa de cine de TVE2, encántanme o cine de ciencia-ficción, dende que ollara hai unha chea de anos 2001 Una odisea en el espacio ou aquela mítica de Alien, el octavo pasajero, pensar que hai vida noutros planetas, ou seres vivos máis alo do planeta Terra é algo que me fascina.
O filme chámase Moon, e o festival de Sundance non se pode trabucar, a última película que ollara "recomendada" por eles fora Juno, e encantoume, asi que despois de ollar este trailer, xa estou agardando por ela nos cines, ou alomenos no video-clube, senón podo baixala có ares, evidentemente.






